Noticias Política Sanitaria Novas sobre Política Sanitaria
 
 

Supresión das áreas sanitarias: Dille non aos plans do PP!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

2017-06-19 mani Sanidade 007

 A CIG anima a cidadanía a esixir a retirada do anteproxecto a través do Portal da Transparencia

A Xunta vén de presentar un anteproxecto de modificación da Lei de Saúde que suprime as áreas do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés, afastando así os servizos sanitarios das persoas. Até o 1 de setembro, o documento está aberto a suxestións no Portal da Transparencia. Dende a CIG convidámoste a que lle fagas chegar ao PP o teu rexeitamento a este recorte, esixindo a retirada do anteproxecto e o mantemento das áreas sanitarias.

No ano 2009, coa chegada de Feijóo á Xunta de Galiza, o PP iniciou as tarefas de desmantelamento da sanidade pública. Entre as cuestións incluídas nesa folla de ruta atopábase a de eliminar as áreas sanitarias pequenas e fusionalas con outras para crear “macro-áreas” e poñer á fronte a un/ha super-xerente, centralizando así servizos e afastando a sanidade das zonas máis periféricas.

Naquel momento, a CIG, impulsando con outras organizacións plataformas pola defensa da sanidade pública, deu resposta a este ataque mediante mobilizacións que, nalgunha área, foron históricas. Naceu por aquel entón SOS-Sanidade Pública, para coordinar as mobilizacións das diferentes plataformas e para trasladar a necesidade de mobilización á poboación afectada.

Grazas a esta resposta, o mapa sanitario mantívose tal e como fora creado, aínda que se implantaron as áreas de xestión integrada que, tal e como prevíamos, supuxeron unha merma na calidade da atención sanitaria que se presta en zonas pequenas e afastadas dos centros de decisión, como Valdeorras ou A Mariña.

Hoxe, ano 2017, para rematar esa folla de ruta, o PP presenta o anteproxecto que modifica a Lei de Saúde de Galiza, eliminando de vez as áreas sanitarias de Burela, Monforte, O Barco e O Salnés, e consumando así o crime iniciado entón.

Non podemos consentilo. A receita de Feijoo para atender o avellentamento da poboación e a dispersión xeográfica non pode pasar por afastar os servizos sanitarios das persoas.  A Lei Xeral de Sanidade recolle que as áreas sanitarias se delimitarán tendo en conta factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais, epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías de comunicación. Feijoo e o PP, con este anteproxecto, están a facer xustamente o contrario, só teñen en conta criterios economicistas e de negocio para elaborar o seu mapa sanitario.

O anteproxecto que pretenden aprobar en pleno mes de agosto, precisamente para intentar evitar as mobilizacións, está aberto a suxestións no Portal da Transparencia até o día 1 de setembro.

Dende a CIG convidámoste a que lles fagas chegar as túas suxestións sobre esta modificación, esixindo a retirada do anteproxecto, o mantemento das actuais áreas sanitarias, e mesmo a incorporación doutras áreas necesarias (como Verín, Cee, Barbanza, etc.).

Propoñémosche este texto para remitir. Só tés que premer no enlace, cubrir os datos e pegar este pequeno texto no recadro de suxestión. Que saiban que aínda que o saquen en agosto, este anteproxecto non nos vale!

Proposta de texto para remitir no Portal da Transparencia:

Este anteproxecto é un atentado á sanidade pública. Non se poden eliminar áreas sanitarias, afastando os centros de toma de decisión da poboación. Se o goberno do Partido Popular e a Consellaría de Sanidade pensan que é preciso un novo mapa sanitario, deben abrir a posibilidade de crear un grupo de traballo para debater sosegadamente este tema, baseándose na evidencia, e na procura dunha mellora  da calidade e da asistencia sanitaria, e non só crear superestruturas con super Xerentas/es.

A Consellaría de Sanidade debería utilizar este anteproxecto para vincular as xerencias coas áreas sanitarias, e crear as Áreas de Barbanza, Verín e Cee, para xestionar os centros hospitalarios de forma integrada coa súa primaria. E non para eliminar as actuais áreas sanitarias.

O desmantelamento destas áreas sanitarias é contrario aos principios recollidos na Lei Xeral de Sanidade, que recolle que se crearán as áreas de saúde tendo en conta os factores xeográficos, socioeconómicos, demográficos, laborais epidemiolóxicos, culturais, climatolóxicos e de dotación de vías e medios de comunicación.

Polos motivos expostos, pido a retirada deste anteproxecto.

 

CIG-Saúde pide a retirada do anteproxecto que suprime as áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e o Salnés

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

                     

 

Advirte que reforma presentada pola Consellaría suporá afastar a atención sanitaria da cidadanía e recortar servizos e persoal

Santiago de Compostela, a 3 de agosto de 2017

A CIG-Saúde solicita a retirada inmediata do anteproxecto de Lei presentado onte na mesa sectorial do SERGAS, polo que se suprimen as actuais áreas sanitarias do Barco, A Mariña, Monforte e O Salnés. A central sindical entende que o obxectivo do PP con esta reforma é avanzar nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocar unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultar a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizar a reforma da atención primaria, reducir o número de traballadores/as e precarizar as súas condicións laborais.

Para a CIG-Saúde con esta modificación da Lei de Saúde de Galiza, a Consellaría "está a confundir a xestión integrada, coa modificación do mapa sanitario", xa que se suprimen as actuais áreas sanitarias para crear unhas áreas maiores na súa extensión territorial, afastando deste xeito a resolución dos problemas "da cidadanía e das/os traballadoras/es".

Dificultar a accesibilidade ao sistema

Agora, a planificación sanitaria realízase atendendo as necesidades da poboación, mais con este cambio "a planificación farase en función dos recursos sanitarios existentes, se non hai recursos non hai asistencia", advirte a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín. A este respecto, engade que os grandes hospitais de referencia absorberán a maior parte dos recursos sanitarios e a poboación terá que desprazarse desde o seu domicilio até estes centros, que nalgúns casos están a máis de 100 km.

"Lamentamos que a introdución de sistemas de xestión integrada no Servizo Galego de Saúde non teña como obxectivo a mellora da accesibilidade, a eficiencia e a procura da maior calidade das prestacións sanitarias, baseada na atención e centrada no doente. Pois, con esta medida, a Xunta do PP só pretende dificultar a accesibilidade da poboación ao sistema sanitario público", critica Abuín.              

Pola contra, a CIG aposta por un decreto de xestión integrada que sirva para vincular a xerencia coa área sanitaria, e utilizar o rango de Lei para crear as Áreas de Verín, Barbanza e Cee, e para habilitar eses distritos hospitalarios como ámbitos susceptíbeis de seren xestionados de forma integrada coa súa primaria.

É dicir, densenvolver unha xerencia de área sanitaria próxima, con funcións de identificación de necesidades de saúde, planificación e xestión asistencial, de saúde pública e saúde laboral e socio-sanitaria. Isto posibilitaría un modelo integral "que favoreza o coñecemento dos problemas de saúde da súa zona e, ao mesmo tempo, a eficacia e a continuidade da atención, co lóxico beneficio para os usuarios e usuarias".

Reforzar a atención primaria

Fronte ás bondades que o Goberno galego atribúe a un anteproxecto de lei que supón unha volta á centralización da xestión e recursos da sanidade pública, a CIG-Saúde denuncia o abandono por parte da Consellaría "do maior proxecto pactado para traballar pola continuidade asistencial": o Plan de Mellora da Atención Primaria.

Neste senso, María Xosé Abuín critica que as actuais EOXIs condicionan de xeito negativo o desenvolvemento da atención primaria, xa que perderon autonomía no desenvolvemento dos seus proxectos e quedaron funcionalmente subordinadas ás estratexias de xestión do centro hospitalario de referencia. "A atención primaria precisa de maior impulso para mellorar a súa calidade, a dotación de persoal e recursos, e acadar un correcto funcionamento da súa carteira de servizos, actualmente subdesenvolvida".

Precarización do emprego

Dende CIG-Saúde tamén se teme que o SERGAS pretenda utilizar a reforma da actual da Lei para o traslado forzoso das/os profesionais e para os desprazamento forzoso entre centros, "cun posíbel cambio da normativa e das regras de xogo na mobilidade voluntaria tanto interna (nos actuais centros) como externa (nos concursos de traslados)".

Agardando que sexa do voso interese.

Un cordial saúdo.

               

O Sergas dará cursos a profesionais da saúde en lugar de mellorar a calidade das agullas de insulina

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde considera inadmisible esta resposta ás máis de 400 denuncias presentadas

agulla insulina

 

O pasado mércores día 5 de xullo publicábase no DOG unha resolución do Servizo Galego de Saúde pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a formación das/os profesionais do SERGAS para o manexo das agullas de insulina que se subministran ás persoas con diabetes. A CIG-Saúde considera “inadmisíbel que se responsabilice deste xeito ás/aos profesionais e ás/aos doentes da mala calidade do material”.

Desde hai máis de un ano vense denunciando a mala calidade do material proporcionado ás persoas diabéticas e as consecuencias que o seu uso provoca para as/os doentes. Tal é así, que durante todo este tempo máis de 400 persoas afectadas presentaron denuncias perante a consellaría, as xerencias, a Valedora do Pobo, no Parlamento de Galiza e mesmo diante dos xulgados.

As complicacións derivadas do uso dese material de mala calidade son de sobra coñecidas polas autoridades da Consellaría de Sanidade, ao teren sido reiteradamente evidenciadas tanto polas asociacións de diabéticos/as, como pola Plataforma S.O.S. Sanidade Pública ou a CIG-Saúde.

Porén, no canto de rescindir o contrato coa empresa subministradora o que fixo a consellaría foi renovarlle o contrato a “Productos Sanitarios Gallegos, Prosaga, S.L.” en novembro de 2016 por dous anos máis. “Non satisfeita con esta decisión, agora a consellaría rebota a responsabilidade das complicación provocadas polo uso deste material ás/aos profesionais da sanidade pública e ás/aos doentes insinuando que eses problemas veñen provocados polo uso inadecuado das agullas de insulina”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

En concreto na resolución publicada pola consellaría e asinada polo propio conselleiro de Sanidade afírmase que “esta actividade formativa debe estar enmarcada dentro da formación referida ao uso adecuado das agullas de insulina”.

Diante disto, Abuín asegura que “a mellor evidencia de que as agullas non serven é a denuncia dos profesionais sanitarios, que teñen sobrada formación, coñecemento, actitudes e capacidades no manexo deste material e a denuncia das/os propias/os afectadas/os”.

A CIG-Saúde exixe, como xa vén facendo a propia Plataforma SOS Sanidade Pública –da que a central sindical fai parte-  e as asociacións de persoas diabéticas, a rescisión do contrato coa empresa subministradora, a retirada de todo este material que provoca mçais lesións que beneficios e a súa substitución polo material de calidade que hai no mercado e que non encarece o prezo, tal e como xa fixeron outras comunidades.

Consecuencias para as/os doentes

Os centros de saúde son os que entregan ás e aos doentes diabéticos agullas descartábeis para a administración de insulina mediante plumas precargadas, para a súa auto-inxección. Para que a insulina se absorba correctamente debe inxectarse, preferibelmente, no tecido subcutáneo do abdome, onde se demostrou unha máis rápida absorción, en coxas ou brazos. Polo tanto, unha correcta escolla do tamaño da agulla é fulcral para conseguir un tratamento efectivo e seguro.

No caso do Servizo Galego de Saúde, as agullas para pluma de insulina proporcionadas aos doentes e fornecidas pola empresa Prosaga, S.L. Agullas “presentan constantes problemas de seguridade, con eventos adversos e complicacións diversas”.

Entre outros problemas, non enroscan ben na pluma, o que provoca fugas ou derrame de insulina e polo tanto a administración dunha cantidade inferior á necesaria, con mudanzas no control metabólico, como hiperglucemias ou hipoglucemias.

Nas múltiples denuncias presentadas constátase ademais que as agullas se dobran, causando desgarros ao retirarse do corpo, o que provoca “dor intensa, sangramentos, hematomas, abscesos e inchazo”. E non só iso, as/os doentes teñen denunciado que “parten dentro do corpo, requiríndose en moitas ocasións intervencións cirúrxicas para extraer a agulla”, producen edemas en doentes que, en moitos casos, deben auto-inxectarse insulina dúas ou tres veces ao día. Isto xunto con problemas psicolóxicos, sobre todo en nenos/as con medo a pincharse pola dor.

Ver a noticia en Avantar.

 

A CIG-Saúde considera que a ACIS non aclara as cuestións “opacas” da convocatoria “Código Camiño”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Dirixirase ao Consello de Dirección da consellaría de Sanidade para que explique como foi o proceso de selección

A CIG-Saúde vén de recibir resposta a toda unha serie de cuestións referidas á convocatoria da Axencia Galega do Coñecemento (ACIS) “Código Camiño”. Unha información solicitada logo de recibir motivadas queixas de persoas que concorreron á mesma e denunciaron a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos. “A ACIS non aclara esas cuestións opacas, o que nos obriga a requirir de novo explicacións respecto de como se desenvolveu este proceso”.

En concreto, a CIG-Saúde demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas, os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

Diante do escrito de resposta remitido pola ACIS, María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, manifesta a súa sorpresa no referido ao grupo de expertos que realizou a selección dos candidatos/as. “Está composto, non por persoal do SERGAS de recoñecido prestixio, senón polos directores de área da propia axencia, dos cales só un é médico especialista”.

Para Abuín isto “podería implicar unha certa falta de imparcialidade, xa que na traxectoria do SERGAS e da consellaría de Sanidade cando se fala de expertos refírese a profesionais do sistema e non a persoas con cargos de alta dirección”.

Segundo explica a secretaria nacional da CIG-Saúde, no que respecta aos criterios de selección, a ACIS responde relatando cales foron, pero sen entrar a explicar cal foi a avaliación dos mesmos e tampouco aclara as razóns polas que se acordou ampliar o prazo de presentación de propostas.

Canto á copia das actas, estas non se proporcionan e o único que se recolle na resposta remitida pola axencia é que se tratou nos grupos de traballo do Plan de Innovación Código 100 e que se presentou no Consello de Dirección da consellaría de Sanidade á cal a CIG-Saúde xa anuncia que se dirixirá para recibir toda a información requirida.

A noticia en Avantar

Conferencia de Presidentes, o que vai pedir Feijóo "con toda a humildade"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 DSC0220O vindeiro 17 de xaneiro está convada unha Conferencia de Presidentes, ese "ente" onde se reunen as persoas presidentas das distintas "comunidades autónomas" do estado español xunto co Presidente do Goberno e o rei. Algo así como unha festa que pagamos todas e todos.

O caso é que desde o goberno da Xunta, o Presidente Feijóo e algúns dos seus Conselleiros levan uns días anunciando o que van pedir nesa Conferencia de Presidentes ("con toda a humildade" como expresou o Conselleiro de Política Social). Entre esas peticións anuncian que proporán un pacto sobre demografía, para facer acorde o financiamento para políticas de dependencia e sanidade. Todo moi bonito sobre o papel e de cara á galería, mais... que fai este goberno por mellorar a calidade de vida das persoas dependentes e das súas coidadoras? Que fixo este goberno con respecto á Sanidade Pública senón desmantelala? Piden cambios para mellorar o financiamento da sanidade e depois dedícano a concertos e privatizacións?

Señor Feijóo, se de verdade busca unha Sanidade Pública de calidade, empece por coidar o persoal que presta o servizo e por recuperar todos os postos de traballos perdidos. Só co número de persoal axeitado se pode ofrecer un servizo público de calidade. Así que, ademais de "pedir con toda a humildade" un acordo sobre demografía para mellorar o financiamento para dependencia e sanidade, debería vostede reclamar "con toda a contundencia" a eliminación da taxa de reposición e do seu cómputo desde 2009, para que dunha vez por todas se poidan recuperar as perto de 3000 prazas de persoal público que deixaron de prestar servizos e, polo tanto, afectaron gravemente á asistencia sanitaria que se presta desde a Sanidade Pública.

 

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto