Noticias Outras novas Outras novas
 
 

A Secretaría da Muller da CIG e a CIG-Saúde denuncian un novo recorte nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade decidiu retirar o financiamento público aos anticonceptivos de ‘terceira xeración’ a partir do 1 de agosto
.
O Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade comunicou este mércores a súa decisión de retirar do financiamento público, a partires do 1 de agosto, preto de 15 presentacións de anticonceptivos orais chamadas de "terceira xeración". Estas pílulas son as máis modernas do mercado en canto a súa composición, e ademais, as máis usadas polas mulleres. O Ministerio xustifica a medida por motivos de sostenibilidade e optimización de recursos, sen ter en conta que serán as propias mulleres as que terán que pagalo, ao ser retiradas da carteira pública de medicamentos.

A Secretaría da Muller da CIG e CIG-Saúde denuncian que sexa precisamente un Ministerio como o de Igualdade o que acometa o recorte, sen ter en conta que con esta decisión o que está a dificultar é precisamente o acceso - en condicións de igualdade- a un método anticonceptivo a moitas usuarias, que nunha situación de crise económica coma esta, non poderán asumir o custe. Advirten de que isto pode xerar un aumento de embarazos non desexados, ou, no mellor dos casos, obrigaranas a que opten por outros métodos anticonceptivos, que non serán os máis idóneos para elas.

Subliñan ademais, que os anticonceptivos que se retiran foran introducidos no financiamento público por seren de terceira xeración, con menores riscos e efectos secundarios, polo que, retirándoos agora da prestación farmacéutica pública o que se consegue é que haxa moitas mulleres que se vexan obrigadas, por cuestións económicas, a cambiar aos anticonceptivos de xeracións anteriores, con maiores efectos secundarios e maiores riscos, é dicir, con peor saúde para as mulleres.

Con esta decisión o goberno do PP dá un paso máis na súa política ultraconservadora, no seu ataque contra a liberdade sexual e reprodutiva das mulleres, utilizando os poderes públicos para manter un control sobre os seus corpos e sobre a libre escolla da maternidade.  Desde a CIG-Saúde e a Secretaría da Muller da CIG exixen unha rectificación ao ministerio de Sanidade e a inclusión de novo dos anticonceptivos na lista de medicamentos financiados pola Seguridade Social.

A CIG anima a participar nos actos convocados pola Plataforma Galega en Defensa do Aborto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Desenvolveranse accións en todas as comarcas, previas á manifestación nacional do domingo 16 de xuño
Con motivo da Manifestación nacional do día 16 de xuño, que sairá ás 17 horas dende a estación de tren de Compostela, a Plataforma Galega en Defensa do Aborto está a organizar un intenso calendario de mobilizacións en todas as comarcas, nos que a CIG participa activamente. Dende a Secretaría da Muller da central nacionalista anímase a participar nos diferentes actos en defensa dun dereito fundamental das mulleres, como é o de decidir sobre os seus corpos, a súa sexualidade, e a súa maternidade.

Todos os actos programados ao longo desta quincena (agás á asemblea de Pontevedra, que será para delegadas e delegados da CIG), están convocados pola Plataforma Galega en defensa do aborto, da que a central sindical forma parte, xunto con outras organizacións de mulleres, sindicatos, organizacións estudantís, na defensa da sanidade pública e partidos políticos, e teñen como obxectivo principal esixir ao goberno que cumpra coa súa responsabilidade de garantir o aborto legal, seguro e accesíbel.

Actos convocados:

- Ourense: xoves 13 de xuño ás 20.30h, rodearase a Catedral de Ourense. Hai buses para desprazarse á manifestación.

- A Coruña: venres 14 de xuño, ás 19 horas, pasarrúas con saída da Praza de María Pita e remate na Praza de Ourense.

- Compostela: O día 12 de xuño concentración ás 12.00 horas diante Parlamento, coincidindo co debate da ILP promovida pola Plataforma.

- Lugo:  martes 11 de xuño, pasarrúas, con saída ás 19:30 horas do Concello e remate na Praza do Obispado.

- Pontevedra:  mércores 12 de xuño, ás 12 horas, asemblea de delegadas/os da CIG;   como Plataforma participaremos na rolda de prensa do día 10 de xuño e na mesa redonda do día 13; os días 10 e 11 organizaranse repartos da propaganda nas bibliotecas públicas e nas da universidade; 14 de xuño proxección no entorno da Peregrina dun audiovisual

- Ferrol: 14 de xuño, acción protesta diante dos locais do Opus Dei e a sede do PP.

- Vigo: estanse a organizar novos repartos e accións logo dos actos celebrados o pasado 24, 26 e 28  de maio.

Manifesto por un aborto libre e gratuíto

A nova en Avantar.

Máis información en: http://feminismo.eu/PlataformaAborto/

12 de xuño: Folga Xeral en Ferrol

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Cartaz_Folga_Comarcal_12-06-13.grande

As organizacións sindicais CIG, CCOO, UGT e USTG de Ferrol veñen de anunciar a convocatoria de Folga Xeral Comarcal para o mércores 12 de xuño, ante a situación de “emerxencia total” que sufre Ferrolterra. Con motivo do paro xeral, que as centrais sindicais agardan sexa un éxito en contra das "nefastas políticas do goberno estatal e da Xunta", está convocada tamén unha manifestación que partirá ás 12:00 horas dende o Inferniño e rematará na Praza do Concello.

A convocatoria foi feita pública este luns en rolda de prensa polos responsábeis comarcais de cada unha das centrais sindicais, que avanzaron que o paro xeral se desenvolverá baixo o lema “Ferrol esixe solucións”.  A este respecto,  o co-voceiro da CIG-Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, apuntou que dende hai dous meses as catro organizacións sindicais veñen mantendo contactos co obxectivo de artellar unha resposta conxunta ante a alarmante situación socio-económica que arrastra a comarca dende a mal chamada reconversión do naval, agudizada agora polo actual contexto de crise global.

“Ferrol presenta as peores cifras de desemprego, no último ano pasamos dunha taxa de paro do 16% até o 22%; a maioría das empresas da comarca están afectadas por expediente de regulación de emprego, entraron en concurso de acredores ou directamente botaron o peche; os nosos sectores pesqueiros e agro-gandeiros están en claro retroceso e desaparición; non hai investimento público nin desenvolvemento das infraestruturas; e aínda por riba o naval,  sector estratéxico para a comarca, atópase na situación máis complicada da súa historia”, aseguraba López Pintos.

En canto á grave crise do naval, o co-responsábel comarcal da CIG, lembrou que, fronte as promesas electoralistas e os anuncios de supostos pedidos para os estaleiros por parte da Xunta do PP, nos últimos dous anos xa se perderon máis de 2.000 empregos na industria auxiliar,  nestes momentos non hai nova carga de traballo en carteira e nin sequera dende o Goberno español e galego se aposta pola construción do dique flotante como ferramenta de futuro e solución urxente á falta de actividade.

As centrais sindicais xa están a traballar para que a folga do próximo 12 de xuño sexa todo  un éxito. Para iso, teñen previsto iniciar unha rolda de contactos con representantes do movemento asociativo, o comercio e empresarios locais, co obxectivo de solicitar o apio á convocatoria. Así mesmo, celebraranse asembleas nos centros de traballo e accións de cara a concienciar á cidadanía das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal da necesidade de dar unha resposta contundente contra “as políticas nefastas do estado e a Xunta, que actúan contra o desenvolvemento de Ferrolterra”, aseveraba Pintos.

“Non nos queda máis que enfrontarnos contra estas políticas e esixir un cambio de rumbo a través da confrontación”, concluíu.

Noticia extraída de Avantar

CIG-Saúde pídelle ao SERGAS que reconsidere a súa negativa a ampliar nun ano o período de residencia dos actuais MIR galegos de Oncoloxía Médica

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

      Por motivos exclusivos de aforro económico puro e duro, na xuntanza da Comisión de Sanidade do Parlamento Galego do 30/05/2013, o Partido Popular pronunciouse en contra de permitir que os actuais residentes de Oncoloxía Médica prolonguen nun ano o seu período de residencia, requisito imprescindíbel para que o seu futuro título de especialistas poida ser homologábel a nivel da Unión Europea.

      CIG-Saúde pídelle aos responsábeis do SERGAS, e do goberno galego, que teñan amplitude de miras, que non se enroque nunha posición indefendíbel, e que reconsideren esa posición gravemente lesiva para os intereses dos profesionais afectados, que son todos os residentes galegos da especialidade de Oncoloxía Médica, agás os residentes de 1º ano (R-1) que comezaron a súa residencia en maio de 2013.

      O período de residencia desa especialidade estaba establecido no Estado Español de 4 anos, malia que en repetidas ocasións as Sociedades Científicas e a Comisión Nacional da especialidade, tiñan reclamado a ampliación dese período formativo a 5 anos, argumentado que a complexidade da especialidade ten sufrido un forte incremento, tanto pola expansión do seu campo asistencial como polos grandes avances tecnolóxicos e farmacolóxicos que se deron nas últimas décadas.

      Nesta situación, a Unión Europea (UE)  aprobou o Regulamento (UE) Nº 213/2011 da Comisión de 3 de marzo de 2011 polo que se modifican os anexos II e V da Directiva 2005/36/CE do Parlamento Europeo e do Consello. Nesta norma se estableceu que, para obter a homologación europea do título de Especialista en Oncoloxía Médica, a duración mínima do seu período formativo debía ser de 5 anos.

      Para mellorar a formación dos MIR de Oncoloxía Médica e, paralelamente, conseguir a homologación europea do título de especialista, aprobouse e saíu publicada no BOE a

Orden SSI/577/2013, de 5 de abril, por la que se aprueba y publica el programa formativo de la especialidad de Oncología Médica y los criterios de evaluación de los especialistas en formación”.

na que se amplía o período da residencia da especialidade até os 5 anos.

      Porén, nesa norma legal, establécese que o novo programa formativo e a ampliación da duración da residencia só terá carácter obrigatorio para os MIR que accedan en 2012 a prazas de formación sanitaria especializada (os actuais R-1), mentres que deixa nas mans das CCAA a decisión de incrementar o período formativo dos residentes actuais (R-2, R-3 e R-4), sendo preceptivo para facelo contar co apoio dos propios afectados, dos seus titores, os e das Comisións de Docencia correspondentes.

      Todos os residentes galegos afectados, os seus titores, as Comisións de Docencia dos hospitais, e a Sociedade Galega de Oncoloxía Médica, teñen solicitado ao SERGAS que asuma a ampliación por un ano dos contratos destes MIR, para que podan completar a súa formación e que o seu título de especialistas sexa homologábel a nivel europeo.

      As CCAA teñen de prazo até o próximo 14 de xuño para prorrogar os contratos de traballo destes residentes, para que poidan ampliar o seu período formativo a 5 anos. Todas as CCAA xa manifestaron a súa disposición a ampliar os contratos dos seus residentes, coas únicas excepcións até agora de Cataluña e Galiza.

      O posicionamento do PP na Comisión de Sanidade do Parlamento Galego de onte, negándose a apoiar a ampliación deses contratos, resulta bastante incomprensíbel e gravemente atentatoria contra os intereses deses profesionais e da sanidade pública galega. Tamén nos sorprende porque é unha actitude que poderíamos cualificar de “rata”: os residentes afectados son 16, e os custes de 4 contratos ao ano durante 4 anos son perfectamente asumíbel polo SERGAS, máxime tendo en conta a importante demanda que soportan os servizos de Oncoloxía Médica dos hospitais públicos galegos, e o importante traballo asistencial que os residentes realizan.

      Por todo isto pedímoslle ao PP e ao SERGAS que reconsideren a súa posición, e acepten ampliar en 1 ano os contratos dos residentes de Oncoloxía Médica.

Os cartos que nos rouban acaban nas Illas Caimán...

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

En Infolibre.org publicouse hai algún tempo unha noticia que dá boa conta do que supoñen as privatizacións dos servizos públicos. Os gobernos ultraneoliberais do PP están a expoliar e desmantelar a Sanidade Pública, entregándoa por anacos a empresas privadas amigas para se lucraren a costa dos cartos públicos. Cartos que saen dos nosos petos, cada vez máis. E mentres, a sanidade perde calidade asistencial a pasos de xigante.

Así, as grandes empresas que se están a beneficiar das privatizacións da sanidade (Capio ou Ribera de Salud, por exemplo) xeran enormes beneficios, que acaban en paraisos fiscais, como as Illas Caimán.

Imos deixar que nos sigan a chuchar, que nos sigan eliminando servizos, dereitos, para que se lucren estas empresas e os nosos cartos acaben xerando maiores beneficios para elas coa especulación en paraísos fiscais???

Abre os ollos! Non te deixes expoliar!

Martes, 4 de xuño, 11h

Concentración nos centros hospitalarios.

NON Á PRIVATIZACIÓN DA SANIDADE!!!

O VI Congreso da CIG elixe á nova Executiva Confederal e a Suso Seixo como secretario xeral

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía
.
O VI Congreso da CIG remataba este domingo 26 de maio tras a elección da nova Executiva Confederal, que pilotará a central nos vindeiros catro anos, e a reelección de Suso Seixo como secretario xeral. Culminaba así un proceso de debate comezado hai meses no que a CIG acorda que, para enfrontar as regresivas políticas decididas nas institucións europeas e aplicadas polo PP en Galiza e no Estado é imprescindíbel reforzar a organización, mobilizarse e contar con soberanía para que o noso país poida decidir as políticas que precisa para unha saída da crise favorável á maioría social: a clase traballadora.
.

Galería de imaxes

Galería de imaxes

Videos: lista de reprodución

 

 

 

Tanto para a Executiva Confederal como para a Secretaría Xeral ou a Comisión de Garantías presentábase unha única candidatura. A da Executiva Confederal foi referendada por 508 congresistas, 30 votaron en branco e 15 emitiron voto nulo. O secretario xeral, Suso Seixo, foi reelixido con 499 votos, 50 brancos e 4 nulos e a Comisión de Garantías contou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos.

A Executiva Confederal está conformada por 12 membros e forman parte dela:

1.- Xesús Seixo Fernández.

2.- Elvira Patiño Ogea.

3.- Francisco Xabier Cartelle Pérez.

4.- Manuel Currás Meira.

5.- Miguel Anxo Malvido Cabirto.

6.- Margarida Corral Sánchez.

7.- Anxo Pérez Carballo.

8.- Ramiro Oubiña Parracho.

9.- Xosé Francisco Miranda Vigo.

10.- Antolín Alcántara Álvarez.

11.- Anxo García Torres.

12.- Paulo Carril Vázquez.

A Comisión de Garantíascontou con 512 votos, 31 en branco e 9 nulos e forman parte dela:

1. Birino Marcos Baamonde

2. Xosé Lois Seixo Fernández

3. Manuela Catoira Palleiro

4. Segundo González González

5. Luís Burgos Díaz

6. Placer Vila Rodríguez

O VI Congreso comezaba na mañá do sábado 25 de maio baixo o lema “É necesario. É posíbel. Organización, loita, soberanía”. Tras da benvida do secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, e a actuación dun grupo de cooperativistas do Conservatorio Histórico de Santiago, Sociedade Cooperativa Galega, as delegadas e delegados presentes aprobaban o Regulamento sen ningún voto en contra e cunha única abstención.

De seguido, Suso Seixo presentaba, en representación da Executiva Confederal saínte, o informe de xestión destes últimos catro anos, que foi aprobado, tras do seu debate, con 430 votos a favor, 5 en contra e 61 abstencións.

Seixo foi moi crítico coas políticas “antisociais e antiobreiras” que se foron aplicando neste período marcado, na súa totalidade, polas consecuencias negativas que para Galiza e as súas clases populares está a ter a crise económica e financiera. Catro anos de recorte de dereitos laborais e sociais nos que, so pretexto de reducir o déficit público, favorecer a competitividade da economía e crear emprego, non só se conseguiu todo o contrario, senón que mesmo se aproveitou para introducir toda unha serie de medidas “profundamente inxustas e antidemocráticas”.

Debate

Unha vez aprobado o Informe de Xestión, elixíase a Mesa Congresual e iniciábase, a partir de aí, o debate dos relatorios, aos que só se presentaran 59 emendas (2 ao Relatorio de Organización; 12 aos Estatutos e ás modificacións estatutarias e 45 ao Relatorio de Acción Sindical).

No Relatorio de Organización a CIG define os seus obxectivos para os vindeiros catro anos, nomeadamente, mellorar a súa organización interna para garantir que, ante o recorte de dereitos e das condicións de vida, a central sindical dá unha única resposta “solidaria e común como clase”; perfeccionar o modelo federativo e territorial; reforzar a acción sindical na empresa a través das delegadas/os; incentivar a participación das persoas desempregadas e reforzar a participación das mulleres, da mocidade e das persoas pensionistas e xubiladas.

De seguido debatéronse as modificacións estatutarias, que foron referendadas con 457 votos a favor, 1 en contra e 20 abstencións superándose así a maioría absoluta requirida para que saísen adiante.

O Relatorio de Acción Sindical -aprobado con 370 votos a favor, 14 en contra e 13 abstencións-, é a folla de ruta da CIG na que se formulan as alternativas para a central sindical mellor enfrontar a grave problemática social e laboral que está a provocar a crise sistémica do capitalismo.

Acto de clausura

No acto de clausura, ademais das persoas congresistas participaron numerosas delegacións convidadas de organizacións políticas, sociais e culturais de Galiza e de organizacións sindicais internacionais.

Suso Seixo, recén reelixido secretario xeral, comezou a súa intervención agradecendo, en nome da central sindical, o traballo desenvolvido polas persoas que non repiten nesta Executiva: Laura Bugalho e Antonio López, aos que lles foi entregado un pequeno agasallo.

Denunciou a destrución, “sen precedentes” de emprego en Galiza e alertou das “consecuencias sociais e económicas dramáticas, pero tamén políticas” que ten. Situou este problema como unha das prioridades da central sindical e propuxo pór en marcha unha forte campaña, co máximo arroupe social, ao redor dunha batería de propostas dirixidas á Xunta de Galiza en materia fiscal, financeira, industrial, contractual e en demanda dun salario de inserción social para desempregadas/os que non cobren ningún tipo de prestación.

Denunciou que “estamos ante unha loita de poder entre a oligarquía financeira e as clases populares” e que todas as medidas que se están a impor teñen como obxectivo incrementar os beneficios desa oligarquía, pola vía de reducir custos laborais, proporcionando man de obra barata.

Chamou a organizarse e continuar a mobilizarse para reclamar outras políticas alternativas convencido de que “é posíbel” mudar este modelo porque “somos unha maioría social moi ampla os que estamos obxectivamente interesados en rematar con estas políticas tan antisociais”.

Cuestionou a política de pacto social, que sempre viu acompañada de cesión de dereitos da clase traballadora e apostou por construír “un modelo de sociedade libre e democrática en Galiza, cun Parlamento galego soberano”.

Documentos
INTERVENCION SUSO SEIXO. CLAUSURA.pdf

A noticia en Avantar

37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos emigraron desde que comezou a crise

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar, en rolda de prensa, a campaña do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que se desenvolve este ano baixo o lema de “FARTAS!”. Margarida Corral, secretaria confederal de Muller e Mocidade anunciou as diversas mobilizacións que con este motivo convoca, ou nas que participa, a central sindical e denunciou as “celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos”. Ademais presentouse o informe “A situación da Muller no Mercado Laboral en Galiza no ano 2012”, elaborado polo Departamento de Economía, no que se constata que, alén do paro, as condicións laborais da muller en Galiza son cada vez peores.

A secretaria confederal de Muller lembrou que malia levar máis dun século conmemorando o día 8 de Marzo, “en pleno ano 2013, as mulleres de hoxe saímos á rúa para denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”.

Corral chamou a facerlle fronte a esta situación “como fixeron as nosas avoas” para dicir que “estamos fartas de sermos discriminadas; da situación de desvantaxe histórica que sufrimos; de cobrarmos menos salarios ca os homes; da temporalidade dos nosos contratos; de que sexan a tempo parcial e da persecución por exercermos o noso dereito a compatibilizar traballo e vida persoal e familiar”. Denunciou que as medidas que se van adoptando, como os protocolos e plans de igualdade en empresas “non son máis ca declaracións de intencións, por imperativo legal ou co único obxectivo de acceder a subvencións” e que a inclusión da perspectiva de xénero na negociación colectiva é “inexistente ou residual”.

Xunto isto denunciou a dupla e tripla xornada que afrontan as mulleres galegas que teñen que dedicar “horas infinitas ás tarefas do fogar e dos coidados”. Pero tamén a economía somerxida; o teito de cristal; o acoso sexual; a normalidade coa que se asumen as mortes por mor da violencia machista; a discriminación “pola nosa orientación sexual” ou a falta de cobertura das prestacións por mor da temporalidade dos contratos que se lle fan ás mulleres.

Ante iso proclamou que “estamos fartas do desemprego, da falta de protección social; de pertencermos a categorías e réximes especiais que nos discriminan; de sermos inmigrantes sen papeis, sen dereitos; da sangría migratoria que asolaga o noso país por mor da inexistencia de saídas laborais; da privatización dos servizos públicos, mentres se invisten cartos públicos en empresas privadas e dunha reforma laboral que só supuxo máis paro, máis precariedade e despedimentos máis baratos”. Por iso fixo un chamamento a responder participar nas mobilizacións convocadas con motivo desta data, contra as políticas “neoliberais e ultraconservadoras” do Partido Popular, “ao servizo da gran banca e de entidades relixiosas” e denunciou as celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que recortan os nosos dereitos.

A CIG ten convocadas nas cidades concentracións, no marco dunha xornada nacional de loita, o propio 8 de marzo, ás 12:00 da mañá:

- Coruña, diante da empresa EUROCEN,

- Compostela, diante da oficina da Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza, en Área Central

- Lugo, diante do Gran Hotel de Lugo

- Ourense, en resposta ao convenio do téxtil

- Pontevedra, na chamada praza 8 de marzo, logo dunha asemblea de delegadas

- Vigo e Ferrol, en resposta ás duras condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)

Alén destas concentracións de traballadoras, a CIG participará nas concentracións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, na tarde do día 8 en Vigo e Ferrol, e na concentración cidadá prevista na Coruña contra o peche do Centro de Orientación Familiar da Coruña, como organización convocante xunto con outras asociacións e entidades feministas na mobilización nacional que sairá o día 9 de  marzo ás 12:30 horas da Estación de tren de Compostela, baixo o lema Mulleres en loita polos nosos dereitos!, e nas mobilizacións comarcais convocadas pola CIG o 10 de marzo, Día da clase obreira galega.

O día 7 celebrarase ademais a VII Edición dos Premios 8 de marzo, ás 18 horas, nun acto público que terá lugar no Hotel Porta do Camiño.

Incremento da poboación activa

O informe fai un percorrido pola situación laboral da Muller no ano 2012 pero tamén polas mudanzas que se deron nas condicións laborais desde que comezou a crise. Nese sentido, a economista Natividade López Gromaz, salientou o incremento da poboación activa, provocado polo aumento do número de mulleres que pasan a ser demandantes de emprego. “Maiores de 55 anos que eran amas de casa e que teñen que saír ao mercado laboral a buscar un posto de traballo, nunha situación na que non hai emprego para ninguén. Ten que ser por mor dunha situación familiar moi precaria”.

Isto, ao entender de López Gromaz, desfigura os datos da muller no mercado laboral, porque semella que se están incorporando moitas mulleres, pero agocha detrás unha realidade alarmante. Neste lustro perdéronse 160.000 postos de traballo. Máis entre homes porque a crise afectou primeiro a sectores moi masculinizados, como a Construción ou o sector do Metal. Porén neste último ano disparouse moito a destrución de emprego feminino, porque o sector Servizos, que até o de agora se foi mantendo, foi en 2012 o máis prexudicado. Tal é así que neste último ano, neste sector, 8.400 mulleres perderon o emprego, cando en total foron 10.800 as mulleres que pasaron a engrosar as listas do paro. Unha media de 30 mulleres diarias.

Xunto a isto, a responsábel do Gabinete de Economía salientou “a desfeita” do sector da administración e a perda de emprego que se dá en Sanidade, Educación e Servizos Sociais, xunto con hostalería e comercio. “O que nos preocupa é que é o principio e que para este ano vai empeorar a situación para o emprego feminino”. Malia esta destrución de emprego, tamén é rechamante a diminución da taxa de temporalidade. Porén tamén isto agocha outro dato demoledor, xa que esa diminución prodúcese “non tanto porque aumente o indefinido senón pola destrución do temporal”. Natividade López Gromaz apunta tamén ao cambio de réxime especial da seguridade social para as empregadas do fogar, que pasan a ter un contrato indefinido.  O problema é “por cantas horas e por que salarios”.

660.000 contratos asinados en 2012

Do informe tírase ademais que medra a xornada parcial e aumenta o número de contratos, tanto entre homes como entre mulleres. E ten que ser así porque malia esta destrución masiva de emprego, rexistráronse 660.000 contratos en Galiza, 320.000 entre mulleres. Unha media de case 3 contratos por muller ao ano. “Redúcese a temporalidade, os contratos son moi abundantes e de pouca duración”. Iso leva a que sexa a primeira vez que caen os ingresos tanto dos homes e das mulleres, xa que segundo os datos da Axencia Tributaria, os últimos publicados de 2011, os ingresos declarados diminuíron un 0,23%, sen descontar o IPC, o que constata “a perda de poder adquisitivo que está sufrindo a clase traballadora en xeral e as mulleres en particular”.

Natividade López Gromaz alertou de que esta situación vaise agravar este ano porque acaba de asinarse o convenio de grandes almacéns, que afecta a 13.000 persoas en Galiza, o 80% mulleres e contempla unha perda dun 2,5% de media de ingresos. Xunto a este, o do pequeno comercio está a piques de se asinar nas mesas condicións e na administración tamén se rebaixan as condicións salariais. Todos sectores feminizados.

Emigraron 37.500 mulleres

A taxa de paro duplicouse nestes anos e pasou dun 10 a un 20% en cinco anos. Un dato que matizou que non medra máis grazas á emigración porque “durante este período marcharon de Galiza 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos, no mellor da idade laboral e reprodutiva”. En conxunto foron 77.000 persoas as que emigraron nesta franxa de idade. “Sen esta emigración, a taxa de paro incrementaríase até chegar ao 25%. Evidentemente á Xunta de Galiza non lle interesa nada que se coñezan estes datos e segue a presumir de que temos un diferencial de cinco puntos coa media do estado pero se sae isto á luz a situación sería ben distinto”.

Dependencia das pensións

Gromaz subliñou tamén que xubiladas e pensionistas estanse facendo cargo de moitísimas familias que están vivindo grazas ás súas pensións. Hai case 400.000 mulleres pensionistas, das que 166.000 son viúvas e outras moitas con incapacidade permanente.  Os ingresos medios das pensionistas son de 556€ ao mes, mentres que os dos homes son de 873€.  A pobreza comeza a ser alarmante e xunto ao paro, baixas pensións e baixos salarios hai 3.700 mulleres que xa non teñen nada, só a RISGA. “Unha miseria pero é algo de subsistencia”.

Documentos
Muller e mercado laboral 2012.pdf
Diptico 8 de marzo 2013.pdf

Artigo extraído de Avantar.

Días Adicionais de Vacacións

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

adicionais_vacacins

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto