Inicio
 
 

Mobilizacións

Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG convoca asembleas abertas nas cidades galegas para debater sobre a reforma laboral e a folga xeral

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A central sindical convida a participar a todas as persoas interesadas en coñecer o alcance e as consecuencias que terá para a clase traballadora
  
A CIG convoca para este xoves, día 16 de febreiro, asembleas abertas nas distintas cidades galegas. A central sindical quere abrir así un debate social, para que se coñeza o alcance e as gravísimas consecuencias que terá a reforma laboral que vén de aprobar o PP, tanto para as condicións laborais e salariais da maioría da poboación, como no que supón de perda de dereitos. Nestas asembleas abordarase tamén a necesidade da convocatoria de folga xeral, que a CIG ten prevista para finais do mes de marzo, como única forma de frear, tanto esta reforma, como todas as medidas que xa se foron aprobando e as que se prevé que se impoñan a través dos orzamentos xerais do estado.

Horarios e lugares das asembleas:

•    A Coruña: Ás 19:30 horas na Praza de Pontevedra.

•    Ferrol: Ás 20:00 horas na Praza do Himno Galego.

•    Compostela: Ás 20:15 horas, na Praza do Toural.

•    Lugo: Ás 18:30 horas na Praza Maior.

•    Ourense: Ás 19:00 horas, diante da confederación de Empresarios, na Praza das Damas (a carón da Praza Maior).

•    Vigo: Ás 19:00 horas diante do MARCO.

Na cidade de Pontevedra xa se celebrou esta mañá unha asemblea de delegados/as e unha concentración diante da Delegación do Goberno.

Publicada a Reforma Laboral de Rajoy: o PP prégase ás demandas da banca e da patronal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O pasado sábado publicouse no BOE o texto da Reforma Laboral que o goberno de Rajoy impón por decreto, pregándose así ás esixencias da patronal (que nas súas declaracións anunciaba o contenta que estaba con esta reforma) e da banca. Esta reforma só nos deixa unha saída: a contestación a través da FOLGA XERAL!

A CIG considera que a reforma laboral é profundamente antiobreira e confirma a necesidade dunha contundente resposta social

Denuncia que o PP “prégase ás demandas da banca e da grande patronal”
A Confederación Intersindical Galega considera que todas as medidas recollidas na reforma laboral van dirixidas a flexibilizar e abaratar o despedimento e as condicións laborais e proporcionar man de obra barata á patronal. A reforma pretende ademais debilitar a negociación colectiva, dividir aos traballadores e individualizar as relacións laborais. O secretario xeral, Suso Seixo, afirma que “vai provocar unha caída xeneralizada dos salarios, o empobrecemento da clase traballadora, máis desigualdades sociais e a exclusión social dos máis desfavorecidos”. Ante isto, a CIG considera que con todas as medidas que se veñen aplicando e agora con esta reforma laboral, a única resposta posíbel é a folga xeral.
Para Seixo esta reforma fixa unhas relacións laborais á carta para os empresarios. “Está promovida pola burguesía española en favor dos intereses da súa clase”, afirma e engade que “é clasista e elitista, para satisfacer unicamente as demandas da banca e da grande patronal”.

Entre outras medidas, redúcese de 45 a 33 días por ano traballado a indemnización polo despedimento improcedente, afectando en parte, mesmo aos contratos subscritos con anterioridade á reforma.

No caso de despedimentos por causas obxectivas (EREs) elimínase o control previo por parte da administración das causas alegadas polas empresas. Ábrese ademais a posibilidade de recorrer a ERES no ámbito do sector público.

Baixo o eufemismo de “Impulso do contrato para a formación e aprendizaxe”, amplíase a idade máxima para ter acceso a este tipo de contrato até os 30 anos, cando menos até que a taxa de desemprego baixe do 15%. Permítese ademais que logo de ter este tipo de contrato nun sector de actividade, o traballador volva ter esta modalidade de contrato noutros sectores. Podes ser un eterno aprendiz até os 30 anos, pasando por diferentes sectores.

Unha vez máis insístese en bonificar ás empresas con fondos públicos, coa desculpa de facilitar o emprego de carácter estábel fomentando mesma competitividade entre os propios traballadores, segundo teñan ou non prestación por desemprego.

Legalízase a fraude que xa existe na actualidade de que haxa traballadores contratados a tempo parcial pero con xornadas superiores e a libre disposición da empresa.

Na negociación colectiva dáselle prioridade absoluta aos convenios de empresa o que suporá dividir moito máis aos traballadores/as, rebaixar salarios e condicións laborais xeneralizando así o dumping social. Alén diso, facilítase que as empresas deixen de aplicar os salarios pactados en convenio colectivo (descolgue).

Créase un novo tipo de contrato indefinido para empresas de até 50 traballadores/as, que terán un período de proba dun ano. Isto implica que o traballador pode ser despedido libre e gratuitamente, sen ningunha indemnización, durante todo este tempo. Isto vai fomentar a maiores, maior rotación no posto de traballo e o incremento da temporalidade.

Hai unha desregulación absoluta das condicións de traballo dentro da empresa, tanto no relativo ás funcións que pode desempeñar o traballador, como na xornada, o horario ou o sistema de rendemento, dándolle prioridade absoluta ás necesidades da empresa sobre os dereitos dos traballadores.

Inútil para crear emprego

Ante este durísimo paquete de medidas, dos que estas son apenas un exemplo, Seixo asegura que, tal e como se demostrou coas reformas laborais anteriores, esta tampouco vai favorecer a creación de emprego. “O problema está no modelo económico e nas políticas que se fan”.

Fronte a isto, aposta por atacar a crise a través doutras políticas fiscais que xeren ingresos ao estado, incrementar o investimento público para reactivar a economía e crear unha banca pública que garanta crédito e liquidez á pequena e mediana empresa. “O propio Banco de España, cando fala de que entramos de novo en recesión di que as causas fundamentais están na falta de crédito e na caída da demanda interna”, lembra o secretario xeral da CIG quen insite en que “a caída da demanda ten que ver é coa caída dos salarios. E esta reforma o que vai provocar é unha caída aínda maior dos salarios e precarizar de forma xeralizada as condicións da clase traballadora”.

Mobilización social

Para Suso Seixo, ante estas medidas só cabe respostar coa mobilización social. “A sociedade ten que asumir que con este tipo de políticas non só non saímos da crise senón que se agudiza aínda máis a recesión económica. Estas políticas fanse desde unha vertente ideolóxica determinada, a da dereita e do neoliberalismo”.

Por iso, fai un chamamento a que todas as organizacións sindicais se sumen á convocatoria de folga xeral e defendan outro tipo de políticas. “Entendemos que está máis que nunca xustificada e que as políticas antisociais e antiobreiras do PP non quedan aquí. Nos orzamentos que se van aprobar no mes de marzo estamos convencidos de que van vir medidas aínda moito máis duras”.

A nova en Avantar.

Concentración de delegados/as da Área Pública da CIG no Parlamento contra os "restritivos" e "privatizadores" orzamentos de 2012

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O mércores 21 de decembro, ás 11:30 horas, diante do Parlamento de Galiza
As federacións da área pública da CIG (Administración, Saúde e Ensino) veñen de anunciar a convocatoria dunha concentración de delegados/as ante o Parlamento de Galiza o vindeiro mércores día 21 de decembro, ás 11:30 horas, para manifestar o seu rexeitamento a uns orzamentos restritivos, que consolidan os recortes de servizos públicos e que afondan na rebaixa das retribucións dos/as traballadores/as do sector público.
Os orzamentos de Galiza para o 2012 afondan nas restricións retributivas dos empregados/as públicos/as e suporán unha perda de poder adquisitivo dun 15%, tendo en conta o que xa se recortaron os salarios en 2010 e 2011 e as subas acumuladas do IPC durante este período. Así o denunciou a secretaria nacional de CIG-Administración, María Carme López Santamariña, para quen é gravísimo que se consolide a perda de emprego público coa aplicación dunha taxa de reposición do 10%, que tamén se aplica en Sanidade e Ensino, e que vai supor que só 10 de cada 100 baixas, por xubilacións, excedencias e demais, se poidan cubrir. “E isto, en caso de extrema necesidade”.

López Santamariña considera que a imposición desta taxa de reposición contribuirá a aumentar as xa alarmantes taxas de desemprego, porque non se van activar as listas, o que afectará especialmente ao persoal interino, e tampouco se vai crear emprego público. Fronte a isto, a secretaria nacional de CIG-Administración denunciou a “falta de transparencia” canto ás retribucións de persoal de alta dirección, que non se rexe por convenio. Persoal do que non se coñecen as súas retribucións, porque nin van especificadas nas partidas orzamentarias, nin se deron a coñecer nas Mesas de Negociación.

A CIG alerta de que estes recortes afectarán directamente aos cidadáns e traduciranse nunha perda de calidade nos servizos públicos básicos, con especial incidencia na Sanidade, no Ensino e nos Servizos Sociais.

Esta política orzamentaria restritiva estase aplicando tamén nos concellos que, nos seus orzamentos para 2012, mesmo afondan nos recortes. Sobre todo en servizos sociais que se prestaban desde as entidades municipais.

Porén, o máis grave é que se xa os orzamentos supoñen un retroceso en dereitos sociais, laborais e prestacións, aínda poden sufrir maiores recortes ao deixar aberta a porta a aplicar directamente aqueles que se aproben nos orzamentos xerais do Estado. “O goberno do PP podería ter blindado os orzamentos da Xunta para que non houbese aínda máis recortes, pero non o fixo”, lamentou a secretaria nacional de CIG-Administración.

Consecuencias en materia sanitaria

A perda de poder adquisitivo do 15% para o conxunto dos empregados públicos é superior para o persoal da Sanidade, segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, porque xa antes de que se aplicara o recorte do 5% contemplado no decreto de medidas para reducir o déficit público, e recén chegado o goberno do PP, recibiron o anuncio de que se conxelaban os acordos retributivos que levaban sen negociar desde 1987 e que afectan, fundamentalmente á atención continuada: quendas, festivos, gardas, noites...

Alén diso, a taxa de reposición do 10% traducirase na Sanidade Pública nunha perda de máis de 3.000 postos até 2013 e, en consecuencia nun recorte nas prestacións. “Rómpese a equidade do sistema e introdúcense fórmulas de privatización e de co pago”. Neste sentido, Abuín denunciou a intención da Xunta de facer pagar aos doentes polas próteses ou por servizos como o de hostalería, que “deben ser integrais e incluír a alimentación e o aseo” dixo, para facilitar a recuperación das persoas ingresadas nos hospitais.

A este respecto, a secretaria nacional de CIG-Saúde lembrou a recomendación lanzada pola conselleira, cando asumiu o cargo, para que os usuarios/as da sanidade pública foran facendo seguros privados “para cousas menores”.

Do mesmo xeito, lembrou que o modelo de PCI polo que aposta o goberno do PP para hospitais como o de Vigo, hipotecará os futuros orzamentos, como xa advertiu o propio Consello de Contas, incrementará os custos e provocará un recorte de prestacións e servizos, porque as empresas buscarán garantir os seus beneficios económicos a custo dos beneficios sociais. “Volveremos a un sistema sanitario como o dos anos 40”, lamentou.

Recortes no ensino público, beneficios para o privado

O ensino é outro dos grandes castigados nestes orzamentos que veñen confirmar, segundo o secretario nacional de CIG-ensino, Anxo Louzao, a intención do PP de mercantilizalo, ao reducirse as partidas destinadas ao ensino público en 12 millóns de euros, mentres se incrementan nun 12,8% as destinadas ao ensino privado. “Afastámonos da recomendación de destinar o 7% do PIB ao ensino público e acumulamos desde 2009 unha redución de 458 millóns de euros”.

Xunto a isto, denunciou que son “galegofóbicos”, porque reducen as partidas destinadas á promoción do uso do galego nun 10% en 2012, ao que hai que engadir os recortes aplicados nos orzamentos anteriores, co que, en total, se achegan ao 60%.

Para Louzao, estas políticas van imposibilitar que desde o ensino se favoreza a igualdade de oportunidades e van provocar que sexa máis grande “a fenda da división social”, ao facer depender a formación, cada vez máis da capacidade adquisitiva dos proxenitores.

O secretario nacional de CIG-Ensino denunciou novamente o recorte en profesorado, que foi de 1.000 profesores/as en 2011, de case 600 en 2010 e que xa se prevé nos propios orzamentos que se reduza noutros 587 profesores/as en 2012. A iso, engadiu que hai nestes momentos 140 baixas sen cubrir e que son cada vez maiores as dificultades para atender as necesidades especiais. “Como CIG mobilizarémonos contra estes recortes”, dixo.

Desde a área pública da CIG fixeron tamén un chamamento a participar na concentración convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, para o mesmo día, 21 de decembro, pola tarde, tamén diante do Parlamento.

Galiza pola soberanía, os Dereitos Sociais e os Servizos Públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Concentración nacional en Compostela o sábado 17 de setembro na Praza da Quintana, ás 18:00 horas

Catorce organizacións sindicais, políticas e sociais veñen de presentar a convocatoria dunha concentración en Compostela para o vindeiro sábado día 17 de setembro, ás 6 da tarde na Praza da Quintana, baixo o lema “Galiza pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude!" Os convocantes chaman a participar masivamente para manifestar un rotundo rexeitamento ao antidemocrático pacto acadado entre PP e PSOE que terá graves consecuencias nas nosas condicións de vida e que limita a capacidade de Galiza para adoptar políticas propias en materia económica.
No acto de presentación, Suso Seixo, secretario xeral da CIG, manifestou que introducir o principio neoliberal do déficit cero na Constitución ten como obxectivo “minimizar o Estado para que todo quede en mans do capital privado”.

Alertou de que xa nos orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza terá consecuencias, polos recortes que se van aplicar no gasto social e nos investimentos públicos e, polo tanto, na calidade dos servizos públicos e nunha caída do emprego nestes sectores.

Advertiu que estas medidas lonxe de “frear aos especuladores” levan a unha creba da economía, como está ocorrendo en Grecia e denunciou que son o propio BCE e os estados europeos os que están a fomentalas “para recapitalizar a banca incrementando os seus beneficios”.

Asegurou que é falaz o argumento esgrimido por PP e PSOE, comparando unha economía familiar coa economía dun Estado, cando din que unha familia non pode gastar máis do que ingresa. “Foron estes partidos quen as levaron a recorrer ao endebedamento para fomentar o consumo e para alimentar a burbulla inmobiliaria”, afirmou.

Lembrou que un Estado ten mecanismos para diminuír o déficit. Como exemplo puxo incrementar os ingresos pola vía de aplicar políticas fiscais que graven aos que máis teñen e fixo un chamamento a combater a mensaxe constante de que “esta é a única vía para saír da crise”.

Así, reiterou a necesidade de concienciar á poboación de que “hai alternativas políticas e sociais a estas medidas” que, denunciou, “só serviron para incrementar o desemprego e precarizar os servizos”.
Ler máis

Milleiros de persoas súmanse á manifestación coa que rematou a Marcha Galega polo Emprego en Compostela

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Suso seixo, secretario xeral da CIG, anuncia que a central sindical promoverá unha grande mobilización a finais de outubro de cara a preparar unha nova convocatoria de folga xeral
As marchas de desempregados e desempregadas que percorreron Galiza desde Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo e Vilagarcía confluíron este domingo na Alameda compostelá. Entre aplausos e malia o cansazo acumulado, sumáronse aos milleiros de galegos e galegas que saíron en manifestación convocados pola CIG para percorrer as rúas da capital de Galiza até a praza da Quintana. Alí foi onde Suso Seixo, secretario xeral da CIG, anunciou que a central sindical promoverá unha grande mobilización, a finais de outubro, xunto con outras organizacións políticas e sociais do país, que se intentará facer confluír con convocatorias similares noutras nacións do estado, de cara a preparar, se é posíbel, unha nova folga xeral, mesmo a nivel do estado español.

A manifestación partiu pasadas as 12:00 da mañá da Alameda, tras da chagada de todas as marchas procedentes de distintos puntos de Galiza. Ao remate da manifestación, na praza da Quintana, interviñeron os portavoces dos grupos de desempregados e desempregadas chegados de distintas partes do país para agradecer a solidariedade recibida, non só das xentes das vilas polas que foron pasando, senón tamén da propia CIG. Un tras outro foron reivindicando o “dereito a vivir e traballar na nosa terra”, como sinalou Margarita López, de Vigo; denunciar un sistema desigual que “machaca á maioría social” coa connnivencia dos “sindicatos de obediencia española”, os “da gaivota e os da rosa”, como lembrou Antón Somoza, fronte a organizacións sindicais como a CIG, como subliñou Daniel Lourenço, de Ferrol.

Pola súa banda Duarte Abade e Águeda Rei, portavoces da Marcha da Coruña, lembraron que esta experiencia serviu para demostrar que os desempregados “non podemos quedar na casa resignados mentres recortan os nosos dereitos” e como unha chamada á mobilización como única forma de cambiar a actual situación.

Do mesmo xeito, Sofía Carril, portavoz da marcha de Ourense, que se sumou a esta desde a comarca de Valdeorras, denunciou o monopolio das pizarreiras, que obrigan “aos obreiros” a aceptar as súas condicións para poder acceder a un posto de traballo, e demandou un verdadeiro proceso de industrialización en Ourense, para poder atopar “un posto de traballo digno”. Parados e paradas que foron despedidos durante estes últimos anos “por mor dunha crise que non provocamos”, como reiterou Ricardo Núñez, portavoz da marcha de Pontevedra.

Ler máis

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto