Noticias Outras novas Mobilizacións
 
 

Todas as organizacións sindicais do SERGAS reclaman “máis emprego, de mellor calidade para unha sanidade pública digna”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocan concentracións o día 3 nas áreas sanitarias e manifestación o 10 en Santiago
 
CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de concentracións en todas as áreas sanitarias o día 3 de marzo e unha manifestación en Compostela, o día 10 de marzo, con saída ás 11:00 horas de diante da explanada da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para denunciar a OPE que vén de ser convocada, a eliminación de postos de traballo e a precariedade laboral que se está a dar no SERGAS. Unha política laboral que está afectando á prestación deste servizo público básico por mor da falta de persoal.
16-03-01 SERGASSegundo explicaron, un dos potenciais máis importantes da sanidade pública é o seu persoal. Para ter uns servizos públicos de calidade, precísase persoal cualificado e suficiente. Porén, denunciaron que “o goberno do PP, pola contra, está a facer todo o posíbel para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”.

Lembraron que entre os anos 2010 e 2014 a taxa de reposición foi do 10%, ou sexa, que de cada 10 traballadores/as xubilados/as só se cubría unha praza e que no ano 2015, a taxa de reposición foi do 50% das vacantes producidas ese ano.

Sinalaron que neste ano -2016- a taxa de reposición anunciada é do 100% das vacantes do ano anterior o que, matizaron, non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos. A este respecto subliñaron que “esta taxa de reposición non se está a aplicar sobre todas as prazas vacantes, senón sobre as vacantes que previamente teñen autorización para a súa cobertura”.

A isto engadiron a supresión de postos de traballo do Plan Mellora de Atención Primaria e do Plan Galego de Saúde Mental. Por iso cualificaron como absolutamente insuficiente a OPE anunciada pola consellaría, que só contempla a cobertura de 818 prazas.

Neste sentido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, asegurou que desde 2009 xubiláronse no SERGAS 3.000 traballadores e traballadoras e que coas ofertas de emprego público deste período máis a convocatoria deste ano non se chegan a cubrir nin a metade. Así especificou que na OPE de 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, as citadas 818.

Isto daría un total de 1.539 prazas, que non se achegan, nin de lonxe, ás 3.000 que serían precisas para garantir a necesaria calidade na atención das e dos doentes na sanidade pública.

As organizacións sindicais denunciaron ademais que, en todo caso, como esas prazas son estruturais, o que se están é cubrindo con persoal en condicións sumamente precarias, “contratos lixo de un día, días soltos, de luns a venres…, para prazas que sempre se cubriran con interinidades ou contratos pola causa que motivaba a contratación”.

Diante desta situación chamaron a atención sobre o feito de que Galiza está gastando unha importante cantidade de cartos para formar a profesionais que logo acaban emigrando por falta de emprego ou por mor dunhas condicións laborais absolutamente precarias.

Para solventar esta situación, fronte á convocatoria feita pública polo SERGAS, demandaron unha OPE para todas as categorías co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación.

Advertiron de que a supresión de postos de traballo na sanidade pública “é a ferramenta que utiliza o SERGAS para facilitar a privatización”. Denunciaron que se están destinando os cartos públicos para financiar a sanidade privada, pola vía de derivar doentes en listas de  espera ou de obrigar a aqueles/as que xa non queren agardar máis a recorrer ás clínicas privadas.

A este respecto chamaron a atención sobre a proliferación de seguros sanitarios privados, que se benefician precisamente das deficiencias do sistema público e fixeron un chamamento tanto ás galegas e galegos como ao persoal do SERGAS a mobilizarse para exixir da Xunta de Galiza unha sanidade pública de calidade, que pasa, ao seu entender, por contar co persoal suficiente para atender a demanda sanitaria existente.

A noticia en Avantar

1 de xaneiro: mobilizacións contra a violencia machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

100 7780pCIG-INFORMA

A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este venres 1 de xaneiro, ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato machista dunha muller en Mos, a sétima galega asasinada a mans da súa parella ou exparella, e a décima vítima do machismo en Galiza, dado que nin a parella da muller asasinada en Arbo nin o dobre crime das meniñas de Moraña contabilizan nas estatísticas oficiais. 

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

 

CONCENTRACIÓNS:

Vigo, ás 20 horas no Marco 

A Coruña, ás 20 horas Obelisco.

Compostela, ás 20 horas Praza 8 de marzo/Porta do Camiño.

Ferrol, ás 20 horas Praza do Concello.

Ourense, ás 20 horas, Castañeira (Subdelegación do Goberno).

Unha marcha a pé até o novo hospital de Vigo reivindicará este domingo a xestión 100% pública do centro médico

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A mobilización, que terá carácter lúdico-festivo, partirá de Praza América ás 11.00 horas
 
A Xunta de Persoal do Chuvi organiza para este domingo día 15 unha marcha reivindicativa a pé en defensa da sanidade pública e para rexeitar as privatizacións, os recortes e as medidas de copago que o goberno do PP está a aplicar no novo hospital de Vigo. A mobilización, que terá carácter lúdico-festivo, partirá de Praza América ás 11.00 horas e rematará no Álvaro Cunqueiro.
2015 11 13 MarchaNovoHospitalVigoSanidadePublicaDende a representación dos traballadores/as do Chuvi explican que coa marcha pretenden seguir a reivindicar unha sanidade pública de calidade e amosar o seu rexeitamento ás privatizacións, aos recortes e ás medidas de copago que o goberno do PP está a aplicar no novo hospital de Vigo, para o que reclaman unha xestión 100 pública.

A mobilización terá un carácter lúdico-festivo e non haberá simboloxía das organizacións, só a pancarta da Xunta de Persoal. Os empregados/as da sanidade viguesa chaman ao conxunto da veciñanza a participar na marcha e a reivindicar o seu dereito a unha atención sanitaria de calidade.

A noticia en Avantar

O feminismo galego convoca concentracións nas sete cidades en repulsa á violencia machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As mobilizacións están previstas para as 20.00 horas na Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo
 
A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para os próximos días en repulsa ao asasinato machista dunha muller en Vigo, a segunda galega asasinada en tan só unha semana, a sexta asasinada a mans da súa parella ou exparella, e a novena vítima do machismo en Galiza, dado que nin a parella da muller asasinada en Arbo nin o dobre crime das meniñas de Moraña contabilizan nas estatísticas oficiais.
14-09-09 violencia machista Parlamento 015Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este feminicidio. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

CONCENTRACIÓNS:

  • Hoxe, xoves 29 de outubro: en Vigo, ás 20 horas no Marco.
  • Mañá, venres 30 de outubro: en Lugo, na Praza do Concello, ás 20 horas.
  • Sábado 31 de outubro, ás 20 horas:
    • A Coruña, Obelisco.
    • Compostela, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.
    • Ferrol, Praza do Concello.
    • Ourense, Castañeira (Subdelegación do Goberno).
    • Pontevedra, diante da Audiencia Provincial, R/ Rosalía de Castro.

A CIG convoca mobilizacións contra o TTIP en cidades e vilas galegas o vindeiro sábado día 17 de outubro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos

A CIG convoca para o vindeiro sábado, día 17 de outubro, concentracións contra o TTIP en cidades e vilas galegas coincidindo cunha xornada de mobilizacións en toda Europa na que se agarda que millóns de persoas saian á rúa coa mesma reivindicación: “Nin CETA con Canadá, nin TTIP con Estados Unidos.
15-10-13 TTIP
 

Dous tratados, chamados de “comercio e investimentos”, ameazan moi seriamente as nosas condicións de vida. Un deles xa negociado con Canadá (CETA) e outro aínda en negociacións con Estados Unidos (TTIP), que se unen á longa lista de tratados semellantes que se negocian entre países formando un tecido compacto que ameaza seriamente a democracia e a soberanía en todo o mundo.

Por iso a CIG, coincidindo coa xornada de mobilizacións en toda Europa, ten convocadas concentracións en todas as cidades galegas -agás Vigo, onde a mobilización tivo lugar o pasado día 10 de outubro- para manifestar o rexeitamento a estes tratados.

 

 

 

As horas e lugares previstos para as concentracións son:

A Coruña: 12:00 h diante  Delegación do Goberno

Ferrol:  12:00 h na Praza do Himno

Compostela : 12:00 h na Praza de Galiza

Lugo: 12:00 h na Praza Maior

Ourense: 12:00 h na Subdelegación do Goberno

Pontevedra : 12:00 h na Praza da Peregrina

Vilagarcía : 12:00 h na Praza de Galiza

Todos estes tratados teñen características comúns:

-Non son tratados comerciais aínda que os disfracen así. Os aranceis dos intercambios comerciais entre a Unión Europea, os Estados Unidos e Canadá foron eliminados para a inmensa maioría dos produtos ou, cando existen, son extremadamente reducidos. O obxectivo real é a eliminación de calquera impedimento aos investimentos das empresas transnacionais, suprimindo os controis e as condicións derivados das lexislacións nacionais.

-Son antidemocráticos. Todos eles se negocian secretamente desde hai anos por “técnicos” descoñecidos que só dan contas aos gobernos ou á Comisión Europea. Nin os parlamentos, nin os cidadáns e cidadás coñecen os contidos concretos das negociacións. A Comisión Europea pretende que se aproben definitivamente polo Europarlamento, sen que os Parlamentos nacionais poidan pronunciarse ao respecto.

-Entrarán en vigor con cláusulas secretas. Algunhas addendas, cláusulas e anexos, non poderán ser divulgados ata 10, 15 ou 25 anos despois da súa aprobación e aplicación.

-Reducen a soberanía nacional, supeditándoa aos intereses económicos dos grupos empresariais. Os diferentes estados terán que modificar toda a lexislación nacional que se opoña ou dificulte a actividade das empresas. As empresas poderán demandar xudicialmente os estados se se consideran prexudicadas por algunha lei nacional, pero os Estados non poderán demandar as empresas. As demandas serán resoltas por tribunais privados exentos de aplicar o Dereito nacional e o internacional.

-Desregulamentan as relacións laborais por seren un impedimento para a obtención de beneficios. De igual xeito, revisaranse á baixa as lexislacións de protección da natureza, control de agrotóxicos, seguridade alimentar, produtos médico-farmacéuticos, cultivo de transxénicos, utilización de hormonas na alimentación animal...

-A privatización será practicamente total. Todas as actividades industriais , comerciais e de servizos entran no catálogo de actividades a privatizar. Só tres excepcións: control de fronteiras, control do espazo aéreo e aparello xudicial.

Galiza terá terá moito máis limitada a súa capacidade de intervención na economía e na sociedade, agravando aínda máis a nosa dependencia de Madrid e Bruxelas.

A noticia en Avantar

Máis do 90% do persoal da área sanitaria de Vigo secunda a folga contra a privatización da sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Traballadores/as, pacientes e usuarios/as mobilizáronse no novo hospital para esixir o arranxo das deficiencias e a xestión pública do centro

A Xunta de Persoal do Chuvi valora moi positivamente o seguimento masivo rexistrado durante o día de folga convocado hoxe na área sanitaria viguesa para rexeitar a política de privatizacións do Goberno galego e sitúan nun 90% o apoio por parte dos empregados/as. Traballadores/as, pacientes e usuarios/as aproveitaron a xornada de paro para mobilizarse no novo hospital da cidade e esixiron o arranxo das deficiencias e que a xestión do centro médico sexa 100% pública.
2015 10 13 ManifaFolgaSanidadeVigo01
 

Galería de imaxes

A xornada de paro comezou ben cedo para o comité de folga, xa que unha hora antes do inicio, fixado para as 8.00 horas, percorreron  os hospitais Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro para valorar cal ía ser o seguimento. “Tanto nas plantas como nas consultas e nos quirófanos atopámonos coa predisposición total dos traballadores/as a participar na folga, o que se foi concretando ao longo do día”, explica o secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel G. Moreira.

De feito, dende a Xunta de Persoal valoran moi positivamente o seguimento masivo que tivo a convocatoria, que cifraron en máis dun 90% de media. De feito, das 20 intervencións cirúrxicas previstas tan só se realizaron seis, e algúns servizos, como laboratorio, anatomía patolóxica ou rehabilitación ficaron inactivos, mentres que otros, como hospitalización ou os quirófanos funcionan co 10% do persoal. “Con todo, non se suspendeu ningunha operación que fose urxente”, precisa Moreira, ao tempo que critica que a dirección planificase consultas e operacións a pesar da folga. Ao mesmo tempo, censurou uns servizos mínimos “altísimos”, xa que nalgunhas áreas eran maiores que nun día normal.

En canto aos motivos da convocatoria, o representante sindical incidiu en que o principal é denunciar a situación na que se atopa a sanidade pública viguesa por culpa da política de privatizacións da Xunta. “Proba disto é o que está a acontecer no novo hospital, que é un centro privatizado e con servizos recortados que foi pensado como unha unidade de negocio para a empresa concesionaria”.

Neste senso, considera que esta situación non se soluciona cun cambio de conselleira, xa que o que teñen que mudar son as políticas. “Con esta folga queremos esixir tamén a recuperación do 100% do hospital para a xestión pública e que sexa dotado de todos os servizos que agora non ten”.

Moreira lamenta que a Xerencia da EOXI de Vigo siga sen aportar solucións ás numerosas deficiencias detectadas dende a posta en marcha do hospital e continúe negándose a sentarse para facer unha avaliación real do estado do centro, xa que existen problemas tanto a nivel estrutural como de organización do traballo.

Así, aposta por que as mobilizacións continúen até lograr que haxa unha dirección que aposte pola sanidade pública “e que veñan aquí a reunirse cos representantes dos traballadores/as as persoas que poidan decidir, e non intemediarios/as, xa que queremos negociar con quen teña capacidade de decisión para conseguir dunha vez rescatar o hospital para a xestión pública”. 

Concentracións e manifestación

Durante a xornada de folga, que se prolongou entre as 8.00 e s 20.00 horas, persoal, usuarios/as e pacientes aproveitaron para desenvolver distintas mobilizacións. A primeira delas tivo lugar ás 12.00 horas tanto no interior como no exterior do Álvaro Cunqueiro e chegou até a mesma porta da Xerencia, onde se reclamou a dimisión do responsábel e se berraron consignas como “A privatización é corrupción” e “Queremos un hospital e non un centro comercial”.

Xa pola tarde, centos de persoas participaron na manifestación que partiu dende as portas do centro médico e percorreu un tramo da Avenida Clara Campoamor. A protesta incluíu un corte de tráfico na zona.

Coincidindo co paro, as distintas Xuntas de Persoal das áreas sanitarias galegas e a plataforma Sos Sanidade Pública convocaron concentracións de apoio en todos os hospitais do país.

A noticia en Avantar

Concentracións contra a violencia machista. Non ao feminicidio!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A  CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego este mércores 7 de outubro ás 20 horas

O feminismo galego convoca concentracións en todo o país en repulsa ao asasinato machista coñecido no día de onte en Vigo.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista, esiximos responsabilidades, e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS MAÑÁ MÉRCORES, 7 DE OUTUBRO:

A CORUÑA, Obelisco, ás 20 horas,

FERROL, Praza do Concello, ás 20 horas,

OURENSE, Subdelegación, ás 20 horas

PONTEVEDRA, diante da Audiencia Provincial, ás 20 horas

COMPOSTELA, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas

VIGO, no Marco, ás 20 horas

LUGO, diante do Concello, ás 20 horas

BARBANZA, Praza Castelao, ás 20 horas

QUERÉMONOS VIVAS! PAREMOS O FEMINICIDIO!

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto