Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

Exiximos deter o traslado ao Novo Hospital de Vigo até que non se cumpra a Lei de Prevención de Riscos Laborais

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Unha denuncia ante Inspección de Traballo pon de relevo os numerosos incumprimentos
 
A CIG-Saúde de Vigo vén de denunciar nunha rolda de prensa os “numerosos e flagrantes” incumprimentos da normativa legal en materia de prevención de riscos laborais por parte da xerencia do Novo Hospital de Vigo, “pondo en perigo a traballadores/as e usuarias/os”. Estas “graves deficiencias” motivaron xa unha denuncia ante Inspección de Traballo, ademais da exixencia por parte da federación de saúde da central nacionalista de paralizar o traslado de forma inminente. Segundo a central, os intereses económicos da contrata e maila falta de planificación prexudican, mais unha vez, os dereitos de doentes e profesionais.

A pesar das advertencias reiteradas á xerencia por parte da CIG-Saúde desde hai meses sobre a necesidade dunha avaliación inicial de riscos, o certo é que desde entón non se deron pasos para cumprir a normativa aplicábel. Así, e segundo se recolle no panfleto elaborado, “no Novo Hospital de Vigo non se contou coa UPRL, coas/cos traballadores/as nin cos seus/súas representantes para o acondicionamento dos lugares de traballo, polo que as deficiencias atopadas son inumerables”.

De feito, e segundo indicaron, a dirección do centro argumenta incorrectamente que a avaliación debe facerse “unha vez estean os/as traballadores/as nos seus postos”. Ao tempo, xa se produciron varios percances, como a caída dun falso teito sobre un paciente ou a rotura de tuberías. O pano de fondo da problemática reside, en opinión do secretario comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Manuel González Moreira, na propria natureza privada do centro hospitalario e no importante recorte que sofreu o proxecto inicial.

Entre os numerosos déficits sinalados enumeran a ausencia de sinalización do plano de evacuación, as reducidas dimensións dos cuartos de hospitalización e das salas de traballo de enfermaría para plantas de hospitalización. Tamén o inconveniente circuito de cuñas a un “cuarto de suxo” cando nas habitacións non hai lava-cuñas, así como a ausencia de zonas de desncanso para o persoal, inapropiada zona de lavado do material de endoscopias, broncoscopias e uroloxía cunhas dimencións reducidas e escasa ventilación; circuito de suxo e limpo pola mesma porta, sala de RX sen un lugar de espera para pacientes pendentes de probas ou zonas de consultas con espazo moi reducido.

Durante a rolda de prensa amosaron imaxes dun almacén sen ventilación na área de anatomía patolóxica, onde se apilan produtos químicos, así como das ultra-reducidas dimensións das taquillas para o persoal. Así mesmo, sinalaron outros problemas causados pola falta dunha planificación axeitada, como a apertura de portas dos baños cara dentro, dificultando o resgate de doentes que se poidan esvaer no interior dos mesmos. Á extensa lista de incumprimentos súmase o malestar polo sistema de aparcadoiro privado, que penalizará a familiares, doentes e persoal hospitalario. Alén disto, a CIG-Saúde alerta de que ante a carencia de camas novas nos cuartos, a xerencia indicou que os usuarios poderían ser trasladados e ingresados nas súas camas actuais desde o Hospital Xeral.

Estas deficiencias, sumadas ao proceso de recorte e proceso privatizador do Novo Hospital son responsabilidade directa do SERGAS e da Xunta de Galiza, que para a federación de saúde debe paralizar o traslado até solucionar uns déficits que poden conlevar graves consecuencias sobre a usarios/as e traballadores/as.

 

A CIG-Saúde exixe Consellos de Saúde de Área nos que se permita participar a sociedade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

fotosergasDesde a  CIG-Saúde vimos de remitir á Consellaría de Sanidade as nosas alegacións ao borrador de orde pola que se desenvolve a Lei de Saúde de Galiza no que concerne aos Consellos de Saúde de Área.

Entre outras alegacións, en canto ao ámbito territorial, exiximos que se cree un Consello de Saúde por Área Sanitaria e non como pretende facer a Consellaría, un por Área de Xestión Integrada. A Xestión Integrada é unha estrutura de xestión deste goberno, e non modificou o mapa sanitario (grazas á presión que se fixo para impedilo), polo que seguen vixentes as 11 áreas sanitarias, e a Lei de Saúde indica claramente que se creará un Consello de Saúde por cada área sanitaria.

Por outra banda, os Consellos de Saúde son órganos de participación social, e mentres que no borrador achegado pola Consellaría se recolle unha composición na que priman os membros da Administración, desde a CIG-Saúde exiximos que a composición recolla claramente a participación social, incorporando membros de distintos movementos sociais de defensa da sanidade, ademais de organizacións sindicais e asociacións de doentes.

Unha vez enviadas estas alegacións, tamén demandamos da Consellaría de Sanidade que clarifique cal vai ser o proceso negociador, se estas alegacións van ser escoitadas en reunións convocadas ao efecto ou se xa non vai haber período de audiencia e se van limitar a incorporar (ou, o máis probábel, a non incorporar) o que consideren.

Desde a Consellaría proponse crear uns Consellos de Saúde afastados do pobo, lonxe das persoas usuarias da sanidade e que só sirvan para dar o visto e prace ás políticas de desmantelamento da Sanidade Pública que está a levar a cabo este goberno. Desde a CIG-Saúde imos intentar impedilo con todos os medios ao noso alcance.

Documento de alegacións.

 

Xestión Clínica: remitimos as nosas alegacións ao Ministerio de Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

globo cig webDesde CIG-Saúde remitimos as nosas alegacións ao proxecto de xestión clínica que o Ministerio de Sanidade presentou, e que afonda no camiño privatizador. Así llo fixemos ver no escrito remitido ao Ministerio de Sanidade, que podedes descargar de aquí.

Celadores/as por fin no Hospital do Barbanza

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Desde CIG-Saúde queremos congratularnos, despois de anos de loita, de que por fin o Hospital do Barbanza conte con persoal da categoría de celador/a.

O traballo das nosas compañeiras e compañeiros da CIG-Saúde no Hospital do Barbanza deu os seus froitos e por fin se van incorporar, a partir do 1 de setembro, inicialmente para a súa posta en marcha, 4 celadores/as en quedas de mañá e tarde, coas  funcións de traslado de doentes e aqueloutras que lles atribúe o seu estatuto, podendo por fin deixar de realizar estas funcións o persoal de enfermaría (DUE e fundamentalmente TCAE).

Desde a CIG-Saúde agardamos que se vaian incrementando o número de prazas deste persoal no Hospital do Barbanza ata acadar un cadro de persoal real e efectivo, e que cunda o exemplo e que tamén en breve se incorpore esta categoría profesional aos hospitais que, a día de hoxe, continúan sen persoal celador: Hospital Virxe da Xunqueira de Cee e Hospital de Verín.

Porque para poder ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade todas as categorías profesionais son precisas e non é de recibo que haxa desigual trato para usuarios/as de distintos centros hospitalarios.

A Consellaría non remite os decretos das Axencias ao Consello Consultivo. Que medo ten Rocío Mosquera?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Vimos de remitir este escrito (preme na imaxe para agrandar) á Conselleira de Sanidade para preguntarlle o motivo polo que os decretos da Axencia de Coñecemento en Saúde e da Axencia de Sangue, Tecidos e Órganos non foron remitidos ao Consello Consultivo como era de esperar na tramitación deste tipo de decretos. Qué teme Rocío Mosquera que lle poida dicir o Consello Consultivo sobre estes decretos? Onde está a transparencia da que tanto alardean no goberno de Núñez Feijóo?

20150519 escrito ditame axencias

A noticia en Avantar:

CIG-Saúde pide a remisión ao Consello Consultivo dos texto dos decretos das Axencias de Coñecemento en Saúde e Tecidos

Foi un compromiso adquirido pola consellaría a finais de xaneiro que aínda non se materializou
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito a Sanidade para exixir que se trasladen ao Consello Consultivo os textos dos decretos da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e a Axencia de Tecidos e Órganos. Lembra que así o anunciara a consellaría ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial presidida polo Xerente do SERGAS que tivo lugar a finais do pasado mes de xaneiro  e denuncia que porén, a día de hoxe, non se ten coñecemento algún sobre a tramitación destes decretos.
2013 12 10 Manifestacion Burela_012

Con data 4 de maio de 2015, a CIG-Saúde dirixiuse ao Consello Consultivo de Galiza para que, ao abeiro do disposto no artigo 17 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e do Bo Goberno, este organismo dese traslado dos informes do Consello Consultivo da Galiza sobre os devanditos decretos.

En resposta a esta solicitude “con data 8 de maio de 2015 o Consello Consultivo informounos de que os devanditos decretos non tiveron entrada neste organismo consultivo”, explica a secretaria nacional María Xosé Abuín.

Ante isto, a CIG-Saúde solicita que se informe das razóns polas que a día de hoxe os devanditos decretos non foron sometidos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza. A este respecto sinala que as funcións que a Lei asigna ao Consello Consultivo xiran, en esencia, arredor das materias que afectan ao dereito público, de xeito que a súa función ditaminadora sobre pro postas de resolucións o u proxectos de textos normativos xa elaborados se axusten ao ordenamento xurídico.

Subliña ademais que o Consello Consultivo está composto por xuristas de recoñecida competencia, cunha experiencia e desempeño efectivo de máis de 10 anos en dereito público. O ditame deste organismo foi enriquecedor nos decretos de integración do persoal laboral das fundacións no réxime estatutario, e no decreto de Xestión Clínica. "Agardamos que esta consellaría envíe os textos dos decretos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza", conclúe María Xosé Abuín.

CIG-Saúde solicitará do SERGAS a elaboración dun protocolo para evitar que asasinatos machistas como o de Ourense se repitan

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogoA Executiva da CIG-Saúde, reunida esta mañá, acordou emitir un comunicado para manifestar, en primeiro lugar, as súas condolencias á familia da muller asasinada e a súa preocupación porque este feito ocorrera precisamente nun centro hospitalario. Xunto a isto, manifesta tamén a súa solidariedade coas compañeiras do hospital de Ourense que tiveron que vivir esta dramática situación.

 

A Secretaría da Muller da CIG-Saúde considera que a xustiza debería ter actuado ante a sospeita de que o ingreso da muller puidera ter sido consecuencia dun caso de violencia machista. Pon ademais en cuestión a decisión de denegar a orde de afastamento solicitada pola Garda Civil e demanda que, en caso de dúbida se actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor, que logo lamentar unha morte.

 

Por iso apela a que a xustiza estea máis alerta e a que, en caso de dúbida actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor que logo lamentar unha morte.

 

Anuncia ademais que proporá ao SERGAS o establecemento dun Protocolo de actuación para que se conte coas ferramentas necesarias que permitan actuar aos centros sanitarios ante casos deste tipo co obxectivo de evitar que nada semellante volva acontecer.

6 de maio, eleccións sindicais: Vota CIG Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O día 6 de maio, coma cada catro anos, volvémonos someter á vosa avaliación. Nestes anos tivemos erros e acertos, pero sempre intentamos desenvolver o noso traballo con Compromiso, Rigor, Seriedade e Transparencia, dedicando unha parte importante do noso traballo á defensa da Sanidade Pública. Isto fixo que a Administración nos definise como un dos maiores perigos sociais ao que se enfrontan. Non nos puideron calar, e non conseguirán calarnos. O teu apoio é importante para que poidamos continuar con esta loita.

  

Quédanos moito traballo por facer:

Temos que recuperar todo o que nos foi arrebatado inxustamente: retribucións, días libres, complemento de I.T., carreira profesional, paga extra, postos de traballo e dignidade profesional. Temos que poñer o noso traballo como valor en alza.

Temos que conseguir que se anulen os decretos lexislativos deste goberno: lei de garantías, xestión clínica, axencia do coñecemento en saúde e axencia de tecidos e órganos. Temos que exixir unha lexislación pensada nos intereses da Sanidade Pública e non nos intereses das empresas privadas.

Temos que ser quen de volver atrás as privatizacións deste goberno e as realizadas anteriormente. O público é servizo, o privado, beneficio para unhas poucas mans. 

Temos que recuperar unha Sanidade Pública, de calidade e universal.

Outras políticas sanitarias son posibles, recuperar os nosos dereitos e a Sanidade Pública é unha tarefa de todas e todos. Ti e a Sanidade Pública sodes o que importa.

 

 

Tedes toda a información necesaria sobre estas eleccións na nosa 

WEB ESPECIAL ELECCIÓNS SINDICAIS 2015

 

eleccions2015.cig-saude.info

 

 

Coa CIG-SAÚDE e coa túa participación imos mudar esta situación, e para iso o día 6 de maio necesitamos o teu apoio.

Co teu voto a CIG-SAÚDE será máis forte para dicir NON ás políticas de privatización e recortes.   

SI Á NOSA DIGNIDADE COMO TRABALLADORAS,

COMO TRABALLADORES

 

SI Á DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

 

COA CIG-SAÚDE E CONTIGO,

A SANIDADE PÚBLICA TEN FUTURO 

 

banner eleccions2015

 

 

A Agrupación Médica da CIG denuncia o “electoralismo” da medida anunciada por Feijóo para Atención Primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Manifesta o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria
 
A Agrupación Médica da CIG vén de denunciar que o anuncio de Feijóo de pór en marcha o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é “electoralista”. Asegura que se trata dunha medida decidida sen ter en conta as/os profesionais e que en moitos casos será difícil de aplicar polas políticas de recorte do Partido Popular.
15-04-13 concentración Primaria

A Agrupación Médica de CIG-Saúde paticipou na concentración celebrada diante do Centro Concepción Arenal en Santiago este luns 13 de abril, nunha xornada de reivindicación en todo o Estado da figura do médico de familia e da atención primaria.

A Agrupación Médica da CIG manifesta, fronte a isto, o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria e denuncia a falta de consenso na posta en marcha, por parte do PP, do seguimento en atención primaria das altas hospitalarias.

Considera ademais que, dados os recortes aplicados por Feijoo, será practicamente inviable a súa realización en moitos centros de saúde. Entende porén, que “o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é unha medida lóxica que xa debera executarse hai moito tempo” e lembra ademais que xa estaba contemplada no Plan de Mellora da Atención Primaria, que “foi eliminado ao chegar Feijoo ao goberno”.

Subliña, en todo caso, que son precisos recursos e coordinación para poder desenvolver esta proposta. “Ambas as dúas cuestión inexistentes neste intre”.

Explica que o PP considera que con que no hospital se emita un informe á alta do paciente con ‘instrucións’ de seguimento xa está todo solucionado. “A enfermeira chamará por teléfono ao domicilio do paciente e resolverá, xunto co médico, todos os problemas do paciente pero a realidade de moitos centros de atención primaria impedirá a súa implementación normal e con garantía de calidade”.

Entre as dificultades existentes sinala a falta de persoal, de substitucións do persoal, a precariedade laboral co abuso das medias xornadas e o aumento de funcións realizado nos últimos anos fai difícil a posta en marcha dun programa deste tipo, que se inicia coa posta en marcha dun informe hospitalario e despois xa atención primaria resolverá como poida.

Por iso denuncia que o anuncio de Feijóo, coincidindo precisamente co Día da Atención Primaria é electoralista e considera imprescindible reclamar consenso profesional nas medidas de xestión, dotar os centros de suficientes medios humanos e materiais e de capacidade sanitaria.

O artigo en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto