Este concurso específico é froito da negociación na mesa sectorial e é o primeiro paso na consolidación das especialidades de enfermaría no SERGAS, que foi impulsada e defendida por CIG-SAÚDE.
Somos a organización sindical que promoveu este sistema de selección para o persoal fixo ao igual que anteriormente se fixera con outras categorías profesionais.
Os postos de traballo de enfermeira/o especialista no SERGAS van ter nivel 23, grazas a que non cesamos ata conseguir este nivel. Non podemos dicir que sexa un nivel alto dentro da Administración pública, como tampouco é o nivel 22 de enfermeira/o, pero nisto seguiremos traballando.
As persoas que accedan á nova praza de especialista van poder solicitar unha excedencia na praza base de enfermeira/o, o que lles vai a permitir que poidan participar noutros procesos dende esa excedencia.
Desexariamos que este concurso servise para reclasificar todas as prazas de enfermeira/o especialista neste ano, mais todo o referente á pediatría: primaria e especializada quedará para o ano 2019.
Este concurso está aberto a outras especialidades: familiar e comunitaria que só estamos a espera de que se celebre a proba extraordinaria de acceso, médico-cirúrxica e xeriatría.
Un bo comezo que pretende garantir a implementación no SERGAS das especialidades de enfermaría e o recoñecemento profesional que o seu persoal se merece.