Noticias Outras novas Outras novas
 
 

CIG-Saúde denuncia a dobre penalización salarial do persoal do SERGAS nos meses de xullo e decembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nin no salario nin na paga extraordinaria cobran o complemento específico que correspondería

A CIG-Saúde denuncia que nos meses de xullo e decembro o persoal do SERGAS sofre unha dobre penalización salarial no seu complemento específico ao incumprirse os acordos salariais asinados en 2008, co goberno bipartito, que foron conxelados polo goberno do PP coa chegada de Feijóo á Xunta de Galiza.

O complemento específico retribúe as especificidades do posto de traballo atendendo á  dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade  e penosidade, tal e como se establece no artigo 43.2 do Estatuto Marco.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín incide en que é a Xunta de Galiza quen ten as competencias para negociar a súa contía. Porén, denuncia que o goberno do PP penaliza o persoal estatutario de SERGAS, que ten un complemento específico inferior que o resto das/os traballadoras/es da Xunta de Galiza.

 

Abuín lembra que co goberno bipartito asinárase en 2008 un acordo retributivo que contemplaba unha suba salarial para que o persoal do SERGAS puidera superar “o agravio histórico” que viña padecendo.

A secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que porén, en canto Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta de Galiza no ano 2009, “o primeiro que fixo foi suspender, entre outros, este acordo” que se mantén desde aquela conxelado e que se nega a negociar na mesa sectorial, tal e como veñen demandando desde que o propio presidente da Xunta se subiu un 7,5% o seu salario.

Abuín denuncia, ante isto, que “o goberno do PP segue a condenar ao persoal do SERGAS a ter unha retribucións inferiores ao resto das/os traballadoras/es da Administración Pública Galega, mentres Feijóo presume de que as/os traballadoras/es da Xunta de Galiza no ano 2017, e desde o mes de xaneiro, recuperaron parte do salario que eles veñen roubando desde o 2010”.

Perda acumulada

Na extra do mes de xullo devolveuse o complemento específico “roubado” desde o ano 2012, pero sen os incrementos que se deberían aplicar atendendo ao acordo retributivo que o Sergas incumpre. No seguinte cadro pódese comprobar “o que nos rouban nas extras e mes a mes”, afirma María Xosé Abuín:

Especifico  Persoal Xunta de Galiza

Especifico Persoal do SERGAS

Roubado ao persoal do SERGAS mes a mes, e nas pagas extras

Nivel 22

626.99 €

Grupo A2

392.70 €

234.29 €

Nivel 18

465.15 €

Grupo C1

273.81 €

191.34 €

Nivel 16

451.34 €

Grupo C2

278.84 €

172.50 €

Nivel 12

423.71 €

Grupo E

306.36 €

117.35 €

 

Ver noticia en Avantar

Descarga aquí o noso panfleto

20170703FEIJOO-Paga-extra-xullo-2017 3

CIG-Saúde denuncia a “opacidade” da convocatoria de promoción “Código Camiño” da ACIS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

20170315 escrito acis

Demanda a paralización do até recibir información sobre o mesmo e comprobar que se cumpriron os requisitos mínimos de selección do “Sector Público”

A CIG-Saúde vén de solicitar acceso á información referida á convocatoria da promoción “Código Camiño: hackaton en saúde para ideas de valor” convocada pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). En concreto demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas; os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

A solicitude (premer na imaxe para agrandar) de CIG-Saúde vén motivada polas queixas transmitidas á central sindical sobre a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos.

Así explica que nas bases desta convocatoria presentábase como data límite de presentación das propostas o 24 de febreiro e nese momento había 28 solicitudes de participación segundo a propia web da promoción.

A ACIS reservábase o dereito de aprazar ou modificar a duración da promoción por causas de forza maior ou alleas o seu control e así se fixo, aprazando até o 28 de febreiro. Unha decisión que, segundo a CIG-Saúde, foi adoptada “sen mediar causas de forza maior ou alleas o seu control”.

Ademais, ao remate do prazo, o total de solicitudes ascendía a 33, pero “nin na páxina da promoción, nin nas bases aclarábanse os criterios de selección dos participantes”. E non só iso, as/os concorrentes con propostas que foron desbotadas recibiron unha comunicación mediante correo electrónico “sen datar, nin asinar”.

Diante disto, a CIG-Saúde exixe a paralización do proceso até recibir información sobre o mesmo e comprobar que se cumpriron os requisitos mínimos de selección do “Sector Público”.

O presidente da Xunta decreta unha suba salarial do 7.5% nas súas retribucións, e un 7% na das/os altos cargos mentres mantén conxelados os salarios do persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

20161220 suba salario feijooPor que o presidente da Xunta decreta unha suba salarial do 7.5% nas súas retribucións, e un 7% na das/os altos cargos?

A orde de confección de nóminas para o ano 2010, establecía unha redución do 3% dos salarios das/os altos cargos. No ano 2010 redúcense o salario nun 3%, no ano 2017, devólvense o reducido máis un 4% de incremento.

Ás/aos traballadoras/es da Sanidade Pública lévannos recortado o noso salario máis dun 30% e a devolución no ano 2017 é 0%. No ano 2010 conxelaron as pagas extras, a carreira profesional, o acordo retributivo 2008/12, os acordos retributivos de PACs, e no ano 2017 van seguir conxelados.

O diñeiro público é de todas/os, polo que se hai recuperación salarial debe ser na mesma porcentaxe para todas/os , non só para as/os membros do goberno do PP e para Feijóo.

Isto hai que paralo! Que non che sigan roubando!

DIARIO OFICIAL DE GALICIA Nº 12 Mércores, 20 de xaneiro de 2010

Orde do 14 de xaneiro de 2010 pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal a o servizo da Administración Autonómica para o ano 2010

Neste marco de contención do gasto, a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2010 reduce nun 3%, as retribucións dos altos cargos da Administración da comunidade autónoma, do Consello de Contas, do Consello Consultivo e do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Esta redución do 3 % aplicarase así mesmo no caso das persoas titulares das presidencias e vicepresidencias

Día Mundial da Saúde Mental: xornada sobre pobreza e saúde mental

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

datos-sobre-el-cerebro

DIA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

luns, 10 de outubro de 2016

Xornada organizada polo MGSM: pobreza e saúde mental

Aula Castelao da Facultade de Mediciña da USC (Santiago)

Horario:

17.00- Presentación.

Rosa Cerqueiro Landín. Psicóloga Clínica. Area Sanitaria de Ferrol.

Concepción Fernández Fernández. Concelleira responsable de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde do Concello de Santiago.

17.15- Mesa: A enfermidade mental e a pobreza.

Modera: Iria Veiga Ramos. Psiquiatra. USM-Barbanza. Área Sanitaria de Santiago.

  • Pobreza e trastorno mental grave. Ramón Ramos Ríos. Psiquiatra. Hospital Psiquiátrico de Conxo.
  • Empobrecemento e suicidio. Delia Guitián Rodríguez. Psicóloga Clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.
  • Un ollar xurídico ás sensacións do paciente: ¿teñen relevancia xurídica os factores emocionais?. Miguel Vieito Villar. Xurista especializado en Dereito á Saúde e vogal do Comité de Ética Asistencial do CHUS.

18.50- Descanso.

19.00-Conferencia-coloquio.

Presenta: Rocío Basanta Matos. Psicóloga Clínica. Hospital Universitario Lucus Augusti.

A exclusión social en Galicia.Pedro Fuentes Rey. Sociólogo. Equipo de estudos de Cáritas Española.

20.15- Finalización.

____________________________________________________________________

*  Non é necesaria inscripción. Entrada libre ata completar aforo.

Axudas a famlias con nenos/as menores de 3 anos e para compensación de gastos farmacéuticos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

dog

Publicouse hoxe no DOG a orde que regula as axudas para familias con fillos/as menores de 3 anos, e tamén por compensación de gastos farmacéuticos:

  • ORDE do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria. Descargar PDF
  • EXTRACTO da Orde do 11 de agosto de 2016 pola que se establecen as axudas económicas ás familias para a atención a domicilio de nenas e nenos menores de 3 anos a través do programa Bono coidado e se procede á súa convocatoria. Descargar PDF

1. Poderán ser beneficiarios das axudas do programa Bono coidado os pais/nais, titores/as, ou as persoas acolledoras de nenos/as menores de tres anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nos supostos seguintes:
a) Ter unha nena ou un neno nacida/o con posterioridade ao 31 de decembro de 2013 respecto da anualidade 2016 e con posterioridade ao 31 de decembro de 2014 respecto da anualidade 2017.
b) Que a renda da unidade familiar, entendida como a suma da base impoñible xeral e da base impoñible do aforro, non supere os 45.000 € ou os 13.500 € per cápita. Para estes efectos terase en conta a declaración do IRPF do ano 2014 respecto da anualidade 2016 e do ano 2015 respecto da anualidade 2017.

2. Ademais, as peresoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia. A axuda consistirá nunha achega económica cuxa contía estará en función da renda per cápita da unidade familiar, para contribuir ao pagamento do importe de servizos de atención á infancia a domicilio.
As solicitudes de axuda poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata, polo tando dende o 27 de agosto de 2016, o 30 de setembro de 2017.

  • ORDE do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións que desenvolverán as corporacións locais para a posta en marcha de programas de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017. Descargar PDF
  • EXTRACTO da Orde do 12 de agosto de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións que desenvolverán as corporacións locais para a posta en marcha de programas de axudas económicas a familias con menores a cargo para a compensación dos seus gastos farmacéuticos, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017. Descargar PDF

A CIG-Saúde pregunta ao SERGAS polas medidas adoptadas diante da folga convocada en TECNOCOM

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Insta á dirección a mediar e exixir á empresa que inicie a negociación co seu persoal para evitar o conflito laboral
 
A CIG-Saúde vén de dirixirse tanto ao Xerente do SERGAS como a Directora de Recursos Humanos para preguntar polas medidas adoptadas de cara a paliar as posíbeis consecuencias negativas da folga convocada en TECNOCOM para o servizo sanitario público. Insta ademais á dirección do Servizo Galego de Saúde a realizar as xestións necesarias para evitar, na medida do posíbel, a convocatoria de folga.
FIDES TELECOMLembra que os vindeiros días 1, 2 e 5 de setembro está convocada unha folga na empresa Tecnocom, que é a que fornece o soporte técnico informático en numerosas aplicacións informáticas do SERGAS, entre as que se atopan FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom. Convocatoria que se realiza logo da negativa da empresa a negociar coa representación do persoal despois de ter modificado as condicións de traballo unilateralmente.

A CIG-Saúde amosa a súa preocupación polas posíbeis consecuencias que esta folga poida traer para os servizos prestados por esta empresa ao tratarse dun apoio técnico informático inmediato e necesario para o persoal do sistema sanitario, e que repercute directamente no/a usuario/a.

Por iso pregunta que medidas está tomando o SERGAS de cara a paliar estas posíbeis consecuencias negativas para o servizo no sistema sanitario público; se desde a dirección do SERGAS se puxeron en contacto coa empresa para instala a iniciar a negociación que suspendería a convocatoria de folga e se o SERGAS se ten interesado nalgún momento polas condicións laborais do persoal que presta servizos informáticos a través de empresas externas.

Insta ademais á dirección do SERGAS a que realice as xestións oportunas para, na medida do posíbel, evitar a convocatoria de folga, ou, no seu caso, paliar as súas consecuencias, dirixíndose á empresa e exixíndolle que asuma as súas responsabilidades e no marco das relacións laborais inicie a negociación que demanda o persoal -co que a CIG-Saúde se solidariza- para evitar o conflito laboral que vería trasladadas ao SERGAS consecuencias negativas para o servizo público que presta.

A noticia en Avantar

O sindicalismo nacionalista rende homenaxe a Moncho Reboiras no seu 41º cabodano

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Fundación que leva o seu nome vén de editar unha biografía e unha lámina do militante asasinado pola policía franquista
Un ano máis, a Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza homenaxea o militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado pola policía franquista no verán de 1975. A entidade vinculada á CIG vén de editar unha biografía e unha lámina de Reboiras coincidindo co seu 41º cabodano.
2016 08 11 LaminaHomenaxeMonchoReboiras01

A Fundación Moncho Reboiras vén de editar con motivo do 41º aniversario do asasinato do militante nacionalista unha biografía na que se presenta a súa evolución vital, dende o seu nacemento en Imo (Dodro) en 1950 até o seu asasinato pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

O groso desta biografía correspóndese co seu compromiso político, como militante nacionalista, en favor das clases populares de Galiza. “Un compromiso que sería central na creación dun sindicalismo nacionalista galego, o que daría lugar ao Sindicato Obreiro Galego”, segundo subliñan.

Ademais, a Fundación Moncho Reboiras editou unha lámina na que se recupera unha fotografía de Xosé Ramón Reboiras Noia que achega unha faciana máis familiar e humana do histórico activista galego.

A noticia en Avantar

A CIG-Saúde impugna o Decreto de creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
María Xosé Abuín considera moi grave que siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde: o persoal investigador
 
A CIG-Saúde vén de presentar perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza un recurso impugnando o Decreto de Creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos. Considera que o seu articulado, no referido a designacións de responsábeis da áreas desta Axencia incumpre a normativa vixente no SERGAS.
12-05-15 concentración CIG-SaúdeMaría Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que “durante todo o proceso de tramitación deste decreto, na Mesa Sectorial demandamos que os cargos directivos da Axencia foran persoal do SERGAS e se seleccionasen segundo o recollido no Decreto 206/2005 para xefaturas de servizo”.

A CIG-Saúde denunciou, desde que se deu a coñecer o primeiro borrador do Decreto desta Axencia, a ilegalidade do sistema de selección de persoal directivo, por permitiren que persoas alleas ao Sergas, e sen ningún requisito previo de titulación –calquera universitario de grao-, puideran acceder a unha xefatura de servizo mediante contrato de alta dirección. Fronte a isto, a CIG-Saúde demandaba que se respectase a lexislación vixente no Sergas e se recoñecese ademais o valor humano e en coñecemento que hai no Servizo Galego de Saúde.

A modo de exemplo, Abuín explica que, de aplicarse esta normativa na designación de xefes de servizo no SERGAS, daría como resultado que un persoal non sanitario, con titulación de  grao, puidera acceder a unha xefatura clínica sen ter coñecemento algún en saúde e non como agora, que para acceder a esas xefaturas ten que ser persoal facultativo en caso de que sexan sanitarias, ou non se non o son.

A argumentación esgrimida polos/as responsábeis da consellaría de Sanidade na propia Mesa Sectorial e diante de todas as organizacións sindicais para xustificar ese sistema de selección foi, segundo sinala Abuín, que “o decreto de creación da Axencia permite nomear persoal alleo ao SERGAS, e que non se corresponda cos requisitos actualmente exixidos, porque no Servizo Galego de Saúde non hai coñecemento suficiente, por iso hai buscalo fora”.

A semana pasada, na xuntanza mantida co novo conselleiro, a CIG demandou un cambio no decreto da Axencia en todo o articulado referido a nomeamentos de responsábeis “como un xesto dirixido ao persoal do Sergas para visualizar que no Servizo Galego de Saúde sobra coñecemento”, di a secretaria nacional da CIG-Saúde. A falta deste xesto foi o que levou á CIG-Saúde a presentar este contencioso.

A secretaria nacional considera que sendo grave todo isto, “máis grave é que na Axencia siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde, como é o persoal investigador”.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto