Noticias Outras novas Outras novas
 
 

“A medida anunciada polo PP de eximir do copago farmacéutico a 100.000 galegos e galegas é absolutamente insuficiente”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia que o "repago de medicamentos" está provocando o deterioro da calidade de vida das e dos cidadáns
 
“Os copagos farmacéuticos estabelecidos polo RD 16/2012 están a empeorar a calidade de vida das/os cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo”. Así o denuncia a CIG-Saúde que considera que isto quedou probado pola propia administración ao anunciar onte unha medida coa que se eximirá do copago de fármacos a 100.000 galegos/as.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, Mª Xosé Abuín, lembra que desde o ano 2012 vense demandando da consellaría de Sanidade que se fagan públicos os datos sobre as e os doentes galegos que non estaban a retirar das farmacias os medicamentos prescritos. Unha demanda que a consellaría preferiu non atender, como tampouco fixo caso algún das denuncias dos propios facultativos/as que vían como a saúde dunha parte importante da poboación ía empeorando día a día porque as súas condicións económicas lle impedían acceder aos tratamentos.

Fronte a isto, a CIG-Saúde denuncia que porén agora, “por mor do desplome do Partido Popular sacan unha medida absolutamente insuficiente, porque hai máis de 100.000 persoas con rendas baixas, con fillos menores ou dependentes ao seu cargo que seguirán sen poder facer fronte a ese copago farmacéutico”.

Abuín asegura que a situación é de tal gravidade para moitas e moitos doentes que “en non poucos casos acaban recorrendo aos servizos de urxencias coas súas patoloxías agravadas por non poder medicarse e ao final é neses servizos onde reciben a medicación correspondente”.

A isto engade que non só a administración “castiga” á poboación con estes repagos senón que hai innumerábeis fármacos -máis de 400- que foron retirados do financiamento público pero que son indispensábeis para a saúde de moitos doentes que “non van poder acceder a eles”.

Asegura que estes medicamentos experimentaron ademais unha suba que, en non poucos casos, superou mesmo o 100%. Por iso exixe, máis unha vez, a derrogación do decreto 16/2012 e de todas as medidas que supuxeron unha perda de dereitos sanitarios da poboación. “Os repagos non benefician á sanidade, nin diminúen o gasto farmacéutico, porque as multinacionais seguen incrementando exponencialmente os prezos dos medicamentos. Porén, contra isto os gobernos do PP non adoptan ningunha medida porque é moitos máis doado lexislar en contra dos máis desfavorecidos”, conclúe.

A noticia en Avantar

“Feijóo búrlase do persoal público anunciando que creará unha 'hucha' para devolver os complementos” di a Área Pública da CIG

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que non está contemplado nos orzamentos e exixe a devolución do 100% das pagas extra destes anos
 
A Área Pública da CIG cualificou de “burla” ás empregadas e empregados públicos galegos o anuncio que este mércores fixo o Presidente da Xunta de Galiza na sesión de control do Parlamento onde  asegurou que se creará un fondo retributivo para a “recuperación paulatina” do complemento específico das dúas pagas extraordinarias. María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública denuncia que é “pura propaganda”, coa pretensión de “manipular á opinión pública” e reclama a reposición do 100% das pagas extra e o cumprimento das sentenzas xudiciais.

López Santamariña explicou que “paulatinamente” significa “de forma lenta e gradual” e lembrou que Feijóo, acompañando ese anunciou “coidouse moito de especificar canto de lenta e gradual será esa devolución”.

Lembrou ademais que para facer calquera devolución ten que haber unha partida orzamentaria destinada a tal fin que “non está habilitada nos orzamentos para 2015” e que o único que está contemplado é a devolución do 25% da paga extra de 2012. “Devolución que nin sequera se fará efectiva ao completo en 2015 xa que a previsión do goberno, tal e como tamén anunciou Feijóo, é que se faga a prazos: unha parte no vindeiro ano e a outra en 2016”.

Ante isto, a portavoz da Área Pública da CIG, preguntouse en que momento comezará a facerse esa devolución “paulatina” e considerou unha “irresponsabilidade” e un “insulto” que se faga este anuncio cando “neste momento xa temos sentenzas que condenan a administración galega a devolver a parte correspondente da paga extra do ano 2012, comezaron a chegar tamén as sentenzas referidas á de 2013 e en 2015 teremos que presentar demandas polas pagas extra de 2014”.

Fronte a esta situación, López Santamariña reclamou a devolución do 100% das pagas extra e denunciou o “despropósito” do reintegro de 2012 en dúas anualidades, que aínda “non se sabe nin como se vai devolver exactamente”.

Segundo o Presidente da Xunta esta medida aprobarase mañá no Consello da Xunta e será incluída na “denostada” Lei de Emprego Público. A este respecto, María Carme López Santamariña explica que é nos complementos específicos onde ten capacidade de regulación a Xunta de Galiza porque as retribucións base e os trienios comúns están regulados polo Estado. Denunciou que “por iso en Galiza temos o 40% de recorte con respecto ás retribucións do goberno español e outras comunidades que si cobran as extra completas”.

A noticia en Avantar

A Área Pública da CIG retírase da mesa de negociación da Lei de Emprego Público ao se manter o plus de altos cargos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A de onte era a cuarta xuntanza de negociación do terceiro borrador de anteproxecto
 
A Área Pública da CIG vén de retirarse da mesa de negociación do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza ao non se aceptar apenas ningunha das emendas presentadas pola central sindical e ao negarse a administración a retirar o plus de altos cargos, mentres se manteñen todos os recortes laborais e salariais para as empregadas e empregados públicos.
09-12-02 Plus altos cargos

Na xornada de hoxe celebrábase a cuarta xuntanza de negociación, artigo por artigo, do terceiro borrador do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza. Un texto do que a Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) xa pedira a súa retirada por considerar que nin sequera o seu nome se correspondía co contido.

A este respecto a Área Pública denunciou, en repetidas ocasións e por escrito, que con esta lei nin se favorece a recuperación do emprego público destruído, nin se vai frear o deterioro que por mor dos sucesivos recortes sufriron os servizos públicos, nin se posibilita que as empregadas e empregados públicos recuperen dereitos laborais e económicos que lle foron suprimidos nestes últimos anos. 

A decisión foi adoptada nesta xuntanza logo dos representantes da administración autonómica deixar claro que non se ía facer regulación alguna do persoal directivo, que se mantería a imposición da carreira profesional, que se vai introducir o novo sistema de retribucións -baseado na “avaliación do rendemento” subxectiva, non profesional- e que non se vai propiciar a normalización da lingua galega nas administración públicas.

A respecto da avaliación do rendemento consideran especialmente grave que con esta lei se materialice a “discrecionalización dos dereitos das e dos empregados públicos cunha "avaliación do rendemento" non obxectiva, nin profesional co obxecto de defenestrar a súa carreira administrativa e retribucións se non se someten aos ditados políticos”.

Plus de altos cargos

Con todo, a decisión de levantarse da mesa e abandonar as negociacións, adoptouse definitivamente diante da negativa da administración a retirar o plus de altos cargos. Segundo explica María Carme López Santamariña, portavoz da Área Pública, “fixemos un último intento para que recapacitaran respecto do que nestes momentos significa manter este privilexio para os altos cargos cando ás empregadas e empregados públicos nos están recortando os salarios e se nos nega o dereito a cobrar as nosas pagas extra completas”. 

Para a Área Pública, con esta nova Lei da Función Pública o que se pretende é blindar a Administración autonómica para garantir os intereses de quen mandan, pensando nos altos cargos, nos asesores políticos ou nos directivos que traen da empresa privada sen pasar unha oposición. Entende que “estes son exemplos claros onde a cidadanía reclama austeridade e cuxos cartos se poderían derivar a prestación directa de servizos públicos esenciais”.

Denuncia ademais que este deseño “extremadamente politizado” da Administración autonómica, “redunda, non só nun gasto innecesario, senón contrario aos intereses xerais do noso país. Hai que ter en conta que a proposta actual non só pon por diante os intereses dos altos cargos senón que lesiona a independencia e profesionalidade das empregadas e empregados públicos galegos”. 

A nova en Avantar

A CIG-Saúde denuncia que mentres se elimina persoal da Sanidade Pública, o Goberno central vai convocar 4.000 prazas de militares

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Considera “obsceno” este anuncio e reclama máis investimento para garantir unha sanidade pública de calidade

Nunha nota de prensa emitida polo Ministerio de Defensa anúnciase a convocatoria no 2014 de preto de 4.000 prazas para o ingreso nas Forzas Armadas, e afírmase que esta oferta converte ao Ministerio de Defensa no “principal ofertante de emprego” do Estado español. Dende a CIG-Saúde consideran “obsceno” este anuncio, tendo en conta que desde o ano 2011 perdéronse máis de 3.000 empregos na Sanidade Pública galega. Esta situación xa foi denunciada pola CIG-Saúde en varias ocasións, e engade que as políticas privatizadoras do PP nos gobernos da Xunta e o estado español van supoñer maior perda de postos de traballo públicos na sanidade.

Afirman desde a CIG-Saúde que “nun contexto de crise económica como a que se vive, a poboación precisa cando menos duns servizos públicos fortes que cubran as necesidades básicas (sanidade, educación, servizos sociais...)”. Pola contra, argumentan, “o que está a facer o PP desde o Goberno é desmantelar estes servizos, privatizándoos e empeorando a súa calidade, mentres anuncian convocatorias de prazas para as Forzas Armadas, servizo totalmente prescindíbel, que non achega nada ao benestar da cidadanía”.

Cómpre lembrar que, a través do Real Decreto 30/2011 e dos sucesivos orzamentos, o Goberno estatal conxelou a cobertura de prazas de emprego público, limitándoas ao 10% de reposición no caso de servizos esenciais como é a sanidade. “Está claro”, indican desde a CIG-Saúde, “que para este Goberno é máis esencial un exército e o armamento que unha sanidade pública de calidade para toda a poboación” e por iso, afirman, “o Estado español vende armas a Israel coas que poidan asasinar en Gaza persoas indefensas, moitas delas nenos e nenas”.

Desde a CIG-Saúde denuncian “o baixo talle moral dos gobernos do PP, a quen non lles importa nada a saúde da poboación; desmantelan, desinvisten e privatizan a Sanidade Pública, mentres gastan millóns en exército e armamento”.

A CIG rexeita o diálogo social emprendido por CCOO e UGT co goberno e que supón avalar todas as políticas do PP

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que implica darlle un cheque en branco á dereita para aplicar todas as políticas da troika e da UE que son as que nos teñen levado a esta situación

A CIG considera que a apertura do diálogo social e a sinatura dun documento conxunto entre o goberno, CCOO, UGT, CEOE e CEPYME supón por parte destes sindicatos avalar tanto as políticas do PP destes últimos anos, como as futuras, e dar un “cheque en branco” ao goberno para aplicar as medidas ditadas pola troika e a UE que foron as que nos levaron a esta situación. Ante isto a CIG denuncia o “entreguismo” dos sindicatos españois e a súa renuncia a reclamar os dereitos laborais e sociais perdidos pola clase  traballadora trala imposición das reformas laborais e sucesivos recortes aplicados durante este período. 

Tras sete anos de crise, de reformas laborais que provocaron a masiva destrución de emprego, un brutal incremento da precariedade laboral, a rebaixa xeralizada dos salarios, o aumento da temporalidade e a expulsión de miles de mozos e mozas á emigración, así como de políticas económicas que supuxeron un recorte brutal no investimento público, o afogamento dos sectores produtivos e un retroceso sen precedentes do sector público, dos servizos sociais, da sanidade pública e do ensino, entre outras, CCOO e UGT sentan a negociar co goberno do PP e a patronal e asinan un “Acordo de Propostas para a Negociación Tripartita para fortalecer o crecemento económico e o emprego”. 

Un acordo do que se tira non só que estas organizacións sindicais españolas asumen ao completo o modelo neoliberal consagrado pola UE senón tamén todos e cada un dos seus principios, a comezar polo déficit cero, asegurando que comparten “a necesidade de combinar políticas que fagan sostíbeis as contas públicas xunto con políticas de impulso da actividade económica e o investimento produtivo”.  

Un modelo que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, denuncia que foi “fielmente executado polo Partido Popular e que agora veñen apoiar CCOO e UGT, que o fan ademais nun contexto no que desde ese goberno de dereita reaccionaria se están a recortar as liberdades públicas con reformas como a do Código Penal ou da Lei de Seguridade Cidadá, que teñen como principal obxectivo precisamente reprimir a mobilización social para que non se poñan en cuestión esas políticas”. 

Para a CIG o documento destila hipocrisía, tanto por parte do goberno como por parte deses sindicatos, é un canto ao españolismo e ao centralismo e serve ademais para avalar, desde as primeiras liñas, a versión do PP de que se está na “senda da recuperación económica”. Unha recuperación que a CIG considera falsa porque “as traballadoras e traballadores galegos seguen a sufrir un empeoramento das súas condicións laborais, salariais e de vida, mentres medran os beneficios das grandes empresas, de especuladores e banqueiros”, sinala Seixo. 

A CIG entende que do momento no que non se recolla mención algunha ás políticas impostas polo PP durante estes anos estase, de forma implícita, a validalas e mesmo a aceptalas, desde as reformas laborais até a das pensións pasando pola reforma da negociación colectiva, a nova lei de mutuas e mesmo a reforma do IRPF que se vén de aprobar e que prexudica a progresividade castigando máis as rendas baixas que as altas. 

Plan de explotación xuvenil

Do texto dedúcese ademais que o plan de emprego xuvenil, aprobado por Real Decreto polo Consello de Ministros do pasado 4 de xullo e que a CIG cualificou como “plan de explotación e emigración xuvenil”, é resultado das negociacións entre sindicatos, patronal e goberno iniciadas en febreiro de 2013. 

Un plan do que a CIG denunciou ademais que afonda en modalidades de contratación que favorecen a explotación da mocidade e que van provocar que a súa única alternativa, para buscar unhas condicións laborais máis dignas, siga sendo a emigración. Isto alén de garantir novas vías de subvención ás empresas ao introducir máis bonificacións á contratación. 

A CIG considera ademais que a medida estrela anunciada onte pola ministra de Emprego Fátima Báñez ao remate da xuntanza con sindicatos e patronal e que aparece recollida no documento é “un parche”. Esa medida prevé a creación dunha axuda para os cabezas de familias que teñan todos os seus membros en paro e non reciban ingresos laborais, e que se calcula que son unhas 500.000 persoas.   

Unha axuda que para a CIG non soluciona o problema real de pobreza e exclusión social que sofren miles de persoas en Galiza. Neste sentido, a central sindical lembra que, segundo os últimos datos da EPA, no noso país hai 93.700 fogares con todos os seus membros activos no paro. E non só iso, un total de 118.100 persoas, o 42% de desempregados/as leva máis de 2 anos en situación de desemprego e xa non ten ningún tipo de axuda. Un colectivo que non deixa de medrar pola ausencia de políticas que favorezan unha recuperación económica real e que garantan o apoio aos sectores produtivos para que se cree emprego de calidade e estábel.

Outro modelo é posíbel

Fronte os acordos que se recollen no documento asinado ao abeiro dese chamado diálogo social, a CIG defende a necesidade de pór en marcha con carácter urxente as medidas recollidas na ILP en materia de política industrial, financeira, fiscal, I+D, infraestruturas, laboral ou de servizos públicos, entre outras.

Por todo isto denuncia que detrás deste acordo o que hai é unha “aceptación” e un “entreguismo” de CCOO e UGT a toda a política do goberno que con dureza se vén aplicando e unha renuncia explícita a reclamar os dereitos usurpados á clase traballadora. Un comportamento que entende que é simplemente inadmisíbel por parte de calquera organización sindical que debe ter como único fin a defensa dos intereses das e dos traballadores. 

Lembra que do diálogo social non vai vir nin a recuperación económica nin de dereitos, afirma que deses acordos non vai saír nada útil para a clase traballadora galega e entende que a única interlocución posíbel con este goberno ten que ser para pedir a súa dimisión e exixir pola vía da mobilización social un cambio radical da situación.

A nova en Avantar

O Servizo Galego de Saúde coloca a persoal da súa confianza sen ter a categoría esixida

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG considera que é un “desprezo” á normativa da Función Pública e un “menosprezo” polos servizos públicos
.
O sector da Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar a colocación a dedo de persoal no SERGAS. Asegura que a consellaría de Sanidade utiliza “de xeito perverso” a figura da comisión de servizos para “colocar a amigos e amigas” en postos de responsabilidade, “moi ben remunerados e sen ter a titulación requirida para ejercer esas funcións”.
edificio SERGAS

Lembra que xa en xuño de 2011 denunciara os trapicheos que, naquel momento, manexaba a Consellaría de Sanidade con respecto á colocación de persoal en postos, sen cumprir a normativa de Función Pública. Daquela denunciárase que tanto a, nese momento, vicexerenta do Sergas, Mª Eugenia Lado Lago, como a subdirectora de Desenvolvemento e Seguridade Asistencial, Mercedes Carreras Viñas, non cumprían cos requisitos necesarios para ocupar estes postos. Na actualidade aparecen “cesadas” das súas funcións, segundo o directorio telefónico da Xunta.

Non en tanto, denuncia que Sanidade segue cometendo as mesmas irregularidades. Lembra que o pasado 17 de xuño, a Federación de CIG-Saúde preguntou pola persoa que estaba a ocupar a xefatura de Servizo de Innovación Sanitaria que, segundo o directorio telefónico naqueles momentos estaba ocupada por Rodrigo Gómez Ruiz. Denunciábase que esta persoa era persoal da FEGAS (Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria) coa categoría de Auxiliar Administrativo C2, e que con esa categoría fora integrado, segundo o decreto 91/2007 do 26 de abril, como persoal estatutario do Sergas, polo que non podería ocupar un posto reservado para a categoría A1.

Posteriormente, a Dirección Xeral de Recursos Humanos emitiu un informe sinalando que esa praza estivera vacante desde a súa creación, a finais de 2013. “Curioso que a Administración cree unha nova praza en pleno proceso de reestruturación de postos -ou de recortes, para entendernos mellor- e non o cubra”, matiza a CIG-Autonómica. Tamén neste informe, o Sergas sinalaba que Rodrigo Gómez Ruiz “non ocupa ningún posto de traballo na relación de postos de traballo” de Sanidade. Pero ao mesmo tempo que se emitiu ese informe, curiosamente tamén, actualizouse o directorio telefónico e esta persoa deixou de “exercer” as funcións de xefe de servizo, ou cando menos, deixou de figurar con esa categoría.

Non obstante, no mesmo documento, o Sergas recoñece que esta persoa si está a prestar servizos na Subdirección Xeral de Investigación, Docencia e Innovación do Sergas dende o 13 de marzo de 2013. Recoñece tamén que a categoría que ten é dun grupo C2 e sinala que as percepcións económicas se corresponden á súa praza de orixe. Porén, “cremos que esta persoa podería ter unha retribución maior por medio dun programa especialPráctica moi habitual da consellaría de Sanidade para retribuír, de xeito escuro (xa que non é público) a determinado persoal e equiparalos a un nivel económico de xefe de servizo, como se fosen estes os fondos reservados do Ministerio do Interior”, afirma.

A isto engade que “as mentiras do Sergas” evidéncianse cando na páxina web www.escueladedirectivossanitarios.es (xestionada polo FEGAS e o SERGAS) pódese comprobar moi facilmente que esta persoa representa á Consellaría de Sanidade como Coordinador da Plataforma de Innovación da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saude”. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración. É experto en Community Management: Empresa 2.0 e Redes Sociais. Foi Responsábel da Unidade de Desenvolvemento e Innovación da FEGAS.”

Conclúe así a CIG-Autonómica que “é moi claro que a Consellaría de Sanidade mente e falta ao respecto a todo o persoal da Xunta de Galiza cando afirma que esta persoa presta “servizos de colaboración temporal” e tamén cando di que non cobra máis do que cobraría no seu posto de orixe, persoal de servizos xerais, correspondente a un auxiliar administrativo na Función Pública Galega”.

Ante isto, vén de lle exixir ao Sergas e ao departamento da Función Pública que se “depuren responsabilidades con respecto a esta forma clientelar de colocación de amigos e de premiar economicamente estas vontades servís” e que se deixe de utilizar esta forma “perversa e ilegal” de provisión de postos de traballo incumprindo a normativa vixente. “Avisamos de que emprenderemos as accións xudiciais oportunas no caso de que non se revertan estas situacións ilegais”.

O sector da Autonómica da CIG-Administración chama atención da cidadanía en xeral para que valore “que tipo de responsábeis políticos exercen a dirección da política sanitaria deste país, que son capaces de ocupar cargos sen ter a categoría requirida e que chegan até a Vicexerencia do propio Servizo Galego de Saúde”.  Entende que, ademais dun “desprezo” á normativa da Función Pública, isto evidencia un “menosprezo total e absoluto” polos Servizos Públicos e pola propia cidadanía que é a usuaria destes e que merece unha Sanidade Pública, gratuíta e xestionada por responsábeis competentes e honestos.

A nova en Avantar

Para a CIG “Paula Prado mente” ao afirmar que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que é unha burla, cando a central sindical mesmo promoveu unha ILP reclamando a súa supresión
.
A CIG manifesta a súa profunda indignación polas declaracións da portavoz do PP de Política Institucional, Paula Prado, quen afirmou esta mañá que se está a negociar cos sindicatos a recuperación do plus de altos cargos, ao que se poderían destinar fondos cando se recupere a economía. A coordinadora da Área Pública da CIG, María Carme López Santamariña, afirma ao respecto, con absoluta rotundidade, que “Paula Prado mente”.

A Área Pública da CIG manifesta que non existe ningún tipo de negociación nese sentido, nin sequera para recuperar moitos dos dereitos laborais e salariais perdidos polas traballadoras e traballadores da administración pública galega, algo que si se vén reclamando de forma reiterada por parte da central sindical.

Lonxe disto, Maria Carme López Santamariña asegura que a CIG non entraría, baixo ningún concepto, a negociar a recuperación deste plus contra o que mesmo presentou unha ILP demandando a súa derrogación. Unha ILP que foi debatida no Parlamento de Galiza en decembro de 2009 e que non progresou porque tanto o PP como o PSOE votaron a favor de que se mantiveran estes privilexios para os funcionarios que ostentaran eses cargos.

A coordinadora da Área Pública da CIG sinala que cando se anunciou a suspensión deste plus, en abril de 2013, a central sindical demandou novamente a súa desaparición definitiva da lexislación para evitar a súa recuperación nun futuro. A isto engade que este plus foi obxecto dunha enorme contestación social, reveladora do distanciamento que nesta materia existe entre a sociedade galega e moitos dos seus representantes políticos e subverte o principio de que o desempeño de cargos públicos ou de designación política non pode converterse nun atranco, pero tampouco nunha vantaxe, para a carreira profesional dos funcionarios.

Xunto a isto, López Santamariña, lembra que a CIG tamén manifestou a súa oposición ao mantemento deste privilexio na nova Lei de Emprego Público, porque xa daquela facía pensar, como agora se confirma, que a intención era recuperalo en canto a situación económica o permitira.

Por todo isto, a Área Pública da CIG reitera que, “Paula Prado mente”, que as súas palabras son “unha burla”, que non existe negociación algunha a respecto da recuperación deste plus e que a única opción que a central sindical contempla é a súa supresión definitiva.

A nova en Avantar

A Área Pública da CIG rexeita a totalidade do anteproxecto de Lei de Emprego Público de Galiza e demanda a súa retirada

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Denuncia que a administración volveu remitir o texto sen apenas cambios e sen aceptar ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano
.
A Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galiza volveu remitir o anteproxecto de Lei do Emprego de Galiza e deu un novo prazo para a súa revisión que remata este venres. Tras analizalo, a CIG-Área Pública reitera o seu rexeitamento á totalidade do texto e solicita a súa retirada. Denuncia que apenas se introduciron modificacións e que non se aceptou ningunha das emendas presentadas hai máis de un ano.

A Área Pública da CIG na que están integradas as federacións de Ensino, Saúde e Administración considera que este ‘mal chamado’ anteproxecto de Lei do Emprego Público de Galiza, é en realidade unha nova Lei de Función Pública Galega pero que non contempla o dereito á negociación colectiva nas administracións públicas; non recolle a recuperación dos dereitos laborais e económicos sustraídos aos traballadores e traballadoras das administracións públicas; non promove a recuperación do emprego público en Galiza e tampouco recolle a defensa dos servizos públicos, entre moitas outras cuestión.

A Área Pública denuncia que porén si é un proxecto de Lei que posibilitará “impulsar o desmantelmamento dos servizos públicos e camiñar cara unha administración totalmente dixital, onde desparecerá a necesaria independencia dos empregados/as públicos/as no desempeño das súas tarefas”.

O novo borrador do anteproxecto de LEPG apenas introduce modificacións respecto do enviado en abril do ano 2013 e a CIG-Área Pública ratifica e mantén todas as alegacións presentadas en maio dese mesmo ano.

Daquela remitiu un escrito no que se recollína unha serie de consideración xénericas aos apartados relativos a : 1.- Regulación e definición Persoal directivo; 2.- Carreira profesional e novo sistema de retibucións; 3.- Normalización lingua galega nas admininistracións públicas e 4.- Supresión Plus dos altos cargos.

Xunto a este, presentou, xa en abril do pasado ano un texto onde se recollían centos de alegacións á totalidade do articulado.

Por iso manifesta, unha vez máis, a súa oposición aos "paripés" de negociación do ano 2013. Un ano no que “se perderon moitas horas en facer lectura das alegacións xa presentadas por escrito por parte de esta organización sindical ante a administración,  para que finalmente o texto que nos remiten novamente non recolla ningunha das nosas propostas e apenas contemple modificacións co inicialmente enviado”, denuncia a Área Pública.

En arquivos adxunto a documentación que xa están en poder desa Dirección Xeral da Función Plública.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto