Noticias Outras novas Mobilizacións
 
 

A 20 anos do Congreso Constituínte da CIG, a forza da unidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Hai dúas décadas celebrábase o congreso constituínte da CIG, coa unificación orgánica da CXTG-IN e a INTG
.
Hai dúas décadas que se realizou o Congreso Constituínte da Confederación Intersindical Galega (CIG). Con este evento remataba un longo proceso de progresivo achegamento entre as dúas centrais sindicais nacionalistas, que se unificaban o 19 de marzo de 1994: a Confederación Xeral de Traballadores Galegos-Intersindical Nacional (CXTG-IN), e a Intersindical Nacional de Traballadores Galegos (INTG). Cómpre lembrar que a INTG era consecuencia da unificación entre a Intersindical Nacional Galega, a primeira central sindical nacional galega, nacida en maio de 1977, coa Central de Traballadores Galegos (1980), e posteriormente coa Confederación Sindical Galega (1982).

Galería de imaxes

No ano 1985 produciuse a ruptura da INTG, nacendo a CXTG-IN, no contexto dunha situación social e política moi dinámica e complexa (a reconversión naval, as novas experiencias dun goberno socialdemócrata, a autonomía, e a próxima entrada na UE despois de facelo na OTAN, etc.). Esta ruptura, a confrontación inicial, restou capacidade ao sindicalismo nacionalista para axer por conta propia, malia que ambas centrais medraron en afiliación e número de delegados/as. A práctica, a necesidade de dar unha resposta efectiva ás contradicións de clase e nacionais, foron limando as asperezas iniciais, aproximando tácticas e definindo unha folla de ruta común.

A folga xeral do 14 de decembro de 1988, contra a regresión na contratación da mocidade que implicaba o Plano de Emprego Xuvenil (aprobado polo Goberno do PSOE, presidido por Felipe Gnzález), marcou un cambio de tendencia nas relacións entre as dúas ponlas do sindicalismo nacionalista. A actitude sectaria de CC.OO. e UGT, deu lugar a que a CXTG e a INTG realizaran unha convocatoria e manifestacións propias. Foi un reto, cuns resultados que superaron as expectativas máis optimistas, e que amosou que a unidade multiplicaba a capacidade de convocatoria do sindicalismo nacionalista, malia que a das centrais estatais aínda era superior.

O seguinte pulo cara a unidade sería a constitución da Converxencia Intersindical Galega, o 2 de abril de 1990, polo que a INTG e CXTG, mantendo a súa independencia orgánica, coligábanse a efectos legais e polo tanto de interlocución na empresa e diante das institucións oficiais. Isto permitía recuperar o carácter de “sindicato máis representativo” e a presenza nos organismos con  representación sindical, que se perdera coa ruptura do ano 1985, tanto en Madrid como na OIT en Xenebra.

Nas eleccións sindicais de 1990, a CIG presentouse co lema “entra na forza da unidade”, e  acadou un 23,2% do total de elixidos/as na Galiza, 3.527 delegados e delegadas. Era un avance en relación ás eleccións de 1986, cando a CXTG e a INTG conseguiran o 10,5% e o 10,28% respectivamente (2.387 delegados/as e un 20,78%), o que amosaba a eficacia da coalición. Ademais, superaba os resultados de 1982 (antes da ruptura), cando a INTG acadara 1.651 representantes nas empresas galegas (18,94%).

Ábrese entón un novo período de loitas, fronte a unha Xunta presidida por Fraga, no que a CIG (CXTG-INTG) terá un maior protagonismo. Por exemplo: dos mariñeiros da flota do caladoiro de Namibia, do sector da lousa de Valdeorras, co paro de 13 días no metal da provincia de Pontevedra, coa folga na comarca de Ferrol, ou cunha manifestación nacional convocada polos sindicatos obreiros en Compostela o 12 de xuño, na que participaron oito mil persoas. Tamén as organizacións agrarias mobilizaron o 2 de decembro 20.000 manifestantes no 1991.

O 2 de abril de 1992 realízase unha folga nacional na Galiza, que conta co apoio das centrais sindicais, agrarias e estudantís. Este paro, que ten un enorme seguimento, forza os acordos para impulsar o emprego entre Xunta e sindicatos, que serían en boa medida incumpridos polo Partido Popular. A situación económica e laboral continua a se deteriorar. En 1993 prodúcense 1.000 expedientes de regulación que atinxen a 30.000 asalariados/as, e no ano 1994 o desemprego abrangue a 205.000 persoas. Son os efectos perversos da entrada na Unión Europea, onde, ao carecermos de soberanía, os sectores produtivos galegos úsanse como moeda de troco polo Goberno español.

Coa data de unificación da CXTG e INTG xa anunciada, o 27 de xaneiro de 1994 realízase unha nova folga xeral, unitaria, esta vez para se opoñer a unha ampla contrarreforma do PSOE que atinxe o desemprego, as pensións, os contratos, os salarios dos funcionarios, etc. Malia o éxito da protesta, o Goberno non cede e CC.OO. e UGT optan por dar un paso atrás, coa escusa de continuar a loita convenio a convenio na negociación colectiva.

O 19 de marzo de 1994 realizase o Congreso Constituínte da CIG, agora co nome de  Confederación Intersindical Galega, en Santiago de Compostela. Previamente tanto a INTG como a CXTG realizaron os seus respectivos congresos para aprobar os acordos de unificación. No evento  tiñan dereito a voto 800 delegados e delegadas que aprobaron os Estatutos e o Programa, e elixiron unha Executiva confederal integrada por 16 persoas (oito de cada central). Entre estes últimos estaban, o secretario xeral, Fernando Acuña Rúa (que antes o fora da CXTG), que presidiría a Executiva e o Secretariado; e o secretario confederal, Manuel Mera Sánchez (que fora secretario xeral da INTG), que presidiría o Consello Confederal e o Congreso; ambos os dous eran “os máximos representantes públicos da CIG”, segundo os Estatutos aprobados.  O resto dos elixidos foron: Luís Burgos Díaz, Humberto Busto Abella, Emilio Cagiao Deibe, Xan Andrés Carballo Rodríguez, Xoán Cons Pintos, Manuel Díos Diz, Adolfo Santiago Fraga López, Rosa Garrido Burgo, Xesús Ramón González Boán, Xosé Ramón González Losada, Rafael Iglesias García, Ramiro Oubiña Parracho, Xosé Luís Romero Falque e Xesús Eladio Seixo Fernández.

A CIG dotouse dos seguintes principios de carácter xeral: Sindicalismo de clase. Nacionalismo (“porque Galiza é unha nación sen soberanía política, ao servizo de intereses alleos, sometida e dependente económica, política e culturalmente (...) a procura da soberanía e dereito de autodeterminación son para nos irrenunciábeis (...), a CIG é parte do movemento nacionalista galego”). Autoorganización, entendendo que ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorabelmente aos intereses do noso pobo se este non toma conciencia da súa propia identidade e traduce esa conciencia en organizacións propias e soberanas; a CIG é a expresión da autoorganización dos traballadores e traballadoras galegas. Solidariedade e internacionalismo. Democracia e participación. Independencia e soberanía na toma de decisións. Pluralismo. Transformación da sociedade. Unidade da clase traballadora. Normalización lingüística.

Na introdución do Programa destácase como obxectivo: a “construción, neste vello país, dunha sociedade sen explotadores nin explotados, máis xusta, libre e solidaria”. Nos Estatutos aprobados, a CIG asume como propios o Himno Galego e a Internacional. E como simboloxía: “A bandeira da CIG é vermella, co seu anagrama no ángulo superior esquerda en cor amarelo. A CIG asume como propia a bandeira nacional galega coa estrela vermella de cinco puntas”.

Nas eleccións sindicais de 1994-1995 notáronse os primeiros efectos da unidade xa que a CIG deu un novo pulo, acadando o 26,67% dos delegados e delegadas sindicais; un total de 3.924, por 4.264 para CC.OO. e 4.635 para UGT. Esta última central perdía 7,37 puntos en relación ás eleccións do ano 1990 e a CIG gañaba un 3,4% de representación. O proceso electoral coincidirá, entre outros co conflito do fletán, coa loita contra o peche de Massó, e coas mobilizacións contra o desmantelamento do naval e o recorte nas retribucións dos empregados públicos.

Porén, sen dúbida o que máis se reforzou coa unidade do sindicalismo nacionalista foi a  afiliación sindical e a capacidade mobilizadora. O número de afiliados e afiliadas cotizantes pasou de 27.000 no ano 1994 a 70.000 na actualidade. Un avance impresionante. O crecemento da afiliación, do número de delegados/as, así como manter a liña de defensa intransixente dos intereses nacionais e de clase das traballadoras e traballadores galegos, traduciuse nunha maior capacidade mobilizadora propia. Tal como aconteceu nas folgas xerais do 15 de xuño de 2001 e do 20 de xuño de 2002. E xa nesta conxuntura de axuste neoliberal, realizáronse os paros xerais do 29 de setembro de 2010,  do 27 de xaneiro de 2011 (convocado este en solitario pola CIG), así como os do 29 de marzo e do 14 de nevembro de 2012. Tanto no paro de setembro de 2010 como no de marzo de 2012, a CIG convocou a folga e realizou marchas independentes, e na última foi promotora do paro xunto co sindicalismo vasco. Non menos significativos foron os conflitos de empresa que superaron os dous meses de folga, dirixidos pola central, como Transportes La Unión (121 días), a recollida de lixo da Mancomunidade de Xinzo (76 días), e Albada-Nostián (108 días). A CIG estivo presente en practicamente todos os conflitos laborais e accións reivindicativas que se realizan na nación galega, tanto os do eido sindical como os de ámbito social, cultural e democrático.

A unificación da CXTG-IN e máis a INTG na CIG, deixando atrás un período de división organica, demostrou ser un paso necesario e acertado, malia se tratar dun proceso non exento de pequenos atrancos e susceptibilidades que vencer. O resultado foi unha central sindical nacionalista máis forte e con presenza en todos os sectores e recunchos da nación galega. Unha central sindical que hoxe ten por diante novos retos que vencer no camiño de rematar coa explotación de clase, e conquistar a liberación nacional de Galiza, nun mundo solidario.

A nova en Avantar

A CIG reivindica emprego digno e futuro na Galiza neste 10 de Marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Centos de persoas maniféstanse coa central nacionalista en Ferrol, Vigo e Compostela
.
Con tres manifestacións, en Ferrol, Vigo e Compostela, conmemoraba a CIG este 10 de marzo o Día da Clase Obreira Galega, nun contexto “profundamente negativo” para a clase traballadora e para Galiza tanto no plano económico, como social ou político. Así o denunciou Suso Seixo, secretario xeral, na manifestación que percorreu as rúas de Ferrol, onde alertou de que “o capital está a aproveitar o contexto de crise para levar adiante un durísimo ataque contra os dereitos, as condicións laborais e a calidade de vida das clases populares”.

Galería de imaxes

Seixo lembrou as sucesivas reformas laborais, da negociación colectiva, das pensións ou das prestacións por desemprego. A iso engadiu as políticas de recorte do investimento público e de privatización dos servizos públicos ou o recorte dos salarios mentres que se destinan axudas ao sector financeiro con cargo aos fondos públicos ou se segue a especular coa débeda pública en beneficio da banca.

Para o secretario xeral da CIG, son claros os exemplos de a quen serve e que intereses de clase defende o PP. “Políticas promovidas pola UE ou o FMI que o PP executa no Estado español servindo para incrementar os beneficios e o poder do capital financeiro a custo de destruír o tecido produtivo, xerar máis desemprego, incrementar as desigualdades sociais e debilitar á clase traballadora”, denunciou.

Chamou a atención sobre os dous principais problemas que ten nestes momentos a sociedade galega: o paro e a emigración. “Dous problemas que van asociados un co outro”, dixo, “e que na nosa sociedade non son nada novo” e asegurou que se trata de problemas estruturais que teñen moito que ver co papel “periférico, marxinal e colonial que a oligarquía española e europea lle teñen asignado á nosa nación, converténdonos en subministradores de materias primas, man de obra barata, enerxía e aforro”.

Dous problemas con “dramáticas consecuencias económicas e sociais para Galiza” e que se traducen en preto de 300.000 desempregados/as e en máis de 100.000 galegas e galegos menores de 34 anos que emigraron desde o 2010. Unha situación detrás da que, segundo o secretario xeral, está a perda de man de obra cualificada; a perda de riqueza e de capacidade de desenvolvemento; o empobrecemento e a exclusión social; a perda de vivenda; a perda de poboación e o avellentamento da mesma e o debilitamento da capacidade reivindicativa da clase obreira galega. “Facendo así que tanto o paro como a emigración terminen séndolle funcionais ao capital financeiro.

Seixo denunciou que detrás desta dramática situación a actitude da Xunta do PP e de Feijóo é a de “manipular cifras, intentar ocultar a realidade, non presentar ningún tipo de alternativa que nos quite desta situación e colaborar abertamente coas políticas antiobreiras e antigalegas que promove a UE e o goberno español e que están a destruír ou malvender o noso tecido produtivo e financeiro”.

Lembrou que a necesidade de dar respostas ao paro e á emigración levaron a CIG a promover unha ILP na que se recollen 100 medidas para o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza, coa fin de demostrar que hai alternativas, “que hai outras políticas que xeren crecemento económico e emprego e que favorezan os intereses das clases traballadoras” e denunciou que as políticas de austeridade, de recorte de dereitos ou de precarización das condicións de traballo “non serven nin para reactivar a economía, nin para xerar emprego”.

Concluíu que estamos nunha situación “moi difícil para a clase obreira e para o noso pobo” e asegurou que o noso futuro, “non pode depender dunhas institucións políticas ou financeiras como a UE, o BCE ou o FMI”, institucións que “están ao servizo do capital financeiro e “promotoras dunhas políticas que recortan dereitos, xeran desigualdades e destrúen o noso tecido produtivo”, xerando máis paro e emigración e acentuando “o noso carácter periférico e colonial”.

Por iso, afirmou que “temos que exixir o noso dereito a decidir. Temos que reivindicar a plena soberanía para a nosa nación” e xunto a iso asegurou que “o noso futuro tampouco pode estar en mans dun partido corrupto”, de “incompetentes” e de “antigalegos”. Un partido “de dereitas profundamente españolista, defensor a ultranza dos intereses de banqueiros, especuladores e oligarcas españois, así como da sacrosanta unidade da súa patria española”.

Para o secretario xeral da CIG, diante desta situación o que cómpre facer é “concienciar e mobilizar ao noso pobo na defensa dos seus intereses, baixo o firme convencemento de que só así poderemos facer realidade unha Galiza soberana e outro sistema económico e social” no que estean garantidos dereitos básicos como o ensino, saúde, emprego, vivenda, unha pensión digna ou a normalización do noso idioma.

Artigo publicado en Avantar

Mobilizacións 9 e 10 de marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Lembrámosvos dúas mobilizacións que van ter lugar os vindeiros días 9 e 10 de marzo, das que a CIG é convocante:

 

Mani_aborto140309

Manifestación por un Aborto libre e gratuíto.

A “Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto”, unha ampla alianza da que forma parte a CIG, convocou para o domingo 9 de marzo unha manifestación en Santiago baixo o lema 'Aborto libre e gratuíto. As mulleres decidimos', que partirá ás 12.00 horas da Estación do Tren.

ACUDE á manifestación, se cres que as mulleres deben poder decidir sobre o seu propio corpo !!!.

 

2014_03_10_Cartaz10Marzo.grande

 

Manifestacións 10 de marzo.

Ás portas dunha nova conmemoración do Día da Clase Obreira Galega, a CIG fai un chamamento a todos os traballadores e traballadoras galegas para que participen nas manifestacións que a central sindical ten convocadas en Ferrol, Compostela e Vigo, na tarde do luns 10 de Marzo. Unha conmemoración que chega nun momento no que o sindicalismo nacionalista de clase resulta máis necesario ca nunca.

Horarios e lugares das manifestacións

- Ferrol, ás 20:00 horas dende os locais da central sindical. Ás 12:30 horas realizarase a ofrenda floral no monumento 10 de Marzo.

- Vigo, ás 19:30 horas dende Vía Norte.

- Compostela, ás 20:00 horas dende a Praza Roxa.

Satisfacción polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, cifrada nunha media do 80%

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
CIG-Saúde salienta a solidariedade e apoio que as/os traballadoras/es están a recibir das/os doentes
.
A CIG-Saúde considera que a participación do persoal do SERGAS na folga é moi satisfactoria, malia os mínimos decretados pola consellaría, acadándose unha media do 80%. A secretaria nacional, María Xosé Abuín, salienta o apoio que se está a recibir por parte da poboación nas distintas áreas sanitarias, porque as e os doentes entenden que con esta convocatoria “estase defendendo a sanidade pública e consideran que é mellor perder un día de atención sanitaria que perdela para toda a vida, conscientes de que hoxe o que está en perigo é a supervivencia deste modelo universal, público, gratuíto e de calidade”.

Galería de imaxes

Segundo os datos dos que dispón a CIG-Saúde, a media de seguimento da folga nas distintas áreas sanitarias está no 80%. En todo caso, María Xosé Abuín denuncia que se recibiron presións por parte dalgunhas xerencias para que en lugar de cumprirse os mínimos, tal e como aparece no decreto, se desenvolvera a actividade normal.

En concreto salienta incidencias que obrigaron a contactar co comité de folga en áreas sanitarias como a de Compostela, onde se pretendía que o servizo de radioloxía funcionase ao 100%, ou na de Vigo, onde intentaron que en Laboratorio a actividade fora idéntica á de un día normal.

Xunto a isto destaca a complicidade das persoas usuarias, que manifestan a súa solidariedade co persoal na súa mobilización en defensa da sanidade pública.

Pública, universal, gratuíta e de calidade

Abuín sinala que con esta folga “o que queremos é que o goberno entenda que a sanidade ten que ser universal, gratuíta e de calidade; que se financia cos nosos impostos e que estes son cartos de todas e todos nós entregados ao goberno para que nolos devolva en servizos, non para que faga negocio e entregue a sanidade aos seus amigos para o seu enriquecemento a custo da nosa saúde”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que nos últimos anos se veñen denunciando todas os recortes e medidas impostas polo PP, tanto desde a Xunta de Galiza como desde o goberno central. Entre outras, lembra as recollidas no R.D. 16/2012 no que se perde a universalidade da sanidade pública ao crearse un imposto sobre a enfermidade mediante o estabelecemento de sistemas de repago (medicamentos, próteses, transporte sanitario...). Un decreto que, advirte, “contiña tres carteiras de servizos e do que, polo momento, estas medidas son só consecuencia do desenvolvemento da primeria, a carteira básica”. Por iso alerta de que “este sistema de repago incrementarase cando se desenvolvan as carteiras complementarias, a segunda e a terceira”.

Respecto das privatizacións subliña a que se introduce co contrato de alta tecnoloxía (radioterapia, radioloxía e intervencionismo), e que permite que durante os próximos 8 anos sexa a propia empresa privada seleccionada para xestionar este servizo a que decida onde se renovan os aparellos de alta tecnoloxía, se se centraliza nos grandes complexos deixando á marxe os hospitais comarcais, rachando coa equidade no acceso ou decidindo se parte destas prestacións, no canto de renovalas coa pública se concertan coa privada.

Canto ao deterioro da sanidade pública explica que se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, “fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade”. De feito denuncia que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e “de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal”.

Tamén alerta da introdución de criterios economicistas e de aforro coa implantación das áreas de xestión clínica, porque se impón un modelo co que se pretende transferir ás/aos profesionais a responsabilidade dos recortes, ao se ligaren “os incentivos profesionais ao aforro, no canto de ligalos á saúde, o que é deontoloxicamente inaceptábel”, afirma.

A CIG-Saúde fai un chamamento á poboación para que se sume ás mobilizacións convocadas nas cidades e vilas en defensa dun servizo público esencial, como é o sanitario, e contra os pasos que a Xunta de Galiza está a dar no camiño da súa privatización.

Mobilizacións convocadas para o día 10

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h no centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

A nova en Avantar

Estamos en folga!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

ESTOU_EN_FOLGA

FOLGA 9 e 10 de decembro: Servizos Mínimos abusivos, para variar

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Hoxe publicáronse no DOG os Servizos Mïnimos impostos pola Administración. E dicimos impostos porque coa proposta de servizos mínimos abusiva que se pón enriba da mesa, nunca chegaremos a un acordo neste senso.

  • Orde de Servizos Mínimos: ORDE do 3 de decembro de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que se levará a efecto entre os días 8 e 10 de decembro de 2013 nas institucións do Servizo Galego de Saúde e entidades adscritas á Consellería de Sanidade. Descargar PDF

A Administración presenta unha proposta de Servizos Mínimos que nalgúns casos mesmo supera ao estabelecido para unha xornada ordinaria. Uns servizos mínimos son os que manteñen a actividade urxente e inmediata, e iso sucede os domingos e festivos, polo que calquera presenza por enriba diso é un abuso por parte da Administración e un intento de boicotear a folga.

Así quedou recollido na acta da reunión do comité de folga coa Administración para valorar os Servizos Mínimos:

"Os representantes dos comités de folga manifestan que os criterios reitores deben axustarse ás presenzas e á actividade de domingo ou festivo, considerando que así queda garantída igualmente a prestación da asistencia sanitaria, agás naqueles servizos nos que a asistencia sexa inaprazable, como oncoloxía ou hemodiálise. Engaden que a Administracíón é restritiva co exercicio do dereito á folga, e que isto resulta evidente se se comparan os servizos mínimos coa actividade prevista para os meses de verán (peche de actividade) e coa non cobertura de ausencias, o que provoca adiar as citas.

(...)

Os comités de folga engaden que ao persoal de servizos mínímos unícamente se lle pode esixir actividade de carácter inaprazable."


CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO convocan folga xeral no SERGAS para o 9 e 10 de decembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Fan un chamamento á poboación a sumarse ás mobilizacións para exixir que o sistema público, pagado cos nosos impostos, non se converta nun negocio para a privada
.
A CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO veñen de presentar no rexistro a convocatoria de folga xeral na sanidade pública galega para os días 9 e 10 de decembro. En rolda de prensa as/os representantes das federacións explicaron que o que se pretende é amosar o rexeitamento ás privatizacións, aos copagamentos e aos recortes laborais e salariais e reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín subliñou que aínda habendo cuestións de carácter laboral na convocatoria, a maioría das razóns polas que se convoca a folga xeral son de carácter social fronte á política de privatizacións emprendida polo PP tanto en Galiza como no goberno central.

Así denunciou a implantación das medidas de repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas  pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

Advertiu do perigo de que en breve sexa imposíbel prestar unha atención sanitaria de calidade, do momento no que a imposición dunha taxa de reposición do 10% de efectivos que causan baixa no SERGAS está xa a provocar unha perda de persoal que será maior canto máis tempo pase. Unha situación coa que se pretende favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais

No ámbito estritamente laboral salientaron os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, máis tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade  voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Incremento da precariedade laboral

CIG-Saúde e a federación de Sanidade de CCOO amosaron a súa preocupación polo incremento da precariedade laboral por mor da proliferación de contratos con xornada inferior á estabelecida; contratos por días soltos para non garantir as libranzas correspondentes ou diminución da contratación, o que está a ter como consecuencia un incremento exponencial do desemprego no sector sanitario.

Xunto a isto alertaron do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Ante esta situación, fixeron un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións que se convoquen para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

A nova en Avantar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto