Noticias Sanidade Pública Mesas Sectoriais Información Mesa Sectorial 5 de Xullo
 
 

Información Mesa Sectorial 5 de Xullo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

1. A.  PROCESOS DE SELECCIÓN E PROVISIÓN.

OPE FEAs: Houbo 2223 solicitudes das que xa está validado o 70%,  a fin de mes contan con ter rematada a validación pero por mor das vacacións de moitos/as solicitantes non sacarán ata setembro as listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as. No Fides poderase comprobar previamente o estado da solicitude de inscrición na convocatoria. Haberá unha reunión da Comisión Técnica de OPE o día 12 de xullo.

CONCURSO DE TRASLADOS: Convocarase no último trimestre para as categorías sanitarias, as prazas ofertadas irán axustadas á taxa de reposición e sairán as prazas vacantes ocupadas. No ano 2014 convocarase o resto de categorías (persoal de xestión e servizos), pero non todas.

NOVA OPE: Posteriormente ao concurso de traslados das categorías sanitarias haberá convocatoria de OPE, coa restrición da taxa de reposición. O SERGAS ve complicada, case imposíbel, unha nova OPE para as categorías de xestión e servizos debido á taxa de reposición. A CIG pide unha OPE para todas as categorías e o 100% das prazas vacantes e non facer pagar as privatizacións, que rexeitamos unha vez máis, ligándoas á OPE ou aos traslados.

LEI 17

Informan que rematou a oposición, estase na fase de destino provisional e que queda pendente o concurso de traslados para outubro (nas clases en que houbo OPE).

1.B. PLAN PARCIAL DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS DA LAVANDERÍA DE LUGO. AVALIACIÓN DA EXPERIENCIA LABORAL PREVIA

A Administración non pode facer pagar ás persoas aspirantes a política sanitaria de privatizacións. A CIG propón valorar os servizos prestados destas categorías reclasificadas como se foran de pinche (non só os/as reclasificados/as titulares da praza senón tamén a todos/as os/as inscritos/as nas listas de contratación). Consensúase valorar os servizos prestados en calquera das categorías reclasificadas como pinches, tanto titulares como listado de contratación, e cando se convoque OPE (segundo o falado no primeiro punto, non o veremos por mor das privatizacións) discutirase a baremación nesa mesa de OPE.

2.- PROXECTO DE ORDE DE PROLONGACIÓN NO SERVIZO ACTIVO DO PERSOAL DA ESCALA DE SAÚDE PÚBLICA E ADMINISTRACIÓN SANITARIA ( Lei 7/1989)

A CIG manifesta a súa negativa a este proxecto. En caso de haber parados/as, pedimos contratar e non prolongar (agás o que contempla a lei para o persoal que non ten o tempo de traballo necesario para xubilarse) e de aplicarse a orde, baixo a xustificación da ausencia de persoal a contratar.

3.- PROCESOS DE INTEGRACIÓN NO RÉXIME ESTATUTARIO

Actualmente hai dous procesos: os de funcionarios da lei 17 e o de afectados pola disposición RDL 16 que afecta a persoal de APD e persoal de cota.

Segundo o SERGAS reproduciríanse as mesmas condicións que nos procesos de integración que hai en Galiza dende hai anos, mantendo o status funcionarial. Con respecto o RDL 16 determinarase que o persoal afectado seguirá non mesmos postos de traballo (APD). Para o persoal laboral manteranse as mesmas condicións (5ª oferta de integración) e para o persoal das antigas fundacións o D 91. Na rolda de intervencións a CIG pide que ao persoal da Lei 17 recollido na adicional 10ª se lle respecte a 3ª convocatoria e se lle ofreza a incorporación unha vez rematado o proceso.

4.- PROXECTO DE DECRETO DE XESTIÓN CLÍNICA

Despois de pasado un ano desde que enviamos alegacións ao borrador deste decreto, presentan un novo texto, bastante modificado, e pretenden que lle deamos o visto e prace na propia Mesa. Solicitamos un novo prazo de alegacións, que se acepta. Haberá unha Mesa Sectorial extraordinaria e monográfica sobre este tema en xullo.

5.- INSTRUCIÓNS  SOBRE A APLICACIÓN AO PERSOAL ESTATUTARIO DA XORNADA DERIVADA DO REAL DECRETO LEI 20/2012 SOBRE A FLEXIBILIZACIÓN DO GOCE DAS VACACIÓNS REGULAMENTARIAS.

Manifesta o SERGAS que o documento vai ser útil para o ano que ven e que para este serviu de base para os acordos entre xerencias e xuntas de persoal. Manifesta tamén que non houbo problemas na aplicación este ano. Non hai novidades co último texto presentado como borrador e non incluíron alegacións xa que, segundo eles, calquera introdución incorpora dúbidas de interpretación. Di o SERGAS que tal como manifestara a CIG, a posibilidade de días de vacacións soltos máis aló do 31 de decembro debe ter amparo xurídico con acordo do documento en mesa sectorial e publicación en DOG. A CIG non asina este acordo e segue defendendo a proposta presentada como alegacións, lembrámoslle á Administración que si que houbo problemas de aplicación. Asinan o documento CEMS-W, SATSE e CSIF.

 6.- CUESTIÓNS RELATIVAS AOS ACORDOS DE ATENCIÓN PRIMARIA

O SERGAS quere eliminar o incentivo á voluntariedade e reformular o complemento J de intersubstitución. Desde a CIG esiximos a convocatoria da Comisión de Seguimento dos Acordos. Desde que se asinaron os acordos cambiaron moito as condicións polas que se introduciu a voluntariedade, desde a CIG non vemos necesidade de voluntariedade habendo profesionais no paro. Este tema queda para a seguinte Mesa Sectorial.

 7.- PLAN PARCIAL DE ORDENACIÓN DE RECURSOS HUMANOS (PROLONGACIÓN DE SERVIZO ACTIVO)

O plan actual remata o 31/12/2013 polo que a revisión vai ser de carácter parcial e só vai abranguer a xubilación e a prolongación. Enviarásenos o documento e tratarase na seguinte Mesa Sectorial.

8.- ROGOS E PREGUNTAS

  • A CIG presenta 3 puntos:

* Lei do emprego de galiza Ínstase ao Sergas a que se persone no debate  sobre a Lei do Emprego Público da Xunta. Educación e Función Pública presentaron alegacións e o SERGAS non. Pedímoslle que fagan uso das facultades que teñen. A Administración respostou que si que fixeron alegacións no mes de maio e van pola liña de manter unha redacción similar a da Lei de Saúde de Galiza para persoal estatutario, e que están mantendo reunións.

* Bases de acoplamentos internos. Tanto no baremo de OPE como no de contratacións (son o mesmo baremo) a formación que se valora non caduca, pero na acta de bases de acoplamentos internos si que está especificada unha caducidade, polo que pedimos que se acorde na mesa sectorial que en cada comisión de centro ou xunta de persoal se poida modificar esa parte das bases para permitir que se valore toda a formación sen caducidade. A Administración resposta que non ten problemas en que non caduque ao igual que na OPE pero con acordo unánime na próxima Mesa.

*Xestión integrada, prazas con perfil ou de alta especialización en enfermaría. Consideramos que hai que tratar este tema no ámbito da Mesa Sectorial. Non pode ser que o xefe/a de servizo teña a decisión de qué persoa entra nestas prazas. Estas prazas deben ser cubertas por un procedemento regrado, no que poida participar todo o mundo sabendo de antemán as condicións que require o posto. Deben ser prazas con competencias determinadas e non con perfil determinado. O SERGAS resposta que se debe facer unha modificación normativa do D 206. Aceptan falalo na Mesa.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto