Noticias Outras novas Mobilizacións
 
 

Persoal sanitario e doentes mobilízanse contra o peche de máis de 1.200 camas e o desmantelamento da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde convocou concentracións este mércores nas distintas áreas sanitarias
Traballadores e traballadoras das distintas áreas sanitarias de Galiza mobilizáronse este mércores para denunciar o peche de máis de 1.200 camas durante o verán, o peche de quirófanos e a paralización da actividade, mentres se deriva ás e os doentes á sanidade privada. Nas concentracións, convocadas pola CIG-Saúde, ás que se sumaron tamén usuarios e usuarias, denunciouse ademais a destrución de emprego público e a precarización das condicións laborais que estas políticas de desmantelamento da sanidade pública están a  provocar no sector.

Galería de imaxes

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na concentración  convocada na área sanitaria de Compostela, puxo en cuestión a decisión de pechar e bloquear camas nos centros hospitalarios durante o período estival. Denunciou  os argumentos  da conselleira de Sanidade, que responsabilizou ao persoal desta medida por mor das súas vacacións, e desmentiu a suposta non dispoñibilidade de profesionais coa que tratou de xustifica o peche de camas.

“Só hai que mirar as listaxes de contratación do SERGAS para ver que temos máis de 7.000 enfermeiros/as, máis de 5000 celadores/as e outros tantos auxiliares de enfermería”, dixo e engadiu “estes traballadores e traballadoras aspirantes a ser contratados polo SERGAS só están traballando nun 22%, nun 15% ou nun 3%”.

En todo caso matizou que a única categoría profesional na que di a  consellaría que hai escaseza é en Anestesistas. Por iso entendeu que faltando só destes profesionais “non ten sentido que pechen Medicina Interna, Neumoloxía, Saúde Mental, Xinecoloxía, porque pechan camas que non ten ningunha relación con isto”.

Desmantelamento da sanidade pública

Por iso considerou que detrás desta medida agóchase  a pretensión de desmantelar a sanidade pública, desprestixiar ás e aos profesionais que nela traballan e intentar derivar doentes á privada.

Neste sentido lembrou a recente publicación da Lei de Garantías, que contempla uns prazos máximos de atención de 60 días para cirurxía e 45 para probas diagnósticas. “O que están a  facer é pór todas as trabas para que eses prazos máximos non se poidan cumprir dentro da sanidade pública” asegurou.

Ao entender de Abuín o obxectivo desta lei e dos recortes é derivar á sanidade privada ás e os doentes, porque contempla que se a sanidade pública non pode garantir os prazos a persoa pode ser atendida na privada. Con todo, considerando isto grave, manifestou a súa especial preo 15-06-10 ConcentracionHospitalCosta5 cupación por crear un sistema sanitario de clases. “A lei tamén contempla a posibilidade de que a/o doente, se dispón de recursos económicos suficientes pode ir á sanidade privada e pagar do seu peto esas probas, que logo o SERGAS xa devolverá os cartos, creando unha situación de indefensión ás persoas que non teñan recursos e agravando o seu sufrimento fronte á enfermidade”.

Abuín lembrou que os recortes durante o verán afectan tamén á atención primaria e subliñou que neste eido hai, desde 2008, un acordo que di que en ausencia de profesionais a administración ofertará unha ampliación de xornada  de catro horas a maiores para atender á poboación. “Isto nunca se fai”, explicou, “o que se fai tamén é pechar as axendas xerando listas de espera tamén aquí”.

Diante desta situación, a CIG-Saúde demanda a convocatoria da Mesa Sectorial para abordar esta cuestión e analizar as necesidades en materia de persoal durante o período estival para garantir unha asistencia sanitaria a pleno rendemento, tendo en conta que o período de vacacións é de 30 días e que o persoal que vai de vacacións correspóndese só co 25% en cada mes entre xuño a setembro.

Abuín lamentou que esta proposta xa se fixo en reiteradas ocasións e que porén a consellaría sempre se negou a falar desta cuestión na mesa sectorial.

A noticia en Avantar

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego en repulsa ao asasinato machista de M. Isabel Fuente

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Este sábado, día 9 de maio, ás 20:00 horas na Coruña, Ferrol, Compostela, Vigo, Ourense, Pontevedra e Lugo

Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela, na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, e no Consello da Muller de Pontevedra, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao asasinato de María Isabel Fuentes, a primeira muller asasinada na Galiza pola violencia machista no 2015.
15-05-08 concentracions violencia machista
 

Isabel foi acoitelada polo que era o seu marido, Aniceto Rodríguez, nunha habitación do Hospital de Ourense onde se atopaba ingresada desde o 3 de abril logo de ter sido agredida na súa propia casa. Non se adoptaron medidas cautelares de protección polo que o seu marido puido entrar na habitación e matala.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista, esiximos responsabilidades, e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta. Os poderes públicos son responsábeis dunha morte que podía evitarse.

A CIG-Saúde proporá ao SERGAS o estabelemento dun protocolo de actuación

A Executiva da CIG-Saúde, reunida esta mañá, acordou tamén emitir un comunicado para manifestar, en primeiro lugar, as súas condolencias á familia da muller asasinada e a súa preocupación porque este feito ocorrera precisamente nun centro hospitalario. Xunto a isto, manifesta a súa solidariedade coas compañeiras do hospital de Ourense que tiveron que vivir esta dramática situación.

A Secretaría da Muller da CIG-Saúde considera que a xustiza debería ter actuado ante a sospeita de que o ingreso da muller puidera ter sido consecuencia dun caso de violencia machista. Pon ademais en cuestión a decisión de denegar a orde de afastamento solicitada pola Garda Civil e demanda que, en caso de dúbida se actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor, que logo lamentar unha morte.

Anuncia ademais que proporá ao SERGAS o establecemento dun Protocolo de actuación para que se conte coas ferramentas necesarias que permitan actuar aos centros sanitarios ante casos deste tipo co obxectivo de evitar que nada semellante volva acontecer.

LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS MAÑÁ SÁBADO 9 DE MAIO

A CORUÑA, Obelisco, ás 20 horas

FERROL, Praza do Concello, ás 20 horas

OURENSE, Subdelegación, ás 20 horas

PONTEVEDRA, Praza 8 de marzo, ás 20 horas

COMPOSTELA, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas

VIGO, no Marco, ás 20 horas

LUGO, na Praza do Concello, ás 20 horas.

Primeiro de Maio de 2015: contra a pobreza, emprego e salarios dignos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG celebra un ano máis o Día Internacional da Clase Traballadora con mobilizacións en distintas localidades do país
 
A Confederación Intersindical Galega (CIG) celebra un ano máis o 1º de Maio, Día Internacional da Clase Traballadora, con mobilizacións en distintas localidades do país que se desenvolverán baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos'. A central nacionalista aproveitará a xornada para denunciar a situación de pobreza e exclusión que padecen amplos sectores da maioría social como consecuencia da crise económica e das políticas que aplican o Goberno central e a Xunta en beneficio dos responsábeis da crise: banqueiros/as, especuladores/as e oligarcas.
2015 05 01 Cartaz1MaioFronte á propaganda do PP de que a crise está superada e de que todo vai ben, a realidade é que celebramos este 1º de Maio nunha situación de enorme dificultade para amplos sectores da clase traballadora galega. A situación só vai ben para aqueles que son os responsábeis desta crise económica, os banqueiros/as, os especuladores/as, os oligarcas españois amigos/as do PP.

A realidade que a Xunta de Galiza e o Goberno español, coa colaboración dos grandes medios de comunicación de masas, manipulan e ocultan todos os días, se por algo se caracteriza é por un forte retroceso en dereitos laborais e sociais e en calidade de vida, para amplos sectores da sociedade, até o extremo de levar a miles de persoas a una situación de pobreza e de exclusión social, acompañado todo isto dunha forte política represiva e de recorte das liberdades públicas.

Galiza perdeu 195.300 postos de traballo desde o ano 2007; situámonos en cifras históricas de desempregados/as cun total de 275.800 persoas no paro; estamos a perder poboación activa en idades entre 20 e 39 anos, que marcha, unha vez máis, camiño da emigración a producir riqueza noutras partes do mundo; perdemos emprego fixo e a xornada completa e está a ser substituído por emprego temporal e a tempo parcial; redúcense os salarios da clase traballadora mentres se fai una política fiscal que favorece ás rendas máis altas, ás grandes empresas e aos defraudadores/as; o crecemento económico de Galiza é inferior á media do Estado; destrúese unha parte importante do noso tecido produtivo en sectores básicos como o agrogandeiro, pesqueiro, naval ou eólico e nos últimos anos incrementáronse as desigualdades sociais, cunha forte concentración da riqueza nas grandes fortunas.

Esta é a dura realidade que a día de hoxe padecemos a clase traballadora galega e que se empeña en ocultar ese experto manipulador e vendedor de fume que preside a Xunta, o señor Feijóo. Esta situación é consecuencia dunhas políticas económicas e laborais promovidas desde a Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional, executadas obedientemente no Estado español polo PP, e que teñen como finalidade afondar no actual sistema capitalista neoliberal, favorecer o incremento de beneficios do capital e a concentración de riqueza e do poder en mans da oligarquía financeira.

O 1º de Maio simboliza a loita que historicamente levou adiante, e segue a levar, o proletariado de todo o mundo por rematar coa explotación de clase e facer realidade unha sociedade máis xusta, democrática, libre e igualitaria no económico e social. A CIG e a clase obreira galega sentímonos parte activa desa loita internacionalista e solidaria e a ela queremos contribuír coas manifestacións que celebramos por toda Galiza neste data, así como coas loitas que levamos adiante diariamente na defensa dos nosos dereitos, na mellora das nosas condicións de vida e de traballo e pola conquista da plena soberanía para a nosa nación.

VIVA O 1º DE MAIO!

VIVA A CLASE OBREIRA GALEGA!

VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!

Documentos
Manifesto da CIG para o 1º de Maio de 2015
Cartaz do 1º de Maio de 2015

 

Horas e lugares de saída das manifestacións

A Coruña:ás 12:00 horas desde a Praza de Vigo.

Compostela:ás 12:00 horas desde a Praza Roxa.

Ribeira: ás 12:00 horas desde a Praza do Peixe.

Ferrol:ás 12:00 horasdesde o local da CIG.

Lugo:ás 12:00 horas desde o edificio sindical na Ronda da Muralla.

Viveiro:  ás 12:00 horas con saída na estación do FEVE.

Ourense: ás 12:30 horas do Pavillón dos Remedios.

Pontevedra: ás 11:30 horas desde a Ferrería.

Vilagarcía: ás 12:00 horas desde a Casa do Mar.

A Estrada: ás 12:00 horas desde a Praza do Mercado.

Vigo:ás 11:30 horas desde a Doblada.

Cangas: ás 18:00 horas desde o Concello.

 

A noticia en Avantar

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas por SOS Sanidade Pública este xoves

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
En defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade
A Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública ten convocadas mobilizacións para este xoves, día 19 de marzo, en todas as áreas sanitarias de Galiza. A CIG, que forma parte desta plataforma desde a súa constitución, fai un chamamento a sumarse a estas convocatorias en defensa dunha sanidade pública, universal e de calidade.
15-03-21 SOS Sanidade Pública

A CIG considera que a Sanidade Pública é patrimonio universal da cidadanía e que non se poden consentir políticas como as impulsadas polo Partido Popular, que promoven o seu desmantelamento coa fin de camiñar cara a súa privatización. A central sindical entende que non se pode permitir que se faga negocio coa enfermidade das persoas e que, para iso, se vaia desmantelando progresivamente este servizo público esencial.

Por iso fai un chamamento a mobilizarse en defensa dun sistema sanitario galego público, universal e de calidade e a manifestar un masivo rexeitamento ás constantes agresións e recortes que sofre, tanto en persoal como en medios materiais. Recortes que están a provocar un cada vez maior deterioro da calidade asistencial.

As mobilizacións que a esta altura están confirmadas son:

BURELA. Hospital da Costa. 20:30h

O BARCO. Hospital Comarcal Valdeorras. 20h.

PONTEVEDRA. Hospital Provincial 20h.

BARBANZA. Ribeira, Praza do Concello, 20h

SANTIAGO. Praza do Toural, 20h

FERROL. Praza de Armas, 19h

VIGO. Praza de España, 20h.

OURENSE. Subdelegación do Goberno, no Parque de San Lázaro, 11:00 h

A CIG reivindicará emprego e salarios dignos contra a pobreza no Día da Clase Obreira Galega

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A central chama a participar nas mobilizacións convocadas nas sete cidades o 10 de Marzo
.
A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar “emprego e salarios dignos” como único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación.
Cartaz10-Marzo2015O acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda floral (prevista para as 12.30 horas) aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participará na manifestación que arrincará do local sindical, na Avenida de Esteiro, ás 20.00 horas.

10 DE MARZO. DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos

Meses atrás, a Axencia Tributaria (Facenda) daba a coñecer por medio dun informe os ingresos por rendas do traballo dos asalariados e asalariadas no Estado e tamén en Galiza. Os datos desvelan unha situación de precariedade extrema e de pobreza que se instala no mundo do traballo, co perigo de se converter en estrutural e definitivo.

Galiza conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648€/mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200€/mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.

A causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia, está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que presentan o Goberno español e a Xunta.

O Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha forte represión contra os movementos sociais e a modificación de leis como o Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá.

A conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita, especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43 anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos fiscais -tal e como denuncian os inspectores da Facenda-, ten o noso pobo nunha situación crítica de emerxencia.

É preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro, ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna. Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa, que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo. Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega!

Lugar e hora das mobilizacións

FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.

A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.

COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.

OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.

PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.

VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.

Máis información en Avantar

A CIG chama a participar na manifestación unitaria do feminismo galego con motivo do 8 de Marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A mobilización, baixo o lema "Feminismo para Avanzar. Xuntas nunha mesma loita", sairá ás 12h da estación de tren de Compostela

O vindeiro domingo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, a CIG chama participar na manifestación unitaria do movemento feminista galego que, baixo o lema "Feminismo para Avanzar. Xuntas nunha mesma loita", sairá ás 12 horas da estación de tren de Santiago de Compostela.
15-03-08 CartazManiUnitaria
 

A manifestación unitaria está apoiada por Acción Universitaria, Agir, Asemblea de Mulleres de Galiza Nova, Asociación Andaina de Mulleres, Anova, BNG, CCOO, Cerna, CIG, Conas Ceives, Espazo Ecosocialista, Esquerda Anticapitalista Galiza, Esquerda Unida, ISCA!, Marcha Mundial das Mulleres, Mulheres Nacionalistas Galegas, Observatorio da Mariña pola Igualdade, Organización Feminista Buserana, Podemos Compostela, PSdeG-PSOE, STEG, Sociedade Galega de Sexoloxía, Teenses pola Igualdade, UGT, Xeira, Xuventudes Comunistas, Xuventudes Socialistas.

O manifesto "Feminismo para avanzar. Xuntas nunha mesma loita!" pódese descargar na web feminismos.org

Data combativa

A Secretaría da Muller da CIG, informa Margarida Corral, como unha das organizacións que apoia a convocatoria do próximo domingo, levará faixa propia co lema da campaña da central sindical para este 8 de Marzo: “Salario Xusto. Traballo Digno”. “Campaña coa que pretendemos facer unha chamada de atención sobre cal é a realidade laboral das mulleres galegas, que fica abranguida entre a emigración, o paro e o infraemprego”, denunciou Corral.

E así se reflicte no informe elaborado polo Gabinete Confederal de Economía, “A Muller no Mercado Laboral en Galiza” do que se tira que 92.839 galegas teñen ingresos inferiores aos 1.861€ brutos ao ano e 71.783 emigraron desde 2008. Cifras que, de ser sumadas ao número de desempregadas que estima a EPA, 132.000, elevarían o número de mulleres no paro en Galiza ás 300.000.

A Secretaria Confederal de Muller da CIG asevera que “reivindicamos a conmemoración do 8 de Marzo como unha data combativa, que visibilice o esforzo das mulleres que loitan contra a opresión, que se confrontan contra este sistema capitalista, patriarcal e antigalego, e contra as políticas da dereita que atacan frontalmente os dereitos sociais, laborais, sexuais e reprodutivos das mulleres”.

Por iso, a CIG fai unha chamada á participación na manifestación unitaria do movemento feminista galego o vindeiro domingo, 8 de marzo, ás 12h dende a estación de tren de Compostela.

Presentación da campaña da Secretaría da Muller co gallo do 8 de Marzo.

Concentracións polo Dereito ao Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
10484437 10205221236924150 78272537066210099 oA Secretaría das Mulleres da CIG rexeita a reforma 'exprés' da lei do aborto e reivindica o dereito das mozas a decidir.
 
O Goberno do Partido Popular materializou o abandono do proxecto de reforma integral da Lei do Aborto poñendo en marcha de xeito apresurado, a través dunha proposición de lei orgánica, o cambio dun único artigo, o referido ao permiso paterno para as mulleres de entre 16 e 18 anos, obrigándoas a ter o consentimento da/os proxenitoras/es, o cal pode supoñer que as mozas en situacións de vulnerabilidade teñan que optar pola clandestinidade, coas consecuencias que isto pode carrexar para a súa saúde.
 
Esta reforma é ideolóxica e electoralista. Supón un ataque aos dereitos das mulleres máis novas,  por parte de quen ten a responsabilidade de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís, como os culturais, os sexuais e os reprodutivos, non de restrinxilos.
 
A central sindical fai un chamamento a toda a cidadanía galega a tomar as rúas o vindeiro luns, 23 de febreiro, ás 20 horas, na demanda dun aborto libre e gratuíto, sen exclusións para todas as mulleres, participando nas mobilizacións convocadas en distintas comarcas do país pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a central sindical forma parte.
 
Horarios e lugares das mobilizacións:
 
- Compostela:Ás 20 horas diante da sede do PP
 
- Ferrol:Ás 20 horas diante da sede do PP
 
- A Coruña:Ás 20 horas diante da sede do PP
 
- Vigo:Ás 20 horas na Farola de Urzaiz
 
- Ourense:Ás 20 horas diante da sede do PP
 
- Pontevedra:Ás 20 horas diante da sede do PP provincial

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto