Noticias Outras novas Mobilizacións
 
 

A CIG suspende a folga xeral emprazando o novo goberno a responder as demandas da clase traballadora galega

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Convoca unha xornada nacional de mobilizacións en todas as comarcas para o 19 de xuño “Pola recuperación dos dereitos XA”

A CIG acordou este luns, día 4 de xuño, tras reunir os seus organismos de dirección: Secretariado e Consello Confederal, suspender a folga e chamar para a data prevista, 19 de xuño, a unha xornada nacional de mobilización con manifestacións en todas as comarcas baixo o lema de “Pola recuperación dos dereitos XA”. A central sindical retomará a convocatoria nos próximos meses “se o novo goberno do PSOE e a correlación de forzas que o fixo posíbel non derroga e anula todas as reformas que rouban, saquean, explotan e empobrecen á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego”.

Así o anunciou esta mañá, en rolda de prensa, o secretario xeral, Paulo Carril, lembrando que a central sindical, cando convocou a folga xeral do 19 de xuño, concibiuna como a moción de censura -que outros non facían- da clase traballadora galega fronte á situación de emerxencia nacional, social, política e institucional, para conseguir a recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados so pretexto da crise e demandar a fin dun goberno do PP que, en minoría parlamentar e cheo de corrupción actuaba con total impunidade.

 

O secretario xeral considerou que a caída do goberno do PP a consecuencia da moción de censura “é un primeiro paso que confirma a axeitada análise realizada pola CIG no momento da convocatoria” aínda que matizou que “somos conscientes, porén, de que o PSOE é responsábel e causante de moitas das reformas que padecemos, que xunto ás que aplicou o PP estes anos, lévanos á realidade de que ter un traballo ou unha pensión non nos permite vivir en condicións dignas”.

Por iso afirmou que “coa mesma responsabilidade coa que convocamos a folga xeral, hoxe acordamos suspendela uns meses, á espera de que se produza ese cambio nas políticas e se atenda a nosa táboa reivindicativa” e advertiu que “non imos esperar de brazos cruzados, senón que imos esixir coa mobilización os nosos dereitos, mesmo retomando a convocatoria de folga”.

Neste sentido acreditou en que “a mobilización e a loita da clase traballadora é a que pode conseguir vías alternativas que nos permitan vivir e traballar dignamente na nosa terra” e avanzou que a CIG condiciona a suspensión da folga “a que haxa unha recuperación real dos dereitos nos próximos meses".

Salientou que desde a CIG se apostou duro e con valentía por cambiar esta situación, “con toda a nosa capacidade de acción, pasando á ofensiva coa disposición de impedir que nos rouben tamén o dereito a loitar polas nosas condicións de vida e por un futuro digno” e considerou que “coa nosa loita temos contribuído á caída do goberno do PP, mentres que o resto dos sindicatos mantiñan unha actitude de conformismo e pasividade ou mesmo de colaboración, nalgúns casos, diante desta grave situación”.

 

Xornada nacional de mobilizacións

Por todo isto chamou á xornada nacional de mobilizacións para o vindeiro día 19 de xuño en todas as comarcas para exixir “un cambio inmediato de políticas” entre as que salientou a derrogación das reformas laborais “que nos empobrecen”; conseguir avances reais para as mulleres; defender as pensións públicas; rematar cos abusos da patronal; frear as políticas de recorte contra a xente desempregada; acabar coa privatización de servizos públicos; impedir o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais e conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

XORNADA NACIONAL DE MOBILIZACIÓNS - 19 DE XUÑO

A Coruña: Praza de Vigo, 20h

Cee: Praza 8 de marzo 20h

Ferrol: Praza de España, 20h

Santiago: Praza Roxa, 20h

Pontevedra: Praza da Ferreiría 20h

Vilagarcía: Casa do Mar, 20h

A Estrada: Praza do Mercado, 20h

Vigo: A Doblada, 20h

Ourense: Edificio Sindical (Parque de San Lázaro), 20h

Lugo: Edificio Sindical (Ronda da Muralla), 20h

Burela: Local CIG (Avda. Arcadio Pardiñas), 20h

Monforte: Praza de España, 20h

As Pontes: Praza do Hospital, 19:30h

A Pobra do Caramiñal: Cantón da Leña, 20h

Ver nova completa en Avantar.

8 de marzo Mulleres en FOLGA

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

folga 8 marzo 18

A CIG convoca folga no marco do paro internacional de mulleres que o 8 de marzo secundarán máis de 50 países, para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo, na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.A CIG fai un chamamento a secundar este paro de mulleres para seguir reivindicando neste 8 de Marzo que queda moito por facer pola igualdade e por visualizar a contribución de todas as mulleres ao mundo. Paramos porque non podemos seguir aturando tanta discriminación e violencia. Porque hai que concienciar do traballo que fan as mulleres. Que o noso papel na sociedade non é subsidiario. Que somos a metade de Galiza, a metade do mundo. Imos demostrar que o mundo non xira igual se paramos as mulleres. Sóbrannos razóns para ir á folga.

Paros parciais en cada unha das quendas

PAROS POR QUENDAS DE TRABALLO

* de 00h-02h da madrugada

* de 12h a 14h

* de 19:30h a 21:30h

Rexistramos a convocatoria de paros parciais en cada unha das quendas durante o vindeiro 8 de Marzo, dando cobertura legal a todas as traballadoras galegas de todos os sectores produtivos e de todos os centros de traballo, para participarmos neste día de protesta, reivindicación e mobilización: folga no traballo asalariado, folga de consumo, folga de brazos cruzados nas tarefas de coidado, boicot ás empresas con publicidade ou reclamo sexista, e a mobilizarse canda nós este 8 de Marzo, coas feministas, coas sindicalistas, participando de xeito activo na xornada.

Facemos un chamamento a que, nun momento dado do día, as mulleres deixemos o que estamos a facer e paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos. Visibilizaremos o traballo achegado polas mulleres nun día normal para o seu recoñecemento.

Marcharemos xuntas en mobilización amosando o poder da nosa unidade.

Maís información en Avantar.

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

CIG-Área Pública rexeita os orzamentos estatais "que non garanten nin dereitos nin servizos"

 

Delegadas e delegados da Área Pública da CIG (Federacións de Administración, Ensino e Saúde) realizaron unha concentración este mércores diante da Delegación do Goberno na Coruña, para reafirmar o rexeitamento aos orzamentos estatais que veñen de ser aprobados e que "non contemplan a reposición de dereitos roubados aos empregados/as públicos nin a recuperación do emprego e, pola contra, afondan no desmantelamento dos servizos públicos".

Pero con esta mobilización tamén se quere ratificar a oposición ao "Acordo para a mellora do emprego público" asinado por CCOO, UGT e CSIF en Madrid no ámbito das administracións públicas, cuxa parte dispositiva  non vai máis alá "dun lavado de cara para o Partido Popular", ante o incremento das taxas de precariedade no emprego público e as reiteradas sentenzas xudiciais que cuestionan as taxas de reposición impostas nos últimos anos a través da lexislación básica estatal.

 

Santamariña destacou que este acordo non só non elimina as taxas de reposición (que se manteñen na Lei de Orzamentos do estado para 2017 nun 50% con carácter xeral e no 100% para servizos esenciais), senón que se consolidan "agora co parabén dos sindicatos estatais". A limitación nas taxas de reposición, engadiu, "son a causa principal da extensión da precariedade nas administracións públicas". Unha precariedade da que López Santamariña responsabilizou “á política destrutiva” do PP e que afecta a entre un 30 e un 40% do seu cadro de persoal.

Imposibilidade de crear de novas prazas

Neste senso, explicou que o único que se recolle nese acordo é a posibilidade de incluír nas ofertas de emprego as prazas estruturais vacantes ou con sentenzas de indefinidos non fixos xa existentes nos cadros de persoal, pero non posibilita a creación de novas prazas en ningunha das administracións. "O acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF supón unha renuncia expresa a recuperar todo o emprego público perdido durante estes anos e a incorporar prazas estruturais que permitan recuperar a prestación directa de servizos esenciais que foron privatizados", advertiu Santamariña.

"En realidade, continuou, estes sindicatos estanlle dando un balón de osíxeno aos gobernos para regularizar os cadros de persoal, dotando supostamente de estabilidade aos postos de traballo que na realidade xa están ocupados. Pois o acordo non leva parello dotación económica, nin abre a vía para que se derroguen ou modifiquen os decretos lei que nos impuxeron ao longo destes anos e que impedían dotar as administracións públicas dos recursos humanos que precisan".

Non se recuperan os dereitos roubados.

Xunto a isto, dende a CIG-Área Pública denuncian que ese publicitado acordo tampouco contempla a recuperación dos dereitos laborais suprimidos nin das condicións salariais recortadas, iniciadas polo goberno de Zapatero en 2010 cunha rebaixa do 5% da masa salarial e que seguiron recortando tanto o goberno de Mariano Rajoy como de Feijoo na Xunta de Galiza. "Nada se di no acordo da recuperación do poder adquisitivo (nos Orzamentos estatais só se contempla un incremento do 1% para este ano), nin da recuperación dos fondos de acción social, nin da volta á xornada laboral anterior, nin tampouco da recuperación do complemento do 100% nos casos de IT", censuran.

A este respecto, a voceira da Área Pública da CIG, valorou que o principal interese do goberno español por acadar ese pacto "é solucionar o problema que teñen as administracións públicas coas numerosas sentenzas que declaran a fraude de lei nas contratacións temporais". Unhas resolucións que a xurisprudencia do contencioso administrativo está  estender ao persoal funcionario interino, fixando incluso indemnizacións por despedimentos semellantes aos da xurisdición social, a causa da transposición das directivas da UE.

"Con este acordo, o goberno dálle forma de pacto cos sindicatos ao que en realidade é un imperativo legal para non ter que chegar a pagar indemnizacións", sinalan.

Xestión pública do Plan de Pensións da Administración Xeral

Nun momento no que se está cuestionando a viabilidade do sistema público de pensións e que se prevé que o PP tente meter un novo retallo nas pensións nos vindeiros meses, a CIG volveu demandar que se mude a xestión privada do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado e que pase a ser de xestión pública.

"Que este fondo, que se nutre basicamente coas achegas que se detraen dos incrementos retributivos estabelecidos nos Orzamentos do Estado para o persoal da Administración, estea depositado e sexa de xestión pública, ofrece maiores garantías e ademais, supón que os beneficios da xestión revertan nos ingresos patrimoniais das arcas públicas", explicou Santamariña.

A noticia en Avantar.

A PLATAFORMA SINDICAL ESIXIMOS NEGOCIAR UN CALENDARIO PARA RECUPERAR OS ACORDOS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

foto web peq

ENTendeMOS que se hai mellora económica, como di o PP, tamén ten que repercutir no persoal do Sergas

Delegados e delegadas das organizacións sindicais de Saúde CIG, CCOO, UGT, CSIF, SATSE e SAE concentrámonos este martes, diante do edificio do Sergas en San Lázaro, coincidindo coa entrega de sinaturas recollidas entre o persoal do Servizo galego de Saúde para instar ao conselleiro de Sanidade a convocar a mesa sectorial e negociar un calendario de recuperación dos acordos –retributivos, de condicións de traballo e carreira profesional- suspendidos desde o ano 2009.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou que estes acordos teñen rango de norma xa que foron publicados no DOG e “non poden estar suspendidos indefinidamente por decisión unilateral da administración”, máxime cando noutros ámbitos da administración pública si se están asinando acordos de equiparación salarial.

Para Abuín, se hai recuperación económica, como di o PP, “esta debería permitir recuperar as condicións económicas e laborais de todas as traballadoras e traballadores da administración pública”.

Xunto a isto denunciou que o goberno do PP si que se aplicou esa recuperación económica porque no ano 2012, coa Lei de Medidas, detraeu un 3% do salario dopresidente e dos conselleiros/as e este ano aprobou un incremento do 7,5% para o presidente e un 7% para os conselleiros/as, o que dá un incremento salarial real do 4,5% nun caso e do 4% no outro.

Abuín entende que o que non pode facer o conselleiro de Sanidade é eliminar as competencias da Mesa sectorial, nomeadamente a da negociación. “Levamos moito tempo solicitando que este punto se inclúa na orde do día da mesa, pero a consellaría négase de forma sistemática a abordar esta cuestión”.

O obxectivo das organizacións sindicais con esta mobilización, é desbloquear esta situación, negociar o calendario de recuperación e que no exercicio orzamentario de 2018 xa haxa unha partida destinada á recuperación destes acordos. “Por iso entendemos que este é o momento”.

Endurecemento das mobilizacións

No decurso da concentración anunciaron que continuarán coas mobilizacións e advertiron que se non obteñen resposta do Sergas para sentar a negociar as endurecerán á volta do verán. En todo caso xa teñen convocada unha manifestación para o vindeiro día 14 de xuño en Compostela.

Noticia en Avantar

A CIG chama a mobilizarse, este 10 de Marzo, para derrotar as reformas e recuperar os dereitos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A central convoca protestas en todas as comarcas do país para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega

Con mobilizacións en Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Compostela e Cee conmemorará a CIG o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Unha data reivindicativa na que a central sindical dá continuidade á campaña posta en marcha xa no mes de decembro e que se desenvolverá baixo o lema “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos”.

Mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca mobilizacións en todas as comarcas este 10 de marzo para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega.

-Vigo: manifestación dende o cruce da Dobrada ás 20.00 horas.

-Ferrol: ofrenda floral no monumento 10 de Marzo ás 12.00 horas e manifestación dende o local da CIG (Avenida de Esteiro) ás 20.00 horas.

-Lugo: manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20.00 horas.

-Ourense: manifestación dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior.

-Vilagarcía: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 horas.

-Pontevedra: concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas.

-Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

-A Coruña: manifestación dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19.30 horas até a Praza do Concello.

Nestes últimos anos, os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo. A pobreza hoxe está relacionada co traballo en precariedade.

Principalmente, a reforma laboral do ano 2012 do PP está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en tantos anos de loita. A precariedade hoxe significa as facilidades no despedimento, a contratación temporal, parcial, as ETT... Todo isto permite que as empresas obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos convenios. En definitiva para nós, traballarmos máis e cobrarmos menos. Esta era o obxectivo da reforma laboral do PP.

Hoxe sabemos que o Estado español é o único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%. Contrariamente, no resto da UE os salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%.

A explotación da clase traballadora é máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos as nosas pensións.

Hoxe o PP non ten maioría no Parlamento; por tanto, a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos dependen daqueles que permiten que gobernen. O resultado final dependerá da resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa. Sempre na historia, gañamos os nosos dereitos coa loita.

Así foi tamén en marzo do 72, en que a clase obreira galega nunha situación represiva con centos de persoas detidas e dous traballadores mortos, Amador e Daniel, se enfrontou para gañar un futuro digno, que hoxe volve estar seriamente ameazado.

A noticia en Avantar

8 de marzo, defendemos a igualdade laboral das mulleres, tamén na sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

mncig2pO vindeiro 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller Traballadora. Neste 8 marzo de 2017, e en contra deses discursos falaces da igualdade xa conseguida, os estudos e datos socioeconómicos, como os recollidos no informe presentado a semana pasada pola Secretaría da Muller da CIG, continúan a demostrar que son as mulleres as que sofren en maior medida situacións de precariedade laboral, que, ademais, se viron agravadas coa crise. Hoxe en día, a consecuencia da crise, atopámonos con que tamén o colectivo masculino está a sufrir estas condicións laborais, feito que se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un triunfo das poucas políticas de igualdade existentes, senón o resultado das nefastas consecuencias das reformas laborais e do resto das políticas postas en marcha para saír da crise. Esta non é a igualdade que queríamos as mulleres, a de igualarnos en precariedade.

Tamén no emprego público observamos graves discriminacións para as mulleres. Desde a CIG-Saúde vimos denunciando algunhas delas, que afectan a traballadoras da Sanidade Pública e que poñen de manifesto que en pleno século XXI, e por máis que se nos queira vender o contrario, a igualdade fica inda moi lonxe, cando nin sequera as Administracións Públicas garanten a igualdade no traballo das mulleres con respecto aos homes.

Algúns dos casos de discriminación de mulleres traballadoras que denunciamos nos últimos tempos desde a CIG-Saúde, foron:

  • Caso dunha bolseira que durante a duración da súa bolsa fixo uso do seu permiso maternal. Non foi substituída, e non puido recuperar as horas do permiso porque a bolsa tiña unha data de finalización. Por este motivo, non cumpriu os obxectivos da bolsa.
  • Aspirantes do pacto de contratacións: ademais dos numerosos casos que vimos denunciando nos que polo feito de estar embarazadas a varias mulleres non se lles ofertaron os contratos que lles correspondían polo seu número de orde na lista, cando se produce unha IT por razón de embarazo non se lles reservan os contratos de longa duración, polo que estas mulleres perden a posibilidade dun contrato estábel polo feito de seren nais, e, xa que logo, polo feito de seren mulleres.
  • Mulleres residentes MIR, EIR, PIR, FIR. A formación en residencia ten un número de horas que hai que cumprir para acadar a titulación correspondente. Cando unha muller residente goza do permiso maternal non cumpre esas horas, polo que se retrasa a data na que se formaliza o seu título porque ten que recuperar as horas que non fixo durante o permiso. Obtén o título máis tarde que o resto das persoas que empezan a residencia con ela, polo feito de ser nai.
  • O SERGAS ocultou a existencia dun novo permiso recollido no Texto refundido do EBEP para as mulleres a partir da 37 semana de embarazo. Cando despois da denuncia pública da CIG, as mulleres afectadas piden ese permiso, o SERGAS non paga a Atención Continuada durante a súa duración, polo que durante o descanso maternal, que sucede inmediatamente despois do permiso, tamén se rebaixa o salario que paga o INSS durante o permiso maternal, ao calcularse en base ao salario do mes anterior ao descanso.

Seguiremos denunciando calquera discriminación que sufra a muller polo feito de selo, tamén na Administración sanitaria. Animamos a todas as mulleres a participar nas mobilizacións previstas e nomeadamente na manifestación convocada pola CIG para o día 8 de marzo para as 10:45 horas con saída do estadio de San Lázaro, e que rematará nunha concentración ás 11h, diante da Secretaría xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, que representa a meirande parte das discriminacións que sufrimos as mulleres no mundo do traballo, tras padecer durante 8 anos acoso e terrorismo patronal, coa complicidade e inacción da Xunta de Galiza, ao ser Autos de Calo unha empresa concesionaria do servizo público de transporte.

A CIG chama á mobilización para recuperar dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG chama á mobilización para recuperar dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise

Convoca protestas nas sete cidades e Vilagarcía o mércores e manifestacións en Pontevedra, Vilagarcía e na Estrada o venres

A CIG convoca para o día 15 mobilizacións, en todas as comarcas, pola recuperación dos dereitos perdidos en materia de contratación, xornada, despedimentos, negociación colectiva, prestacións por desemprego, de Seguridade Social e mesmo de liberdades públicas. Unha campaña que se iniciou coa manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións e que ten como obxectivo presionar ao parlamento español para que todas as contrarreformas impostas, fundamentalmente polo PP, so pretexto da crise sexan derrogadas.

Mobilizacións do mércores 15 de febreiro:

-A Coruña:concentración no Obelisco ás 20.00 horas.

-Santiago:manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

-Lugo:concentración na Subdelegación do Goberno ás 20.00 horas.

-Ourense:asemblea de delegadas/os ás 10.00 horas e concentración na Subdelegación do Goberno ás 11.30 horas.

-Pontevedra:asemblea de delegados/as ás 10.00 horas e concentración na Subdelegación do Goberno ás 12.00 horas.

-Vilagarcía:asemblea de delegados/as ás 10.00 horas e concentración na oficina do Inem ás 12.00 horas.

-Vigo:manifestación dende a Dobrada ás 20.00 horas.

-Ferrol:cadea humana dende o INSS ás 11.30 horas.

Mobilizacións do venres 17 de febreiro:

-Pontevedra:dende a Praza da Ferrería ás 20.00 horas.

-Vilagarcía:dende a Casa do Mar ás 20.00 horas.

-A Estrada:dende a Praza do Mercado ás 20.00 horas.

Suso Seixo, secretario xeral da CIG, explica que a central sindical nacionalista acordou pór en marcha esta campaña para aproveitar o cambio de circunstancias políticas, cun Partido Popular gobernando sen maioría absoluta, o que permite que se formulen proxectos de lei dirixidos a derrogar todas esas reformas que se fixeron. “Entendemos que é o momento de presionar ao goberno para que se lexisle no camiño de recuperar estes dereitos perdidos. Sabemos que o goberno, por propia iniciativa, non o vai facer, porque o que fixo até o de agora en materia de política económica e sociolaboral responde ao modelo ideolóxico do PP”.

Para o secretario xeral da CIG é imprescindíbel a mobilización social “para animar aos grupos da cámara da oposición a que se tomen en serio promover proxectos de lei que nos permitan restituír aqueles dereitos que nos recortaron e ir cara un modelo de relacións laborais que sirva realmente para mellorar as nosas condicións de traballo e de vida e non cara o modelo que se camiñou con estas reformas que pretende precisamente precarizar, recortar dereitos e minimizar o poder reivindicativo pola vía de flexibilizar moito máis as condicións laborais, individualizalas e  matar a capacidade de defensa colectiva dos intereses da clase traballadora”.

Pobreza laboral

Seixo denuncia que as consecuencias destas reformas as está vivindo hoxe a clase traballadora moi directamente porque “perdeu poder adquisitivo, condicións laborais e mesmo estabilidade no emprego. Xerou moita máis división dentro da clase traballadora. Está creando unha masa de traballadores/as que se incorporaron ao mercado laboral con bastante peores condicións que as que tiña a xeración anterior”.

Nese sentido alerta de que a figura do asalariado pobre hoxe é unha realidade. “Normalmente a xente que tiña un emprego, tíñao nunhas condicións laborais que lle permitían ter unha vida minimamente digna, dependendo do sector no que traballara mellor ou peor. Pero desde logo iso de asalariado e pobreza, non estaba asociado como comeza a estar agora, sobre todo no caso dos mozos e mozas que se incorporan ao mercado laboral, cunha precariedade absoluta”.

Unha realidade que hai que combater

Para o secretario xeral da CIG o máis grave é que esta nova realidade laboral “vén para quedarse” e que todas as reformas que se fixeron “non tiñan un carácter conxuntural”, para superar a crise económica, se non “vocación de permanencia para que iso sexa o mercado laboral e as relación laborais de futuro”.

Por iso fai un chamamento a enfrontar esta situación e “mobilizarnos para exixir precisamente que se lexisle, agora que o PP está en minoría “para recuperar eses dereitos e crear unas condicións laborais minimamente dignas para a clase traballadora”.

Fuxir da pasividade

Nese chamamento á mobilización, Seixo incide tramén na necesidade de superar a pasividade pensando que os grupos parlamentares da oposición van traballar nese sentido. “Iso é ser moi optimistas porque en teoría hai grupos que se teñen manifestado en contra destas reformas laborais e a favor da súa derrogación, pero de momento non están facendo un grande traballo que nos anime a pensar que iso se vai conseguir de inmediato”. Por iso entende que “a única maneira de chamar a atención e forzar a todos os grupos para que teñan esta cuestión como prioritaria é a da contestación social”.

Do mesmo xeito agarda que as outras organizacións sindicais maioritarias se poñan a traballar no mesmo camiño porque “unha cousa son as grandes declaracións dos seus líderes, mesmo por momentos moi radicalizadas, e outra a súa práctica, porque non están facendo nada. Están mantendo unha actitude pasiva”.

Por iso nese chamamento incluíu a estas organizacións sindicais, entendendo que “aquí hai que intentar acumular forzas e cantos máis saiamos á rúa exixindo a derrogación desas reformas, moito mellor”.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto