Noticias Sanidade Pública Outras novas Milleiros de persoas maniféstanse en Ferrol contra a privatización da sanidade pública
 
 

Milleiros de persoas maniféstanse en Ferrol contra a privatización da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma, da que forma parte a CIG, denuncia o "grave deterioro" ao que o goberno do PP está sometendo á sanidade e a falla de compromiso coa comarca.

Milleiros persoas secundaron a manifestación convocada pola Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, da que forma parte a CIG, en contra da privatización da sanidade. A marcha, enmarcada no amplo calendario de mobilizacións que se están a desenvolver por todo o País contra a política privatizadora do goberno do PP, saíu ás doce do mediodía dende a Praza de España e rematou hora e media despois na Praza de Armas, onde se deu lectura ao manifesto da Plataforma.

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Ferrol, integrada por máis de 40 organizacións e colectivos, entre os que se atopa a CIG, acordou convocar a manifestación do domingo, 11 de abril, “diante do grave deterioro ao que se está sometendo á Sanidade Pública, á falla de compromiso que con esta Área que ten a Xunta de Galiza e ante as medidas privatizadoras do Partido Popular respecto da Sanidade Pública”.

A manifestación, na que participaron perto de 10.000 persoas, é un contundente reflexo do descontento e o rexeitamento da cidadanía galega ás medidas privatizadoras que está a adoptar o goberno da Xunta, non só no eido da sanidade, senón en todos aqueles servizos que deberían estar reservados ao ámbito público.

 

O manifesto da Plataforma

 

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública da Área de Ferrolterra, diante do grave deterioro ó que se está sometendo á sanidade pública, asinamos o seguinte Manifesto:

 

NA DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA:

 

Establece a Constitución Española, no seu artigo 41 “Os poderes públicos manterán un réxime público de Seguridade Social para tódolos cidadáns, que garanta a asistencia e prestacións sociais suficientes perante situacións de necesidade”. Di o artigo 43 “Recoñécese o dereito á protección da saúde. Corresponde ós poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública mediante medidas preventivas e as prestacións e servizos necesarios”.

No último ano, estes dereitos están seriamente ameazados pola falla de recursos que, por parte da Xunta de Galicia, se poñen a disposición do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade, facendo que a calidade asistencial se resinta:

Incrementándose continuamente os orzamentos destinados á Sanidade Privada en detrimento da Sanidade Pública, mediante concertos con hospitais privados, podéndose destinar eses recursos ós hospitais públicos.

 

Incremento desorbitado do gasto farmacéutico, que, de seguir na mesma progresión, superará os gastos de persoal e fará que a Sanidade Pública entre en quebra.

A Le Xeral de Sanidade, no seu artigo 3.2 di: “ A asistencia sanitaria pública estenderase a toda a poboación española. O acceso e as prestacións sanitarias realizaranse en condicións de igualdade efectiva”.

A mesma LXS establece no seu artigo 90.1: “As Administracións Públicas Sanitarias, no ámbito das súas respectivas competencias, poderán establecer concertos para a prestación de servizos sanitarios con medios alleos a elas. A eses efectos, as distintas administracións públicas terán en conta, con carácter previo, a utilización óptima dos seus recursos sanitarios propios “.

Unha das demostracións da falla de recursos, tanto materiais como humanos, son as listas de espera que superan en moitas especialidades máis de 18 meses, a pesar das declaracións da Conselleira de Sanidade, dicindo que non hai máis de 90 días de lista de espera. Os usuarios da Sanidade pública saben sobradamente que iso non é verdade.

Por tanto o exposto, acordamos o seguinte:

 

1. Demandar da Xunta de Galicia a adecuación dos orzamentos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal e dimensionamento de cadros de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos, vacacións, etc., que eviten a actual mingua da calidade asistencial.

 

2. Promover a plena utilización de todos os recursos sanitarios públicos da Área de Ferrolterra, dunha maneira coordinada e integrada.

 

3. Revisar os concertos establecidos cos Hospitais Privados, Hospitais Concertados, e Clínicas Privadas, eliminando aqueles que non sexan necesarios.

 

4. Mellorar a xestión do gasto farmacéutico, non reducir en caso ningún a dispensa dos medicamentos necesarios, pero si exercer un mellor control e apostar, sempre que sexa posible, pola subministración de xenéricos

5. Manter o Plan de Mellora da atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, e a extensión de programas e plans de coidados de Enfermería.

 

6. Redución drástica das Listas de Espera en Consultas de atención Especializada, Probas diagnósticas, Cirurxía e procedementos terapéuticos. Control das Listas de Espera no futuro.

 

7. Creación de novas consultas en Atención Especializada, e servizos que non existen actualmente.

 

8. Creación dun Centro de Referencia das Enfermidades Profesionais nesta Área Sanitaria.

 

9. Paliar a escaseza de recursos Sociosanitarios na Comarca, actualmente moi insuficientes, dada as características, da idade da poboación, da nosa Comarca, Integrando o Hospital Xeral Juan Cardona na rede Pública.

 

10. Mantemento dos compromisos económicos mantidos con esta Área Sanitaria para desenvolver o Plan Director do Complexo Hospitalario.

 

11. Compromiso de investimento no ano 2010 na Área Sanitaria dentro do Plano de investimentos en Alta Tecnoloxía.

 

12. Creación dun sistema de alerta sanitaria directamente relacionado coa Atención Primaria, para que o gasto asistencial derivado da asistencia a enfermidades profesionais sexa custeado polas Mutuas e non cargado á Sanidade Pública.

 

13. Garantir a prestación do servizo, nos supostos contemplados pola Lei de Aborto, ás mulleres que o precisen, no Complexo Hospitalario de Ferrol, sen necesidade de que se teñan que desprazar a outros Complexos por mor da obxección de conciencia de tódolos profesionais de Ferrol da materia en cuestión.

 

Vídeo da manifestación e máis imaxes:

Premendo aquí podes ver máis imaxes da manifestación e o vídeo de Ártabra 21 correspondente ao momento da lectura do comunicado final da manifestación, a cargo dun dos voceiros da Plataforma, Miguel López, da Asociación Veciñal de Esteiro.

 

Noticia extraídad de Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto