Noticias Persoal Contratacións A CIG-Saúde denuncia o crecente desemprego entre o persoal sanitario por mor das políticas do SERGAS
 
 

A CIG-Saúde denuncia o crecente desemprego entre o persoal sanitario por mor das políticas do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Unha longa cola diante do edificio da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, simbolizou a cola do paro á que se está abocando ás traballadoras e traballadores
.
Esta mañá celebrábase diante da consellaría de Sanidade unha concentración convocada pola CIG-Saúde para denunciar que as políticas dos Sergas están a provocar un crecente desemprego entre o persoal sanitario. A concentración desenvolveuse como unha longa cola do paro que partía das portas da propia consellaría até a entrada do recinto que alberga a varios edificios da Xunta de Galiza en San Lázaro.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, resaltou a constante perda de postos de traballo derivada da non cobertura de prazas, por mor da imposición dunha taxa de reposición de tan só o 10%, é dicir, que de cada 100 persoas que deixan o seu posto de traballo na sanidade pública galega, ben por xubilacións, ben por outras razóns, só se cobren 10.

Para Abuín esta situación evidencia que está en marcha un ERE encuberto que ten como obxectivo reducir o cadro de persoal da sanidade pública o que está a provocar, desde o ano 2011, unha mingua constante do número de traballadores e traballadoras e, polo tanto, o deterioro da sanidade pública.

A CIG-Saúde denuncia que esta situación vese agravada polo alto número de camas que se van pechar durante os meses de verán o que provocará, á súa vez, o peche durante máis de tres meses e medio de varias unidades. Un período no que o persoal gozará dun mes de vacacións e o resto dos meses fará a cobertura das compañeiras e compañeiros que as estean desfrutando nese período.

Do mesmo xeito, a CIG-Saúde denuncia que a Atención Primaria só se cubrirá nos centros onde preste servizo un médico e unha enfermeira e no resto do ano as ausencias do persoal por días libres, vacacións e outras ausencias non se están a cubrir. Abuín denuncia que o que está a provocar esta situación é que se xeren listas de espera agora tamén en Primaria. “O Sergas non recoñece que se están a pechar axendas. Recorre ao eufemismo de ‘reorganizar citas’ indicando que as/os doentes serán atendidas/os no que consideran que é un tempo razoábel”.

Considera que o SERGAS puxo en marcha un sistema de selección temporal a través do Expediente-e (sistema informatizado) no que presume do alto número de aspirantes nas listaxes e que para o único que está a servir é para crear falsas expectativas de contratación en persoas que mesmo tiveron que pagar unhas taxas para poder figurar nesas listaxes.

De feito, tanto a decisión de limitar a taxa de reposición ao 10%, como a de non cobertura de prazas para substitución de baixas ou de persoal de vacacións está impedindo a contratación das persoas que agardan nesas listaxes por unha praza que, de manter estas medidas, nunca se vai cubrir.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto