Noticias Persoal Formación A CIG-Saúde demanda do Sergas que prorrogue por un ano os contratos dos MIR galegos en Oncoloxía Médica
 
 

A CIG-Saúde demanda do Sergas que prorrogue por un ano os contratos dos MIR galegos en Oncoloxía Médica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Este venres, día 14 de xuño, remata o prazo e o Partido Popular xa se pronunciou en contra por motivos exclusivamente economicistas
.
Este venres, día 14 de xuño, remata o prazo definido legalmente para que o SERGAS decida se prorroga, ou non, en 1 ano os contratos dos MIR galegos de Oncoloxía Médica. Diante da falta de resposta todo parece indicar que esa prórroga non se vai producir. Ante isto, a Agrupación da CIG-Saúde vén de se dirixir  á consellaría de Sanidade, á Xerencia do SERGAS e máis ao Director de Asistencia sanitaria para que reconsidere esa decisión.

A ampliación do período formativo das/os residentes galegas/os en 1 ano, até completar un total de 5 anos de residencia, é unha condición necesaria para a homologación na Unión Europea (UE) dos títulos de especialistas en Oncoloxía Médica que obterán os MIR desta especialidade que na actualidade están facendo a súa residencia baixo un programa formativo de 4 anos de duración. Nesta situación están todas/os as/os residentes da especialidade menos os R1 que comezaron a especialidade hai unhas semanas.

Na xuntanza da Comisión de Sanidade do Parlamento Galego do 30/05/2013, e por motivos exclusivamente economicistas, de aforro económico, o Partido Popular pronunciouse en contra desa prórroga. Ficou deste xeito claro que a decisión que tiña previsto tomar o goberno galego e o SERGAS, era negarlles a prórroga do contrato aos residentes afectados (16 en total) que, deste xeito, rematarían a súa residencia e se toparían cun título sen homologación europea, e polo tanto sen a posibilidade de traballar como especialistas nos países da Unión Europea, coa excepción do Estado Español”, denuncia a Agrupación Médica da CIG-Saúde.

A nivel público, esa é a posición coñecida sobre o tema das autoridades sanitarias galegas, malia o forte malestar que esa decisión provocou entre os residentes afectados, os especialistas en Oncoloxía Médica e en todos os profesionais sanitarios que coñecen a situación.

No momento actual, e coa excepción do SERGAS, as autoridades sanitarias de todas as CCAA xa fixeron pública a súa decisión de prorrogarlles 1 ano os contratos aos seus residentes de Oncoloxía Médica, de xeito que o seu título de especialistas sexa homologábel na Unión Europea.

Ante isto, a CIG-Saúde demanda novamente da Consellería de Sanidade e do SERGAS que reconsideren a súa posición, e confirmen de contado que lles van prorrogar 1 ano os contratos aos residentes galegos de Oncoloxía Médica.

A CIG-Saúde considera que “é de xustiza que o faga pois, de non facelo, estaría prexudicando e discriminando aos residentes galegos desta especialidade e demostrando unha mesquindade e falta de sensibilidade dificilmente xustificábel”.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto