Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria O TSXG rexeita presentar cuestión de inconstitucionalidade contra a Lei de medidas no emprego público
 
 

O TSXG rexeita presentar cuestión de inconstitucionalidade contra a Lei de medidas no emprego público

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Resolve o conflito colectivo presentado polos sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF contra a Xunta de Galiza. A decisión xudicial foi adoptada por dous votos a un.

Mediante unha sentenza de data 18 de xullo de 2012, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza decidiu rexeitar a demanda de conflito colectivo formulada polos sindicatos CIG, UGT, CCOO e CSIF contra a Xunta de Galiza, solicitando a nulidade da aplicación dos recortes recollidos na Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público.

A demanda dos sindicatos cuestionaba a constitucionalidade das medidas recollidas naquela Lei, por entender que a suspensión da aplicación de certos artigos do convenio colectivo da Xunta de Galiza –en cuestións como o complemento de incapacidade temporal, os descansos ou os beneficios sociais, entre outras– resultaba contraria ao dereito fundamental de liberdade sindical e á forza vinculante dos convenios, para alén de non respectar a orde constitucional de distribución de competencias entre o estado e a comunidade autónoma.

Os dous maxistrados que subscriben a sentenza –Manuel Domínguez López e María Antonia Rey Eibe, que é a relatora– conclúen que «non é atendíbel» a alegada inconstitucionalidade da Lei de medidas, ao tratarse dunha norma legal que pretende «adoptar medidas urxentes para reducir o déficit público», polo que se trataría dunha norma de natureza orzamentaria e non propiamente laboral, como defendían os sindicatos. Esta natureza permite á Sala afirmar a competencia da Comunidade Autónoma para ditar a Lei e, en consecuencia, a prioridade aplicativa da lei sobre o convenio colectivo, en virtude do principio de xerarquía normativa.

Voto particular da maxistrada Isabel Olmos

A sentenza conta cun extenso voto particular da maxistrada Isabel Olmos Parés, que discrepa dos outros dous membros da Sala e considera que se debeu dar a razón aos sindicatos e formular cuestión de inconstitucionalidade perante o Tribunal Constitucional.

A maxistrada razoa que «a Constitución exclúe a posibilidade de que a Comunidade Autónoma regule, por vía legal, aspectos comprendidos na relación laboral» e, neste caso, «a norma, máis que regular, desregula o xa regulado» polo convenio colectivo. Discrepa da caracterización da Lei como orzamentaria, afirmando que se trata dunha Lei sobre medidas no emprego público, «como o seu propio nome indica», sendo relevante «non as causas nin a finalidade, senón o ámbito material das relacións xurídicas en que incide».

O voto particular conclúe afirmando que a comunidade autónoma invadiu competencias exclusivas do estado ao lexislar en materia laboral. Isto supuxo, ademais, «deixar sen efecto determinados preceptos do convenio colectivo», polo que existen serias dúbidas sobre a constitucionalidade da Lei.

Valoración dos servizos xurídicos da CIG

A Asesoría Xurídica Nacional da CIG lamenta que o TSXG decidise non elevar a cuestión ao Tribunal Constitucional, dado que as dúbidas de constitucionalidade eran máis que razoábeis. A garantía dos dereitos fundamentais por parte do Poder Xudicial é máis necesaria que nunca, nun momento histórico en que as bases do Estado Social, e nomeadamente os dereitos de liberdade sindical e negociación colectiva, sofren un ataque sen precedentes.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto