Noticias Outras novas Outras novas
 
 

A CIG-Saúde pregunta ao SERGAS polas medidas adoptadas diante da folga convocada en TECNOCOM

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Insta á dirección a mediar e exixir á empresa que inicie a negociación co seu persoal para evitar o conflito laboral
 
A CIG-Saúde vén de dirixirse tanto ao Xerente do SERGAS como a Directora de Recursos Humanos para preguntar polas medidas adoptadas de cara a paliar as posíbeis consecuencias negativas da folga convocada en TECNOCOM para o servizo sanitario público. Insta ademais á dirección do Servizo Galego de Saúde a realizar as xestións necesarias para evitar, na medida do posíbel, a convocatoria de folga.
FIDES TELECOMLembra que os vindeiros días 1, 2 e 5 de setembro está convocada unha folga na empresa Tecnocom, que é a que fornece o soporte técnico informático en numerosas aplicacións informáticas do SERGAS, entre as que se atopan FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom. Convocatoria que se realiza logo da negativa da empresa a negociar coa representación do persoal despois de ter modificado as condicións de traballo unilateralmente.

A CIG-Saúde amosa a súa preocupación polas posíbeis consecuencias que esta folga poida traer para os servizos prestados por esta empresa ao tratarse dun apoio técnico informático inmediato e necesario para o persoal do sistema sanitario, e que repercute directamente no/a usuario/a.

Por iso pregunta que medidas está tomando o SERGAS de cara a paliar estas posíbeis consecuencias negativas para o servizo no sistema sanitario público; se desde a dirección do SERGAS se puxeron en contacto coa empresa para instala a iniciar a negociación que suspendería a convocatoria de folga e se o SERGAS se ten interesado nalgún momento polas condicións laborais do persoal que presta servizos informáticos a través de empresas externas.

Insta ademais á dirección do SERGAS a que realice as xestións oportunas para, na medida do posíbel, evitar a convocatoria de folga, ou, no seu caso, paliar as súas consecuencias, dirixíndose á empresa e exixíndolle que asuma as súas responsabilidades e no marco das relacións laborais inicie a negociación que demanda o persoal -co que a CIG-Saúde se solidariza- para evitar o conflito laboral que vería trasladadas ao SERGAS consecuencias negativas para o servizo público que presta.

A noticia en Avantar

O sindicalismo nacionalista rende homenaxe a Moncho Reboiras no seu 41º cabodano

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Fundación que leva o seu nome vén de editar unha biografía e unha lámina do militante asasinado pola policía franquista
Un ano máis, a Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical na Galiza homenaxea o militante nacionalista Xosé Ramón Reboiras Noia, asasinado pola policía franquista no verán de 1975. A entidade vinculada á CIG vén de editar unha biografía e unha lámina de Reboiras coincidindo co seu 41º cabodano.
2016 08 11 LaminaHomenaxeMonchoReboiras01

A Fundación Moncho Reboiras vén de editar con motivo do 41º aniversario do asasinato do militante nacionalista unha biografía na que se presenta a súa evolución vital, dende o seu nacemento en Imo (Dodro) en 1950 até o seu asasinato pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

O groso desta biografía correspóndese co seu compromiso político, como militante nacionalista, en favor das clases populares de Galiza. “Un compromiso que sería central na creación dun sindicalismo nacionalista galego, o que daría lugar ao Sindicato Obreiro Galego”, segundo subliñan.

Ademais, a Fundación Moncho Reboiras editou unha lámina na que se recupera unha fotografía de Xosé Ramón Reboiras Noia que achega unha faciana máis familiar e humana do histórico activista galego.

A noticia en Avantar

A CIG-Saúde impugna o Decreto de creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
María Xosé Abuín considera moi grave que siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde: o persoal investigador
 
A CIG-Saúde vén de presentar perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza un recurso impugnando o Decreto de Creación da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e os seus Estatutos. Considera que o seu articulado, no referido a designacións de responsábeis da áreas desta Axencia incumpre a normativa vixente no SERGAS.
12-05-15 concentración CIG-SaúdeMaría Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde lembra que “durante todo o proceso de tramitación deste decreto, na Mesa Sectorial demandamos que os cargos directivos da Axencia foran persoal do SERGAS e se seleccionasen segundo o recollido no Decreto 206/2005 para xefaturas de servizo”.

A CIG-Saúde denunciou, desde que se deu a coñecer o primeiro borrador do Decreto desta Axencia, a ilegalidade do sistema de selección de persoal directivo, por permitiren que persoas alleas ao Sergas, e sen ningún requisito previo de titulación –calquera universitario de grao-, puideran acceder a unha xefatura de servizo mediante contrato de alta dirección. Fronte a isto, a CIG-Saúde demandaba que se respectase a lexislación vixente no Sergas e se recoñecese ademais o valor humano e en coñecemento que hai no Servizo Galego de Saúde.

A modo de exemplo, Abuín explica que, de aplicarse esta normativa na designación de xefes de servizo no SERGAS, daría como resultado que un persoal non sanitario, con titulación de  grao, puidera acceder a unha xefatura clínica sen ter coñecemento algún en saúde e non como agora, que para acceder a esas xefaturas ten que ser persoal facultativo en caso de que sexan sanitarias, ou non se non o son.

A argumentación esgrimida polos/as responsábeis da consellaría de Sanidade na propia Mesa Sectorial e diante de todas as organizacións sindicais para xustificar ese sistema de selección foi, segundo sinala Abuín, que “o decreto de creación da Axencia permite nomear persoal alleo ao SERGAS, e que non se corresponda cos requisitos actualmente exixidos, porque no Servizo Galego de Saúde non hai coñecemento suficiente, por iso hai buscalo fora”.

A semana pasada, na xuntanza mantida co novo conselleiro, a CIG demandou un cambio no decreto da Axencia en todo o articulado referido a nomeamentos de responsábeis “como un xesto dirixido ao persoal do Sergas para visualizar que no Servizo Galego de Saúde sobra coñecemento”, di a secretaria nacional da CIG-Saúde. A falta deste xesto foi o que levou á CIG-Saúde a presentar este contencioso.

A secretaria nacional considera que sendo grave todo isto, “máis grave é que na Axencia siga a quedar fóra un dos alicerces máis importantes en coñecemento en saúde, como é o persoal investigador”.

A noticia en Avantar

Día Mundial da Saúde Mental. Manifesto do Movemento Galego da Saúde Mental.

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

MGSM

 

10 DE OUTUBRO 2015

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

O Día Mundial da Saúde Mental foi establecido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para chamar a atención das sociedades e os gobernos sobre a situación na que se atopan as persoas afectadas por trastornos e enfermidades mentais, para potenciar o desenvolvemento de políticas acordes coa importancia desta dimensión da saúde e para mobilizar a todos os cidadáns e cidadás contra a estigmatización e a prol da integración e o apoio a todo aquel que se atope, por esta causa, en situación de exclusión ou en risco dela.

Neste día o Movemento Galego da Saúde Mental diríxese á sociedade para trasladarlle a valoración da situación que neste eido estamos a vivir en Galicia.

Non é alarmismo afirmar que, comparado con como estabamos hai un ano, nada vai mellor na atención á saúde mental, na prevención dos trastornos psíquicos  ou na integración sociolaboral daquelas persoas máis gravemente afectadas. Despois de sete anos deste goberno da Xunta, a situación é moi preocupante: os indicadores de saúde evolucionan indiscutiblemente a peor (incremento da incidencia de trastornos psíquicos, grave elevación da taxa de sucidios, aumento do consumo de psicofármacos), os recursos asistenciais específicos atópanse deteriorados e seguen a sufrir recortes, continúase sen planificación e sen coñecemento de cara onde quere ir o SERGAS na atención á saúde mental, prívase ós doentes do acceso a prestacións básicas do sistema nacional de saúde -sinaladamente á psicoterapia que segue a ser un tratamento inaccesible para moitos usuari@s que a teñen indicada e que se beneficiarían dela-. Tampouco se desenrolan  programas ante patoloxías prevalentes e de alto custo humano e económico (trastorno mental grave), desconsidéranse as indicacións da OMS en prevención do suicidio, eludindo a Xunta de Galicia o compromiso mundial da súa redución nun 10% antes do 2020,  e desorganízanse os servizos para impedir a participación dos profesionais.

A crise, tan socorrida polos nosos gobernantes para agochar as súas responsabilidades, xa non é un argumento críble para xustificar o que está a pasar. Non é a crise,  é a forma de gobernar da Xunta: a xestión torpe no día a día, a incompetencia gobernante, o favoritismo na selección dos mandos intermedios, os intereses compartidos coas industrias que fan negocio coa saúde e que, a miúdo, son opostos ós da poboación, e tamén o plan de privatización progresiva da atención á saúde mental.

Esa forma de facer as cousas: incompetente, autoritaria, despectiva cos que non son da corda política-ideolóxica dos gobernantes actuais, sen proxecto de futuro nin esperanza en nada mellor, ten o seu reflexo nunha acción de goberno predominantemente propagandística (da que é un exemplo  o publicitado proxecto mastermind de tratamento da depresión por teleasistencia que cubriu, no seu día, un par de páxinas de xornal e do que non se volveu  saber), ou de franco falseamento da realidade (como se reflexou nas recentes respostas parlamentarias dadas polo grupo gobernante no Parlamento de Galicia ante o incremento de suicidios en Galicia, nas que mesmo negaron os seus datos oficiais).

Deterioro, incompetencia, utilización inxusta dos recursos públicos, falseamento  da realidade e abuso da propaganda. Ese é o resumo da xestión en saúde mental do goberno do Partido Popular en Galicia. Estamos moi mal na atención á saúde mental en Galicia: fai falla outra política sanitaria.

Urxe un plan guiado por obxectivos de saúde e que potencie a atención a quen se atopa en condición de maior fraxilidade. É  imperioso o establecemento de prioridades que superen a mera xestión administrativa actual dos servizos e recursos, fai falla un futuro ó que dirixirse para reducir o efecto tan daniño que ten a crise e a súa xestión gubernamental nas persoas con trastorno mental severo, hai que comprometerse cos obxectivos da OMS neste eido, debe apoiarse o movemento asociativo e facilitar a sua participación, e fan falla outros gobernantes que poidan dirixir a sanidade cara un futuro mellor.

O Movemento Galego da Saúde Mental contribuirá tamén á definición dese futuro aportando o seu coñecemento e esforzo ó programa de goberno que necesita este país.

En Santiago a 9 de outubro de 2015

Sr. Feijoo, “vaia a que llo miren”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
2015 09 03 ManifaNovoHospitalVigo13

A denuncia pública das e dos traballadores da sanidade pública, das organizacións sindicais, da plataforma SOS e da poboación galega en contra do modelo de privatización do hospital de Vigo nace no ano 2009.

 O modelo de construción e explotación a través de empresas privadas do hospital de Vigo non é novo. Foi utilizado en Inglaterra pola Sra. Thatcher e con posterioridade nos distintos servizos de saúde gobernados polo Partido Popular. É numerosa a literatura científica que describe os riscos deste modelo: maior custo económico, menor prestacións sanitarias. E son innumerábeis os casos que acontecen na sanidade de Madrid ou Valencia que constatan estes feitos.

 Agora, coa posta en funcionamento do hospital Álvaro Cunqueiro, o que acontece é que se visualizan as denuncias que realizamos estes anos, sen que o Goberno galego escoitase a ninguén.

Denunciabamos que o proxecto de construción do hospital quedaba, exclusivamente, en mans da empresa privada. A Consellaría de Sanidade negouse rotundamente a presentar o proxecto definitivo deste hospital. As/os profesionais non puideron opinar das necesidades do seu servizo; agora vense as deficiencias e os recortes.

Todo isto, conxuntamente coa unha planificación desastrosa do traslado ao novo hospital, na que non se contou coa opinión e participación das/os profesionais, está a mostrar a realidade dunha sanidade pública convertida en negocio.

O presidente da Xunta de Galiza, na súa liña habitual, trata de culpabilizar as/os convocantes da manifestación e a cidadanía que participou nela de irresponsables e de xogaren co sufrimento das vítimas, cando el e todo o PP sabe que a manifestación estaba anunciada desde o mes de maio. E como recolle a Lei, que debería coñecer, as manifestacións hai que comunicalas legalmente con dez (10) días de antelación, sen contar o día da celebración da mesma.

A mentira reiterada non pode ser o maior mérito dun presidente.

Quen pretende xogar impunemente co sufrimento das vítimas?

Estaralle pasando ao Sr Feijoo coa sanidade pública o mesmo que lle acontecía co seu amigo Marcial Dorado? Que mentres todos/as sabían que as embarcacións deste individuo eran planeadoras que introducían drogas en Galiza e que tanto sufrimento ocasionaban, o Sr. Feijoo pensaba que eran embarcacións tradicionais, e polo que non lle impedía gozar do beneficio destas actividades.

Sr. Feijoo, voulle facer a mesma recomendación que un xornalista lle fixo á súa compañeira de partido a Sra. Mato, ex ministra de sanidade, nunha comparecencia publica, ante a incompetencia desta señora, “Hágaselo mirar”. Eu suxírolle o mesmo; a sanidade pública esta dotada de excelentes profesionais. Sr. Feijoo, “vaia a que o miren”.

[Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2015]

Artigo de María Xosé Abuín, Secretaria Nacional da CIG-Saúde.

A CIG e a Fundación Moncho Reboiras lembrarán cunha ofrenda floral o 40º aniversario do asasinato do dirixente nacionalista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
O acto terá lugar o 12 de Agosto ás 12 horas no cemiterio de Imo, en Dodro
 
O vindeiro 12 de agosto cumpriranse 40 anos do asasinato de Xosé Ramón (Moncho) Reboiras Noia a mas da policía fascista en Ferrol. Desde a Fundación que leva o seu nome e maila Confederación Intersindical Galega renderémoslle tributo mediante unha homenaxe floral ás 12 horas no cemiterio de Imo, en Dodro, onde descansan os seus restos. Moncho, alén da súa prolífica militancia nos diferentes campos do nacionalismo popular, destacou tamén nos primeiros xermes de organización obreira que deron lugar ao actual sindicalismo nacionalista.

Moncho Reboiras Noia criárase en Teis, un dos barrios máis populares de Vigo, moi preto da factoría Vulcano. Polo seu traballo de electricista, durante a década dos 70 viviu tamén noutras cidades galegas. O 12 de Agosto de 1975, foi asasinado pola policía franquista nun portal da rúa da Terra en Ferrol, a poucos metros do edificio do Concello, despois dunha persecución polos tellados de varios edificios. Reboiras era unha persoa nova, tiña 25 anos, de face sorrinte, cun engado persoal evidente, sempre disposto a traballar polo país, a escoitar máis que falar, e que sabía o que quería.

Contrariamente ao que algúns poderían pensar polas circunstancias nas que morreu, Reboiras non era unha persoa que considerase como principal a actividade armada da Unión do Povo Galego, partido ao que pertencía. Por esta razón, o seu partido encargoulle anos antes participar na organización da Fronte Cultural e posteriormente da Fronte Obreira. Moncho foi un home que destacou pola súa actividade no eido político e reivindicativo. Dende a Fronte Obreira impulsouse o nacemento dos xermolos sindicais en varias cidades, e estes deron lugar en maio de 1975, poucos meses antes da súa tráxica morte, ao nacemento do SOG e do periódico Eixo como voceiro do sindicato.

A fundación do SOG, e doutros sindicatos como a UTEG, puxo as bases da que sería a máis forte das organizacións do nacionalismo, e que daría lugar andando o tempo ao que hoxe é a nosa central sindical, a CIG. A súa participación destacada na autoorganización da clase traballadora galega foi recoñecida pola Confederación Intersindical Galega renomeando a súa fundación de estudos e formación sindical, co seu nome: Fundación Moncho Reboiras para o estudo e a divulgación da realidade social e sindical na Galiza.

De vivir, Moncho Reboiras sería sen dúbida hoxe un dos dirixentes do nacionalismo, un referente. Tiña todas as calidades para selo. Era un home do povo, disciplinado, aberto ás novas ideas, de fácil relación cos demais e, fundamentalmente, unha persoa solidaria e que loitaba desde un proxecto de masas pola xustiza social e os dereitos nacionais de Galiza. Unha parte do que é hoxe o nacionalismo e das liberdades democráticas (aínda que limitadas e en retroceso), debémosllas a el. O seu asasinato foi un revulsivo, especialmente entre a mocidade. Unha vida a imitar e unha demostración da coherencia, que colocou o movemento nacional popular galego como referencia política nunha conxuntura decisiva.

Mais Moncho non era un caso illado. Formaba parte dun partido de xente moza, atrevida e entregada, teimosa, procedentes das clases populares, que tiñan como obxectivo principal da súa vida a liberación nacional e social de Galiza. Moncho Reboiras, ademais dun exemplo persoal, representa a todos e todas aqueles que na dura etapa do franquismo senil fixeron posíbel que o nacionalismo das clases populares sexa hoxe unha realidade. Non foi unha excepción, senón alguén que estivo na primeira liña de loita contra a opresión. Hoxe a 40 anos do seu asasinato pola ditadura, lembremos a súa caída coa mellor homenaxe, continuando a súa obra.

A noticia en Avantar

A Área Pública da CIG denuncia que os Orzamentos do Estado para 2016 "nin recuperan os dereitos roubados nin o emprego destruído"

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera un anuncio electoralista o incremento salarial do 1% para o persoal das administracións e reclama aumentar o emprego público estábel para garantir uns servizos calidade
 
Como era de agardar, a reunión da Mesa Xeral de Negociacións das Administracións Públicas celebrada esta tarde co Ministro Montoro para tratar o Proxecto de Lei de Orzamentos 2016, resultou un simple formalismo que o Goberno do PP aproveita para anunciar medidas con fins electoralistas e de cara a manipular a opinión pública, pero que no fondo supoñen "atrasar a  recuperación dos dereitos salariais e laborais usurpados ás traballadoras e traballadores das administracións e afondar na destrución do emprego e os servizos públicos".

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas

En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar ao longo deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel".

De igual xeito, tampouco se regula a recuperación das pagas recortadas ao persoal da Xunta de Galiza. Sobre este punto, a CIG esixiu garantías para que en Galiza as traballadoras e traballadores públicos teñan a recuperación salarial do mesmo xeito que se determine para o persoal da Administración Xeral do Estado.

Nesta liña, na batería de reivindicacións presentadas pola CIG durante a xuntanza, solicitouse que nos orzamentos estatais se recolla que as pagas extraordinarias de todos os empregados/as públicos serán completas, para obrigar a Xunta a repoñer a totalidade das pagas extraordinarias de xuño e decembro “que dende o ano 2013 ven roubando as súas empregadas e empregados públicos. De modo que, dunha vez, se eliminen as discriminacións salariais que esta a realizar a administración autonómica co seu persoal.

Taxa de cobertura insuficiente

No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións.

Esta medida resulta absolutamente insuficiente para a Área Pública da CIG logo de sucesivos anos de destrución de emprego, polo que esixiu ao Goberno que aumente o volume neto do emprego público estábel, cunha forte dimensión social, eliminando as taxas de reposición, mais tamén "impedindo os ERES, mesmo os encubertos, detendo a amortización de prazas e realizando ofertas de emprego público que garantan servizos públicos de calidade".  

“É preciso establecer plans de recuperacións para todos os servizos que se encontran en situación de colapso e mesmo xa están desaparecidos", advirte a Área Pública. "As taxas de reposición e as ofertas de emprego público futuras teñen que permitir recuperar os niveis mínimos de persoal que garantan os servizos  públicos a toda a cidadanía”.

Fronte a estas propostas continuístas do PP, na Mesa de Negociacións a CIG solicitou a recuperación dos dereitos laborais e salariais subtraídos, “así como a defensa e o reforzo duns servizos públicos universais e de calidade, capaces de manter a cohesión social”.

A noticia en Avantar

A baixada de IRPF que segue enriquecendo as grandes fortunas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cadro baixa irpf

O dixital económico Cinco Días publicou a finais da semana pasada un artigo no que facía unha aproximación de cálculo do que suporá a baixada de IRPF anunciada por Rajoy o pasado xoves. Este cálculo pódese ver neste cadro (fonte orixinal). Se premes na imaxe, agrandarase o cadro.

 

Na infografía pódese ver dun simple vistazo o "grande aumento salarial" que vai supor para a maioría social, para a clase traballadora, a baixada do IRPF anunciada por Rajoy. Como se pode constatar, as rendas máis baixas nin sequera o van notar, posto que non vai repercutir nos seus salarios, mentres que para as rendas altas vai supoñer incrementos de ata 1600 euros mensuais. Este é o aumento de salarios que pretenden vendernos desde o PP, e que non é máis que continuar coa súa folla de ruta de que a clase traballadora siga perdendo poder adquisitivo mentres as grandes fortunas continúan a acumular máis e máis riqueza.

 

Se pensamos que os tramos máis baixos de salarios non van notar a baixada do IRPF, pero si que están afectados por desmantelamento de servizos públicos, subidas de IVE, copagamentos e demais, seremos quen de comprobar que, unha vez máis, quen está a pagar a crise xerada polo propio capital son as traballadoras e traballadores, algo que desde a CIG vimos denunciando desde hai anos.

 

Teñámolo en conta cando chegue o momento de votar.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto