Noticias Sanidade Pública Outras novas Miles de persoas saen á rúa en Galiza en defensa da Sanidade Pública
 
 

Miles de persoas saen á rúa en Galiza en defensa da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Conclúen dúas xornadas de folga contras as políticas privatizadoras e de recortes deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade

.
Miles de persoas saíron ás rúas das cidades e vilas galegas na tarde-noite deste martes para amosar o seu rexeitamento ás políticas sanitarias do PP e en defensa da sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade. As mobilizacións puxeron o colofón a dúas xornadas de folga que foron secundadas masivamente polo persoal contra os recortes nas prestacións, nos servizos e nas condicións laborais. Unha políticas que abren a vía cara o seu progresivo desmantelamento e privatización “para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.

Galería de imaxes

As mobilizacións sucedéronse por toda a xeografía galega, ben como manifestacións, ben como concentracións e ao seu remate procedeuse á lectura dun manifesto no que se denunciou que “os gobernos central e da Xunta están a desmantelar a sanidade pública, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor”.

Para demostralo puxéronse exemplos concretos de medidas que afondan no seu desmantelamento, como as privatizacións de electromedicina, a plataforma loxística, cociñas e lavandarías, mantemento, xestión de raios...; a implantación dos copagamentos de medicamentos, ortopróteses, ambulancias...; os peches de camas, que afectan durante meses a plantas enteiras; a propia Lei de Garantías, que deriva doentes á sanidade privada ao chegar ao límite de prazo de permanencia na lista de espera pagando por anticipado, "outra mostra máis de que só poderá acceder á sanidade quen poida pagala”; a implantación da obrigatoriedade de derivar os casos menos graves de accidentes de tráfico a clínicas privadas; o estabelecemento das áreas de servizo compartido ou a proposta de áreas de Xestión Clínica, que introduce incentivos ligados ao aforro.

Un xogo no que afirmaron “o persoal que traballa no SERGAS non está disposto a participar” e que levou á convocatoria destas dúas xornadas de folga, porque non acepta “cambiar a calidade da sanidade pública por uns incentivos que son pan para hoxe e fame para mañá”.

Xunto a  isto lembraron que o propio persoal do Sergas, como usuario da sanidade pública, sofre os mesmos recortes que afectan ao conxunto da poboación e que esta, ao tempo, se ve afectada tamén polos recortes nas condicións laborais do persoal: redución de salarios, días libres, cobertura de baixas laborais e, sobre todo, a eliminación da contratación de substitucións e da provisión de postos de traballo, que, alertaron “implica menos persoal facendo atención sanitaria, máis carga de traballo, xornadas máis longas, maior estrés laboral e, por conseguinte, menor rendemento e maiores posibilidades de erros, é dicir, menos calidade asistencial”.

Nas mobilizacións tamén denunciaron que Núñez Feijóo leva só 5 anos na Xunta e que “nunca un goberno, en tan pouco tempo, fixo tanto dano á sanidade pública e ás usuarias e usuarios”. Lembraron que até o de agora a calidade foise mantendo grazas aos esforzos de profesionais e doentes, para paliar “os graves ataques que Alberto Núñez Fejóo, Rocío Mosquera e o goberno da Xunta están a perpetrar contra un ben tan prezado” e alertaron de que “non pensan parar”, porque “non teñen outra meta que rematar coa sanidade pública e entregarlla en bandexa a empresas privadas, grandes bancos, fondos de inversión e especuladores que só buscan lucrarse a custo dos noso petos e da nosa saúde”.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto