Noticias Sanidade Pública Outras novas Perto de 6.000 persoas, a maioría traballadores/as da sanidade, maniféstanse en Vigo contra a privatización da sanidade pública
 
 

Perto de 6.000 persoas, a maioría traballadores/as da sanidade, maniféstanse en Vigo contra a privatización da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
vigo24022010Pouco despois das oito da tarde foi cando a chuvia deu unha tregua e a manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi podia comezar a súa mobilización. Despois dunha xornada de folga na que conseguiron paralizar a actividade ordinaria dos hospitais do Chuvi, saían ás rúas da cidade olívica para demandar unha sanidade pública e que non se privatice o novo hospital de Vigo.

A CIG-Saúde de Vigo cualifica de "éxito" a manifestación celebrada o día 24 de febreiro ás 20h que saíu diante do Hospital Xeral e coa participación de perto de 6000 persoas, principalmente traballadoras e traballadores do sector da sanidade. A pesar do mal tempo, que puido restar algo de afluencia á manifestación, durante o percorrido a chuvia fixo unha pausa e permitiu completar todo o traxecto.

 

Gran manifestación o 25 de marzo

A gran participación desta manifestación demostra que a loita vai seguir cos ánimos reforzados con vistas ás próximas citas. "Este acto foi a punta de lanza con vistas á gran manifestación que se celebrará o 25 de marzo e onde os esforzos volcaranse en mobilizar a toda a cidadanía viguesa para mostrarlle ao goberno do PP que a sanidade pública en Vigo non está en venta e que as viguesas e vigueses merecemos uns servizos sanitarios públicos de primeira calidade, sen hipotecar nin mercantilizar os recursos tanto materiais como humanos da sanidade pública viguesa", engaden desde a central sindical nacionalista.

 

Necesidade de concienciar á xente

María Xosé Abuin, secretaria nacional da CIG-Saúde, tamén participou desta mobilización, asi como outros compañeiros da federación doutras comarcas. Abuin manifestou que "a CIG está realizando un moi importante traballo en contra da privatización da sanidade, tamén de cara á cidadania, e non só de cara ao persoal sanitario, para dar a coñecer o que significa esta privatización, que é unha das privatizacións máis agresivas das que se pode facer na sanidade pública, e polo tanto, a xente ten que tomar conciencia de que canto máis se privatice a sanidade pior é para a xente que teña menos recursos, porque a intención deste goberno é limitar as prestacións para que a xente acuda á sanidade privada. Por iso é tan importante esta mobilización".

 

Percorrido polas principais rúas do centro

A manifestación, que partiu do Hospital Xeral, pasou polas principais rúas do centro de Vigo (Gran VIa, Urzáiz, Colón...) até rematar na Praza da Estrela, fronte o edificio da delegación da Xunta en Vigo, e foron constantes os berros contra a privatización, e contra as políticas privatizadoras que se pretenden executar desde a Consellaria de Sanidade.

 

Valoración positiva

Manuel González Moreira, da CIG-Saúde de Vigo, interviña ao remate desta mobilización e comparecía tamén diante dos medios de comunicación para amosar a súa satisfacción polo resultado tanto da folga de 24 horas no Chuvi como a mobilización. "Dado a climatoloxía que teñamos e o tipo de convocatoria, moi enfocada ao persoal da sanidade, consideramos que foi todo un éxito. Demostra que a maioría dos traballadores e traballadoras do Chuvi estaban aquí, e tamén unha parte da cidadanía", salientou González. 

"Agardamos que a gran manifestación da cidadania sexa o dia 25 de marzo", subliñou, e sobre o transcurso da folga de 24 horas destacou que "se paralizou a actividade ordinaria do hospital, e demostramos unha vez máis que os traballadores e traballadoras da Sanidade non queremos un hospital novo privatizado".

 

Presentación de alegacións o venres 

O venres 26 de febreiro presentarán alegacións ao estudo de viabilidade económica a partir das 11 da mañá na Dirección Provincial do Sergas, xa que "consideramos que é incompleto e non demostra que se teña que facer a privatización dese xeito , porque a viabilidade económica non xustifica facer a construción do mesmo con financiación privada, e por iso imos presentar alegacións para demostrarlle a esta administración que este método hai que cambialo, que se pode financiar públicamente, cumprindo a legalidade europea e sen privatizar o hospital", rematou. 

 

Noticia extraída de Avantar

 


 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto