Noticias Outras novas Outras novas O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral
 
 

O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía
.
O VI Congreso da CIG remataba este domingo 26 de maio tras a elección da nova Executiva Confederal, que pilotará a central nos vindeiros catro anos, e a reelección de Suso Seixo como secretario xeral. Culminaba así un proceso de debate comezado hai meses no que a CIG acorda que, para enfrontar as regresivas políticas decididas nas institucións europeas e aplicadas polo PP en Galiza e no Estado é imprescindíbel reforzar a organización, mobilizarse e contar con soberanía para que o noso país poida decidir as políticas que precisa para unha saída da crise favorável á maioría social: a clase traballadora.
.

Galería de imaxes

Galería de imaxes

Videos: lista de reprodución

 

 

 

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 508 congresistas, 30 votaron en branco e 15 emitiron voto nulo. O secretario xeral, Suso Seixo, foi reelixido con 499 votos, 50 brancos e 4 nulos e a Comisión de Garantías contou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos.

A Executiva Confederal está conformada por 12 membros e forman parte dela:

1.- Xesús Seixo Fernández.

2.- Elvira Patiño Ogea.

3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez.

4.- Manuel Currás Meira.

5.- Miguel Anxo Malvido Cabirto.

6.- Margarida Corral Sánchez.

7.- Anxo Pérez Carballo.

8.- Ramiro Oubiña Parracho.

9.- Xosé Francisco Miranda Vigo.

10.- Antolín Alcántara Álvarez.

11.- Anxo García Torres.

12.- Paulo Carril Vázquez.

A Comisión de Garantíascontou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos e forman parte dela:

1. Birino Marcos Baamonde

2. Xosé Lois Seixo Fernández

3. Manuela Catoira Palleiro

4. Segundo González González

5. Luís Burgos Díaz

6. Placer Vila Rodríguez

O VI Congreso comezaba na mañá do sábado 25 de maio baixo o lema “É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía”. Tras da benvida do secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, e a actuación dun grupo de cooperativistas do Conservatorio Histórico de Santiago, Sociedade Cooperativa Galega, as delegadas e delegados presentes aprobaban o Regulamento sen ningún voto en contra e cunha única abstención.

De seguido, Suso Seixo presentaba, en representación da Executiva Confederal saínte, o informe de xestión destes últimos catro anos, que foi aprobado, tras do seu debate, con 430 votos a favor, 5 en contra e 61 abstencións.

Seixo foi moi crítico coas políticas “antisociais e antiobreiras” que se foron aplicando neste período marcado, na súa totalidade, polas consecuencias negativas que para Galiza e as súas clases populares está a ter a crise económica e financiera. Catro anos de recorte de dereitos laborais e sociais nos que, so pretexto de reducir o déficit público, favorecer a competitividade da economía e crear emprego, non só se conseguiu todo o contrario, senón que mesmo se aproveitou para introducir toda unha serie de medidas “profundamente inxustas e antidemocráticas”.

Debate

Unha vez aprobado o Informe de Xestión, elixíase a Mesa Congresual e iniciábase, a partir de aí, o debate dos relatorios, aos que só se presentaran 59 emendas (2 ao Relatorio de Organización; 12 aos Estatutos e ás modificacións estatutarias e 45 ao Relatorio de Acción Sindical).

No Relatorio de Organización a CIG define os seus obxectivos para os vindeiros catro anos, nomeadamente, mellorar a súa organización interna para garantir que, ante o recorte de dereitos e das condicións de vida, a central sindical dá unha única resposta “solidaria e común como clase”; perfeccionar o modelo federativo e territorial; reforzar a acción sindical na empresa a través das delegadas/os; incentivar a participación das persoas desempregadas e reforzar a participación das mulleres, da mocidade e das persoas pensionistas e xubiladas.

De seguido debatéronse as modificacións estatutarias, que foron referendadas con 457 votos a favor, 1 en contra e 20 abstencións superándose así a maioría absoluta requirida para que saísen adiante.

O Relatorio de Acción Sindical -aprobado con 370 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións-, é a folla de ruta da CIG na que se formulan as alternativas para a central sindical mellor enfrontar a grave problemática social e laboral que está a provocar a crise sistémica do capitalismo.

Acto de clausura

No acto de clausura, ademais das persoas congresistas participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.

Suso Seixo, recén reelixido secretario xeral, comezou a súa intervención agradecendo, en nome da central sindical, o traballo desenvolvido polas persoas que non repiten nesta Executiva: Laura Bugalho e Antonio López, aos que lles foi entregado un pequeno agasallo.

Denunciou a destrución, “sen precedentes” de emprego en Galiza e alertou das “consecuencias sociais e económicas dramáticas, pero tamén políticas” que ten. Situou este problema como unha das prioridades da central sindical e propuxo pór en marcha unha forte campaña, co máximo arroupe social, ao redor dunha batería de propostas dirixidas á Xunta de Galiza en materia fiscal, financeira, industrial, contractual e en demanda dun salario de inserción social para desempregadas/os que non cobren ningún tipo de prestación.

Denunciou que “estamos ante unha loita de poder entre a oligarquía financeira e as clases populares” e que todas as medidas que se están a impor teñen como obxectivo incrementar os beneficios desa oligarquía, pola vía de reducir custos laborais, proporcionando man de obra barata.

Chamou a organizarse e continuar a mobilizarse para reclamar outras políticas alternativas convencido de que “é posíbel” mudar este modelo porque “somos unha maioría social moi ampla os que estamos obxectivamente interesados en rematar con estas políticas tan antisociais”.

Cuestionou a política de pacto social, que sempre viu acompañada de cesión de dereitos da clase traballadora e apostou por construír “un modelo de sociedade libre e democrática en Galiza, cun Parlamento galego soberano”.

Documentos
INTERVENCION SUSO SEIXO. CLAUSURA.pdf

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto