Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Sobre a Lei de Garantías
 
 

Sobre a Lei de Garantías

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O goberno da Xunta de Galiza, do Partido Popular, ven de anunciar o anteproxecto de LEI de GARANTIAS DE PRESTACIÓNS SANITARIAS. Que desfeita!

Desde a Consellaría de Sanidade preténdese vender como unha norma dirixida a facilitar aos usuarios do sistema unha maior calidade na prestación e un uso máis democrático do sistema sanitario, cando o que se esconde detrás deste anteproxecto é o fracaso das políticas sanitarias levadas a cabo nestes 4 anos.

O informe presentado no Consello da Xunta está cheo de vaguidades, de falsas verdades e pon de manifesto, unha vez máis, o fracaso desta Consellaría en manter unha sanidade pública, gratuíta, universal e de calidade.

Desde CIG- Saúde queremos mencionar algún dos elementos perniciosos deste anteproxecto:

1)      Esta nova regulación consolida as alegacións presentadas por CIG-SAÚDE ao Plano de Ordenación de RRHH do SERGAS. Vense de confirmar que o  devandito plano non é esa ferramenta útil que ía dar resposta ás necesidades das/os traballadoras/es e as necesidades asistenciais.

Consolídase que o PORRHH (Plan de Ordenación de Recursos Humanos) só pretende eliminar emprego público e desregularizar a normativa vixente de dereitos e obrigas do persoal. A taxa de reposición do 10%, de cada 10 prazas vacantes só se cubrirá 1, pon en risco a prestación sanitaria, facendo inviable o mantemento do servizo público.

2)      Co desmantelamento do servizo público, pola falla de profesionais, a Consellaría de Sanidade será incapaz de cumprir os prazos máximos de 60 días para intervencións cirúrxicas e de 45 días nas consultas. Este obxectivo está dirixido a dar unha maior participación á sanidade privada; privatizan a sanidade pola vía indirecta.

3)      Se este Goberno se define como un defensor da sanidade pública, por qué non invirte no sistema público os orzamentos que vai a destinar a pagar na sanidade privada a concertación dos prazos máximos de espera?

4)      Con qué criterios, e qué comisión técnico-científica, decidirá as prioridades dos doentes para recorrer á sanidade privada?  Se estes criterios se deixan en maos da sanidade privada, esta (como empresa que é) atenderá patoloxías por orde de rendibilidade económica, haberá patoloxías que polo seu custe non serán atendidas na pública e moito menos na privada.

5)      O anteproxecto non explica como vai ser a libre elección de profesionais. Será dentro do seu centro de Saúde? Se é fora deste, como se vai garantir a prestación sanitaria domiciliaria? Que pasará co número máximo de tarxetas sanitarias por profesional? Será ilimitado? Estamos a falar de calidade e excelencia profesional ou só de cantidade? Que pasará cos programas de saúde das contornas, sóalle de algo isto á Consellaría de Sanidade?

6)      Libre elección de hospital; capítulo á parte. Non será que a Administración a través desta fórmula pretende seguir impulsando o desmantelamento dos hospitais comarcais e das súas áreas sanitarias? Será que con isto conseguirán distanciar a sanidade da poboación para garantir o efecto disuasorio, romper a equidade e limitar a prestación sanitaria ás persoas con menos recursos sociais, ou ás que vivan en zonas rurais.

Poderíamos seguir enumerando as dúbidas que nos presenta este anteproxecto. Non nos podemos deixar enganar coas súas falacias.

Desde CIG-SAÚDE propoñemos:

·         Que se modifique o actual PORRHH, para convertelo nunha ferramenta útil que alinee as necesidades das/os profesionais co sistema sanitario.

·         Que se dea participación real ás/aos profesionais para deseñar os programas de necesidades dos servizos.

·         Que se elabore un orzamento real que dea resposta ás necesidades do sistema sanitario.

·         Que se revise e actualice o Plan Mellora de Atención Primaria.

·         Que os hospitais funcionen con xornada ordinaria en quenda de mañá e tarde.

·         Que se elimine a taxa de reposición. Que se cubran todas as ausencias producidas nos últimos anos.

Para todo isto necesítase unha Administración responsable que poña en valor a sanidade pública e as/os seus profesionais. Que se faga unha análise real das necesidades do sistema e se dote do orzamento necesario. Que se xestione con eficacia, que se eliminen as/os xestoras/es cuxo único mérito do seu currículo é o carné político.

En definitiva, o que non necesita o sistema sanitario é un goberno que pretenda vender o sistema sanitario ao mellor postor, que por casualidades da vida sempre estrará no seu entorno ideolóxico.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto