Noticias Outras novas Outras novas
 
 

A CIG defenderá no próximo pleno do Parlamento a ILP polo emprego

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Chega ao seu debate na cámara co respaldo de máis de 31.000 sinaturas, co apoio de concellos, comités de empresa e organizacións sociais e políticas
O vindeiro martes día 10 de xuño o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, defenderá no pleno do Parlamento a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola central sindical na que se recollen 100 medidas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza. Unha ILP que chega avalada por máis do dobre das sinaturas necesarias e que conta ademais co apoio de numerosas organizacións sociais, políticas, comités de empresa e concellos.
14-04-02 manifestacion 001

Deste xeito, a central sindical consegue que o que hoxe é un dos principais problemas das galegas e galegos: o desemprego, pase ao primeiro plano do debate institucional no Parlamento, que é quen pode, e debe, adoptar medidas para darlle unha solución.

A CIG iniciou o percorrido desta ILP no mes de setembro de 2013 coa súa presentación pública. Daquela a central sindical xa anunciaba que a súa intención era abrir un amplo debate social e político sobre a gravísima situación xerada pola crise económica e as políticas neoliberais adoptadas. Políticas que lonxe de xerar emprego provocaron a súa masiva destrución, o deterioro das condicións laborais e de vida da clase traballadora, o empobrecemento e a exclusión social de miles de desempregados/as e a expulsión de Galiza de miles de mozos e mozas que se viron abocados a emigrar para atopar un posto de traballo.

A partir de aí, e co rexistro da ILP no Parlamento no mes de outubro, iniciáronse os traballos de divulgación dos seus contidos e de recollida de sinaturas, cunha intensa campaña durante a que se celebraron múltiples asembleas, innumerábeis repartos, actos informativos na universidade, nas rúas ou con asociacións veciñais.

Xunto a isto, a CIG promoveu  a presentación de mocións en apoio á ILP, que foi debatida en máis de 60 concellos de toda Galiza e ten constancia de que foi aprobada en, cando menos, 28 concellos.

A central sindical conseguiu tamén máis do dobre das sinaturas necesarias para a súa tramitación, un total de 31.232 e o apoio de comités de empresa tan relevantes como o de Navantia ou o de Pull&Bear, o que sumado a todo o anterior supón un importante respaldo que debía levar a que as propostas contempladas na Iniciativa Lexislativa foran tomadas en consideración por parte do grupo maioritario, o PP, o vindeiro martes.

E é que na rolda de contactos mantida cos grupos parlamentarios, todos, agás o Partido Popular, manifestaron a súa disposición a apoiala. Porén o PP limitouse a transmitir o seu compromiso de analizar polo miúdo os seus contidos e a manter un novo contacto antes de que se dera o seu debate en pleno. Contacto que, a esta altura, non se chegou a producir.

100 medidas

A ILP recolle un total de 100 medidas en materia fiscal, financeira, laboral, social, enerxética ou industrial, entre outras, que considera imprescindíbeis para recuperar a actividade dos nosos sectores produtivos e que se cree emprego digno no país.

A maior parte delas demostran que si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego. Porén para adoptar outras medidas, as competencias residen no Congreso ou dependen do goberno español.

A este respecto, a central sindical considera que neses casos, as institucións teñen a obriga de exixir a súa transferencia, entendendo que ningún goberno que queira actuar como tal pode derivar a súa responsabilidade noutras institucións ou na súa falta de competencias.

Povisa obtivo 1.300.000 euros máis de beneficios en 2012 que o ano anterior a custo de recortar en calidade asistencial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O comité de empresa reuniuse na tarde deste mércores coa consellaría para pedir información sobre o concerto e denunciar o deterioro na atención ás/aos doentes
Esta tarde celebrábase en Compostela unha xuntanza entre o comité de empresa de Povisa e a consellaría de Sanidade. Unha xuntanza que foi concedida, malia estar solicitada desde hai tempo, porque o Valedor do Pobo, no seu informe, incluíu que o SERGAS, ademais de reunirse coa empresa, tiña que facelo tamén co comité.

Segundo explicou María Xesús Neira, presidenta do comité e representante da CIG, o último escrito presentado solicitando xuntanza data do mes de abril, pero até de agora non houbo resposta.

O Comité pretende, con esta xuntanza, obter da consellaría información a respecto de como vai o concerto SERGAS-Povisa, como están afectando os recortes que se veñen facendo na empresa aos doentes: redución de persoal, redución de xornadas, cambio das equipas de traballo, mais tamén dar conta de como está repercutindo todo isto na calidade asistencial.

Neira lembrou que o Informe do Valedor do Pobo di que hai máis de 6.000 queixas presentadas onde se fala da falta de persoal. “Por iso queremos que nos digan tamén que se vai facer respecto diso, porque nese informe díselle á consellaría que ten que facer unha investigación no hospital falando coas/os doentes, coas/os traballadoras/es, e ver cales son os resultados”.

O Informe do Valedor incluía tamén que ademais de reunirse coa empresa, a consellaría tiña que reunirse co comité para coñecer tamén a súa valoración a respecto de como están repercutindo eses recortes. “Temos as quendas do persoal, temos as franxas horarias, onde diminúe considerabelmente o número de auxiliares e celadores/as, e iso é o que está a ocorrer realmente no hospital”.

A presidenta do comité de empresa denunciou ademais que segundo o informe económico do ano 2012, que veñen de recibir,  Povisa gañou respecto do ano anterior 1.300.000 euros máis. “Ou sexa, que está obtendo beneficios a custo de recortes para os doentes”.

O comité está ademais pendente da celebración dun xuízo tras da presentación dunha denuncia no xulgado pola modificación das condicións laborais das/os traballadoras/es. Unha modificación á que procedeu Povisa logo de terlle sido recoñecido ao persoal, por sentenza xudicial, a xornada de 40 horas e non a redución de xornada que lle impuxo a empresa.

Segundo explicou Neira, a consecuencia desta sentenza Povisa procedeu a cambiar ao persoal de servizos pasando a planta a quen estaba en quirófanos, rehabilitación ou policlínicas e impor xornadas de fin de semana cando antes non as tiñan.

Falta de transparencia

O comité de empresa denunciou tamén a falta de transparencia da consellaría, que os chamou dúas horas antes da xuntanza para recriminarlles que tiveran convocado á prensa antes da xuntanza. “Parécenos unha falta de todo. Nós sempre convocamos á prensa para informala de cal é a nosa posición, se pedimos reunión coa consellaría, coa Xunta, coa delegación de traballo ou con quen sexa”, dixo Neira.

A isto engadiu que “non entendemos as razóns polas que agora teñen tanto problema en que falemos coa prensa. Parecénos que hai falta de transparencia e non sei que hai que ocultar aquí para que non poidamos falar libremente”.

Neira lembrou que, ademais a consellaría “cando quere saca todo tipo de noticias sobre o Hospital Povisa sen consultar nada cos membros do comité de empresa. Todo o que sabemos de como vai o concerto é pola prensa, non é nin pola conselleira, nin polo hospital. Polo tanto, non hai nada que ocultar e o que haxa que dicir témolo que saber tanto os membros do comité como os/as usuarios/as”.

O Ministerio de Sanidade modifica condicións laborais sen pasar pola Mesa Sectorial, mentres xoga ás negociacións cos sindicatos estatais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O MINISTERIO DE SANIDADE MODIFICA CONDICIÓNS LABORAIS SEN PASAR POLA MESA SECTORIAL, MENTRES XOGA ÁS NEGOCIACIÓNS COS SINDICATOS ESTATAIS

pilar_farjas_ana_mato_epO Ministerio de Sanidade, coa complicidade dos sindicatos estatais, convoca o Foro Marco para o Diálogo Social (Mesa Sectorial do Estado) para negociar temas que son competencia das Comunidades Autónomas, mentres incumpre sistematicamente o artigo 11 do Estatuto Marco, e o regulamento de funcionamento do propio Foro.

Neste intre as reunións que convoca o Foro son para falar de baremos de OPE, sendo conscientes de que isto é competencia das CCAA. O propio Ministerio recoñece que ten qué solicitar un informe á avogacía do Estado, para ver se o baremo que acorden pode ter a consideración de normativa básica.

Mentres están entretidos nisto, o Ministerio de Sanidade aproveita as disposicións finais das Leis que promulga para modificar as condicións laborais do Persoal Estatutario.

  • Primeiro foi a modificación dos Artigos 63 e 65 do Estatuto Marco para adaptalos ao modelo de Xestión Clínica que quere impor este goberno. Este cambio foi introducido a través da disposición adicional quinta da Lei 10/2013, de 24 de xullo, de modificación da Lei de Garantías e Uso Racional dos Medicamento e Produtos Sanitarios. Este tema segue sen abordarse no Ámbito de Negociación do Ministerio de Sanidade.
  • Agora o Ministerio, como de costume desprezando os órganos de participación, e a través das disposicións finais da Lei 3/2014, do 27 de marzo, pola que se modifica o texto refundido da Lei Xeral para a Defensa das/os Consumidoras/es e Usuarias/os, publicada no BOE o 28 de marzo, introduce, a través da Disposición Final Sexta, cambios nas seguintes Leis:
    • Lei 44/2003 de Ordenación das Profesións Sanitarias. Engádese un novo apartado ao artigo 4, onde se recolle como obriga ou requisito para exercer unha profesión sanitaria o seguinte: “Estar colexiado/a, cando una lei estatal estableza esta obriga para o exercicio da profesión titulada ou algunhas actividades propias desta”. Con esta modificación o lexislador asume o control e vixilancia das/os traballadoras/es para que estean colexiadas/os, función até de agora dos colexios profesionais. Agora a Administración vai solicitar o requisito da colexiación para acceder ao emprego público?
    • Lei 33/2011, de 4 de outubro, Xeral de Saúde Pública. Modifícase a disposición adicional sétima desta lei, incorporando dous novos artigos que van regular o acceso aos postos de traballo das/os psicólogas/os clínicas/os. Asemade, incorpórase na Lei un novo artigo 47, Foro Profesional, onde se configura o Foro Profesional como un “órgano colexiado de participación das profesións sanitarias tituladas”.

CIG-SAÚDE esixe do Ministerio de Sanidade que deixe de desprezar e ignorar os órganos de representación, que convoque o Foro de Negociación para abordar os temas da súa competencia, e que deixe de utilizar as disposicións adicionais das Leis para facer modificacións das condicións laborais do persoal estatutario.

Presentado o Movemento pola Saúde Mental de Galiza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Presentaron este xoves o Movemento Galego de Saúde Mental e fixeron público un Manifesto no que se denuncia a situación e se propoñen alternativas para frear
.
Un total de 282 profesionais da saúde mental de Galiza: psiquiatras, psicólogas/os, enfermeiros/as, especialistas en formación, traballadoras/es sociais e terapeutas ocupacionais, entre outros, xunto con organizacións de familiares e afectados/as, e organizacións sindicais (CIG e CCOO) e profesionais, presentaron este xoves unha Declaración conxunta na que denuncian a situación da asistencia sanitaria e social á saúde mental que cualifican de "proceso de franco deterioro".
11-08-29 concentración ambulancias 1Na rolda de prensa aseguraron que o deterioro na atención á saúde mental é parte do deterioro sanitario xeral e responsabilizaron desta situación ás políticas de recorte impostas so pretexto da crise.

Xunto a isto denunciaron que hai entre 27.000 e 41.000 persoas con transtorno mental pendentes de ser avaliadas pola Lei de Dependencia e alertaron sobre o incremento do número de suicidios que se están a producir tanto no estado español como en Galiza, onde o incremento foi porcentualmente maior.

Advertiron tamén do aumento dos problemas de saúde mental derivados da crise, sobre todo entre as persoas sen forgar e das consecuencias que están a ter na vida das persoas. Unha situación que empeora polo retraso que hai entre a primeira e as seguintes consultas.

A súa preocupación por esta situación foi a que os levou a crear o Movemento Galego de Saúde Mental, co obxectivo de frear o deterioro na atención e acadar os recursos sanitarios e sociais que compran. Xunto a isto buscan comprometer a todos os sectores e axentes implicados na defensa da mellor atención sanitaria e social ás/aos doentes e ás súas familias e oferecer solucións alternativas á situación, elaboradas coa participación de todos/as os/as afectados/as e integrando ás diferentes experiencias e visións (doentes, familias e profesionais) sobre os problemas de saúde mental.

DECLARACIÓN

POLA PROTECCIÓN DA SAÚDE MENTAL E CONTRA O DETERIORO DA SÚA ASISTENCIA PÚBLICA

O estado da atención sanitaria e social á saúde mental en Galicia está nun proceso de franco deterioro. Os escasos datos que se dan a coñecer sobre indicadores de saúde da poboación informan dunha evolución negativa, e os informes que proporcionan os profesionais e usuarios dos servizos públicos de saúde mental, debuxan unha realidade asistencial na que se salientan feitos inaceptables.

Deles conclúese que:

  • CONCÚLCANSE DEREITOS ASISTENCIAIS . Están a ser danados os dereitos asistenciais e son restrinxidas de feito as prestacións sanitarias recoñecidas como dereito por lei  á cidadanía.
  • DETERIÓRASE A CALIDADE E COMPROMÉTESE A SEGURIDADE. Estáse a proporcionar unha asistencia por debaixo das condicións de calidade e seguridade esixibles, e do nivel que a cualificación dos profesionais da saúde pode garantir. Iso é así tanto pola dificultade para acceder á mesma como para recibila ca intensidade, extensión e diversidade de recursos e accións profesionais recoñecidas como necesarias (esperas, distancia temporal entre consultas sucesivas, reducción de tempos de atención, limitacións para acceso á hospitalización e acortamento temerario da mesma,  impedimentos para acceso á rehabilitación, inexistencia de plans específicos para situacións de alta morbi-mortalidade).
  • DETERIÓRASE O EXERCICIO PROFESIONAL. Estánse a deteriorar gravemente as condicións para o exercicio da actividade dos profesionais da saúde mental como consecuencia da dinámica de funcionamento dos servizos e institucións sanitarias, da incertidume laboral e o incremento de carga asistencial, do incumplimento das indicacións de ratios de doentes por profesional,  e do establecemento nos acordos de xestión de obxectivos economicistas e non os orientados á millora da calidade asistencial.
  • QUÉBRASE A EQUIDADE: OS DOENTES CON TRASTORNO MENTAL GRAVE E SEN RECURSOS, PIOR. Estáse a constatar que  o maior deterioro da situación recae sobre aqueles sectores sociais que menos recursos posúen, máis necesidades teñen, e en pior situación de saúde se atopan.
  • CARÉCESE DE PLANIFICACIÓN, OCÚLTASE INFORMACIÓN E IMPÍDESE A PARTICIPACIÓN. Os responsables da dirección do SERGAS non están a desenvolver os medios de planificación, avaliación, desenvolvemento de recursos, coordinación e información necesarios para que a actividade dos profesionais permita obter os mellores resultados posibles na atención aos usuarios de Saúde Mental. Na toma de decisións marxínase  ós profesionais, ós usuarios, e ós doentes e ás súas familAS.

Este estado de cousas enmárcase nun contexto de funcionamento antidemocrático dos servizos e institucións do SERGAS, responsables da atención pública á saúde mental, de reducción progresiva de recursos profesionais e materiais, e de carencia dun proxecto público cara o futuro de acción social e sanitaria en saúde mental. Galicia está de novo sen plan específico de saúde mental.

O deterioro na atención á saúde mental é parte do deterioro sanitario xeral, e ámbolos dous son unha consecuencia do tipo de xestión que se está a facer desta crise económica, e do recorte de dereitos que estamos a sufrir. Pero ademais, ese deterioro en Galicia incide sobre unha situación que xa era fráxil e pior en termos relativos respecto á media do Estado Español, xa fora en dotacións profesionais e recursos asistenciais, xa en indicadores de saúde ou en desenvolvemento da organización da rede de atención á saúde mental. Cómpre lembrar que para corrixir esa situación puxérase en execución o Plan Estratéxico de Saúde Mental Galicia 2006-2011, que se viu interrompido polo goberno autonómico xa na pasada lexislatura, sen que dende aquela se definira ningunha alternativa coñecida.

Esta preocupante situación agudízase nos últimos anos como consecuencia do deterioro das condicións de vida e de traballo, o incremento do sufrimento intolerable producido pola ameaza que sobre as vidas proxecta a crise económica e as políticas que os nosos  gobernos dipoñen fronte a ela, e a diminución dos recursos de protección social e sanitaria.

OMS-Europa xa advertiu hai tres anos nun informe específico, que se durante a crise se desenvolvían políticas que reduxeran a protección social, incrementaríanse os riscos e danos na saúde mental das poboacións afectadas. Os nosos gobernantes estaban avisados. O resultado que estamos a sufrir predeciuse e cúmplese rigurosamente.

Pódense facer outras políticas sanitarias en saúde mental: só é unha cuestión de opcións a tomar, intereses a defender  e prioridades a atender. Mais a saúde mental non parece ser unha preocupación dos nosos gobernantes. A  ausencia de proxecto ó respecto, e o desleixo no que se a está a deixar caer, así o confirma.

Ante esta situación, na nosa condición de usuarios, doentes, familiares e profesionais sanitarios, PROMOVEMOS ESTA DECLARACIÓN compartindo a valoración e a preocupación sobre a gravidade da mesma, movidos pola defensa da calidade e dos dereitos asistenciais, e  sentíndonos obrigados polo deber que crea o coñecemento do que está a ocurrir.

COMPROMETÉMONOS A ACTUAR para mudar esta realidade inaceptable, sabedores de que a crise económica estáse a usar como argumento para facer políticas que son presentadas como inevitables, cando só son algunhas das posibles, e convencidos de que hai outras opcións sanitarias e sociais máis respectuosas cos dereitos das persoas e máis útiles ás suas necesidades de saúde.

E por iso decidimos iniciar, desenvolver e afortalar un MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL para:

  • Deter o deterioro na atención á saúde mental, e acadar os recursos sanitarios e sociais que compran.
  • Comprometer a todos os sectores e axentes implicados, na defensa da mellor atención sanitaria e social aos doentes e ás súas familias.
  • Ofrecer alternativas á situación, elaboradas ca participación de todos os afectados e integrando ás diferentes experiencias e visións (enfermos, familias, profesionais) sobre os problemas de saúde mental.

E para iso plantexámonos:

  • ANALIZAR A SITUACIÓN DE CADA ÁREA SANITARIA. Describir para cada área sanitaria, e para cada bisbarra, a evolución do estado das necesidades de saúde mental, e da resposta sanitaria e social ás mesmas, e moi en particular referido a aqueles sectores de poboación mais vulnerables e en condición máis grave.
  • ELABORAR PROPOSTAS DE MELLORA. Avanzar na elaboración de propostas comúns para presentar ás institucións de goberno da nosa Comunidade cara a mellorar e resolver as carencias e insuficiencias identificadas.
  • INFORMAR Á POVOACIÓN. Difundir a nivel social o coñecemento da situación, procurando a maior implicación das súas diversas institucións, organizacións sociais e cidadáns, nas accións a prol da súa modificación.
  • PROMOVER O COMPROMISO, A PARTICIPACIÓN E A MOBILIZACIÓN. Organizar as accións individuais e colectivas que compran para impedir que siga a empiorar a situación , e para mudala.
  • DEFENDER O PÚBLICO. Esta é a alternativa. Potenciar o desenvolvemento da sanidade pública, dos servizos sociais públicos, das politicas activas de emprego, e das medidas de protección social, dende a súa consideración como medios básicos para reducir o dano á saúde mental e o sufrimento, empiorado no actual contexto de crise económica.
  • ESIXIR O RESPECTO ÓS DEREITOS DEMOCRÁTICOS, SOCIAIS E SANITARIOS. Defender os dereitos democráticos, sociais e sanitarios conquistados pola nosa sociedade, hoxe en risco de limitación ou abolición. Eles son a base da convivencia social e do respecto aos dereitos dos máis febles, nomeadamente dos enfermos mentais.

MÁIS DEMOCRACIA CON MÁIS XUSTIZA = MÁIS SAÚDE

Con eses obxectivos no día de hoxe comezamos esta andaina, até onde cómpra, para reclamar o respecto ó noso dereito á saúde, para defender a nosa sanidade, e para protexer a saúde mental da comunidade da que somos parte.

A nova en Avantar

Nova aplicación para descarga de noticias da CIG-Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Se tés un móbil ou tableta con Android, agora tés outro xeito de estares ao día nas noticias da CIG-SAÚDE. app_cigsaude

Só tés que entrar no Google Play, poñer no buscador “cig-saude” e instalar a aplicación gratuíta que recolle as novas publicadas.

Recibirás un aviso na barra de alertas do teu aparello cada vez que se publique unha nova información nas webs da CIG-SAÚDE.

Podes ver a descrición da app e descargala premendo aquí.

Se queres estar ao día, instala no teu móbil ou tableta esta nova aplicación!

 

Desde a CIG-Saúde queremos agradecer a Miguel Carrillo o desenvolvemento e distribución desta aplicación gratuíta.

Incapacidade Temporal: a saúde non tén prezo, mais a Administración só ve gasto e fraude

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O pasado 5 de marzo de 2014, publicouse no DOG a RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2014 pola que se procede a publicar o Acordo de encomenda de xestión de diversas Consellerías a prol da Consellería de Sanidade, para a colaboración nun programa de inspección e control da incapacidade temporal para os anos 2014-2016 na Galiza.

O tal Acordo da encomenda da xestión consiste en:

1. Comprobar que o absentismo por incapacidade temporal se adecúe a situacións médicas reais en que o repouso laboral debe formar parte do tratamento clínico.

2. Evitar a potencial existencia de prácticas que desvirtúen a esencia da prestación.

3. Reducir as repercusións económicas das prácticas incorrectas dentro do capítulo I dos orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

Estas medidas son as mesmas que se recollen no Plano de Ordenación de RRHH do SERGAS, que asocia a I.T a gasto, sen incluír ningunha medida que favoreza a saúde laboral das/os traballadores, evitando situacións que provocan a perda de saúde, na que non queda máis remedio que facer uso do dereito que temos á incapacidade laboral. Esta Administración, unha vez máis, criminaliza e desprestixia á clase traballadora, presupoñendo que quen fai uso do dereito a unha baixa laboral o está a facer fraudulentamente. Desde a Administración só se ve gasto e fraude, penalizando a quen precisa recuperar a súa saúde, moitas veces perdida porque a propia Administración non pón as medidas necesarias para previr os problemas de saúde orixinados polos postos de traballo.

Desde CIG-SAÚDE lamentamos que a única visión que teña a Xunta de Galiza do PP sobre a I.T do persoal sexa que hai que perseguir a fraude, pondo en entredito o traballo que desenvolven as/os profesionais (médicos/as de familia, traballadores/as da sanidade pública) ao mesmo tempo que a honradez das persoas que desenvolven un posto de traballo público.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto