Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Ante a Mesa de Negociación de Madrid
 
 

Ante a Mesa de Negociación de Madrid

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG ven de recibir convocatoria para a Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, en Madrid, para mañá mércores día 11, cun único punto na orde do día: Real Decreto Lei de medidas urxentes de racionalización e redución do gasto en materia de emprego público, de acordo co establecido no artigo 36.2 do Estatuto Básico do Empregado Público. O devandito artigo declara que serán materias de negociación neste ámbito de Mesa Xeral as relacionadas co artigo 37 deste estatuto con carácter de normativa básica:

Artigo 37. Materias de Negociación. Estas son as materias de negociación, entre outras, que se recollen neste artigo.

·Retribucións: básicas e complementarias.

·Carreira Profesional.

·Calendario Laboral, xornada, vacacións, permisos, mobilidade funcional e xeográfica...

·Ofertas de Emprego.

Como se pode comprobar, os recortes poden afectar as todas as materias de negociación que son competencia da Mesa Sectorial do SERGAS. Competencia exclusiva, porque non hai que esquecer que a Xunta ten transferidas todas as competencias en materia de Sanidade, incluídas as de recursos humanos. Deste xeito, e tal e como vimos denunciando desde hai tempo, o goberno central pretende erixirse en decisorio nestas materias, nun afán centralista desmedido, e co beneplácito do goberno da Xunta de Feijoo, que non fai valer as súas competencias e limítase a aplaudir coas orellas todo o que ven de Madrid. O dito, no goberno da Xunta do PP, autonomía 0%, submisión 100%.

Por suposto, desde CIG-Saúde rexeitaremos na Mesa de mañá a imposición destas medidas e a usurpación de competencias sobre materias que son exclusivas do goberno galego, non imos consentir que se pretenda furtar as competencias negociadoras da Mesa Sectorial de Sanidade, posto que, digan o que digan en Madrid, aquí temos o organismo competente para as negociacións en materia de Recursos Humanos e moito que dicir ao respecto, polo que, sexan cales sexan as decisións que se adopten na Mesa Negociadora de mañá, e sexan cales sexan as "imposicións" que emanen de alí, serán rexeitadas por esta central sindical, e imos esixir á Consellaría de Sanidade e ao SERGAS que se traian á Mesa Sectorial correspondente todos os temas que haxa que traer. Cómpre lembrar que, por exemplo, en materia de retribucións, e en canto a recortes se refire, imos "á cabeza" do Estado, posto que ademais do recorte do 5% que se impuxo a todo o persoal das Administracións Públicas, ademais doutros recortes xerais, aquí xa anteriormente se nos tiñan conxelado o acordo retributivo e os acordos de Atención Primaria (cobro de plus de noite e festivo), co que non se pode pretender agora, vía Madrid, volver recortar na mesma medida que ao persoal doutros Servizos de Saúde que tiñan unha posición retributiva que se intentaba alcanzar aquí cos acordos de incremento retributivo que quedaron suspendidos por obra e graza de Feijoo e a señora Farjas.  Tamén en canto á xornada, que parece ser que vai ser un dos cabalos de batalla na mesa de mañá, temos xa precedentes na Galiza de aumento de xornada a través da Lei de Medidas para empregad@s públic@s, cando no SERGAS trabállase en xornadas especiais que non poden compararse coa xornada ordinaria de 8 horas diurnas. Son exemplos de que non se pode lexislar desde Madrid aplicando o mesmo raseiro a todas as situacións, porque non todas son iguais nin equiparables, nin se parte das mesmas posicións de base. De aí que sexa imprescindible e necesario respetar a competencia negociadora da Mesa Sectorial galega, onde se coñece a idiosincrasia e peculiaridades do Servizo Galego de Saúde.

Desde CIG-Saúde, emprazaremos tamén ás outras Organizacións Sindicais presentes na Mesa Sectorial do SERGAS a esixir que todos os temas pasen como é preceptivo pola Mesa Sectorial de Sanidade, a rebelarse e dar pasos, como de feito a CIG ven facendo e vai seguir facendo, para denunciar a barbarie que se está a cometer facendo pagar á clase traballadora os rescates da banca.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto