Noticias Outras novas Outras novas CIG-Saúde pídelle ao SERGAS que reconsidere a súa negativa a ampliar nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica
 
 

CIG-Saúde pídelle ao SERGAS que reconsidere a súa negativa a ampliar nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

      Por motivos exclusivos de aforro económico puro e duro, na xuntanza da Comisión de Sanidade do Parlamento Galego do 30/05/2013, o Partido Popular pronunciouse en contra de permitir que os actuais residentes de Oncoloxía Médica prolonguen nun ano o seu período de residencia, requisito imprescindíbel para que o seu futuro título de especialistas poida ser homologábel a nivel da Unión Europea.

      CIG-Saúde pídelle aos responsábeis do SERGAS, e do goberno galego, que teñan amplitude de miras, que non se enroque nunha posición indefendíbel, e que reconsideren esa posición gravemente lesiva para os intereses dos profesionais afectados, que son todos os residentes galegos da especialidade de Oncoloxía Médica, agás os residentes de 1º ano (R-1) que comezaron a súa residencia en maio de 2013.

      O período de residencia desa especialidade estaba establecido no Estado Español de 4 anos, malia que en repetidas ocasións as Sociedades Científicas e a Comisión Nacional da especialidade, tiñan reclamado a ampliación dese período formativo a 5 anos, argumentado que a complexidade da especialidade ten sufrido un forte incremento, tanto pola expansión do seu campo asistencial como polos grandes avances tecnolóxicos e farmacolóxicos que se deron nas últimas décadas.

      Nesta situación, a Unión Europea (UE)  aprobou o Regulamento (UE) Nº 213/2011 da Comisión de 3 de marzo de 2011 polo que se modifican os anexos II e V da Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello. Nesta norma se estableceu que, para obter a homologación europea do título de Especialista en Oncoloxía Médica, a duración mínima do seu período formativo debía ser de 5 anos.

      Para mellorar a formación dos MIR de Oncoloxía Médica e, paralelamente, conseguir a homologación europea do título de especialista, aprobouse e saíu publicada no BOE a

Orden SSI/577/2013, de 5 de abril, por la que se aprueba y publica el programa formativo de la especialidad de Oncología Médica y los criterios de evaluación de los especialistas en formación”.

na que se amplía o período da residencia da especialidade até os 5 anos.

      Porén, nesa norma legal, establécese que o novo programa formativo e a ampliación da duración da residencia só terá carácter obrigatorio para os MIR que accedan en 2012 a prazas de formación sanitaria especializada (os actuais R-1), mentres que deixa nas mans das CCAA a decisión de incrementar o período formativo dos residentes actuais (R-2, R-3 e R-4), sendo preceptivo para facelo contar co apoio dos propios afectados, dos seus titores, os e das Comisións de Docencia correspondentes.

      Todos os residentes galegos afectados, os seus titores, as Comisións de Docencia dos hospitais, e a Sociedade Galega de Oncoloxía Médica, teñen solicitado ao SERGAS que asuma a ampliación por un ano dos contratos destes MIR, para que podan completar a súa formación e que o seu título de especialistas sexa homologábel a nivel europeo.

      As CCAA teñen de prazo até o próximo 14 de xuño para prorrogar os contratos de traballo destes residentes, para que poidan ampliar o seu período formativo a 5 anos. Todas as CCAA xa manifestaron a súa disposición a ampliar os contratos dos seus residentes, coas únicas excepcións até agora de Cataluña e Galiza.

      O posicionamento do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego de onte, negándose a apoiar a ampliación deses contratos, resulta bastante incomprensíbel e gravemente atentatoria contra os intereses deses profesionais e da sanidade pública galega. Tamén nos sorprende porque é unha actitude que poderíamos cualificar de “rata”: os residentes afectados son 16, e os custes de 4 contratos ao ano durante 4 anos son perfectamente asumíbel polo SERGAS, máxime tendo en conta a importante demanda que soportan os servizos de Oncoloxía Médica dos hospitais públicos galegos, e o importante traballo asistencial que os residentes realizan.

      Por todo isto pedímoslle ao PP e ao SERGAS que reconsideren a súa posición, e acepten ampliar en 1 ano os contratos dos residentes de Oncoloxía Médica.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto