Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Información da Mesa Sectorial
 
 

Información da Mesa Sectorial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nesta reunión abordáronse os seguintes temas:

1.- Presentación da equipa directiva. A Conselleira presentounos ao novo equipo, parte coincide co anterior e os cambios prodúcense en RRHH, cambios que xa coñeciamos.  Na súa intervención a Conselleira comportouse como se estivera dando unha rolda de prensa, deunos datos da mellora producida na actividade asistencial.  Datos que en absoluto coinciden coa nosa valoración. A única coincidencia co seu discurso foi que o mantemento da calidade debese en exclusiva ao traballo das/os traballadoras/es.

Desde a CIG-SAÚDE  lamentamos que o seu discurso público non coincida coa súa práctica, xa que fan todo o contrario do que pregoan.  Se queren falar de actividade que convoquen unha reunión para abordar este tema con rigor.

Malia a súa xestión, desde a CIG-Saúde estamos dispost@s a traballar conxuntamente se o obxectivo que se persegue é a mellora da sanidade pública (PÚBLICA) e a mellora das condición laborais d@s profesionais.

Ao remate deste tema a Conselleira anunciounos que se tiña que ausentar, e que non ía participar no punto da orde do día que aborda os orzamentos. Esta ausencia foi cualificada por nós como impresentable, só veu a cubrir expediente.

2.- Anteproxecto de orzamentos. Neste punto a información que nos transmitiu a directora de RRHH foi que este anteproxecto estábase a debater no Parlamento, e que na M.S non ían reproducir o debate parlamentar. Sendo incapaz de darnos ningún dato de como ía a afectar o artigo 21 as/os profesionais do SERGAS; a estas alturas do debate parlamentar son incapaces de presentar as táboas salariais do 2013; ou é que non queren presentalas?

Desde CIG-SAÚDE agradecemos a información recibida, pero non imos á M.S a que se nos informe sobre o calendario do parlamento, este xa o coñecemos pola prensa. Tampouco queremos reproducir o debate do parlamento. O que queremos e debater e negociar as nosas retribucións que son competencia da M.S. Finalízase o debate sen máis.

3.- Flexibilización do goce das vacacións. Están a elaborar un documento sobre flexibilización das vacacións para poder empregar unha parte como días para asuntos particulares. Enviarannos ese documento e convocarannos a unha comisión de traballo sobre ese documento. Na CIG-Saúde xa tiñamos valorado que a flexibilización das vacacións implicaba unha certa renuncia ao dereito (adquirido e consolidado despois de moitas loitas) ao descanso anual d@s traballador@s, mais ante a situación actual (coa redución de LD) facíase case necesario establecer algún xeito de poder conciliar a vida laboral e familiar. Esta flexibilización debería ser temporal, en función dunha eventual recuperación dos días de libre disposición.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se tamén se aborde o seguinte:

- Aplicación directa da sentenza da UE sobre vacacións despois dunha IT, quedaron en enviar unha instrución aos centros para que se aplique; ademais regularán o seu goce que deberá ser inmediatamente despois da incorporación.

- Que o permiso sen soldo non estea limitado cun mínimo dunha semana.

-  Que se nos imos rexer pola normas de Función Pública, os día 24 e 31 deberan ter a consideración de festivos e que desconten xornada. Así como que o 1º día de ausencia por enfermidade non produza desconto en nómina.

- Que o tema das vacacións ten que quedar resolto neste mes, xa que en marzo fanse os calendarios. A ver o que dá de si esta comisión.

4.- Orde de vínculos. Quedaron en enviar un documento que vai recoller 3 tipos de vínculos e un para promoción interna. Este novo modelo de vínculos levará incorporadas as cláusulas de mobilidade que se recollen no Plan de Ordenación de RRHH. Desde CIG-SAÚDE plantexamos os temas debatidos na organización.

5.- SATSE, CEMS-OMEGA solicitaron a súa adhesión ao pacto de vinculacións: concedida.

6.- Procesos de selección e provisión.

- OPE lei 17. Pendente de revisar as reclamacións presentadas. En breve publicarán a puntuación definitiva e os listados do persoal que superou o proceso selectivo. Con posterioridade publicarase a relación de destino. Na Lei 17 os destinos son provisorios e o persoal ten a obriga de participar no 1º concurso de traslados que se convoque.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se negocie o proceso de selección temporal desta categorías.

- FEAS. En breve  enviarannos o borrador de convocatoria de OPE. Convocarán a comisión de OPE para analizar baremos, acreditación de méritos...  Desde CIG-SAÚDE solicitamos que se nos envíe o estudo que estaba a realizar asistencia sanitaria sobre as especialidades que se ían convocar nesta OPE.

- Traslados FEAS. Toma de posesión conxuntamente coa OPE, pero como se vai a retrasar un pouco, poden conceder algunha comisión de servizo. Desde CIG-SAÚDE non nos opoñemos a que se concedan comisións de servizo sempre que estas se concedan seguindo a listaxe da resolución do concurso de traslados, que isto non é máis que adiantar o traslado, pero á Admón parécelle que isto non pode ser viable en todos os casos. Non logramos entender por que os sistemas regrados sempre presentan dificultades.

Hai unha persoa que participou no concurso de traslados que vai ser avaliada pola  comisión  técnica de capacidade funcional.

            A gran pregunta, cando imos ter un proceso regrado para a selección temporal de FEAS?  

            Os temas de contratacións abordarémolos na reunión do día 5.

- OPE e traslados resto categorías. A pesares do anuncio realizado pola Conselleira en sede parlamentar de que no ano 2013 o SERGAS ía convocar un proceso selectivo para todas as categorías, hoxe o único compromiso da directora de RRHH foi que están a estudar a posibilidade de convocar un concurso de traslados, para algunhas categorías, no último semestre.

7.- No apartado de varios preguntamos pola privatización do servizo de mantemento, responde que nos informaran ao seu debido tempo, que non nos precipitemos.            

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto