Inicio
 
 

Mobilizacións

Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG conmemora o 10 de Marzo cunha chamada á mobilización e á organización na defensa dos nosos intereses de clase

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Máis de 20.000 persoas participan nas manifestacións convocadas pola central nacionalista en toda Galiza en contra dos recortes máis agresivos dende o franquismo

No día que se cumpren 40 anos do asasinato de Amador Rei e Daniel Niebla, a loita de clases amósase máis viva ca nunca logo das últimas e regresivas reformas aprobadas polos distintos gobernos. Reformas e medidas destinadas a despoxar á clase traballadora dos dereitos laborais e sociais acadados nas últimas décadas, deixándoa indefensa ante unha ofensiva do capital que nos obriga a dar unha resposta contundente e reaxir na defensa dos nosos intereses, tal e como neste 10 de Marzo xa fixeron as máis de 20.000 persoas que participaron nas manifestacións convocadas pola CIG e como haberá que demostrar na folga xeral do 29 de marzo.

Como non podía ser doutro xeito, nesta xornada de loita a CIG comezou os actos coa tradicional ofrenda froral na escultura que rememora aqueles fatídicos sucesos de 1972. Diante do monumento ao 10 de Marzo, os voceiros da CIG de Ferrol, Xesús López Pintos e Manel Grandal, depositaron un grande ramo de caraveis vermellos mentres lanzaban un chamamento a continuar coa loita fronte a este “golpe de estado do capital” e “mirándonos no espello de Amador e Daniel, digámoslles non. Somos nós a maioría social e o poder a ser noso”, aseveraba Grandal.

Nesta liña tamén se manifestou Pintos ao asegurar que “os traballadores/as de ferrolterra estaban loitando contra unha ditadura fascista que apoiaba a ditadura do capital. Hoxe no 2012 estamos diante dunha ditadura do capital apoiada por unha falsa democracia”. Ambos os dous referíronse á necesidade de manter unha loita contundente e sostida no tempo, rachando co medo e reconquistando os mesmos dereitos e liberdades polos que loitaba a clase obreira no ano 72.

Unha xornada para reivindicarse como clase

A CIG sempre entendeu a conmemoración do Día da Clase Obreira Galega como unha data de reivindicación, máis que de celebración, como definiu o Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, quen tomou parte da manifestación de Ferrol. Seixo referiuse ás consecuencias que a crise económica está ter para o conxunto da clase traballadora, a pesares de non ter culpa da súa xeración: destrución de miles de empregos, rebaixa dos salarios, recorte de dereitos, rebaixa das pensións, privatización dos servizos públicos, etc. En definitiva, un empobrecemento xeneralizado da clase obreira fronte ao incremento dos beneficios do capital.

“Pero o capital non se conforma con isto, advertiu, quere máis. Necesita debilitar á clase traballadora para que non teñamos capacidade de resposta”. E con ese obxectivo, matizou, busca a individualización das relacións laborais, desmantelando a negociación colectiva e o dereito á folga, “dúas armas fundamentais para enfrontarnos aos abusos da patronal e do poder”. E este é o punto cara ao camiñan as reformas e políticas antisociais promovidas por institucións como o FMI, o BCE ou a CE e que os gobernos español e galego do PP se encargan de executar. Unha dereita, matizou, con fondas raíces franquistas “tanto na concepción centralista do estado como nos intereses económicos que defende”.

Fronte a esta ofensiva perfectamente orquestrada, o Secretario Xeral da CIG chamou á mobilización e á contestación social para esixir dos diferentes gobernos políticas para saír da crise favorábeis aos intereses da maioría social, porque “si se poden facer outras políticas e si existen alternativas”. Pero para conseguilo é preciso sumar esforzos e organizarse e por iso, a CIG vén realizando unha chamada á mobilización na conquista dun novo modelo económico e social.

Seixo lembrou algunhas das propostas que a central nacionalista está defendendo dende o inicio da crise, pero que abordan cuestións que non interesan a oligarquía, obsesionada con manter a toda costa unha economía especulativa incapaz de xerar riqueza real.

Fronte a especulación coa débeda pública, que sexa o BCE quen adquira directamente á débeda dos estados; fronte ao déficit, unha fiscalidade progresiva, control da fraude fiscal, redución do gasto militar e das axudas á igrexa; fronte a especulación da banca privada, creación dunha banca pública; fronte á caída do investimento privado, incremento do gasto público para reactivar a economía e manter un servizos públicos e de cualidade, xeradores tamén de emprego; fronte á precariedade laboral, traballo fixo e salarios dignos...

Estas demandas, lembrou, foron as que levaron á central sindical a convocar as folgas do 29 de setembro de 2010 e do 27 de xaneiro de 2011, e estas “son as mesmas razóns que nos moven a convocar a folga xeral do 29 de Marzo, para esixir do goberno do PP a retirada da reforma laboral”. “Despois de anos de loita e sacrificios, agora atopámonos con que o PP, a dereita, o capital, pretenden recortarnos dereitos e levarnos a unhas condicións laborais de hai 50 anos”.  

Porén, para batallar esta loita cómpre tamén que Galiza sexa soberana nas súas decisións e teña capacidade para gobernarse naquelas materias básicas para garantir o seu desenvolvemento económico, social, laboral ou cultural. Cómpre sermos donos do noso futuro.

Galería de imaxes das manifestacións de Ferrol e A Coruña.

Galería de imaxes das manifestacións de Compostela, Lugo e Ourense.

Galería de imaxes das manifestacións Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ribeira.

A nova en Avantar

8 de marzo, Día Internacional das Mulleres

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

diptico_8_de_marzo_2012_1.grande8 marzo - Día Internacional da Muller Traballadora

A Secretaría Confederal da Muller da CIG ven de apresentar os actos e a campaña do 8 de Marzo, que este ano terá como lema: As Mulleres coa Folga Xeral. Xuntas Podemos¡ Baixo a excusa da crise estamos asistindo nos ultimos tempos, a continuos cambios e reformas que non fan máis que minar os dereitos sociais e laborais, tanto por parte do Governo do Estado como por parte da Xunta de Galiza. E como vimos denunciando, van afectar especialmente ás mulleres, como fai a recente reforma laboral. 

Ante todas estas agresións, a CIG fai un chamamento a non ficar caladas ante este novo ataque e a participar dos actos convocados, nomeadamente na folga xeral, pero tamén na xornada de loita que terá lugar o propio 8 de marzo, ás 12:00 horas, nas sete cidades, con accións de repulsa fronte institucións, empresas e mutuas que vulneran os dereitos das mulleres. 

As horas e lugares previstos son:

A Coruña, diante de Sykes, na rúa Copérnico- Edificio BCA, 28, Polígono da Grela, ás 12 horas

Ferrol, diante do edificio da Xunta, ás 12:30 horas

Compostela, diante do edificio da Xunta, ás 12 horas

Lugo, diante do Supermercado CEMAR, na rúa Quiroga Ballesteros, 1-3, ás 11:30 horas

Ourense, diante da MUTUA FREMAP ás 12:00 horas

Vigo, diante de POVISA ás 12:00 horas

Aquí pode accederse aos contidos da campaña e ao informe A Muller no Mercado de Traballo en Galiza 2011 presentados en rolda de prensa por parte da Secretaria Confederal da Muller.
 
Por outra banda, o vindeiro domingo 11 de Marzo, a CIG convoca xunto con outras entidades sindicais e feministas unha gran manifestación nacional, baixo o lema Mulleres Galegas en Loita polos nosos Dereitos. Con esta manifestación denunciamos recortes, o recrudecemento do machismo e ausencia de políticas feministas reais. A manifestación sairá da Estación de Tren de Compostela ás 12 horas.
 

A CIG fixa a convocatoria de folga xeral nacional para o xoves 29 de marzo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O secretariado confederal acordou a data da mobilización contra a nova reforma laboral do PP
     
O Secretariado Confederal da CIG, reunido este venres, día 17 de febreiro, acordou fixar a data da convocatoria de folga xeral para o día 29 de marzo. Así o comunicou o secretario xeral, Suso Seixo, quen explicou que para tomar esta decisión tívose en conta que durante o mes de marzo entrarán a debate, no Congreso, a reforma laboral e os Orzamentos Xerais do Estado e que para esa mesma data, tamén convocou folga xeral a maioría sindical vasca.
120217Rp

Seixo, que compareceu en rolda de prensa acompañado polo secretario confederal de Comunicación, Francisco Miranda Vigo, explicou que no decurso desta semana, a CIG mantivo reunións con CCOO e UGT para intentar acordar a convocatoria conxunta da folga xeral.

O acordo non foi posíbel, malia o que a central sindical, tal e como se valorou no Secretariado, estaría disposta a facer coincidir a data de folga xeral coa destas centrais sindicais, se finalmente decidiran convocala. “Non imos aparecer con dúas datas de folga xeral en Galiza”, dixo, aclarando que, en todo caso, “a iso queremos pórlle unha temporalidade. Se van a aparecer convocando para o mes de abril, maio ou xuño, non nos vale”. 

O secretario xeral da CIG sinalou que o mes de marzo é determinante porque estarán a debate, no Parlamento español os orzamentos do Estado, que “van impor recortes durísimos para reducir o déficit en 40.000 millóns de euros”. Uns orzamentos que serán, dixo, para “botarse a tremer”. Tamén, durante o mes de marzo entrará a debate, por vía de urxencia, a reforma laboral, mediante un Proxecto de Lei, o que obriga, dixo, a convocala nese mesmo mes.

 A este respecto lembrou que cando se debateu a reforma das pensións, tamén se mantiveran xuntanzas con CCOO e UGT “en reiteradas ocasións”, para abordar a necesidade de ir a unha folga xeral antes de que se aprobara a lexislación nesa materia. “Eles o que fixeron foi pór como liña vermella a idade dos 65 anos e despois fixeron saltar esa liña vermella e terminaron pactando a xubilación aos 67. Moito nos tememos que nestes momentos esteamos ante un escenario parecido”, afirmou, “que estean intentando chegar a acordos con Rajoy para dulcificar certos aspectos da reforma, para logo vendela como algo positivo e non estamos dispostos a caer nese tipo de trampas”, engadiu.

O maior ataque á clase traballadora desde a transición

Para a CIG a reforma laboral é “o maior ataque que se fixo á clase traballadora desde a transición” e supón “cargarse” o dereito do traballo tal e como estaba concibido até o de agora. “A normativa pretendía dar amparo á parte máis feble nas relacións laborais, que é a clase traballadora. Con esta reforma laboral dáselle a volta cunha normativa ao servizo do empresariado”, sostén Seixo.

Agora os empresarios poderán “decidir unilateralmente as condicións laborais da clase traballadora en aspectos básicos como salario, xornada ou mobilidade funcional nas empresas”, dixo, desmentindo que vaia favorecer a creación de emprego.

De feito, para desmontar a teoría de que o problema do paro é a lexislación laboral, lembrou que, coa mesma normativa no País Vasco o desemprego é do 12,5%, mentres que en Andalucía está no 31% e que no período 2001-2007, tamén con esa lexislación, creáronse millóns de postos de traballo. “Agora vaise facilitar e abaratar o despedimento, poñendo man de obra barata no mercado, substituíndo emprego fixo por temporal e propiciando que os pais e nais deixen os seus postos de traballo de forma barata, para que se contrate aos seus fillos pola metade de prezo”.

Seixo salientou tamén que se reduce a indemnización de 45 a 33 días por ano; foméntase o despedimento por causas obxectivas, que ten unha indemnización de 20 días por ano traballado; posibilítase o encadenamento de contratos de formación ou aprendizaxe até os 30 anos; créase unha nova modalidade de contrato indefinido, “e hai que ter moito valor para chamarlle así”, cun período de proba de un ano. Período no que se vai poder despedir sen pagar indemnización algunha.

A reforma tamén baleira de contido a negociación colectiva ao priorizar o convenio de empresa fronte o convenio de sector. “Estase xeneralizando o dumping social, porque vai provocar unha carreira entre empresas para asinar convenios por debaixo dos de sector e non só iso, tamén por debaixo do da empresa que fai a mesma actividade e que está 100 metros máis alá”, explicou.

A isto engadiu a posibilidade de que as empresas se poidan descolgar dos convenios colectivos, non só de sector, senón os propios convenios de empresa, se poden xustificar problemas de competitividade ou que van caer as súas vendas.

Ademais, alertou do seguinte paso que quere dar a patronal, que é reformular o dereito de folga, baleirándoo tamén de contido, sen eliminalo, porque é un dereito constitucional.

Con este panorama, para a CIG existen razóns de sobra para convocar a folga xeral, á que se agarda que se sumen pequenos sindicatos de estado. Entrementres, CCOO e UGT mantéñense na ambigüidade.

A nova en Avantar.

Descarga e difunde!

A reforma laboral e o que nela nos vai

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG ven de elaborar un informe sobre o Real Decreto-Lei 3/2012, no que se recollen os termos da actual Reforma Laboral.

Este Informe, publicado baixo o título “Apontamentos Comparativos e Comentados sobre a Reforma Laboral de Febreiro de 2012 (descárgao aqui), componse de sete apartados nos que se comparan os contidos da anterior normativa e a recentemente aprobada sobre esta materia:

1. Intermediación laboral.

2. Formación Profesional Para o Emprego.

3. Contratación.

4. Modificación das condicións de traballo.

5. Modificación da negociación colectiva.

6. Extincións dos contratos de traballo.

7. Conciliación vida laboral, familiar e persoal. Vacacións.

Podes consultar este informe, e todos os anteriormente publicados, premendo aqui.

A NOSA RESPOSTA, A NOSA FERRAMENTA: 29 DE MARZAL, FOLGA XERAL!!!

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto