Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

Milleiros claman contra o desmantelamento do hospital Meixoeiro e a privatización da sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Unha manifestación convocada pola xunta de persoal e SOS Meixoeiro percorreu os arredores do centro médico para reclamar a dimisión do xerente e do conselleiro
Máis de 3000 persoas participaron esta tarde na manifestación convocada pola xunta de persoal do Chuvi e a plataforma SOS Meixoeiro para rexeitar o desmantelamento do hospital vigués. Durante a marcha, que percorreu os arredores do centro médico, denunciouse a política de privatizacións da sanidade pública que está a aplicar a Xunta do PP e reclamouse a berros a dimisión do xerente da EOXI e do conselleiro de Sanidade.

(Galería de imaxes)

2016 06 22 ManifaContraDesmantelamentoMeixoeiro11.grandeA mobilización arrincou pasadas as oito da tarde da porta principal do Meixoeiro, onde minutos antes varios milleiros de persoas permanecían concentradas agardando o inicio da dunha marcha que se desenvolveu polos arredores do centro médico e na que as consignas máis repetidas foron “O Meixoeiro querémolo enteiro”, “Feijóo, bandido, “A privatización é corrupción”, “Queremos un hospital e non unha sucursal”, “Vigo é a tumba do PP” ou “Feijóo, atende, a sanidade non se vende”.

Á cabeza da manifestación, unha faixa recollía o lema da protesta: “O Meixoeiro tamén existe”. Unha frase que resume o empeño de profesionais e usuarios/as por reivindicar o papel que esta infraestrutura ten que xogar na sanidade pública da área viguesa.

En concreto, reclaman que se manteña como un hospital xeral programado para diferentes especialidades, para o que é necesario recuperar as camas pechadas e os recursos recortados. “Para facer posíbel o proxecto estratéxico de reforzar o tratamento e a investigación en Oncoloxía débese potenciar a súa actividade neste eido, aproveitando e axustando a dotación tecnolóxica específica xa dispoñíbel para atender estas patoloxías, convertendo o Chuvi en referencia oncolóxica para o sur de Galiza”, tal e como se recolle no manifesto que se leu ao final da marcha.

Outras das demandas do persoal pasan por situar no centro médico todos os recursos de Cirurxía Programada (maior ambulatoria e con ingreso) e abrir unha Unidade de Coidados Críticos. Ademais, apostan por que se manteñan activas un total de 422 camas. “A plena utilización do Meixoeiro é vital para o futuro da sanidade pública da nosa área sanitaria”, rematan.

A nova en Avantar

 

Exiximos ao Xerente do SERGAS trámite de alegacións ao Decreto de Comités de Ética Asistencial

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

20160607 Comité ÉticaVimos de remitir este escrito ao Xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, exixindo o trámite de alegacións correspondente ao anteproxecto de Decreto sobre Comités de Ética Asistencial, que publicitaron na web de Trasparencia, pero non remitiron ás organizacións sindicais. Tratándose dun tema tan importante, e que afectan non só á asistencia, senón tamén ao persoal que a presta, este trámite é absolutamente necesario e imprescindíbel, as OOSS temos moito que dicir ao respecto.

 

"O Comité de Ética Asistencial é un órgano consultivo interdisciplinar, ao servizo das/os profesionais e usuarios dos centros sanitarios, constituído para analizar e asesorar na resolución de conflitos éticos que poidan xurdir coma consecuencia da labor asistencial e que teñen por obxectivo final mellorar a dimensión ética da práctica clínica e da calidade asistencial.

Ten carácter:

- Consultivo. A decisión final corresponde ao consultante.

- Independente de calquera órgano institucional.

- Aconfesional.

Esta definición, entre outras, recóllese nos múltiples textos publicados sobre a ética asistencial. Polo que calquera cambio normativo que pretenda modificar a súa finalidade, o ámbito de actuación e dependencia e a composición dos mesmos, deberá de contar cun amplo consenso.

En ningún caso a nova regulamentación pode estar dirixida a converter os comités de ética asistencial en órganos controlados pola Administración.      

Neste momento está colgado no portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galiza un Anteproxecto de Decreto..../2016.... polo que se regulan os comités de ética asistencial de Galiza, anteproxecto do que non se deu tramite de alegacións ás organizacións sindicais, ou, cando menos, na CIG non o recibimos.

Dada a transcendencia deste anteproxecto e a súa relación directa co traballo que realizan as/os profesionais da sanidade pública, solicitamos que se nos remita o devandito anteproxecto con prazo de alegacións e antes de proceder a modificar ningunha norma se acade o maior consenso, incorporando ao debate as/os profesionais do sistema público galego.

Agardamos en breve recibir o devandito anteproxecto."

A Cig-Saúde denuncia o masivo peche de camas no verán

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

                     

Alerta de que esta decisión provoca o desmantelamento da sanidade pública e favorece a privada

A CIG-Saúde demanda da consellaría de Sanidade a publicación de todos os peches de camas previstos para este verán

Compostela, 30 de maio de 2016.- Segundo os datos que a CIG-Saúde vai recibindo das distintas áreas sanitarias, despois de demandar insistentemente información oficial, o peche de camas durante o verán de 2016 –que en algunhas áreas sanitarias se estende até mediados de outubro- será de arredor de 1.200 camas, igual que no ano 2015.

Os grandes complexos hospitalarios pecharán durante este período máis de 200 camas cada un. María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde salienta o caso da area sanitaria de Vigo, que “con todos os problemas que está a padecer, é unha das máis afectadas, xa que ademais de camas pechará tamén unidades de quirófanos”.

Para a CIG-Saúde este peche de camas non se corresponde co anuncio feito polo presidente da Xunta dese plan de choque de cinco millóns de euros que se destinarían a reducir as listas de agarda, nas que están máis de 34.000 doentes. Unha redución que se faría, en parte dos casos, atendendo ás/aos doentes en centros concertados.

Este anuncio de redución das listas de espera é, para Abuín, “unha medida propagandística do PP en período pre-electoral que non se corresponde coa realidade e mesmo contradise xa que mentres anuncia ese plan, pecha dispositivos sanitarios que impiden o seu cumprimento”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde considera moi grave para sanidade pública galega esta decisión “máxime cando dos propios datos que dan a final de ano tírase que, tras este peche de camas, unidades, servizos de probas diagnósticas, consultas e demais, as listas de agarda se incrementan no último trimestre do ano”.

Abuín advirte que o peche de camas e servizos na sanidade pública “favorece que estes cartos –se é certo que se vai destinar a gasto sanitario para redución de listas de agarda- sería en centros concertados, xa que o peche patronal da sanidade pública decretado polo PP impide manter actividade diaria normal e menos incrementala”.

Xunto a isto sinala que o peche de camas durante o verán provoca un incremento do desemprego sanitario, xa que “o persoal fixo só dispón dun mes de vacacións e o resto do tempo dedícase a facer a cobertura do resto de compañeiros/as durante as súas vacacións”.

A CIG-Saúde insire esta política de peche sistemático de camas, unidades e probas diagnósticas durante o verán na política de privatización e desmantelamento da sanidade pública á que vimos asistindo durante estes últimos anos.

Gabinete de Comunicación

Confederación Intersindical Galega

CIG-Saúde denuncia o mal uso que a consellaría de Sanidade fai dos fondos FEDER

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Exixe un uso responsábel destes cartos en beneficio real da sanidade pública galega
 
A CIG-Saúde vén de denunciar que a consellaría de Sanidade destinou 169.400 euros procedentes, nun 80%, de Fondos FEDER á creación de sete espazos para innovación sanitaria que entre o persoal son coñecidos como “salas de festas de aniversario” pola seu deseño e “nula” utilidade. Diante disto, a CIG-Saúde denuncia o mal uso destes fondos e reclama que sexan as e os profesionais e non os cargos de libre designación da consellaría quen decidan a que proxectos deberían ser destinados estes cartos.
16-03-21 salas de innovación SERGAS 001En 2012 a consellaría de Sanidade publicou a Orde pola que se aprobaba a convocatoria aberta de propostas de solucións innovadoras para os proxectos de innovación sanitaria. Atendendo a isto creaba o Subproxecto 11 “Espazo de innovación en servizos asistencias”.

En decembro de 2015 o SERGAS publicaba unha resolución pola que se facía pública a formalización do contrato de instalacións e montaxe para a creación de sete espazos de innovación dentro do proxecto Innova-Saúde Subproxecto IS-11-Espazos de Innovación en Servizos Asistenciais, cofinanciado nun 80% con fondos FEDER e que tiña a consideración de prioritario. O importe neto deste proxecto era de 140.000€ e un importe total foi finalmente de 169.400€ co IVE.

A CIG-Saúde sinala que estes espazos son coñecidos comunmente dentro do SERGAS como “salas de festas de aniversario” sen que ninguén saiba explicar a relación que teñen coa innovación en servizos asistenciais, nin a súa utilidade para o sanidade pública.

A este respecto, a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, apunta que en algún centro, como o de Ourense, “montaron o espazo para a foto e unha vez pasada a foto desapareceu”.

Considera que “este proxecto estrela da consellaría de Sanidade é igual que o do camión de Ourense, que foi contratado para servizos asistenciais, cun custo de 2 millóns de euros, do que ninguén quere falar porque o seu uso non estaba adaptado para as necesidades da sanidade pública galega”.

Asegura que os verdadeiros proxectos de Investigación e Innovación nacen nos centros sanitarios polo interese e o compromiso das e dos profesionais co sistema sanitario público, nos espazos asistenciais e nas salas de reunións para mellorar a sanidade pública e dar resposta ás súas necesidades. “Non nacen nestas salas de aniversario que, quen as deseñou supoñemos que o fixo pensando no negocio de alguén”.

Por iso a CIG-Saúde exixe que os Fondos FEDER, cartos públicos dedicados ao desenvolvemento da investigación e da innovación, se utilicen correctamente “e para o que están previstos, tendo en conta a opinión dos profesionais do sistema e as prioridades que estes marcan e non as iluminadas das persoas que a consellaría de Sanidade ten en postos de libre designación, que semellan máis interesados en favorecer negocios que na asistencia sanitaria e no seu desenvolvemento”.

Exixe que, en cumprimento da Lei de Transparencia, se fagan públicos todos os proxectos postos en marcha pola consellaría de Sanidade e os cartos a eles destinados e denuncia que mentres se destinan cartos a estas cuestións, “entre mentres, o persoal investigador da sanidade pública segue agardando pola publicación dunha norma que permita a súa estabilidade laboral dentro do sistema e o recoñecemento, así, ao labor desenvolvido”.

Ver a nova en Avantar

28 de abril: Eleccións Sindicais nas Entidades Adscritas ao SERGAS (Galaria, 061, AGASOT, ACIS, INGO)

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Transcorridos catro anos desde o último proceso electoral toca de novo facer balance e someter o noso traballo á vosa aprobación.

A nosa traxectoria sindical está baseada nun modelo de sindicalismo participativo, contando co sentir de todas/os as/os profesionais. Isto supón facer un sindicalismo onde o que prima son os intereses colectivos sobre os individuais. Continuaremos afondando nun sindicalismo dirixido a todas/os as/os traballadores e atendendo as peculiaridades de cada colectivo.

Cómpre lembrar as dificultades do proceso de integración das/os traballadoras/es das antigas Fundacións no réxime estatutario, e as melloras das condicións laborais que lle pertencían (sempre reivindicadas pola CIG) e que algúns/has lles negaban, porque seica non eran persoal do SERGAS. Quen máis esquece estas situacións son certas organizacións sindicais que mantiveron unha oposición férrea contra a estatutarización, mais que agora participan deste proceso electoral.

A CIG-SAÚDE sempre estivo aí, defendendo o que por dereito corresponde a todas e todos, sen discriminación. Necesitamos seguir construíndo unha representación das/os traballadoras/es máis sólida, máis cohesionada, que sexa capaz de frear as agresións ás que nos vemos sometidas/os e modificar as políticas de privatización e de recortes de dereitos.

cartaz eess adscritas

Igual que para o resto de persoal estatutario seguiremos a defender para o persoal destas entidades:

1.- A recuperación de todos os acordos asinados que este goberno suspendeu, o que nos condenou a unha perda importante das retribucións e doutros dereitos laborais.

2.- O recoñecemento profesional de cada traballador/a. Recuperación do réxime extraordinario e ordinario da carreira profesional.

3.- A recuperación do complemento retributivo do 100% en situación de incapacidade temporal.

4.- O recoñecemento á representación sindical destas fundacións como órgano lexitimo de representación e negociación. Os acordos asinados no ámbito das fundacións serán de obrigado cumprimento.

5.- A reversión das fundacións no SERGAS, con respecto absoluto aos dereitos consolidados que hoxe ten o persoal estatutario das fundacións. Dereitos en orixe.

Para isto 

É NECESARIO CONTAR CO TEU APOIO

E SOBRE TODO COA TÚA PARTICIPACIÓN

 

CIG-Saúde denuncia que se mantén o recorte de horarios no servizo de helicópteros de emerxencias

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Considera que a Xunta debe garantir a máxima dispoñibilidade de todos os medios posíbeis para atender as urxencias

O vindeiro día 18 de marzo comezará de novo o recorte horario dos helicópteros do 061, porque a partir dese dia, as horas de luz pasan de 12, que son ás que teñen cinxida a súa operatividade. A CIG-Saúde denuncia, máis unha vez, que isto está a limitar a súa dispoñibilidade para atender urxencias e demanda que se garantan todos os medios ao alcance para estes casos, no canto de despilfarrar os cartos en edificios como o da nova sede do propio 061 e do 112, na Estrada.
helicóptero de urxencias
 

A CIG-Saúde subliña que os custos de garantir a operatividade dos helicópteros do 061 todas as horas de día serían ridículos, o soldo dun piloto e dun copiloto. Mentres que é inxente o gasto que supuxo a construción do edificio da Estrada e o que ocasionará o traslado dos operativos e do propio persoal do 061 e do 112 a esa nova sede.

Lembra que o servizo ten máis de 25 anos e denuncia que foi cando se traspasou ao 061 cando se reduciu o horario operativo, xa que até ese momento estaba dispoñíbel de orto a ocaso, isto é, todas as horas de luz.

A CIG-Saúde salienta ademais que as comunidades autónomas que usan o sistema das 12 horas, que logo implantou en Galiza o 061, teñen cando menos 3 helicópteros, así que os que quedan operativos cobren o que pecha. Neste sentido, aseguran que se aquí se puxera o terceiro do que tantas veces se falou, na zona de Lugo (pensouse en Vilalba), podería ser factíbel ese horario deslizante, “pero con un en Santiago e outro en Ourense que ninguén diga que a costa da Morte está cuberta despois de que pecha Santiago”.

A CIG-Saúde chama tamén a atención sobre o feito de que estes horarios afectan principalmente ao período estival, cando hai máis afluencia ás praias e cando o tráfico desde a costa cara o interior é máis intenso. “Cremos que non contar con ese medio é unha vergonza”, din.

A noticia en Avantar

Desde CIG-Saúde exiximos a dimisión da Conselleira e do Xerente da EOXI de Vigo tras paralizar o traslado ao novo hospital

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A central sindical xa denunciara que consideraba precipitado o cambio antes de facer unha avaliación de riscos
Diante da paralización do traslado ao novo hospital de Vigo acordada polo Sergas o venres pasado ao parecer tras detectarse a presenza de xermes, e á espera de que se confirmen as circunstancias concretas e as medidas a tomar para garantir a continuidade asistencial dos pacientes que xa están no centro, a CIG-Saúde reclama a dimisión da conselleira de Sanidade e do xerente da EOXI. A central xa denunciara que consideraba precipitado o cambio antes de facer unha avaliación de riscos.
2014 07 01 ProtestaLaboratorioNovoHospitalVigo01

Dende a federación de Saúde da CIG de Vigo inciden unha vez máis que o único prioritario durante o traslado é garantir a seguridade dos pacientes e dos traballadores/as e lembran que “en días anteriores xa tiñamos denunciado que considerabamos precipitado realizar este traslado antes de facer unha avaliación de riscos, e por esta razón reclamabamos a súa paralización”. Ademais, presentaron un escrito na Inspección de Traballo no que sinalaban os riscos existentes tanto para os traballadores/as como para os pacientes e usuarios/as.

Así, consideran positivo que a Xerencia da EOXI tome agora conciencia dos problemas existentes e solicítanlle que explique con absoluta transparencia o que está a pasar. “Teñen que rematar dunha vez con actitudes intolerables de falta de respecto cos profesionais nas condicións do traslado, como o feito de trasladar os contedores de médula sen a supervisión dos profesionais”, indican.

Ao mesmo tempo, dende a CIG-Saúde póñense a disposición da Xerencia da EOXI de Vigo para colaborar, coa axuda do conxunto dos profesionais, na xestión desta situación para garantir o mellor trato para os pacientes e as mellores condicións de traballo dos profesionais.

Finalmente, consideran que unha vez solucionado o problema actual e garantida a seguridade e continuidade asistencia de pacientes e usuarios/as tanto o xerente como a propia conselleira de Sanidade terían que presentar a dimisión.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto