Noticias Outras novas Outras novas Os programas de prevención de drogodependencias e outras condutas aditivas poderían desaparecer por falta de orzamentos
 
 

Os programas de prevención de drogodependencias e outras condutas aditivas poderían desaparecer por falta de orzamentos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde apoia á Asociación e demanda o financiamento necesario para garantir a súa continuidade
.
A Asociación Galega de Profesionais de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas denuncia o inminente risco de desaparición dos Programas de Prevención de Drogodependencias en Galiza por mor do recorte do financiamento. A CIG-Saúde apoia ás súas reclamacións, exixe que se destinen as partidas orzamentarias necesarias para garantir a continuidade destes programas e demanda que se recupere o proxecto do goberno bipartito de integrar a este profesionais no sistema do SERGAS para que a asistencia sexa prestada polo sistema público.

No que se refire a Asistencia a Drogodependencias, tanto Unidades Asistenciais de Drogodependencias dependentes dos Concellos (13 en toda Galicia), como a Centros dependentes de Asociacións e ONGs prodúcese este ano un novo recorte do financiamento que vai entre o 10% sobre o percibido no 2012 para as Asociacións e ONGs, até a previsión dun 15% na consignación da partida para a sinatura de convenio coa FEGAMP para as Unidades dos Concellos.

Este recorte, segundo denuncia a Asociación de Profesionais de Drogodependencias e outras Condutas Aditivas, súmase aos xa realizados en exercicios anteriores, superando o millón de euros o que, tendo en conta a situación das arcas dos Concellos e a falta doutros recursos das asociacións, pon a moitos centros asistenciais ao borde da quebra e desaparición.

Tamén se produce un recorte nos recursos de atención específica ao alcoholismo, que afecta tanto aos que traballan en reinserción laboral como en atención xurídica, reducíndose as asignacións nun 10% para cada un deles. Cantidade á que hai que sumar, no caso da atención xurídica e reinserción, o 10% que xa sufriran o ano pasado.

Supresión dos equipos de prevención

Tanto para a Asociación como para a CIG-Saúde é de especial gravidade a decisión da consellaría de Sanidade de suprimir todo o investimento nos Equipos de Prevención dependentes dos concellos e mancomunidades de Galiza: 43 equipos con 61 profesionais –agora 13 desempregos/as- que interveñen sobre 118 concellos-mancomunidades e sobre o 75% da poboación galega.

De feito, a FEGAMP xa enviou a finais de decembro unha comunicación aos concellos informando de que o SERGAS non asinaría finalmente o convenio para o financiamento dos programas de prevención do 2012 e que non prevía a súa sinatura para 2013. 

A Asociación lembra que estes convenios de cofinanciamento víñanse asinando desde hai 15 anos –a través de subvencións desde hai 20- sempre co argumento de que todo o investimento en prevención era prioritario para evitar custos sociais e sanitarios no futuro.

Malia iso, nos orzamentos do SERGAS para 2013 figuran, na partida de convenios coa FGAMT, 2.091.461 € menos que nos orzamentos de 2012, froito de anular a cantidade destinada aos convenios de prevención, xunto co recorte do 15% nos de asistencia asinados no pasado ano.

Mantense, porén, unha partida xeral de 750.000 € para distribuír entre asociacións e ONG’s que fan prevención ou interveñen en materia de VIH/SIDA. A súa contía é igual á consignada en 2012, ano no que xa sufriu un recorte do 15% respecto do ano anterior.

Cobertura

Segundo o actual e vixente Plan de Trastornos Aditivos de Galiza 2011-2016, desenvólvense na nosa comunidade un total de 337 programas de prevención promovidos por concellos e 13 ONG’s. Atendendo aos últimos datos dispoñíbeis, os Equipos de Prevención dependentes dos concellos realizaban programas dos que son beneficiarios semestralmente unha poboación total de 323.259 galegos e galegas (128.917 escolares; 34.680 adolescentes e mozas/os; 31.316 profesores/as; 765 mediadores sociais; 1.203 mozos/as en autoescolas; 40 empresarios/as e/ou traballadores/as e 122.500 persoas da nosa poboación en xeral).

A Asociación de Profesionais insiste en que os programas desenvoltos requiren  de profesionais con grande especificidade técnica, “persoas que levamos traballando e formándonos moitos anos para proporcionar un labor de calidade que protexe e contribúe á mellora da saúde da poboación galega e permite a redución da prevalencia do consumo de drogas e a redución da incidencia nos máis novos, o noso futuro”.

Por iso solicitan que a administración garanta a estabilidade e continuidade dos programas e que se defina, dunha vez por todas, cara onde queren que camiñen as drogodependencias no futuro.

Noticia extraída de Avantar.

Documentos
Comparativa orzamentos Drogas 2011- 2013.pdf
 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto