Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Concentración das organizacións sanitarias do ámbito da saúde contra a Lei de Orzamentos
 
 

Concentración das organizacións sanitarias do ámbito da saúde contra a Lei de Orzamentos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Diante do edificio do Sergas, en San Lázaro, o luns 28 de xaneiro ás 11:00 horas, coincidindo coa reunión da Mesa Sectorial de Sanidade
Todas as organizacións sindicais con representación no ámbito do SERGAS compareceron este venres en rolda de prensa para denunciar os recortes e as medidas contempladas na Lei de Orzamentos de 2013. Recortes que advertiron que terán graves consecuencias laborais, salariais e para a calidade da prestación sanitaria e ante os que convocan unha concentación, para o vindeiro luns día 28 de xaneiro, ás 11:00 horas, diante do edificio do SERGAS, en San Lázaro, coincidindo coa xuntanza da Mesa Sectorial.

Na rolda de prensa, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, lembrou que desde que tomou posesión o Partido Popular, no ano 2009 os orzamentos reducíronse en máis de 500 millóns de euros o que, dixo, “ten afectado tanto á calidade asistencial, como ás condicións laborais”.

Abuín lamentou a perda de profesionais que vén padecendo o sistema sanitario público galego desde que se impuxo a taxa de reposición do 10%, isto é, que de cada 10 vacantes que se producen, só se cubre unha. “Estes orzamentos volven contemplar a mesma taxa de reposición e isto supón a perda de máis de 3.000 profesionais no sistema, incluíndo as prazas que non se cubriron pola paralización do Plan Mellora e pola paralización do Plan Galego de Saúde Mental”, denunciou.

A isto engadiu o que se recolle no artigo 33 da Lei de Orzamentos que di que só se poderá contratar persoal para cubrir as posíbeis ausencias de persoal cando o traballo non se pode realizar redistribuíndo as funcións entre o persoal que queda.  Ante isto, a secretaria nacional de CIG-Saúde denunciou que “se  segue minguando o persoal vai ser inviábel a prestación do servizo sanitario”.

Fronte a isto,  denunciou o mantemento dos concertos coa sanidade privada e que na Lei de Garantías se recolla que cando un doente non sexa atendido nos prazos previstos segundo a súa patoloxía, este poderá solicitar ser atendido na sanidade privada e posteriormente o SERGAS abonará a factura correspondente. “Isto agocha a intención do PP de privatizar a sanidade porque estes cartos deberían ser investidos en dotar á sanidade pública dun cadro de persoal suficiente para garantir a prestación sanitaria nos prazos indicados no sistema público”.

Para as organizacións sindicais as medidas que se están a adoptar limítanse a recortar os orzamentos no canto de garantir unha prestación baseada na opinión dos/as  profesionais ou na evidencia científica.

Para María Xosé Abuín, con estas medidas o que se está é introducindo o repago da prestación sanitaria e “iso estase demostrando coa posta en marcha das carteiras de servizos, básica complementaria e suplementaria e no copago dos medicamentos”.

Situación laboral

As organizacións sindicais tamén denunciaron as consecuencias que, nas condicións laborais e salariais, están a ter os recortes orzamentarios. Neste sentido, Abuín subliñou que, desde o ano 2009 veñen padecendo un recorte salarial maior en porcentaxe que o resto de traballadores/as da administración pública. Ese mesmo ano a consellaría de Sanidade suspendeu os acordos económicos co argumento de que había que ser solidarios cos 3 millóns de parados/as que había daquela. “A medida que foron recortando salarios e postos de traballo, o paro foise incrementando e hoxe superan os 6 millóns de parados con graves consecuencias en Galiza, sen que estes recortes tiveran servido para nada”.

Na exposición de motivos da Lei de Orzamentos aínda se agrava máis a súa situación laboral, xa que hai un artigo, o 20, que recolle a perda do complemento específico adicional das pagas extra para todas as traballadoras e traballadores públicos e, a maiores, un artigo 21 só de aplicación ao persoal do SERGAS que incrementa este recorte. “Recóllese que ademais se reducirán as contías salarial que se perciben en concepto de atención continuada: gardas, quendas, noites e festivos, ademais dunha redución da contía de carreira profesional ou do concepto de produtividade”.

Ante isto, a consellaría de Sanidade puxo sobre que para non ter que aplicar o artigo 21, habería que reducir o orzamento xeral da consellaría, fundamentalmente o destinado a prestación sanitaria, en 15 millóns de euros e que se ao longo do ano non se producía este aforro procederían a aplicación dese artigo 21.

Ante isto as organizacións sindicais aseguraron que non ían ser cómplices desta medida xa que o orzamento deste ano xa se reduce en máis de 50 millóns aos que habería que engadir estes 15 adicionais con graves consecuencias para a propia asistencia sanitaria . “O gasto sanitario ten que ser suficiente para garantir a sanidade pública e non se poden vincular os nosos salarios á prestación sanitaria” explicou Abuín.

Fronte a iso, reclamaron a supresión dos artigos 20 e 21 xa que na Lei de Orzamentos do Estado se contempla o pago íntegro das pagas extras. “De non ser así a redución salarial que experimentaremos as traballadoras e traballadores da sanidade pública será dun 8% en 2013”.

Se o luns na Mesa sectorial a administración non modifica a súa postura as organizacións sindicais anuncian que irán incrementando as mobilizacións en proporción directa á gravidade das medidas.

O artigo en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto