Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saúde denuncia que as medidas de (re)pago anunciadas exclúen ás persoas máis enfermas e con menos recursos
 
 

CIG-Saúde denuncia que as medidas de (re)pago anunciadas exclúen ás persoas máis enfermas e con menos recursos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
María Xosé Abuín asegura que “é nazismo” cebarse cos colectivos máis desfavorecidos, cos que padecen enfermidades crónicas ou con quen teñen patoloxías máis graves
.
O goberno de Mariano Rajoy vén publicando, nas últimas semanas, toda unha serie de ordes ou borradores de ordes, que introducen medidas de recorte nas prestacións sanitarias, desde o (re)pago no transporte sanitario, ortopróteses ou produtos dietéticos, até o aumento do número de medicamentos excluídos ou o pagamente daqueles que son de uso hospitalario para doentes que seguen o tratamento no seu domicilio. A CIG-Saúde denuncia que se trata dun imposto á enfermidade, e que “o PP cébase con aqueles colectivos máis desfavorecidos, máis enfermos, con patoloxías máis graves e con menos recursos”.
Ruina da sanidade publica

A CIG-Saúde asegura que estes borradores contarán co respaldo, no Consello Interterritorial de Saúde, das comunidades autónomas gobernadas polo PP.  Lembra que xa advertiu dos recortes que se introducirían no proceso de desenvolvemento do RD Lei de Medidas Urxentes para Garantir a Sostibilidade do Sistema Nacional de Saúde e denuncia o alcance que teñen estes recortes nas prestacións sanitarias. María Xosé Abuín, secretaria nacional, afirma que terán como consecuencia “a exclusión das persoas que se atopan, precisamente, en peores condicións”.

Abuín subliña que non se trata de co-pago, senón de re-pago, porque a sanidade xa se financia mediante os impostos e alerta da barreira que se está a erguer ao dificultaren que as persoas con menos ingresos poidan acceder ás prestacións sanitarias. Neste sentido asegura que "mentres se segue a sangrar ás persoas que pagan os impostos, favorécense amnistías fiscais e, lonxe de fomentar o labor de inspección da Axencia Tributaria, para que persigan a debedores e defraudadores, redúcese o número de inspectores/as. Unha situación especialmente grave cando estamos perante unha crise de ingresos e non de gastos".

Denuncia que a introdución do (re)pago naqueles medicamentos de uso hospitalario para enfermos que seguen o seu tratamento en domicilio en casos como a hepatite C, que é unha enfermidade moi grave e infecciosa, ou en casos de cancro terá graves consecuencias. “Dificultan o acceso aos medicamentos para aquelas persoas que teñan unha renda económica que non llo permita”, afirma, engadindo que o que están é “eliminando o dereito á prestación sanitaria, universal, gratuíta e rachando coa equidade no acceso á sanidade, porque só vai poder acceder quen teñan cartos”.

Xunto a isto advirte que estas medidas non van quedar aí, “virán máis, como os cribados de mamografía..., porque o decreto é moito máis amplo e aínda falta saber o que vai pasar coas carteiras de servizos... é o inicio da reforma sanitaria”.

Ante isto, conclúe que “isto si que é nazismo. É unha exclusión social en toda regra das persoas máis enfermas, con menos rendas e con enfermidades máis dolorosas. Cébanse con aqueles colectivos máis desfavorecidos, con patoloxías máis graves e con menos recursos”.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto