Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria A voltas coa Xestión Clínica
 
 

A voltas coa Xestión Clínica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Con data 16 de decembro de 2013, a Administración sanitaria remitiu ás organizacións sindicais un novo borrador de proxecto de Xestión Clínica, cun prazo de alegacións até o día 10 de xaneiro de 2014. Desde CIG-SAÚDE lamentamos profundamente a visión que ten esta Administración da negociación e participación das organizacións sindicais. Para esta Administración a negociación e participación das organizacións sindicais redúcese a enviarnos distintos documentos sobre o mesmo tema, abrir prazos de alegacións, e agardar a que as organizacións sindicais enviemos as alegacións (cousa que facemos para iniciar unha negociación de boa fe). Pero despois a Administración non recolle nos seus textos as alegacións enviadas polas organizacións sindicais, e o texto que se nos volve enviar é o mesmo con outro formato no seu articulado. Isto non é negociar de boa fe, simplemente é unha intención de escenificar cara á opinión pública que o decreto de xestión clínica se está a negociar coas organizacións sindicais.

Por iso, desde CIG-SAÚDE ante este novo documento, co mesmo contido normativo que o anterior, só podemos dicir que solicitamos desta Administración a retirada do documento de xestión clínica. Ratificámonos nas nosas alegacións presentadas na mesa sectorial do mes de agosto do 2013, e solicitamos que se inicie unha verdadeira negociación.

cig_globoDesde CIG-SAÚDE entendemos que debe de haber un decreto de xestión clínica, xa que o decreto non é máis que unha norma, e a Admón debe funcionar con normas escritas. Mais este documento que se propón non pretende regular a participación dos/as profesionais, nin traballar mediante protocolos baseados na evidencia, lonxe disto só pretende transferirlle ás/aos profesionais a responsabilidade dos recortes. É difícil entender a xestión clínica como unha responsabilidade exclusiva das/os profesionais para que sexan valorados por la dirección en virtude dos seus resultados económicos. É necesaria unha implicación tanxible desta última como facilitadora (da información e recursos) e que garanta os dereitos das/os cidadáns e das/os profesionais.

Entre outros temas, non podemos compartir que as retribucións das/os traballadoras/es do SERGAS estean vinculadas aos posíbeis aforros. O SERGAS é a única Administración que vincula o gasto sanitario adicado á prestación sanitaria de toda a poboación aos salarios das/os profesionais: maiores prestacións menor salario, máis recortes maior salario.

O novo decreto que se negocie non pode conter “Mecanismos de Incentivación”, retribucións variables financiadas e condicionadas polos indicadores de aforro. No SERGAS, desde o ano 2003, existe un sistema retributivo baseado no recoñecemento do desempeño profesional, o esforzo por realizar un traballo de calidade dun xeito competente, utilizando coñecementos, habilidades, aptitudes e bo xuízo asociado a súa profesión para resolver axeitadamente as situacións xeradas no exercicio profesional. 

            Reiteramos que exiximos:

Ø  A retirada do documento de Xestión Clínica, e o inicio dunha nova negociación.

Ø  Un decreto de xestión clínica baseado en indicadores de saúde e non ligado ao aforro económico.

Ø  A recuperación da carreira profesional para todos/as as/os profesionais baseada na avaliación do desempeño do posto de traballo.

Ø  A creación dun grupo de traballo para abordar con rigor as competencias profesionais de cada colectivo, atendendo ao seu perfil profesional e á titulación requirida.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto