Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

Seguen as mobilizacións en demanda do laboratorio central para o novo hospital de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Traballadores e traballadoras da sanidade concentráronse no Hospital do Meixoeiro

As mobilizacións en demanda da construción dun laboratorio central para o novo hospital de Vigo (que se está a construír en Beade) e contra da privatización continuaron este martes cunha concentración convocada pola Xunta de Persoal diante do Hospital do Meixoeiro.

As e os profesionais sanitarios alertaron novamente que o incremento nos tempos de resposta ao ter que trasladar as mostras 11 quilómetros (até o laboratorio do Meixoeiro) vai repercutir directamente na efectividade dos tratamentos, supondo un medre na hospitalización e unha “maior morbilidade e mortalidade”.

Así mesmo, as e os profesionais do CHUVI denuncian que a ausencia de laboratorio no novo hospital de Vigo responde ás intencións privatizadoras do Partido Popular, que pretende delegar en concesións privadas un servizo centralizado no Hospital do Meixoeiro.

Neste senso, os profesionais de laboratorio lembran que “está calculado que o tempo óptimo de resposta do laboratorio non debe superar os 60 minutos; cando este servizo non funciona correctamente causa danos, como o aumento da mortalidade de até un 60%”.

Explican que a externalización dos laboratorios non produce os resultados axeitados, “polo que a tendencia está a ser dotar os novos centros dun servizo centralizado”. Poñen como exemplo o que sucedeu na sanidade madrileña, onde a mesma empresa que xestionará o laboratorio do Chuvi conseguiu uns resultados “máis que cuestionábeis”.

A ausencia de laboratorio central incrementará a mortalidade no novo hospital de Vigo

SOS Sanidade Pública mobilízase diante do novo hospital vigués para reclamar que sexa dotado dun laboratorio central

A ausencia de laboratorio central incrementará a mortalidade no novo hospital de Vigo

A nova en Avantar

Acampada en Vigo contra o masivo peche de camas no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A Plataforma Sindical Sanitaria convoca unha manifestación en Vigo para o sábado 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco
.
Representantes das centrais que conforman a Plataforma Sanitaria en Defensa do Sistema Sanitario Público, entre as que se atopa a CIG, compareceron hoxe en rolda de prensa para anunciaren unha acampada simbólica e manifestación para o próximo 21 de xuño ás 12 horas desde o Marco, en Vigo. A acción encádrase dentro da campaña contra o peche masivo de camas por parte do SERGAS e os planos de “hospitalización a domicilio”, que alén de degradar a atención a pacientes veñen acompañadas de privatizacións.
2014 06 16 Rolda Plataforma Sanidade Vigo 000

As organizacións convocantes realizan un chamado á cidadanía de Vigo para asistir o próximo sábado a unha mobilización convocada contra a “destrución masiva do sistema sanitario público en beneficio de intereses privados”, e que vén dar continuidade ás numerosas accións realizadas nas últimas semanas contra o masivo peche de camas hospitalarias para o verán. Un proceso que, segundo a secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín “provocará un aumento das listaxes de espera, provocando que os e as doentes colapsen os servizos de Urxencias”.

No caso particular de Vigo, alértase de que a situación estival deste ano é premonitoria do que sucederá co futuro hospital da cidade, consolidando unha “importante diminución de camas” que situará a área sanitaria por debaixo da media galega. A situación vén agravada polo peche de quirófanos, que as centrais cifran en 6 no Meixoeiro, 6 no Xeral e 4 no Cíes a respeito do ano anterior.

Ademais, contrapoñen a suposta “diminución da demanda asistencial” alegada pola Xunta coa existencia dunhas listaxes oficiais de espera de máis de 38.000 persoas, que acadarían a cifra de 60.000 contabilizando os que serán atendidos en centros privados. Alén destas derivacións, o SERGAS tenta diminuir as listaxes de espera ofrecendo operacións noutras áreas sanitarias, dándose casos de usuarios/as de Vigo aos que se lle ofreceu seren intervidos en Burela ou Monforte baixo a ameaza, en caso negativo, de pasaren ao final das mesmas. A situación vése agravada ao teren que ser revisadas/os nas súas áreas de orixe, co consecuente “desapego entre prefesionais”.

A “trampa” da hospitalización a domicilio

A secretaria nacional da CIG-Saúde denunciou que o peche de camas vén acompañado dun modelo de “hospitalización a domicilio” que empeora a prestación do servizo. “O único que están a provocar son altas precipitadas e que os pacientes sexan coidados nas súas casas polas familias”, incrementando cargas “que teñen que soportar na maioría dos casos as mulleres”.

Ademais, a ausencia de programas para enfermos crónicos sumado á diminución de profesionais de atención primaria “fan inviábel a hospitalización a domicilio”, condenando as e os doentes a altas prematuras e a ficaren na casa “sen que ao SERGAS lle importe a calidade asistencial nen a necesidade de coidados que teñen”.

Desemprego en profesionais sanitarios

O proceso de recortes e privatizacións vén acompañado dun incremento no paro sanitario, dándose moitos casos de profesionais que este ano aínda non foron contratados/as, e que nen sequera van ter oportunidade de emprego no verán en base á política de cobertura de vacacións e ao peche de camas. A redución estival na atención primaria impedirá, ademais da xeración de postos, realizar unha asistencia domiciliaria de calidade.

E é que a pesar do maior número de contratos, non existe unha equivalencia no emprego xerado. Deste xeito, dunhas listaxes de enfermaría integradas por 1.500 persoas de media nas diferentes áreas sanitarias, “non están a traballar nen o 20%”. Noutras categorías como a de celadores/as o índice de contratación xa fica por baixo do 2% nalgunhas áreas.

Desde as centrais insístese tamén en que a política de contratación do SERGAS está a xerar unha grande precarización, con contratos de 4 horas ou dun día para milleiros de profesionais.

Dar a batalla pola Sanidade Pública

Desde a CIG-Saúde lémbrase que nestes últimos catro anos de goberno do PP, a Xunta leva recortado máis de 300 millóns de euros na Sanidade Pública. Esta situación podería cobrar tintes dramáticos a partir do ano que vén mediante o recorte do 0,4% do orzamento sanitario estatal que contempla o “plano de estabilidade” apresentado por Rajoy á Comisión Europea.

Fronte un modelo que pretende financiamento público a través dos impostos para unha prestación de servizos privada, que xerará unha “sanidade de primeira e outra de segunda”, a plataforma sindical chama a continuar a dar a batalla. “Hai que loitar contra a fragmentación, os repagamentos e as privatizacións, porque as empresas só pretenden atender aquelas patoloxías que lle resultan rendíbeis”, sinalaron.

A nova en Avantar.

O persoal sanitario vólvese deitar no chan contra o peche de camas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Están previstas novas mobilizacións para o próximo día 28 de maio
.
O persoal sanitario concentrouse novamente nos centros hospitalarios de Galiza, convocado polas organizacións sindicais do sector, para denunciar o maior peche de camas da historia, o desmantelamento da sanidade pública e as graves consecuencias que isto terá na calidade asistencial. Por iso volveron a se deitar no chan simbolizando así a situación na que quedarán as e os doentes.
14-05-21_DeitadaAbenteyLago_007

Galería de imaxes

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, denuncia que a decisión da administración de decretar este peche de camas por vacacións é unha medida “inxustificada” e explica que o que se demanda con estas mobilizacións é que a administración retire a proposta, manteña todas as camas abertas e contrate o persoal necesario para dar cobertura ás necesidades asistenciais.

Abuín alerta do incremento das listas de espera que isto provocará e denuncia que se trata dunha decisión que ten como obxectivo alimentar á sanidade privada. “O PP pretende pór o acento en que aquí o que importa é que o financiamento sexa público. Porén o realmente grave é que cos nosos impostos se está a alimentar o nicho da privada, mentres se recortan de forma sistemática os orzamentos para a sanidade pública”.

A secretaria nacional da CIG-Saúde denuncia ademais que fronte á propaganda do goberno Feijóo, que fala dun plan de choque para o desemprego, o que se está a promover é a parálise das listas de contratación e que o persoal sanitario siga no paro. Fronte a isto demanda que se eliminen as xornadas extra e que atenda realmente ás demandas asistenciais existentes.

Adiada a Mesa sectorial

Inserida tamén nesta campaña, estaba prevista unha concentración para o día 23 de maio coincidindo coa celebración da Mesa Sectorial convocada polo Sergas. Porén, unha vez anunciada a concentración, recibiron a comunicación de que se atrasaba para outro día. Abuín considera que os temas a abordar: peche de camas e desemprego no sector sanitario, eran abondo importantes para tratalos canto antes e cre que esta decisión débese a que “até iso subordina o PP á campaña das europeas”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde anuncia que, en todo caso, se mantén a campaña de mobilizacións e que a seguinte será o día 28 de maio e “até que se retire esta proposta”, porque, afirma, “ningunha empresa pecha cando hai actividade e aquí, por desgraza, a actividade sobra”.

A nova en Avantar

Deitadas e deitados no chan para protestar polo peche de camas nos hospitais durante o verán

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
As organizacións sindicais denuncian a “folla de ruta” da Xunta do PP “encamiñada a privatizar e desmantelar a sanidade pública”
.
Deitadas e deitados no chan pola falta de camas nos hospitais. Con esta imaxe as organizacións sindicais querían denunciar este mércores as consecuencias que vai ter o maior peche de camas decretado nunca polo Sergas para os meses do verán, que mesmo afectará a unidades enteiras nos hospitais. E por se non fose abondo, a Consellaría vai pechar tamén axendas de Atención Primaria. Todo isto provocará un grave deterioro da calidade asistencial, con colapsos dos servizos de urxencias e un grande aumento das listas de espera, ademais dun maior paro no sector sanitario.

Galería de imaxes

Estes últimos cinco anos, do 2009 ao 2014, foron os mais negros para a Sanidade Pública Galega, imperando recortes, copagamentos, continuas privatizacións de centros sanitarios e eliminación de postos de traballo, “co único obxectivo de poñer a Sanidade Pública ao servizo dos que buscan o negocio a conta de empeorar a saúde e a calidade de vida da cidadanía”. Esta é a denuncia que as organizacións sindicais con representación no ámbito da sanidade (CCOO, CESM-OMEGA, CIG, CSI-F, SAE e UGT) querían transmitir este mércores coas “concentracións deitadas” que se realizaron de xeito simultánea nas distintas áreas sanitarias do país.

En Santiago de Compostela está convocada unha concentración para mañá, xoves 15, ás 11:00 horas na entrada principal do CHUS.

Na folla de ruta do desmantelamento da sanidade

“A Xunta de Galiza de Feijóo e Mosquera ten na súa folla de ruta desmantelar a sanidade pública e dedícase a privatizar servizo a servizo (tecnoloxía, plataforma loxística, esterilización) e, agora co decreto de xestión clínica, pretenden que sexan as/os profesionais quen recorten as prestacións dos/as usuarios/as, constituíndo microempresas que a medio prazo poidan ser privatizadas”, denuncian no folleto repartido entre os/as usuarios/as. Cada ano os orzamentos en sanidade redúcense drasticamente co obxectivo de recortar as prestacións sanitarias. En contraprestación os copagamentos sanitarios incrementáronse nun 260%, supoñendo un imposto sobre a enfermidade das persoas con menos recursos.

Neste senso, a Secretaria Nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, subliña que “todas as medidas que se están a tomar desde o goberno do PP están encamiñadas á privatización e desmantelamento da Sanidade Pública, a entregala ás mans dos lobbys sanitarios, dos que, por certo, moitos Xerentes e até a propia Conselleira forman parte". Indicou que "nos servizos privatizados até agora son múltiples as deficiencias que vimos denunciando, polo que o argumento de que a privatización se fai por aforro e por mellorar a prestación, cae polo seu propio peso. Nunca presentaron un informe económico no que se recollera o tal aforro do que falan".

O maior peche de camas e a maior lista de agarda

Durante as protestas alertouse que o anuncio do maior peche de camas da historia en todos os hospitais de Galiza faise mentres padecemos unhas listas de espera “tamén históricas”, que segundo o SERGAS son de 38.106 persoas. Dato oficial que pretende pintar a realidade, xa que ocultan a espera non estrutural. Segundo confirmaron as centrais sindicais, as cifras reais que figuran hoxe no rexistro de espera de Galiza superan as 60.000 persoas. Centos destes/as pacientes levan máis de 5 anos agardando unha intervención cirúrxica.

A este respecto, indican que se poderían aproveitar os meses do verán empregando os quirófanos para alixeirar a lista de espera mais, polo contrario, a Xunta acorda pechar a metade deles.

Dende a CIG-Saúde témese ademais que, tal e como ten acontecido noutros anos, a Xunta non aproveite este peche para afondar no recorte de servizos e volva reabrir as unidades e camas. Unha situación que empeoraría considerabelmente a atención sanitaria.

Garantir o sistema público

Fronte a este ataque sistemático dende os gobernos do PP, as organizacións sindicais demandan que se blinde a sanidade pública contra das privatizacións e un compromiso firme e verídico dos gobernos na defensa do sistema público,, deseñando plans de choque para rematar coas listas de espera, empregando todos os recursos, poñendo a funcionar mañá e tarde os quirófanos e servizos centrais: laboratorios, raios, consultas, etc., dotándoos do persoal necesario para o seu funcionamento e cubrindo as xubilacións. “En definitiva, creando emprego e non destruíndoo a pasos axigantados”.

“Até o de agora, e co esforzo de todas e todos as/os profesionais do Sistema Sanitario Público en Galiza contábamos cun dos mellores servizos de saúde. Feijóo e Mosquera érguense en defensores/as da Sanidade Pública mentres participan no "lobby sanitario" SEDISA, xunto coa industria farmacéutica e empresas privadas. Estes son os compañeiros/as de viaxe que marcan a folla de ruta da Consellería de Sanidade e da Xunta”.

 

A nova en Avantar

Concentracións contra o peche de camas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Durante os meses de verán vanse pechar centos de camas e mesmo unidades enteiras nos hospitais. Do mesmo xeito, o SERGAS vai pechar axendas de Atención Primaria. Todo isto vai provocar un grave deterioro da calidade asistencial, con colapsos dos servizos de urxencias e un grande aumento das listas de espera, ademais dun maior paro no sector.

Non podemos consentilo!

Concentracións (deitadas) que se van celebrar nos distintos centros contra o maior peche de camas da historia do SERGAS:

 Captura

Día 14 de maio:

VIGO: ás 11h na entrada principal do Hospital Xeral

LUGO: ás 11:30h na entrada do HULA

FERROL: ás 11h na entrada principal do Hospital Arquitecto Marcide

PONTEVEDRA: ás 12h no Hospital Provincial

BURELA: ás 12h na entrada do Hospital da Costa

OURENSE: ás 11h porta principal do CHOU

O BARCO: ás 13:30h na entrada do HCV

A CORUÑA: ás 11h na rotonda do Hospital da Coruña

RIBEIRA: ás 11:30h na entrada do Hospital da Barbanza

MONFORTE: ás 12h na entrada do Hospital Comarcal de Monforte

VILAGARCÍA: ás 12h na entrada do Hospital do Salnés


Día 15 de maio:

SANTIAGO: ás 11:30h na entrada principal do CHUS

Galiza mobilízase en defensa da sanidade pública, gratuíta e universal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Miles de persoas toman as rúas de cidades e vilas galegas contra as políticas privatizadoras do PP
.
Miles de galegos e galegas saíron á rúa, atendendo á chamada da Plataforma Sindical da Saúde, conformada por CIG, CCOO, UGT, C-SIF, CESM e OMEGA, nas cidades e vilas do país para defender a sanidade pública, denunciar as políticas privatizadoras do Partido Popular e exixir que se preserve a gratuidade e o carácter público e universal do noso sistema sanitario.

Galería de imaxes

Cun total de 11 manifestacións e 2 concentracións, persoal sanitario e miles de usuarias e usuarios percorreron as principais rúas das cidades e vilas galegas en todas as áreas sanitarias para denunciar o desmantelamento da sanidade pública e exixir outras políticas que preserven o seu carácter gratuíto e universal.

Estas mobilizacións son, para María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, “a demostración do malestar que hai entre a cidadanía por mor das políticas do “Partido Popular” e constatan que as galegas e galegos “non imos consentir que se venda a sanidade pública para beneficio das súas empresas amigas, deixando a unha grande maioría da poboación sen máis prestacións que as básicas a medida que se poñan en marcha os procesos de privatización”.

Abuín alertou de que coas políticas de recorte e de privatización as empresas da sanidade privada atenderán aquelas patoloxías que máis beneficios lles garantan e derivarán á sanidade pública as máis custosas provocando maior demora na súa prestación”.

Isto terá como consecuencia, segundo a secretaria nacional de CIG-Saúde, unha prestación sanitaria de calidade para quen poida pagala e unha sanidade de beneficencia para quen non teña os recursos necesarios, que son a maioría das galegas e galegos.

Manifesto

Ao remate das mobilizacións deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que coa chegada de Feijóo á Xunta, o Partido Popular iniciou unha campaña de recortes, desmantelamento e privatizacións da Sanidade Pública, pretendendo que a sanidade “sexa un privilexio, accesible a quen o poida costear a través dos repagos que tratan de impor. Ou acudindo á sanidade privada, adiantando os cartos que despois o SERGAS reintregará”.

Subliñaron que a sanidade é unha necesidade e un dereito e que “ante a enfermidade, precisamos duns servizos sanitarios que nos axuden a mellorar, a sobrelevar a debilidade que nos produce, a sandar”. Para garantir isto demandaron uns servizos sanitarios que atendan a todos e todas “por igual, sen discriminacións nin desigualdades”, o que entenden que só se garante cunha sanidade pública.

Lembraron que despois de múltiples manifestacións cidadás, este mércores houbo que saír novamente ás rúas porque “este goberno segue a facer oídos xordos ás nosas demandas en defensa da Sanidade Pública” e denunciaron que, desde hai un tempo estase a desmontar a Sanidade Pública e “xa non podemos acceder con equidade ao sistema sanitario, incrementáronse as desigualdades de acceso en función dos nosos ingresos, da zona onde vivamos”. Unha situación que consideran que se agrava e é máis agresiva coas persoas que teñen menos recursos.

Proclamaron que a  Sanidade Pública é “patrimonio universal da cidadanía, lograda co esforzo de todos” e que por iso “non imos consentir que a privaticen, converténdoa nun nicho de negocio para empresas amigas, vendéndoa por pezas e ao mellor postor” e denunciaron que esa é a folla de ruta que teñen marcada para os servizos públicos, “eliminar a Sanidade Pública para poder facer negocio coa enfermidade das persoas”.

Lembraron as medidas máis salientábeis que afondan no desmantelamento da Sanidade Pública:

  • “Privatizacións Despois das privatizacións dos servizos non sanitarios, e de reiteradas promesas do Sr.Feijóo e da Conselleira de Sanidade, Sra.Mosquera, de que nunca ían privatizar a bata branca, agora privatizan as unidades de esterilización co argumento de que na empresa privada está a eficiencia e a eficacia e o coñecemento da alta tecnoloxía.
  • Non descansan no seu intento en desprestixiar os servizos públicos. A privatización das unidades de esterilización conta coa oposición frontal de todos/as as/os profesionais, pero aos privatizadores dálles igual. Non son capaces de presentar un informe técnico que avale a súa medida, porque non existe xustificación nin profesional, nin técnica, nin económica. O  único obxectivo das empresas privadas é o lucro, non traballan para beneficio de ninguén máis que de si mesmas.
  • Implantación de copagamento nas prestacións sanitarias. Incrementando o sufrimento das persoas que non teñen recursos económicos para facerlles fronte, creando un imposto sobre a enfermidade. Fronte a esta situación a comisión de sabios do PP recomenda nun recente informe incrementar os repagos co argumento de que“a prestación gratuíta e xeneralizada dos servizos sanitarios non é o modo máis eficiente e xusto de actuar”. De que xustiza nos están a falar?
  • Peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade Pública. Menos camas para ingresar os/as doentes, colapso dos servizos de urxencias. Condénase a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias.Recórtase o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade, para logo remitir as/os doentes a centros privados.

E logo inda nos veñen con contos propagandísticos cando falan das listas de espera. As listas de espera son grandes e medran día a día, por causa dese peche de camas, pola mala xestión que se está a facer e tamén porque pensan que nos enganan mantendo persoas en listas de espera ocultas.

  • A Lei de Garantías é a expresión do fracaso das políticas sanitarias do PP.Intégrase nun mesmo nivel e nun mesmo sistema a Sanidade Pública e privada. Di o Sr.Feijóo que a prestación sanitaria recibida nun centro privado tamén é pública, xa que as/os doentes non pagan a maiores por esta asistencia.De futuro isto vai dificultar o desenvolvemento dos principios que deben presidir o sistema sanitario público.Nun informe da Comisión Europea, coñecido estes días, ponse en dúbida que a colaboración público-privada mellore a eficiencia na atención sanitaria. O que si se recolle neste informe é que resulta máis custosa (marxe de beneficios a maiores).
  • Implantación da obrigatoriedade de derivar os casos de accidentes de tráfico menos graves ás clínicas privadas, aumentando así o beneficio destas empresas a costa da nosa saúde e dos nosos petos.
  • Areas de Xestión Integradas e Áreas de Servizos Compartido, creadas co obxectivo de provocar un distanciamento do recurso sanitario ao respecto da poboación, con evidentes efectos disuasorios, e ruptura da equidade. Isto implica que, como exemplo, no sur galego un neno da comarca de Valdeorras tería que ser trasladado ata máis de 200 km de distancia para ser atendido por un cirurxián pediátrico.
  • E como inda non é suficiente, inda está enriba da mesa a proposta de Áreas de Xestión Clínica, que pretende trasladar ás persoas que traballan na Sanidade Pública, ás e aos profesionais, a responsabilidade de recortar, chantaxeándoos con incentivos ligados ao aforro”.

Neste contexto anunciaron que nin o persoal do SERGAS nin o conxunto da poboación galega “estamos dispostos/as a participar nese xogo, non cederemos á chantaxe”.  Advertiron ademais que as e os galegos xa saíron á rúa a manifestarse no pasado, volveron saír á rúa hoxe e “seguiremos a manifestarnos e a loitar pola Sanidade Pública. As/os políticos son meros xestores transitorios dos servizos públicos, non teñen ningún dereito a privatizalos, negándonos o dereito a ter unha Sanidade Pública, universal e de calidade, que logramos o noso esforzo e que se financia cos nosos impostos”.

A nova en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto