Noticias Outras novas Mobilizacións 12 de xuño: xornada de loita
 
 

12 de xuño: xornada de loita

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Mañá cuarta feira (mércores) día 12 de xuño a CIG leva a cabo unha xornada de loita en todo o país, na defensa do emprego e a exixencia de medidas que garantan a supervivencia e recuperación dos nosos sectores produtivos.

A CIG ten convocadas este mércores, 12 de xuño, mobilizacións en Vigo, Compostela, Pontevedra e Ribeira para denunciar a grave situación de desemprego que padecen estas comarcas e as nefastas políticas que está a impor o Partido Popular e a Xunta de Galiza. Para alén diso, tamén en Ferrol se celebrarán mobilizacións, no marco da folga xeral comarcal convocada por varias centrais sindicais, entre as que figura a CIG.
En Vigo, a manifestación terá lugar ás 20:00 horas, con saída da Vía Norte, baixo o lema “Contra o saqueo e o empobrecemento. Polo emprego na nosa comarca. Por unha industria con futuro”. Tanto a cidade como a súa comarca padecen un desemprego galopante e de feito, nos últimos catro anos o número de persoas desempregadas medou un 24,1%, pasando de 38.750 en novembro de 2009 a 49.741 na actualidade. Unhas cifras que superarían as 80.000 persoas se se lle suman os mozos e mozas que tiveron que emigrar ou os parados e paradas que desenvolven accións formativas.

En Compostela está convocada para as 20:00 horas, con saída da Praza Roxa. Nesta comarca a CIG tamén convoca manifestación en Ribeira, con saída ás 20:30 horas da Praza do Peixe. O desemprego tamén é a principal preocupación e é que a cidade de Santiago sitúase tan só por detrás de Ferrol en taxa de paro, cun 27% segundo os últimos datos da EPA. O mesmo ocorre en Ribeira, onde está en xogo a industria da conserva, motor económico da zona.

En Pontevedra, haberá unha mobilización de delegados/as ás 12:00 horas na Praza da Ferrería e as súas demandas tamén se centran na exixencia á Xunta de Galiza, de medidas que permitan a recuperación económica e a creación de emprego.

En Ferrol: Folga Xeral na comarca. Ás 12:00 horas, baixo o lema “Ferrolterra esixe solucións” sairá a manifestación dende o Inferniño. Logo de semanas de intenso traballo, ducias de asembleas en empresas, reunións con colectivos sociais diversos, encontros con representantes de todos os sectores (autónomos, comerciantes, empresarios, hostaleiros,...) e repartos masivos de octavillas nas rúas, na véspera da Folga Xeral Comarcal deste 12 de xuño, os voceiros da CIG de Ferrol avanzaron un éxito rotundo da convocatoria e animan a toda a clase obreira e ao conxunto da cidadanía a participar na manifestación que sairá ás 12:00 horas dende o Inferniño. Ver a nova en Avantar.

Malia o triunfalismo co que se avanzaron os datos de paro rexistrado do mes de maio, a CIG considera que lonxe de ser bos evidencian a grave situación de desemprego que hai en Galiza. 

A CIG leva tempo esixindo unha resposta real por parte das Administracións públicas “para frear a demolición da nosa base produtiva” e reclamando “unha mudanza radical das políticas para garantir o noso dereito a producir e a vivir dignamente do noso traballo”. Aposta tamén por unha intervención pública decidida que sexa quen de sacar o máximo partido ás nosas capacidades produtivas.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto