Noticias Persoal Outras novas CIG-Saúde denuncia que o persoal do SERGAS sofre máis recortes de dereitos que o do resto da administración pública
 
 

CIG-Saúde denuncia que o persoal do SERGAS sofre máis recortes de dereitos que o do resto da administración pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A administración sanitaria segue a condicionar o salario das traballadoras/es ao aforro dos 15 millóns
.
CIG-Saúde denuncia os recortes de dereitos que están a padecer as traballadoras e traballadores do SERGAS. Recortes que son superiores aos do resto do persoal das administracións públicas e que afectan desde aos permisos para asistencia a consulta médica, até ás baixas por enfermidade, días festivos ou vacacións. Con todo, para a CIG-Saúde é especialmente grave que a administración sanitaria incida na penalización da enfermidade, “máxime cando o persoal pode ser unha vía de contaxio para as/os doentes”.

A CIG-Saúde considera “penoso” que só se relacione boa xestión con recortes na prestación sanitaria, co re-pago e coa perda de dereitos laborais. Alerta ademais de que a consellaría non descarta introducir na sanidade pública criterios de xestión privada. “Cabe lembrarlle que a boa xestión non é pública nin privada”, afirman desde a federación. “A diferenza radica en que para facer unha xestión eficiente e eficaz hai que ter xestoras/es que crean na sanidade pública e que esta non se utilice para beneficio propio, nin para beneficio doutros/as que non sexa a poboación usuaria do servizo”.

Permisos, licenzas e baixas por Incapacidade Temporal

CIG-Saúde subliña as diferenzas existentes entre o persoal estatutario do Sergas e o persoal funcionario da función pública. Mentres que para este último quedan reguladas as súas condicións laborais nunha resolución publicada no DOG do 20 de marzo de 2012, para o do Sergas remitíronse unhas instrucións para que cada xerencia as aplique como entenda, o que provoca disparidade de criterios entre unhas e outras.

Desde a federación explican que casualmente o mesmo día que saía esa publicación no DOG, representantes sindicais do persoal do Sergas se reunía coa administración para falar dos recortes de dereitos propostos pola administración sanitaria. CIG-Saúde presentaba toda unha serie de alegacións que non foron sequera tomadas en consideración.

A consecuencia é que mentres no DOG se regula para o persoal de función pública, respecto das vacacións, o goce dos 22 días hábiles, isto nin sequera se recolle nas instrucións remitidas as xerencias.

O único que se permite é solicitar por días soltos 6 días de vacacións, pero non estabelecen a equivalencia para as persoas que o soliciten en quendas superiores a 7 horas. A modo de exemplo, desde a CIG-Saúde explica que se se solicita unha noite con cargo ás vacacións, descóntanse 2 días, non 1,5, polo que se perde medio día de vacacións.

Sobre isto, nas alegacións presentadas pola federación de Saúde da CIG, reclamábase que se fixera unha adaptación aos horarios especiais en quendas de 12, 17, ou 24 horas e xornadas de noite, alén de demandar que se especificara se se trata de días naturais ou días hábiles.

A CIG-Saúde tamén defendeu e defende a vixencia dos días adicionais (de vacacións) por antigüidade, que están a ser denegados, polo que a federación xa anunciou que levará este asunto aos xulgados.

Nas instrucións tamén se especifica que o goce das vacacións ha ser antes do mes de decembro. Unha limitación que a CIG considera que non ten amparo legal e que así fixo constar nas alegacións, sen que fora considera pola administración sanitaria.

Asistencia a consulta médica

A este respecto as instrucións permiten que cada xerencia sanitaria conceda o que considere oportuno, provocando que haxa disparidade de criterios entre unhas e outras. Porén, se hai que cubrir a ausencia non se concede, posto que orixina gasto. Mentres isto se aplica ao persoal estatutario do Sergas, o persoal funcionario, tal e como figura no DOG, ten dereito a permisos para revisións médicas propias ademais dos xa recollidos para fillas/os e mesmo de familiares até 2º grao.

Sobre isto, a CIG reclamaba o tempo necesario para acudir a unha cita médica para consultas no propio centro, non sendo en casos de probas diagnósticas que precisen preparación. Nese caso, solicitaba que se concedera a xornada completa e mesmo a xornada previa se fose necesario. O mesmo que se a consulta fose noutro centro sanitario. A federación mesmo estabelecía a condición de que se xustificase coa citación e se solicitase o permiso o antes posíbel, agás no caso de atención urxente, para o que a xustificación sería documental. Obviamente, tampouco se tivo en conta esta alegación.

Permiso para o cumprimento de deber inescusábel

Mentres que para o persoal da función pública se consideran permisos para o cumprimento de deber inescusábel os relacionados coa conciliación familiar do/a titular do dereito, no caso do persoal estatutario só se concede para aquelas cuestións nas que, de non comparecer, poidan ter responsabilidades penais ou civís.

Incapacidade temporal

O persoal funcionario ten recoñecido no DOG o dereito a ausencia por enfermidade de até catro días ao longo do ano natural, dos cales tres poderán ter lugar en días consecutivos. Os tres primeiros días pódense xustificar mediante xustificante médico e non provocan redución salarial.

Fronte a isto, para o persoal estatutario do Sergas non hai regulación e tampouco hai dereito a días de ausencia por enfermidade que non xere Incapacidade Temporal. E non só iso, aplícase ademais un desconto do 50% desde o primeiro día de ausencia.

Días de especial significación: 24 e 31 de decembro

Para o persoal da función pública o 24 e 31 de decembro terán consideración de días festivos. Para o do Sergas non. Ante isto, a CIG propón que teñan a consideración de festivos recuperábeis para gozar noutra data, cuestión que obviamente non se tivo en consideración.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto