Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria CIG-Saúde volve rexeitar o borrador de decreto sobre as Áreas de Xestión Clínica elaborado polo SERGAS
 
 

CIG-Saúde volve rexeitar o borrador de decreto sobre as Áreas de Xestión Clínica elaborado polo SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que o texto está ateigado de “ambigüidades e de aspectos claramente negativos”
.
CIG-Saúde considera inaceptábel o texto modificado presentado polo SERGAS, a pesar de ter, de partida, unha posición favorábel á “Xestión Clínica” entendida como un cambio de estrutura cara unha maior participación e implicación dos profesionais na xestión. Considera que o texto está ateigado de “ambigüidades e de aspectos claramente negativos”, nomeadamente no que se refire a xestión de Recursos Humanos, Económicos e Sistemas de Avaliación.
Camas hospital Lucus Augusti

A CIG-Saúde considera positivos os principios que inspiran á denominada “Xestión Clínica”, que introducen a procura da implicación dos profesionais na xestión dos recursos empregados na práctica clínica, xestión por procesos, o obxectivo de minimizar a variabilidade inxustificada na práctica clínica, preocupación pola eficacia, a efectividade e a eficiencia, procura da boa coordinación entre niveis asistenciais ou a introdución da cultura da avaliación de resultados como instrumento para a mellora da calidade asistencial, entre outros.

Porén, rexeita novamente o texto presentado pola Administración para a creación de Áreas de Xestión Clínica, que introduce modificacións á proposta anterior, porque segue a estar cheo de ambigüidades e de aspectos claramente negativos. Eses aspectos negativos son moi rechamantes no relativo aos cambios que o Decreto pode introducir na xestión dos Recursos Humanos, dos Recursos Económicos e nos Sistemas de Avaliación.

Ademais, o momento no que se presenta o borrador de Decreto, de importantes recortes e privatizacións da sanidade pública, e “coa coñecida querenza da actual Administración sanitaria galega polas fórmulas máis contrarias aos intereses da Sanidade Pública e do seu persoal, fai que a nosa desconfianza se reafirme, polo que defendemos manter expresamente a xestión clínica no ámbito de Sanidade Pública”, din.

Fronte ás propostas recollidas no documento, defenden que as áreas de xestión clínica se conformen tendo contando coa opinión do persoal, entendendo que “se se pretende buscar a implicación da xente, hai que tela en conta”.

Demandan a definición dos incentivos e dos procedementos de avaliación conforme a criterios de mellora da saúde da poboación, considerando que o incentivo “debe vir dado polos resultados de saúde acadados e non polo aforro conseguido” e que estes “non poden substituír ningún concepto salarial actual”.

Subliñan que a elección da figura de directora da área debe facerse de xeito transparente e en base a principios de igualdade, mérito e coñecemento e con dedicación exclusiva mentres estea nese posto.

Reclaman a participación, na estrutura directiva da área de xestión clínica, de profesionais representativos de todos os traballadores da área, de todos os grupos profesionais e non só dunha categoría e a avaliación, por parte dos órganos de participación cidadá das áreas de xestión clínica, así como da consecución dos obxectivos, partindo de que “a sociedade ten que participar na xestión clínica”.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto