Noticias Sanidade Pública Outras novas O persoal do hospital da Cruz Vermella continúa coas protestas polo peche do hospital
 
 

O persoal do hospital da Cruz Vermella continúa coas protestas polo peche do hospital

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cruzvermella17032010Denuncian que a ONG xa despediu a cinco traballadores/as eventuais 

                                   

Os traballadores e as traballadoras do hospital da Cruz Vermella de Vigo trasladaron na mañá deste mércores as protestas contra o peche do centro até a sede da organización en A Coruña, onde desenvolveron unha ruidosa concentración para esixir o mantemento do servizo. Dende a CIG lémbrase que non existen causas económicas que xustifiquen a decisión desta organización e reclamouse ao Sergas que actúe de inmediato para evitar un peche que deixará na rúa a 70 traballadores/as e a 70 doentes, que requiren de atención permanente.  

Carlos Portas, responsábel do sector privado da CIG-Saúde de Vigo, explicou que a protesta desta mañá enmárcase no calendario de mobilizacións que os traballadores e as traballadoras están a desenvolver en contra do peche do Hospital da Cruz Vermella na cidade olívica, que suporá a perda de 70 empregos e afectará a outros 70 doentes.

“Viñemos hoxe até A Coruña porque aquí está a delegación da Cruz Vermella en Galiza, a presidenta e o secretario da organización, que son as persoas coas que estamos a negociar. Vimos a demostrarlle que non estamos dispostos a que nos tomen o pelo e que imos seguir loitando pola continuidade do hospital e porque se busque a viabilidade do centro”, explicaba. 

A organización ten intención de baleirar de pacientes o hospital antes do vindeiro 31 de marzo. Agora, dos 70 doentes que había hai uns meses tan só permanecen no centro 18, mentres que o resto dos pacientes foron trasladados a outros hospitais e estase ameazando ás familias que non aceptan os destinos con enviar ao doente á súa casa. Neste senso, hai que lembrar que o Hospital da Cruz Vermella atende a pacientes de longa estancia, polo que non se sabe con certeza que vai pasar con aquelas persoas ás que agora están trasladando a clínicas e hospitais.  

Así mesmo, e a pesar de estarse negociando un ERE, a Cruz Vermella comezou estes días cos despedimentos, rescindindo o contrato a cinco traballadores/as eventuais e ameazando con novos despedimentos.  

Actitude pasiva do Sergas 

Portas reiterou que non existen razóns económicas para pechar o hospital e denunciou a actitude pasiva amosada polo Sergas durante este tempo, a pesar de saber que o cese da actividade do centro suporá incrementar o colapso dos hospitais de Vigo e a súa comarca. “Esta actitude enmárcase na política do PP de desfacerse de todo o público, que implica tamén rematar os concertos do Sergas para aforrar cartos. Non lles importan nin os traballadores/as, nin os/as pacientes nin os/as familiares”, criticou.  

O persoal segue denunciando que a Cruz Vermella ten fondos e recursos suficientes para manter aberto o hospital, e que coa colaboración do Sergas, poderíase manter a actividade coma até agora. 

Continúan as mobilizacións 

O calendario de protestas continuará mañá, xoves 18 de marzo, cunha caravana de automóbiles polas rúas de Vigo. A partir de aí ás mobilizacións quedarán suxeitas ao que aconteza na reunión do vindeiro luns, previsibelmente a última xuntanza do período de negociacións de ERE, e á espera do informe da Consellaría a este respecto.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto