Noticias Outras novas Mobilizacións Satisfacción polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, cifrada nunha media do 80%
 
 

Satisfacción polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, cifrada nunha media do 80%

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde salienta a solidariedade e apoio que as/os traballadoras/es están a recibir das/os doentes
.
A CIG-Saúde considera que a participación do persoal do SERGAS na folga é moi satisfactoria, malia os mínimos decretados pola consellaría, acadándose unha media do 80%. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, salienta o apoio que se está a recibir por parte da poboación nas distintas áreas sanitarias, porque as e os doentes entenden que con esta convocatoria “estase defendendo a sanidade pública e consideran que é mellor perder un día de atención sanitaria que perdela para toda a vida, conscientes de que hoxe o que está en perigo é a supervivencia deste modelo universal, público, gratuíto e de calidade”.

Galería de imaxes

Segundo os datos dos que dispón a CIG-Saúde, a media de seguimento da folga nas distintas áreas sanitarias está no 80%. En todo caso, María Xosé Abuín denuncia que se recibiron presións por parte dalgunhas xerencias para que en lugar de cumprirse os mínimos, tal e como aparece no decreto, se desenvolvera a actividade normal.

En concreto salienta incidencias que obrigaron a contactar co comité de folga en áreas sanitarias como a de Compostela, onde se pretendía que o servizo de radioloxía funcionase ao 100%, ou na de Vigo, onde intentaron que en Laboratorio a actividade fora idéntica á de un día normal.

Xunto a isto destaca a complicidade das persoas usuarias, que manifestan a súa solidariedade co persoal na súa mobilización en defensa da sanidade pública.

Pública, universal, gratuíta e de calidade

Abuín sinala que con esta folga “o que queremos é que o goberno entenda que a sanidade ten que ser universal, gratuíta e de calidade; que se financia cos nosos impostos e que estes son cartos de todas e todos nós entregados ao goberno para que nolos devolva en servizos, non para que faga negocio e entregue a sanidade aos seus amigos para o seu enriquecemento a custo da nosa saúde”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que nos últimos anos se veñen denunciando todas os recortes e medidas impostas polo PP, tanto desde a Xunta de Galiza como desde o goberno central. Entre outras, lembra as recollidas no R.D. 16/2012 no que se perde a universalidade da sanidade pública ao crearse un imposto sobre a enfermidade mediante o estabelecemento de sistemas de repago (medicamentos, próteses, transporte sanitario...). Un decreto que, advirte, “contiña tres carteiras de servizos e do que, polo momento, estas medidas son só consecuencia do desenvolvemento da primeria, a carteira básica”. Por iso alerta de que “este sistema de repago incrementarase cando se desenvolvan as carteiras complementarias, a segunda e a terceira”.

Respecto das privatizacións subliña a que se introduce co contrato de alta tecnoloxía (radioterapia, radioloxía e intervencionismo), e que permite que durante os próximos 8 anos sexa a propia empresa privada seleccionada para xestionar este servizo a que decida onde se renovan os aparellos de alta tecnoloxía, se se centraliza nos grandes complexos deixando á marxe os hospitais comarcais, rachando coa equidade no acceso ou decidindo se parte destas prestacións, no canto de renovalas coa pública se concertan coa privada.

Canto ao deterioro da sanidade pública explica que se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, “fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade”. De feito denuncia que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e “de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal”.

Tamén alerta da introdución de criterios economicistas e de aforro coa implantación das áreas de xestión clínica, porque se impón un modelo co que se pretende transferir ás/aos profesionais a responsabilidade dos recortes, ao se ligaren “os incentivos profesionais ao aforro, no canto de ligalos á saúde, o que é deontoloxicamente inaceptábel”, afirma.

A CIG-Saúde fai un chamamento á poboación para que se sume ás mobilizacións convocadas nas cidades e vilas en defensa dun servizo público esencial, como é o sanitario, e contra os pasos que a Xunta de Galiza está a dar no camiño da súa privatización.

Mobilizacións convocadas para o día 10

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h no centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto