Noticias Outras novas Mobilizacións
 
 

Mobilizacións hoxe contra a reforma da Lei do Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A Secretaría da Muller rexeita a modificación da lei do aborto que desposúe do dereito a decidir ás menores

Fai un chamamento a mobilizarse o día 28 de setembro, Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto
 
O pasado martes 22 de setembro publicouse a Lei Orgánica 11/2015, de 21 de setembro, para reforzar a protección das menores e mulleres con capacidade modificada xudicialmente na interrupción voluntaria do embarazo. Pese ao recollido no enunciado, o texto non recolle medida algunha dirixida a protexer ás mulleres, tan só suprime o artigo referido á potestade das menores de 16 e 17 anos e aquelas maiores de idade mais incapacitadas legalmente, de xeito que non teñan potestade para decidir interromper o seu embarazo, obrigándoas a ter o consentimento paterno/materno ou do titor/a legal.

Para a Secretaría Confederal das Mulleres da CIG o Partido Popular apurou os prazos para que entre en vigor unha norma, dirixida a contentar a un sector do electorado molesto por renunciar á derrogación da lei que permite interromper voluntariamente o embarazo, facendo así concesións á ultradereita e á xerarquía da igrexa, ás portas dunhas eleccións xerais, na contra dos dereitos sociais, sexuais e reprodutivos das mulleres.

Neste senso, a Secretaria de Muller da CIG lembra que non deixa de ser curioso que se desposúa ás mozas da capacidade de decidir sobre os seus corpos, que se lles suprima a posibilidade de que poidan prestar o consentimento a que lles practiquen un aborto, cando non o requiren do consentimento de nais e pais para outro tipo de situacións:

• Poden manter relacións sexuais a partires dos 13 anos.

• Teñen responsabilidade penal desde os 14 anos.

• Poden facer testamento desde os 14 anos.

• Poden contraer matrimonio se están emancipadas desde os 14 anos (con dispensa do/a xuíz/a).

• Deciden se queren someterse a operacións cirúrxicas e a tratamentos médicos ou farmacolóxicos agresivos a partires dos 16 anos.

• Poden traballar a partires dos 16 anos.

• Poden mercar fármacos sen receita a partires dos 16 anos (e tamén a pílula poscoital).

Así, ás portas da conmemoración o 28 de setembro do Día de Acción Global por un aborto legal seguro e gratuíto, desde a Secretaría das Mulleres denuncian que en pleno século XXI ás mulleres prívasenos dun dereito fundamental, que é o de decidir sobre os nosos corpos, a nosa sexualidade, e a nosa maternidade. O mero feito de primar a decisión doutros, ben sexa o estado, a igrexa, os tribunais, a parella, o pai ou a nai, o persoal médico, é un feito que amosa por si mesmo que ás mulleres se nos exclúe do dereito que como cidadás temos, dereitos humanos universais que son o dereito da sexualidade, a reprodución e do corpo.

As mulleres da CIG exiximos o noso dereito a tomar decisións autónomas e informadas, a acceder aos medios e métodos que aseguren a nosa saúde sexual e reprodutiva. So nós ás que nos compete elixir a nosa orientación e actividade sexual, sobre o número de fillas e fillos a ter e o seu intervalo. E temos dereito a non sufrir violencia ni tratos inhumanos ou degradantes no ámbito sexual e reprodutivo.

Denunciamos un sistema patriarcal que segue empeñado en relegar ao espazo privado a sexualidade e a reprodución, e a imposibilitar unha educación sexual temperá, ausente de roles de xénero e de estereotipos moralistas, sempre dirixida á heterosexualidade, ás persoas que manteñen relacións estábeis, sen ter en conta a diversidade.  Cando debería inculcar durante os anos formativos unha conduta sexual responsábel, sensibilidade e equidade nas relacións entre os sexos.

O marco xurídico e político a nivel internacional recoñece que os dereitos sexuais e reprodutivos son dereitos humanos que os poderes públicos teñen a obriga de recoñecer, promover e garantir, tal e como recolle a actual Lei Orgánica 2/2010, de 3 de marzo, de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo, aínda vixente pese aos intentos do PP de derrogala, a cal ademais  introduciu un cambio fundamental para as mulleres, ao ficar a  interrupción voluntaria do embarazo fóra do Código Penal.

O goberno do Partido Popular pretende coartar os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres. En Galiza boicoteou a posta en marcha da Lei do aborto, reforzando a entidades antiabortistas e ultradereitistas mentres acometeu un recorte sen precedentes en materia de igualdade e servizos públicos e de atención ás mulleres.

O desmantelamento do sistema sanitario público (recortes, copagamentos, privatizacións) repercute dobremente nas mulleres, prexudicadas tanto nas medidas aplicadas con carácter xenérico a todas as persoas usuarias, como pola cancelación de programas concretos dirixidos ás mulleres, que mellorarían a súa calidade de vida.

Intentaron  criminalizar a interrupción voluntaria do embarazo e reducir o acceso a métodos anticonceptivos e a servizos de educación e saúde sexual e reprodutiva. Porque para o Partido Popular prima o dereito a decidir do estado, da igrexa, do persoal médico ao da propia muller embarazada. Non só supón un ataque frontal á saúde sexual e reprodutiva das mulleres, senón sobre o seu dereito a tomar decisións libres e autónomas sobre ás súas vidas e corpos.

Neste 28 de setembro, a Secretaría da Muller demanda da Xunta de Galiza:

- Que poña en marcha as medidas que sexan precisas para garantir que en toda a rede pública sanitaria galega realicen interrupcións voluntarias do embarazo

- Que a información que reciban as mulleres previa á manifestación do seu consentimento non proveña dunha entidade antiabortista como Red Madre, senón dos propios servizos de saúde

- Que se humanice, dote de medios e garanta un parto respectado na sanidade pública, así como o acceso ás técnicas de reprodución asistida ás que desexen ser nais (con independencia de se teñen parella ou da súa orientación sexual) na rede pública de saúde.

- Rematar coa obxección de  conciencia na Sanidade Pública.

- A educación sexual e reprodutiva, que teña en conta a diversidade afectivo/sexual, debe  formar parte do currículo académico desde o ensino medio.

- Realizar periodicamente campañas formativas e informativas sobre métodos anticonceptivos nos centros de ensino superior e universitario.

- Que poña fin ao desmantelamento dos COF (Centros de Orientación Familiar) de Galiza, mantendo os centros, reforzando o seu persoal, xunto co desenvolvemento do Programa de Saúde da Muller en Galiza.

- Que restitúa o dereito das mozas a elixir se queren interromper o seu embarazo, xa que só a elas lles compete esta decisión.

O feminismo galego seguirá respondendo ás agresións “procedentes de quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos”. Por iso desde a  central sindical fan un chamamento a toda a cidadanía galega a tomar as rúas o vindeiro luns 28 de setembro, Día de Acción Global por un Aborto Legal, Seguro e Gratuíto, participando nas mobilizacións convocadas en distintas comarcas do país pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a central sindical forma parte.

PARTICIPA NAS MOBILIZACIÓNS.

Compostela: Ás 20 horas na Porta do Camiño (Praza 8 de marzo)

Ferrol: Ás 20 horas  diante do Concello

A Coruña: Ás 20 horas horas diante do Teatro Rosalía de Castro

Lugo: Ás 20 horas diante do Concello

Vigo: Ás 20 horas na Farola de Urzáiz

Ourense: Ás 20 horas na Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Ás 20 horas no Pazo da cultura

A noticia en Avantar

A CIG chama a participar nas concentracións convocadas para o 8 de setembro contra a violencia machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Ás 20 na Coruña, Compostela, Ferrol, Vigo, Ourense e Pontevedra en repulsa ao asasinato dunha muller na cidade olívica
A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este martes, 8 de setembro, ás 20 horas, en repulsa ao asasinato machista dunha muller en Vigo, a quinta vítima da violencia machista no que vai de ano en Galiza.
14-11-25 ConcentracionACorunha.jpg

Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña, Lugo ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Vigo e Ourense, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocamos concentracións en repulsa ao asasinato machista dunha muller na cidade de Vigo, ocorrido na tarde do domingo.

Estamos ante a quinta vítima oficial en Galiza, logo dos asasinatos de Isabel Fuentes no hospital de Ourense, de Beatriz Rodríguez Mariño e a súa parella en Arbo (aínda que este último non contabiliza nas estatísticas oficiais, como tampouco o fai o crime aínda sen resolver da muller asasinada preto do Seminario en Ourense), e as dúas meniñas asasinadas en Moraña o pasado mes polo seu pai.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

Lugares e horas das concentracións do 8 de setembro:

- A Coruña, Obelisco, ás 20 horas.

- Ferrol, Praza do Concello, ás 20 horas.

- Ourense, Subdelegación, ás 20 horas.

- Pontevedra, Praza 8 de marzo, ás 20 horas.

- Compostela, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas.

- Vigo, no Marco, ás 20 horas.

Ducias de miles de persoas exixen na manifestación de onte en Vigo dimisións pola privatización da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ducias de miles de persoas toman Vigo nunha histórica marcha contra os recortes no novo hospital e pola sanidade pública

Durante a manifestación, convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio de SOS Sanidade, reclamouse a dimisión da conselleira


Ducias de milleiros de persoas -unhas 200.000 segundo datos da organización e da Policía Local- colapsaron hoxe o centro de Vigo nunha histórica manifestación convocada pola Xunta de Persoal do Chuvi co apoio da plataforma SOS Sanidade Pública -da que fai parte a CIG- para rexeitar os recortes no novo hospital da cidade e en defensa da sanidade pública ante a política de privatizacións da Xunta do PP. Durante o percorrido, que rematou na Porta do Sol cando a cola da marcha aínda non arrincara do hospital Xeral, reclamouse a berros a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da área sanitaria.

Milleiros de veciños/as de Vigo e das comarcas da contorna secundaron o chamamento feito polos profesionais da sanidade pública e botáronse masivamente á rúa para rexeitar os recortes introducidos no proxecto do novo hospital cidade -bautizado como Álvaro Cunqueiro- e en defensa da área sanitaria ante as privatizacións que está a acometer o Goberno que preside Núñez Feijóo.

A manifestación, unha das máis multitudinarias da historia viguesa, arrincou media hora antes do horario previsto (as 20.00 horas) para evitar o colapso das rúas adxacentes ao hospital Xeral e deste xeito facer posíbel o tránsito dos participantes. Con todo, milleiros de persoas non puideron chegar até a Porta do Sol, lugar onde rematou a marcha coa lectura dun manifesto a cargo do xornalista Xabier Fortes e do músico Eladio Santos. O acto pechouse coa interpretación do himno galego dúas horas despois a pesar de que a cola da manifestación aínda se atopaba cando menos a un quilómetro de distancia.

Durante o percorrido, que foi amenizado por grupos de gaiteiros/as, os berros máis escoitados reclamaban a dimisión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e do xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, e rexeitaban a privatización do novo hospital e da área sanitaria. “A privatización é corrupción” ou “O Álvaro Cunqueiro é unha estafa” foron as consignas máis coreadas polos asistentes, que nalgúns casos portaban tamén pancartas alusivas aos problemas detectados nos últimos días no centro médico, como a aparición de ratos ou a escaseza de material. O aparcamento de pago foi outra das cuestións que máis rexeitamento provocou entre a multitude.

Recuperar o hospital para a sanidade pública

O propio manifesto ao que se deu lectura ao remate da mobilización -na que participou o secretario xeral da CIG e a secretaria nacional da federación de Saúde- recollía as principais eivas detectadas polos profesionais tras a posta en marcha do centro: teitos que se desprenden, fugas de auga, consultas pequenas, instalacións nos adaptadas ao traballo a realizar, áreas de illamento que non cumpren as condicións mínimas, ausencia de material para garantir a seguridade e a capacidade de resposta diante de emerxencias, comidas frías, escasas ou ausentes, auga da billa do baño ou se non comprada a un euro, etc.

As críticas ao modelo utilizado pola Xunta para construír e xestionar o centro tamén ocupou unha parte importante do discurso final, xa que a Consellería de Sanidade adxudicou un contrato de 1300 millóns de euros á empresa concesionaria para proxectar, construír e explotar os servizos do novo hospital mentres que a construción do hospital público custaba 400 millóns. Ademais, segundo o departamento autonómico, o centro recentemente estreado tería 1465 camas, que engadidas ás 422 do Meixoeiro e as 117 do Nicolás Peña farían un total de 2004 camas. Mais a realidade é ben distinta, xa que o novo hospital abre con 845 camas, no Meixoeiro redúcense a 347 e no Nicolás Peña a 68, polo que disporemos 1260 camas, o que supón 744 menos das prometidas e anunciadas.

“A sociedade galega seguirá a se mobilizar até recuperar unha sanidade pública universal e de calidade. Temos que recuperar o novo hospital de Vigo para a sanidade pública, temos que recuperalo para convertelo no noso hospital, onde os traballadores/as desenvolvamos o noso labor con dignidade e as persoas poidan acudir sen prezos abusivos por aparcamentos ou servizos e reciban a atención sanitaria digna e de calidade que merecen”, remataba un manifesto que foi moi aplaudido por todos/as os presentes.

Galería de imaxes da mobilización

Vídeo valoración da manifestación

Vídeo time-lapse da manifestación

A noticia en Avantar

A CIG chama a participar o 25 de Xullo na marcha unitaria en Santiago e nos actos para conmemorar o Día da Patria Galega

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Por una Galiza ceibe e sen explotación!
 
Un ano máis, a Confederación Intersindical Galega (CIG) chama a todos/as os/as seus afiliados/as e simpatizantes a participar de xeito activo nos actos que se celebran o 25 de Xullo por todo o país para conmemorar o Día da Patria Galega, así como na manifestación unitaria que percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o sábado baixo o lema 'A nación galega'.

Na central entenden que a conmemoración do Día da Patria Galega é un bo momento para que a clase obreira do noso país poida deixar claro o seu máis enérxico rexeitamento ás políticas económicas e sociais da dereita española e da súa sucursal na Xunta de Galiza, o PP.

Unhas políticas que afondan no desmantelamento dos principais sectores produtivos do noso país, condenan a milleiros de mozos/as á emigración e degradan os dereitos laborais e sociais dos traballadores/as: baixadas salariais, precariedade, xornadas abusivas, etc.

Entenden tamén que o actual marco xurídico é insuficiente tanto para garantir os dereitos nacionais de Galiza como para defender os nosos dereitos como clase traballadora, polo que é necesario mobilizarse para reivindicar un autogoberno sustentado na autodeterminación e na soberanía nacional de cara á mellor defensa dos intereses da clase obreira galega.

Por todo isto, animan a afiliación a apoiar coa súa presenza as mobilizacións e os distintos actos que se convoquen ao longo do país no contexto do Día da Patria Galega para reivindicar a soberanía nacional, a xustiza social e a solidariedade.

A noticia en Avantar.

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego en repulsa polo novo asesinato machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Terán lugar hoxe luns, día 6 de xullo, ás 20:00 horas en A Coruña, Ferrol, Ourense, Compostela e Vigo
 
Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela; na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao dobre crime machista de Beatriz Rodríguez Mariño e Sergio Rodríguez Fernández, en Arbo. Mobilizacións ás que a CIG chama a participar e que terán lugar ás 20:00 h deste luns 6 de xullo.

A Confederación Intersindical Galega únese ao rexeitamento da violencia machista, exixe responsabilidades a algúns medios de comunicación por invisibilizar e silenciar o terrorismo machista, empregando termos impropios como "crime pasional" e fai un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega para que participe activamente nas mobilizacións convocadas. “Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta”. 

 

LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS LUNS 6 DE XULLO:

A CORUÑA, Obelisco, ás 20 horas

FERROL, Praza do Concello, ás 20 horas

OURENSE, Subdelegación, ás 20 horas

COMPOSTELA, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas

VIGO, no Marco, ás 20 horas

-A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto