Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria Anúlanse centos de citas de radioloxía, diálise ou endoscopia polos incumprimentos da adxudicataria de electromedicina
 
 

Anúlanse centos de citas de radioloxía, diálise ou endoscopia polos incumprimentos da adxudicataria de electromedicina

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia que o SERGAS está actuando con “compracencia e pasividade” e exixe o rescate do servizo
.
Ibérica de Mantenimiento, empresa adxudicataria do servizo de electromedicina está a incumprir, segundo a CIG-Saúde, “todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta”, tanto no referido a persoal, como a tempos de resposta. Isto está a provocar que centos de citas sexan anuladas por problemas cos equipos. Ante isto, a CIG-Saúde denuncia a pasividade do SERGAS e exixe o rescate do servizo.
O pasado 20 de xuño adxudicóuselle a Ibérica de Mantenimiento S.A, o servizo de mantemento integral de equipamento electromédico e outro equipamento, por un período de tres anos e catro meses. Este contrato consta de 6 lotes que se corresponden coas Áreas de Xestión Integrada da Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e X.A.P. de Vigo.

na_defensa_dos_servizos_pblicosA CIG-Saúde asegura que a empresa está a incumprir todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta. Respecto do capítulo de persoal, denuncia que dos 91 postos ofertados, a día de hoxe non teñen cuberto o 60%. Respecto dos tempos de resposta sinalan que non se corresponden para nada coa oferta mesmo naquelas situacións críticas; non cobren o servizo as 24 horas; carecen de medios materiais; non teñen ao día a relación de equipos; non cumpren o plan de mantemento preventivo; non hai constancia de que realicen mantementos preventivos técnicos legais; non fan os mantementos correctivos; incumpren os prazos para a substitución de equipos; non teñen a disposición do SERGAS os equipos ofertados para substituír en caso de avaría e non instalaron o sistema informático, como se recolle na oferta.

A CIG-Saúde afirma que desde finais de setembro na maioría dos hospitais, os servizos de radioloxía, endoscopias, diálise e esterilización estanse vendo obrigados a anular centos de citas porque os equipos (mamógrafos, ortopantógrafos, equipos endoscópicos, equipos de raios X) non se están a reparar nin son substituídos nos prazos estabelecidos.

A isto engade que nos hospitais comarcais –Hospital da Costa, Xunqueira, O Barco, Verín, Monforte, Barbanza- non hai presenza de persoal en horario de máxima actividade, véndose afectados os bloques cirúrxicos.

Respecto de Santiago, denuncian que hai graves problemas cos respiradores de UCI e REA e tamén problemas coas camas eléctricas e en canto á Área de Vigo, subliñan que en Atención Primaria hai moitos problemas cos equipos dentais, situación que tamén está obrigando a anular citas.

Na maioría dos hospitais, “é imposíbel, desde os servizos, pórse en contacto coa empresa fóra do horario de mañá para dar avisos de avarías malia o compromiso de presenza as 24 horas”, engaden.

A CIG-Saúde afirma que a falta de control é tal que o SERGAS descoñece a existencia de contratos de mantemento, en vigor, de equipos con terceiras empresas que a adxudicataria do servizo de electromedicina se adxudica como traballos realizados. “Séguense facendo contratos de equipos con terceiras empresas, malia estar xa incluídos no contrato de electromedicina. Pagamos dúas veces polo mesmo servizo. Isto é a realidade dunha situación esperpéntica que está levando á ruína á sanidade pública en beneficio de intereses privados”.

A CIG-Saúde denuncia que o que se fixo foi desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel. “Uns profesionais que coñecían á perfección o estado dos equipos e das instalacións e que agora se están a deteriorar, porque a empresa adxudicataria non fai as reparacións perceptivas argumentando obsolescencia de xeito que se aforra o custe destas reparacións. Isto implica que o SERGAS se verá abocado a repor equipos cuxa vida útil non rematou”.

Para a CIG-Saúde este é un exemplo claro de que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do Partido Popular por privatizar a sanidade pública entregándoa a empresas privadas para facer negocio coa saúde dos cidadáns”.

Por iso reitera a súa denuncia pola “compracencia e pasividade do SERGAS” diante dos incumprimentos reiterados desta empresa e exixe que se rescate este contrato e o devolva á situación anterior”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto