Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais As organizacións sindicais de Sanidade cualifican de “tomadura de pelo” a Mesa Sectorial deste luns
 
 

As organizacións sindicais de Sanidade cualifican de “tomadura de pelo” a Mesa Sectorial deste luns

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Este martes presentarán un calendario de mobilizacións para denunciar os recortes

As organizacións sindicais do ámbito sanitario cualificaron a intervención da conselleira de Sanidade na Mesa Sectorial celebrada este luns de “tomadura de pelo” por lles presentar uns datos de actividade sanitaria, listas de agarda, listas cirúrxicas e demais que “distan moito da realidade asistencial dos centros”. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que foron tratados como se estiveran nunha rolda de prensa e subliña que, fronte a isto, a CIG reclamou a retirada dos artigos 20 e 21 da lei de Orzamentos e o mantemento íntegro das retribucións do persoal sanitario.

Abuín sinala que no único no que coincidiron da intervención da conselleira foi en que esta afirmou que toda a mellora do labor asistencial durante estes últimos anos, foi por mor da esforzo das/os profesionais, que “mentres a administración se dedica a recortar orzamentos e prestacións, realizamos todos os esforzos necesarios para manter a calidade asistencial do sistema”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde engade que “non só se mantivo a calidade senón que mesmo se avanzou en moitas liñas de investigación que redundaron na mellora da atención sanitaria e na incorporación de novas tecnoloxías e tratamentos”.

Fronte a isto denuncia que, unha vez a conselleira presentou a súa valoración, comunicou que se ausentaba da Mesa Sectorial, polo que “non puidemos sequera debater con ela sobre os recortes orzamentarios e exporlle as consecuencias que estes terán tanto na prestación sanitaria como nas nosas condicións laborais e salariais”.

No segundo punto da orde do día, a directora de Recursos Humanos do SERGAS limitouse a comunicar que o anteproxecto de Lei de Orzamentos estaba a debate no parlamento de Galiza. Porén, “foron incapaces de presentarnos táboas salariais e explicar como van afectar os recortes previstos no anteproxecto ao persoal do SERGAS, confirmando o noso temor de que as rebaixas salariais serán do 8% no noso sector”.

Abuín denuncia que, unha vez máis se lles trasladou que se son capaces de recortar 15 millóns de euros non se lles aplicaría o artigo 21 do anteproxecto de lei e convidou a que comunicáramos cales son as bolsas de ineficiencia no sistema e onde se pode aforrar. “Dixémoslle que é falso que lles interese a opinión de profesionais e representantes sindicais, xa que as veces que se lles fixeron chegar alternativas aos seus proxectos estas nin sequera foron contestadas, porque non estaban en consonancia co seu modelo de xestión”.

A isto engadiu que “se somos os representantes sindicais quen temos que sinalar onde están as bolsas de ineficiencia, ao día seguinte terían que cesar a todos os equipos directivos á vista da súa incapacidade”.

A CIG-Saúde, como exemplo de que non se quere a participación das/os representantes das/os traballadoras/es lembrou que esta administración se encargou de suprimir o Plan Mellora de Atención Primaria, ante o que se lle solicitou, de forma reiterada a convocatoria dunha xuntanza da Comisión de Seguimento para valorar a parte asistencial do Plan. “Transcorridos tres anos desde aquela seguimos agardando”.

Ante isto, as organizacións sindicais acordaron presentar este martes un calendario de mobilizacións e este mesmo luns, ao tempo que se celebraba a Mesa Sectorial, xa houbo unha concentración diante do SERGAS contra as medidas de recorte previstas no sector.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto