Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

A consellaría de Sanidade destina 228.600 euros a contratar unha empresa privada para impartir formación ás/aos profesionais do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde denuncia que esta formación xa é impartida pola FEGAS

fegasA CIG-Saúde vén de denunciar que nos orzamentos para 2015 a consellaría de Sanidade destina unha partida de 228.600€ para contratar unha empresa privada que imparta formación continuada a profesionais en “mellora da calidade e seguridade e redución de custos”. Para a CIG-Saúde este gasto está enmarcado na política da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, de detraer dos orzamentos públicos diñeiro para empresas privadas sen xustificación algunha.

A CIG-Saúde explica que até o de agora a formación das e dos profesionais era impartida pola Fundación Pública de Formación Sanitaria (FEGAS) e a formación a usuarios/as a través da Escola de Cidadáns.

Ademais disto, engade que agora a consellaría de Sanidade vai crear a Axencia Galega de Formación e Innovación Sanitaria que “entendiamos que era para mellorar o servizo público e a formación das e dos profesionais –e non só para incrementar o número de directivos designados a dedo- cando, ao final, semella que non vai ser así porque prima o interese por seguir privatizando”, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Neste sentido, a CIG-Saúde lembra que desde a chegada do PP ao goberno da Xunta fóronse reducindo os orzamentos destinados a formación e pregúntase se o obxectivo último, á vista desta nova partida orzamentaria, non sería precisamente a de” ir reducindo a formación desde o sistema público para finalmente derivala a empresas privadas”.

Redución de custos

A CIG-Saúde alerta ademais dos obxectivos concretos desa formación que se pretende impartir desde a empresa privada, nomeadamente no que se refire e “redución de custos”. Neste sentido sinala que até o de agora para o Partido Popular “reducir custos foi e é recortar dereitos e prestacións sanitarias o que vai en detrimento da calidade do sistema público de saúde, castigando ás persoas con menos recursos”.

A nova en Avantar

Orzamentos 2015: máis recortes na asistencia sanitaria, máis perda de postos de traballo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

OUTUBRO 2014, ORZAMENTOS 2015:

RECORTES NA ASISTENCIA SANITARIA, PERDA DE POSTOS DE TRABALLO,

CONXELACIÓN DOS RECORTES RETRIBUTIVOS

EN DEFINITIVA: AUMENTO DA PRECARIEDADE LABORAL E DO SUFRIMENTO DAS PERSOAS ENFERMAS

               

A Xunta de Galiza, como é habitual cada ano, convocou no día de onte ás organizacións sindicais con representación na mesa xeral da Función Pública para transmitirnos, de forma verbal, o CAPÍTULO I, dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2015.

Este Capitulo I recolle as condicións laborais e retributivas das/os traballadoras/es públicas/os onde está incluído o persoal do SERGAS

               orzamentos 2015 E qué di  CAPÍTULO I?

  • Que a Xunta de Galiza vai seguir castigando as/os empregadas/os públicas/os mantendo a conxelación dos recortes. Non é verdade o que din de que nos conxelan os salarios, o que nos conxelan é os recortes.
  • Di a Xunta de Galiza que acordaron devolvernos  a parte devengada da extra que nos quitaron ilegalmente no ano 2012. A quen queren enganar? Estannos a devolver o que gañamos en múltiples sentenzas xudiciais firmes. Agora devólvena en cómodos prazos.
  • A taxa de reposición vai ser do 50% nos servizos públicos esenciais, agás na sanidade. Pois como ben indicou a Sra. Mosquera, Conselleira de Sanidade, no noso sector a taxa de reposición do 50% aplicarase nos centros e categorías profesionais que as necesidades o requiran. Con que criterios se determinan estas necesidades? cos criterios da privatización?
  • Non hai ningún compromiso de estabilidade laboral, nos procesos selectivos convocaranse as prazas que as súas necesidades determinen, non as que demande a asistencia sanitaria. Non van a  convocar OPE  de todas as categorías
  • Unha das partidas orzamentarias máis importantes do SERGAS é a destinada a pagar as privatizacións dos servizos: baixa calidade a un alto prezo. Estas partidas orzamentarias detráense do orzamento xeral, máis cartos para as empresas e menos camas na sanidade pública, máis copagamentos polos servizos sanitarios,  e menos traballadoras/es públicas/os.

Aquí a conxelación dos salarios é superior ao resto do estado: as pagas extras van ser incompletas, imos seguir sen percibir a retribución do complemento específico. Levamos 3 anos percibindo as pagas extras incompletas, mentres o goberno do estado recolle as pagas completas na Lei de orzamentos do Estado.

NON SEXAS CÓMPLICE DO DESMANTELAMENTO DA SANIDADE PÚBLICA

POR UNHAS CONDICIÓNS LABORAIS E SALARIAIS DIGNAS

MOBILÍZATE!

O SERGAS limítase a colgar un protocolo na súa Intranet para informar ao persoal sobre como actuar fronte ao ébola

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia que practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cómo pór ou quitar un traxe, nin sequera no centro de referencia, o Meixoeiro, a onde se remitiu unicamente un vídeo
A CIG-Saúde denuncia que existe unha total falta de formación e adestramento do persoal no que se refire a todo o relacionado co virus do Ébola. “A percepción do persoal é que o único que fixo a Consellería ao respecto foi colgar os protocolos na intranet do SERGAS e cando algún persoal se interesa pola cuestión, remiten a estes protocolos”, afirman.  A isto engade que “sabemos que o papel o aguanta todo, mais por colgar un protocolo na intranet non significa que o persoal estea xa formado. Precísase adestramento ademais de palabras escritas nun papel”.
Logo CIG-Saúde

A CIG-Saúde asegura que practicamente en ningún caso se fixeron simulacros prácticos de cousas tan evidentes como poñer ou sacar o traxe de protección e que o persoal do 061 conseguiu que se lles ofrecera unha xornada técnica “porque presionaron á dirección con non atender estes casos se non se lles formaba ao respecto”. Unha xornada que, en todo caso, aínda non foi impartida.

Sinala que se están facendo pequenas charlas sobre o Ébola nalgúns centros, pero asegura que mesmo entre a charla dun centro e a doutro, “existen informacións contraditorias”.

Denuncia que cando se supón que o Meixoeiro é o centro de referencia en Galiza para casos de Ébola, o persoal deste centro “non foi formado ou adestrado con xornadas prácticas”, e que cando o requiriron, “envióuselles un vídeo sobre cómo colocar o traxe de protección”.

A este respecto, matiza, moitos expertos coinciden en que a operación de poñer e quitar o traxe require de, cando menos, 2 semanas de adestramento por profesionais cualificados/as nun centro adecuado, algo moi lonxe do que está a acontecer. A isto engade que, ademais, tamén está recomendado que no momento  da retirada do traxe haxa dúas persoas con adestramento suficiente, unha axudando nesta tarefa e a outra supervisando e comprobando que se está a facer correctamente.

Asegura que no resto dos centros da rede SERGAS, nomeadamente centros de saúde e PACs, que poden recibir un caso en calquera momento,” non só non se formou e adestrou ao persoal, senón que en moitos casos non se dispón de espazos habilitados para o manexo destes casos”. A este respecto indican, a modo de exemplo que en moitos centros os boxes de urxencias (sexan hospitalarias ou extrahospitalarias) teñen como única separación entre eles e o corredor de acceso unha cortina, e en caso de ter que poñer ou quitar un traxe de protección tería que facerse dentro do propio box ou no corredor por onde está a pasar todo o mundo. “Xa non digamos os centros de saúde, que na súa maioría non dispoñen de ningún habitáculo que poida ser destinado a illar un posíbel caso de ébola”.

A isto engaden que tampouco se sabe qué protocolo van seguir aqueles centros privados que poden ser susceptíbeis de recibir un caso deste tipo, nin se o persoal deses centros vai dispoñer das medidas de protección adecuadas ou do adestramento necesario.

Tamén se descoñece qué indicacións se lle deron ao persoal da limpeza, clave neste tipo de casos, e que, como é ben sabido e a CIG-Saúde denunciou sempre, está privatizado, sendo prestado este servizo por distintas contratas nos distintos centros. “Este persoal debe de ser tamén adestrado convenientemente, cousa que, ata este momento, non se fixo”.

Alertan de que a día de hoxe, en moitos centros aínda non se dispón dos equipamentos de protección necesarios, ou o que se está a enviar como paquete anti-ébola “consta de material de uso diario que para nada responde ao recomendado para casos de protección biolóxica como do que estamos falando.  O que é máis, o material que se está enviando non é nin sequera impermeábel”.

A CIG-Saúde pregúntase “se a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tamén lle vai botar a culpa ao persoal ante un posíbel caso. En vista do ben que se están a facer as cousas, sería algo moi grave, tal e como é o que está a acontecer en Madrid, onde a vítima se converte en culpábel porque o goberno do PP elude responsabilidades”. Lembran as últimas declaracións da Conselleira, nas que incidía en que “o protocolo está colgado a disposición de todo o persoal” e ante isto consideran que “resoan ecos de querer xustificarse despois nisto para non asumir a súa responsabilidade ante calquera situación e dirixir directamente a culpa ao persoal”.

A CIG-Saúde advirte de que nos centros sanitarios galegos traballan moitas persoas, profesionais formados/as e que co seu traballo diario manteñen a flote a Sanidade Pública, suplindo en moitos casos as carencias ás que se ven sometidos/as por mor dos recortes e políticas de desmantelamento e privatización que este goberno ten por norma aplicar. “Calquera persoa que acuda a un centro sanitario galego pode estar segura de que o darán todo para axudar á súa curación. Mais tamén é necesario que se saiba que o están a facer, no que respecta ao Ébola, mais non só, en condicións indignas, e sen a máis mínima seguridade para a súa saúde”.

Desde a CIG-Saúde, e recollendo o sentir do persoal “temos a percepción de que existe unha total e absoluta improvisación no tocante á actuación ante o Ébola. Existe sensación de caos, e así o están a contar desde os distintos centros moito do persoal que alí traballa”.

Manifestan en todo caso a esperanza de que non se dea ningún caso de infección por Ébola na Galiza, mais para o caso en que así fora, “agardamos que desde xa se empece a tomar en serio esta cuestión e se empece a difundir adecuadamente a información e a formar e adestrar convenientemente, con xornadas prácticas, ao persoal da sanidade, que vai expor a súa propia saúde para atendelo e quere facelo cunhas mínimas garantías”.

A nova en Avantar

Ébola: crónica dun caos anunciado

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

meixoeiro_vigoVimos de coñecer a noticia de que unha profesional da sanidade do Hospital Carlos III, onde se atendeu aos dous relixiosos infectados que foron repatriados para acabar morrendo en Madrid, deu positivo nas probas do Ébola. As informacións son variadas e confusas, mais parece ser que esta profesional comezou as súas vacacións xusto o día seguinte de que falecera o dr. García Viejo e que cando comezou con febre non moi alta o pasado día 30 de setembro, comunicouno ao Servizo de Prevención de Riscos, mais non se tomaron medidas de prevención nin foi ingresada ata este luns día 6 de outubro, cando as probas deron positivo a Ébola.

Descoñecemos cómo se estabeleceu o dispositivo e protocolos de atención ao Ébola na comunidade de Madrid, mais na Galiza desde a CIG-Saúde, xa no mes de agosto denunciabamos a improvisación coa que se estaba levando a cabo o procedemento:  o persoal do SERGAS enterouse pola prensa de que se decidira que o Hospital do Meixoeiro sería o centro de referencia para estes casos na Galiza, e tampouco tivo coñecemento do protocolo estabelecido ate despois de ser anunciado á prensa con toda pompa. A día de hoxe, inda que existe un protocolo e pautas de actuación ante un caso sospeitoso desta enfermidade, non se trasladou esta información con amplitude ao persoal nin se adestrou adecuadamente con casos prácticos, malia termos insistido desde a CIG-Saúde para que se forme e se informe correctamente a todo o persoal, nomeadamente ao persoal do Meixoeiro que será o encargado de atender estes casos. Tampouco se está a formar sobre o correcto emprego dos Equipos de Protección Individual para casos deste tipo.

Tamén na Comisión Central de Seguridade e Saúde se falou do tema, actuando a Administración con soberbia e condescendencia, sen decatarse de que estamos a falar dun andazo que, segundo podemos albiscar agora, a mala planificación e a improvisación das autoridades sanitarias veñen de trasladar a Europa. A modo de exemplo, e como caso máis paradigmático, o Comité de Seguridade e Saúde da Área de Vigo non foi convocado previamente ao estabelecemento do protocolo e nomeamento do Meixoeiro como centro de referencia, e só se reuniu cando xa fóra anunciado á prensa, malia as delegadas de prevención da CIG-Saúde solicitalo insistentemente por escrito.

Insistimos en que o SERGAS ten grandes profesionais, formados nos seus respectivos campos, que día a día dano todo para manter a flote a Sanidade Pública malia os costantes ataques que sofre desde os gobernos do PP, mais ante unha patoloxía desta entidade, que precisa duns equipos de protección e unha actuación non habitual no procedemento cotián da sanidade, cómpre máis información e formación, e, por suposto, cómpre unha planificación adecuada feita desde a humildade, que non estamos libres de que se dea na Galiza un caso entre usuarios/as da sanidade ou entre profesionais, como moi ben se acaba de comprobar en Madrid.

Contra a privatización da Sanidade e do persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

vigo_8Esta mañá tivo lugar en Vigo unha concentración convocada pola CIG-Saúde para rexeitar unha vez máis a privatización da Sanidade Pública, nomeadamente o Novo Hospital de Vigo, e para exixir que dunha vez, a Xerencia desta Área explique qué pensa facer co persoal estatutario (fixo, interino, eventual) afectado polas privatizacións, posto que ata agora o único que hai é silencio. Exiximos a marcha atrás do proceso privatizador, que se retome o anterior proxecto do Hospital e que se manteña e incorpore o persoal estatutario necesario para atender á poboación de Vigo. 

Continuamos defendedo a Sanidade Pública contra as políticas privatizadoras do PP! 


vigo_4vigo_7vigo30_4vigo30_14

CIG-Saúde exixe á Consellaría que teña en conta os/as profesionais para estabelecer o protocolo ante posíbeis casos de Ébola

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O persoal do Hospital Meixoeiro coñeceu pola prensa que este era o centro de referencia en Galiza
.
Profesionais, e mesmo mandos intermedios, do Hospital Meixoeiro tiveron coñecemento a través dunha noticia aparecida hoxe nun xornal vigués de que este será o centro de referencia para o tratamento de posíbeis casos de Ébola que xurdan na Galiza, así como que a Consellaría de Sanidade está a preparar un protocolo de actuación ante unha conxuntura deste tipo.

Na noticia en cuestión recollíase mesmo o xeito en que unha persoa con sospeita de estar afectada por este virus sería trasladada a este centro mediante “unha ambulancia ‘especialmente preparada’ e ingresada nunha unidade de enfermidades infecciosas de ‘alta seguridade’”. Unha unidade da que os e as profesionais do Hospital Meixoeiro, segundo explican desde a CIG-Saúde, descoñecen a localización, a dotación de material ou o persoal co que conta.

“De ser certo, como indica esta noticia, que o Meixoeiro é o centro de referencia para esta doenza, e que se está a preparar un protocolo de actuación, non sería o máis lóxico que o persoal que vai atender estes casos tivera coñecemento destas cuestións e participara tamén na elaboración deste protocolo?”, denuncian desde a CIG.

Desde o sindicato nacionalista exixen á Conselleira de Sanidade "que non ande a xogar con este tema, tan sensíbel", e que conte cos/as profesionais implicados para o estabelecemento do protocolo correspondente, xa que son eles e elas quen van ter que aplicalo.

A nova en Avantar

Seguen as mobilizacións en demanda do laboratorio central para o novo hospital de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Traballadores e traballadoras da sanidade concentráronse no Hospital do Meixoeiro

As mobilizacións en demanda da construción dun laboratorio central para o novo hospital de Vigo (que se está a construír en Beade) e contra da privatización continuaron este martes cunha concentración convocada pola Xunta de Persoal diante do Hospital do Meixoeiro.

As e os profesionais sanitarios alertaron novamente que o incremento nos tempos de resposta ao ter que trasladar as mostras 11 quilómetros (até o laboratorio do Meixoeiro) vai repercutir directamente na efectividade dos tratamentos, supondo un medre na hospitalización e unha “maior morbilidade e mortalidade”.

Así mesmo, as e os profesionais do CHUVI denuncian que a ausencia de laboratorio no novo hospital de Vigo responde ás intencións privatizadoras do Partido Popular, que pretende delegar en concesións privadas un servizo centralizado no Hospital do Meixoeiro.

Neste senso, os profesionais de laboratorio lembran que “está calculado que o tempo óptimo de resposta do laboratorio non debe superar os 60 minutos; cando este servizo non funciona correctamente causa danos, como o aumento da mortalidade de até un 60%”.

Explican que a externalización dos laboratorios non produce os resultados axeitados, “polo que a tendencia está a ser dotar os novos centros dun servizo centralizado”. Poñen como exemplo o que sucedeu na sanidade madrileña, onde a mesma empresa que xestionará o laboratorio do Chuvi conseguiu uns resultados “máis que cuestionábeis”.

A ausencia de laboratorio central incrementará a mortalidade no novo hospital de Vigo

SOS Sanidade Pública mobilízase diante do novo hospital vigués para reclamar que sexa dotado dun laboratorio central

A ausencia de laboratorio central incrementará a mortalidade no novo hospital de Vigo

A nova en Avantar

Acampada en Vigo contra o masivo peche de camas no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma Sindical Sanitaria convoca unha manifestación en Vigo para o sábado 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco
.
Representantes das centrais que conforman a Plataforma Sanitaria en Defensa do Sistema Sanitario Público, entre as que se atopa a CIG, compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciaren unha acampada simbólica e manifestación para o próximo 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco, en Vigo. A acción encádrase dentro da campaña contra o peche masivo de camas por parte do SERGAS e os planos de “hospitalización a domicilio”, que alén de degradar a atención a pacientes veñen acompañadas de privatizacións.
2014 06 16 Rolda Plataforma Sanidade Vigo 000

As organizacións convocantes realizan un chamado á cidadanía de Vigo para asistir o próximo sábado a unha mobilización convocada contra a “destrución masiva do sistema sanitario público en beneficio de intereses privados”, e que vén dar continuidade ás numerosas accións realizadas nas últimas semanas contra o masivo peche de camas hospitalarias para o verán. Un proceso que, segundo a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín “provocará un aumento das listaxes de espera, provocando que os e as doentes colapsen os servizos de Urxencias”.

No caso particular de Vigo, alértase de que a situación estival deste ano é premonitoria do que sucederá co futuro hospital da cidade, consolidando unha “importante diminución de camas” que situará a área sanitaria por debaixo da media galega. A situación vén agravada polo peche de quirófanos, que as centrais cifran en 6 no Meixoeiro, 6 no Xeral e 4 no Cíes a respeito do ano anterior.

Ademais, contrapoñen a suposta “diminución da demanda asistencial” alegada pola Xunta coa existencia dunhas listaxes oficiais de espera de máis de 38.000 persoas, que acadarían a cifra de 60.000 contabilizando os que serán atendidos en centros privados. Alén destas derivacións, o SERGAS tenta diminuir as listaxes de espera ofrecendo operacións noutras áreas sanitarias, dándose casos de usuarios/as de Vigo aos que se lle ofreceu seren intervidos en Burela ou Monforte baixo a ameaza, en caso negativo, de pasaren ao final das mesmas. A situación vése agravada ao teren que ser revisadas/os nas súas áreas de orixe, co consecuente “desapego entre prefesionais”.

A “trampa” da hospitalización a domicilio

A secretaria nacional da CIG-Saúde denunciou que o peche de camas vén acompañado dun modelo de “hospitalización a domicilio” que empeora a prestación do servizo. “O único que están a provocar son altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas polas familias”, incrementando cargas “que teñen que soportar na maioría dos casos as mulleres”.

Ademais, a ausencia de programas para enfermos crónicos sumado á diminución de profesionais de atención primaria “fan inviábel a hospitalización a domicilio”, condenando as e os doentes a altas prematuras e a ficaren na casa “sen que ao SERGAS lle importe a calidade asistencial nen a necesidade de coidados que teñen”.

Desemprego en profesionais sanitarios

O proceso de recortes e privatizacións vén acompañado dun incremento no paro sanitario, dándose moitos casos de profesionais que este ano aínda non foron contratados/as, e que nen sequera van ter oportunidade de emprego no verán en base á política de cobertura de vacacións e ao peche de camas. A redución estival na atención primaria impedirá, ademais da xeración de postos, realizar unha asistencia domiciliaria de calidade.

E é que a pesar do maior número de contratos, non existe unha equivalencia no emprego xerado. Deste xeito, dunhas listaxes de enfermaría integradas por 1.500 persoas de media nas diferentes áreas sanitarias, “non están a traballar nen o 20%”. Noutras categorías como a de celadores/as o índice de contratación xa fica por baixo do 2% nalgunhas áreas.

Desde as centrais insístese tamén en que a política de contratación do SERGAS está a xerar unha grande precarización, con contratos de 4 horas ou dun día para milleiros de profesionais.

Dar a batalla pola Sanidade Pública

Desde a CIG-Saúde lémbrase que nestes últimos catro anos de goberno do PP, a Xunta leva recortado máis de 300 millóns de euros na Sanidade Pública. Esta situación podería cobrar tintes dramáticos a partir do ano que vén mediante o recorte do 0,4% do orzamento sanitario estatal que contempla o “plano de estabilidade” apresentado por Rajoy á Comisión Europea.

Fronte un modelo que pretende financiamento público a través dos impostos para unha prestación de servizos privada, que xerará unha “sanidade de primeira e outra de segunda”, a plataforma sindical chama a continuar a dar a batalla. “Hai que loitar contra a fragmentación, os repagamentos e as privatizacións, porque as empresas só pretenden atender aquelas patoloxías que lle resultan rendíbeis”, sinalaron.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto