Noticias Outras novas Outras novas
 
 

Mobilización Alianza Social Galega

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Por outra saída da crise, participa nas mobilizacións da Alianza Social Galega este xoves día 27 de febreiro:

asoga_xeral

Horarios e lugares das mobilizacións:

 

MANIFESTACIÓNS 27 DE FEBREIRO
COMARCA HORA LUGAR DE SAÍDA
Ourense 19:30 Pabellón dos Remedios
Pontevedra 20 Praza Ferrería
Santiago 20 Alameda
Ferrol 20 Praza España
Coruña 20 Casa do Mar
Lugo 20 Ronda da Muralla
Vigo 19:30 Vía Norte
Arousa 20 Avda. Mariña
Burela 19:30 Praza do Concello
Ribeira 20 Estación autobuses
CONCENTRACIÓNS 27 DE FEBREIRO
Monforte 19:30 Praza España
Vilalba 21:30 Casa da Cultura
Cangas 20:00 Casa do Concello

Materias de negociación no ámbito estatal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O próximo  xoves  día 6 de marzo de 2014, hai convocada unha reunión do  Ámbito de Negociación do Foro do Diálogo Social, para entendernos este foro é o similar a Mesa Sectorial no Ministerio de Sanidade. As materias de negociación deste ámbito veñen recollidas no artigo 11 do Estatuto Marco. Así mesmo no regulamento deste foro recóllense cales son competencias negociadoras deste foro. Pero isto non acontece así, nos últimos tempos este ámbito negociador estase extralimitando nas súas funcións.

Nos últimos tempos existen unhas ansias recentralizadoras da negociación, e este foro en vez de dedicarse a negociar materias da súa competencia, inclúe na orde do día materias de negociación que son competencia do ámbito de negociación das mesas sectoriais das CCAA.

Como curiosidade, comentar que nesta reunión vaise a falar dos baremos de OPE, iso é o que nos faltaba, ir a Madrid a negociar o baremo da OPE. Isto xa o negociamos na nosa mesa sectorial dende fai moitos anos.

Pola contra, as materias de negociación que son competencia deste foro non se abordan. A reforma dos artigos 63 e 65 do Estatuto Marco, eses que permiten que as Unidades de Xestión Clínica teñan entidade xurídica propia e que o persoal sexa laboral, non se incluiron en ningunha orde do día deste ámbito; non será por que desde a CIG non insistamos en que se inclúan.

Agora, está a circular unha información sobre un acordo entre o ministerio de Educación e o Ministerio de Sanidade sobre a homologación do titulo de grao ao persoal de enfermería que teña a Diplomatura Universitaria en Enfermaría. Nin rastro deste tema na mesa sectorial do estado.

Cada día están a desprestixiar máis os órganos de negociación e participación, convócannos a unha reunión en Madrid para falar de temas que son competencia das CCAA, e non convocan para temas de ámbito estatal e de tanta transcendencia para o conxunto das/os traballadores/as públicos. Connosco que non conten.

Desde CIG-SAÚDE dirixímonos ao Ministerio de Sanidade para reiterarlle que inclúan na orde do día os temas que son competencia deste foro e retiren os que non o son. A ver se algún día temos sorte.

Normativa que nos devolve un día de libre disposición

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Publicouse o pasado sábado día 21 de decembro, sen información previa como xa ven sendo habitual, unha Lei na que, sen ter moito que ver co tema, se introduce unha nova modificación do Estatuto Básico do Empregado Público, de xeito que se recollen catro días de libre disposición para o persoal que traballa ao servizo das Administracións Públicas, é dicir, devólvese un día dos que nos foron roubados anteriormente. Esta devolución dun día de libre disposición tamén se tería en conta para o 2013:

BOE-pngPosteriormente, o día 24, publicouse unha disposición da Secretaría de Estado das Administracións Públicas na que se regulan estes catro días de LD, estabelecendo a posibilidade de goce do día de LD devolto para o 2013 ata o 15 de febreiro do 2014:

  • Resolución de 23 de decembro de 2013, da Secretaría de Estado de Administracións Públicas, pola que se estabelece o réxime para o goce dun día adicional de asuntos particulares introducido pola Lei Orgánica 9/2013, de 20 de decembro, de Control da Débeda Comercial no Sector Público e adáptase a Resolución de 28 de decembro de 2012 desta Secretaría de Estado. PDF (BOE-A-2013-13511 - 2 páxs. - 143 KB)

Recibida mensaxe do SERGAS, van proceder a dar instrucións ás xerencias para a aplicación desta normativa:

  • Como saberedes, este sábado publicouse no Boletín Oficial do Estado (núm. 305) a Lei Orgánica 9/2013, do 20 de decembro, de control da débeda comercial no sector público, na que se recollen catro días ao ano por asuntos particulares. Ao longo desta mesma semana comunicaranse formalmente ás estruturas organizativas de xestión integrada e entidades adscritas á Consellería de Sanidade os efectos xurídicos e condicións da súa aplicación ao exercicio 2013 (así como o seu desfrute no ano 2014).

Desde CIG-Saúde queremos lembrar a todo o persoal que este Día de Libre Disposición non se trata dun xeneroso agasallo de Nadal que nos queiran facer chegar desde a Administración, posto que previamente se nos retiraron 3 días de Libre disposición do EBEP e outros tres da lexislación galega. Perdimos 6 días de Libre Disposición e agora pretenden calarnos devolvendo un. Non nos están dando nada, e seguimos exixindo que se nos restitúan os dereitos que tiñamos, tanto de xornada e permisos como retributivos.

Escrito á Conselleira de Facenda sobre a Orde de Nóminas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Desde CIG-Saúde diriximos este escrito tanto á Conselleira de Facenda como á Directora de Recursos Humanos sobre a Orde de Nóminas e o xeito en que recollen o cálculo de valor/hora. Cando se trata de que o/a traballador/a debe horas, na Orde de Nóminas está expresamente recollido o xeito en que se fai o cálculo. Pero o curioso é que esa mesma fórmula non se recolle cando se trata dun exceso de xornada, é dicir, cando é a empresa a que debe horas ao persoal. Así, cada xerencia aplica unha fórmula de cálculo distinta nestes casos, algo que leva a discriminacións e desigualdades.

Por máis que desde a CIG-Saúde temos solicitado que se igualen os criterios e se aplique o mesmo xeito de cálculo, a resposta sempre é a mesma: o que está recollido na Orde de Nóminas é para o cálculo por defecto de xornada e non para o cálculo por exceso, motivo polo que remitimos este escrito á Conselleira de Facenda e á Directora de RRHH, para que se recolla expresamente na Orde de Nóminas e deixen de ampararse nesa suposta "lagoa" para non facer un cálculo igual en todos os casos.

Velaquí o contido do escrito remitido:

 

Elena Muñoz Fonteriz.

            Conselleira de Facenda

 

As sucesivas Ordes de Confección de Nóminas do persoal ao servizo da Administración Autonómica recollen no punto segundo (Devindicación e Retribucións) o sistema de cómputo para cando un/unha traballador/a realiza unha xornada inferior á estabelecida, e polo tanto a Admón aplica a correspondente dedución retributiva.

A situación que se produce con certa frecuencia  no ámbito do persoal do SERGAS é que a xornada que realiza a/o traballadora/or é superior á que lle corresponde polo número de horas que ten de xornada efectiva.

Cando o persoal presenta a solicitude para que a Admón lle abone a diferenza entre a xornada regulada e a xornada que efectivamente realiza, o que acontece é que cada xerencia ten unha formula de cómputo. A resposta que recibe o persoal é que a fórmula de cálculo recollida na Orde de Nóminas e só para reclamarlle ao persoal cando a súa xornada é inferior. Non logramos entender que non exista a mesma obriga para a Admón cando exista un exceso de xornada.

Se a Orde de Confección de Nóminas do persoal ao servizo da Admón Autonómica recolle o sistema de cómputo para cando unha/un traballadora/or realiza unha xornada inferior á estabelecida, e polo tanto a Admón aplica a correspondente dedución retributiva, na mesma Orde de Nóminas debería recollerse o sistema de cálculo para as/os profesionais que realizan unha xornada superior á estabelecida e pola que a Admón debe realizar o correspondente pagamento retributivo.

Non é de recibo que a Admón só recolla na normativa a fórmula de dedución retributiva cando a xornada é inferior á legalmente estabelecida, e non recolla a fórmula de pagamento por exceso de xornada.

Por todo isto, solicitamos que na Orde de Confección de Nóminas do ano 2014 se recolla no mesmo punto a fórmula de cálculo para as deducións retributivas cando a xornada é inferior á legalmente establecida, coma para retribuír o exceso de xornada cando a/o traballadora/or realice unha xornada superior á legalmente establecida.

Compostela,17 de decembro de 2013.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez.

Secretaria Nacional CIG-SAÚDE.

 

A CIG-Saúde considera “inadmisíbel” que a titular de Sanidade pida que crucemos os dedos ante as súas políticas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG-Saúde considera inadmisíbel que a conselleira de Sanidade, membro do goberno galego, ouse afirmar -nunha entrevista publicada hoxe na prensa- que para que non haxa máis copagos temos que cruzar os dedos. A secretaria nacional de CIG-Saúde afirma que, deste xeito, a conselleira demostra a súa “incapacidade para gobernar, a súa submisión ás decisións que se tomen en Madrid ou ás que lle impón o propio Feijóo -o que denota o seu escaso peso político-, a súa falta de respecto á intelixencia do pobo galego e o seu desinterese pola propia sanidade pública e polos principios polos que esta debe rexerse: gratuíta, universal e de calidade”.

mosquera_rocio_grande1_1“Dá medo pensar que a titular da consellaría, como única medida para evitar que a sanidade pública perda o seu carácter de universal e gratuíta, nos pida que crucemos os dedos”, afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, que teme que a seguinte acción política de Sanidade sexa “levar velas ao apóstolo ou encomendarse á virxe de Fátima”.

Abuín considera que con este tipo de afirmacións Rocío Mosquera asume un papel de “absoluta submisión, como xa viña facendo, ás decisións que se adopten noutras instancias, xa sexa o goberno central ou ao PP”, eludindo a responsabilidade que como conselleira ten de gobernar Galiza, deseñando e aplicando políticas en función dos intereses e necesidades das galegas e galegos e non do seu partido.

A CIG-Saúde entende que a conselleira tamén constata unha “incompetencia” e “falta de peso político” que debería levala a recoñecer a súa “incapacidade” para dirixir a consellaría e que “se de verdade é unha defensora da sanidade pública é incoherente que estea nun goberno que aposta polo seu desmantelamento”.

Abuín lembra que Mosquera foi sempre a primeira en defender as decisións ditadas polo goberno central, situando a Galiza na avanzadilla das políticas de recortes, privatizacións e copagos que gravan ás persoas máis enfermas e con menos recursos económicos.

Fronte a isto, a secretaria nacional de CIG-Saúde reclama unha reforma fiscal profunda para que paguen máis quen máis teñen e a persecución da fraude e a evasión fiscal, entre outras medidas para incrementar os ingresos e garantir a supervivencia da sanidade pública,  universal, gratuíta e de calidade, no canto de deseñar un modelo de xestión dirixido a vendela por parcelas aos seus amigos empresarios para que fagan negocio coa saúde de todas e todos nós. “A sanidade pública é patrimonio das galegas e galegos, non a leira do PP e se de alguén depende que non haxa máis copagos é da súa propia vontade política”, conclúe María Xosé Abuín.

A Conselleira de Sanidade non descansa no seu intento de desprestixiar a Sanidade Pública e nomeadamente @s profesionais que traballan nela

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Ante as recentes declaracións da Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nas que insinúa a súa pretensión de modificar o sistema retributivo actual para instaurar un novo modelo baseado en que non pode haber "chocolate para todos", á CIG-Saúde gustaríalle puntualizar algunhas cuestións.

Desde CIG-Saúde lamentamos profundamente que a Conselleira de Sanidade coincida no modelo sanitario coas Consellerías de Sanidade de Madrid e Valencia, territorios nas que a privatización da Sanidade Pública está máis avanzada, cunha menor carteira de servizos e prestacións sanitarias para a poboación e cun alto descontento dos e das profesionais porque o que se solicita deles/as non é que actúen con ética e de acordo ás necesidades dos pacientes, senón que se convirtan en lacaios/as das medidas privatizadoras destes gobernos.

dm_phot_2-46587113_3O que pretende a Conselleira e o goberno do PP coa conversión das retribucións fixas do persoal en retribucións variábeis non é mellorar a prestación de traballo que fan os/as profesionais nin motivar a súa participación na mellora da calidade da Sanidade Pública senón penalizar aquelas persoas que en base a criterios clínicos cuestionan a política sanitaria deste goberno. Non se pode culpabilizar aos/ás profesionais pola actividade que se realiza no SERGAS cando nos últimos 4 anos se reduciron os orzamentos sanitarios en 271.47 millóns, cando estamos asistindo a unha continúa amortización de prazas, a peche de camas e servizos durante máis de catro meses (o maior peche de camas da historia), á paralización do traballo en quendas de tarde, etc...

Desde CIG-Saúde constatamos que malia todas estas medidas de recorte e atrancos, a calidade do servizo sanitario estase a manter precisamente grazas á profesionalidade e ao traballo das persoas que forman parte do persoal do SERGAS. E en lugar de facer un recoñecemento a este traballo, o que fai esta Conselleira é criminalizar e desprestixiar ás persoas que están a manter a Sanidade Pública.

Queremos lembrarlle a Rocío Mosquera que seguindo os modelos que ela imita, o futuro da Sanidade Pública non é moi prometedor. Só hai que ver en qué se teñen convertido as sanidades valenciana ou madrileña. Mais tamén nos gustaría facerlle ver á Conselleira, que con estes compañeiros de viaxe, aos que segue e imita, o seu propio futuro non parece albiscarse como brillante. Lembremos que os dous últimos Conselleiros da Sanidade madrileña están imputados pola súa participación nos procesos de privatización, e en Valencia a situación non é moi diferente, cunha boa parte dos parlamentarios do PP imputados.

Á CIG-Saúde tamén lle gustaría expresar que se congratula de que a Conselleira saiba que non pode contar con este sindicato de clase para as súas pretensións de privatización, de deixar en mans das empresas amigas a xestión da sanidade pública, e moito menos para os intentos de desprestixiar as persoas que coa súa profesionalidade manteñen vivo un servizo público tan importante como é a Sanidade. Porque así é. Non conte con nós para isto, señora Conselleira. Non conte con nós para desmantelar a Sanidade Pública e para desacreditar a quen realmente si que cre nela, as profesionais e os profesionais que co seu traballo constante, coa súa labor sen descanso, malia toda a porcallada que se lles verque enriba, como a que a señora Rocío Mosquera verqueu onte, aí están, ao pé do canón mantendo a Sanidade Pública.

Ante a traxedia, solidariedade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

998056_10201134016946205_1468763750_nCIG-Saúde quere amosar o seu pesar polas vítimas do terríbel accidente ferroviario acaecido onte en Santiago de Compostela, así como expresar o seu apoio e solidariedade coas familias. A perda de tantas vidas humanas supón un enorme peso, unha louxa, unha ferida que será difícil de sandar.

Diante dun horríbel accidente como este, dunha magnitude que non podíamos imaxinar nin, desde logo, agardar nunca, e menos para un día de festa e celebración como é o Día da Patria, unha vez máis o pobo galego deu mostras de ser un pobo que reaxe ante a adversidade, que axuda en todo momento aos seus iguais, que deixa todo por apoiar ás persoas que nese momento o precisan. E como galegos e galegas, sentímonos orgullos@s deste pobo.

Queremos, asemade, desde CIG-Saúde, amosar o noso orgullo pola capacidade de traballo, esforzo e entrega desinteresada de tod@s @s profesionais de emerxencias, nomeadamente o persoal da Sanidade Pública, que unha vez máis, como cada día fai anonimamente, traballou arreo para intentar mitigar no posíbel as perdas e a dor que sofriron e están a sofrir as persoas implicadas neste infortunado accidente. Malia os recortes, malia as agresións das que está a ser obxecto o persoal dependente da Consellaría de Sanidade, traballa día a día sen que se perciba que aí está, sen protagonismos, esforzándose por que a Sanidade Pública galega sexa eficiente e cumpra a súa función. En momentos como este, é cando mellor se comprende a necesidade dunha Sanidade Pública de calidade, con persoal suficiente, con material suficiente, con tecnoloxía suficiente. A entrega e o bo facer que puidemos constatar diante desta terríbel traxedia dá boa conta diso.

Expresar, novamente desde CIG-Saúde, a solidariedade e o apoio coas vítimas e coas súas familias. 

A Secretaría da Muller da CIG e a Federación de Saúde denuncian discriminación por xénero na proposta do Ministerio de Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Ante o anuncio de vetar a mulleres soas e parellas de lesbianas da reprodución asistida pública
.
O Ministerio de Sanidade vén de achegar unha serie de documentación para o "Comité Consultivo del SNS", onde inclúen unha proposta de carteira común básica de servizos asistenciais de reprodución humana asistida. Todos os criterios de acceso requiridos para a inclusión son dirixidos a parellas heterosexuais, excluíndo ás mulleres soas (sexan ou non heterosexuais), e especificando que deben manter 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal (excluíndo por tanto ás mulleres lesbianas, dado que neste caso o feito de que teñan parella non é relevante).
Loitando polos nosos Dereitos

A CIG Saúde e a Secretaría da Muller da central nacionalista consideran que detrás das denegacións subxace unha discriminación por razón de sexo e pola súa opción sexual, polo mero feito de ser muller e carecer de parella (varón), xa que a proposta alude á necesidade de que haxa problemas de fertilidade coa parella masculina, un dato que, en todo caso, formaría parte da vida privada das mulleres, do mesmo xeito que a  orientación sexual ou o seu estado civil, a respecto dos cales non teñen porqué dar explicacións.

Para a CIG a proposta vulnera o recollido na propia lei 14/2006 sobre Técnicas de Reprodución Asistida, que recolle no seu enunciado que "toda muller maior de dezaoito anos e con plena capacidade de obrar" poderá recibir tratamentos de fecundación artificial. A lei chega máis alá e sinala que "poderá ser receptora das técnicas reguladas nesta lei con independencia do seu estado civil e orientación sexual". Neste senso, a lexislación contempla, xa que logo, como un dereito que a muller sen parella masculina poida acceder ás técnicas de reprodución asistida para ter un fillo ou unha filla.

A Secretaría de Muller e a CIG-Saúde denuncian que estamos ante un chanzo máis do PP na súa política ultraconservadora e un novo ataque contra os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, e anuncian que instarán ao Goberno galego a que, a través da Consellaría de Sanidade, vote en contra desta medida no Consello Interterritorial que terá lugar este martes, e manteña o servizo nos termos actuais, deixando dentro do marco competencial galego este servizo, na rede pública, para garantir que todas as mulleres poidan ser nais, se así o desexan.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto