Noticias Sanidade Pública Outras novas
 
 

A CIG-Saúde considera un éxito o incremento de participación na segunda xornada de folga en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Abuín agarda que o SERGAS tome nota do grao de rexeitamento que están a suscitar as súas políticas e que rectifique
.
Na segunda xornada de folga convocada no Sergas incrementouse a participación do persoal sanitario e non sanitario: celadores/as, pinches, administrativas/os, auxiliares de enfermería, enfermeiras/os, técnicas/os, médicas/os... Para a CIG-Saúde isto constata até que punto están concienciadas as traballadoras e traballadores respecto das consecuencias das políticas deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade, que se traducen en privatizacións, recortes, repagamentos e diminución da calidade, tanto para as e os doentes como para o propio persoal.
13-12-10_Folga Arquitecto Marcide_015

Galería de imaxes das protestas na segunda xornada de folga

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde agarda que o SERGAS tome nota do grao de rexeitamento que están a suscitar as súas políticas e fai un chamamento ao conxunto da poboación para que participe masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da universalidade, gratuidade e calidade da sanidade pública.

Abuín denuncia que o pasado xoves o SERGAS, cando fixo os chamamentos ao persoal das listas de contratacións na área de Vigo, preguntáballe previamente se os días 9 e 10 ía secundar a folga. Se a resposta era afirmativa este persoal non era contratado, saltándose a orde de prelación das listas. “Que a CIG-Saúde saiba, no pacto de contratacións do SERGAS non se inclúe no apartado de suspensións de chamamentos secundar unha folga como causa que xustifique esta decisión”.

Xunto a isto denuncia que, tamén na área sanitaria de Vigo onte realizáronse peonadas ou autocertación no servizo de Oftalmoloxía. “Preguntado o xerente polo comité de folga sobre este asunto, e malia a súa dilatada experiencia de xestión, a súa resposta foi que non sabía que en días de folga non se facía este traballo e quedou en poñerse en contacto cos servizos centrais da consellaría”, explica a secretaria nacional.

Desde a consellaría de Sanidade tamén se incrementou a actividade cirúrxica de enfermos oncolóxicos. A CIG-Saúde congratúlase de que este intento de boicot da folga sirva para axilizar a atención a doentes de máxima prioridade.

A CIG-Saúde reitera o seu chamamento á poboación a participar masivamente nas convocatorias de manifestacións e concentracións previstas en toda Galiza en defensa da sanidade pública.

Lugares e horas

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Ribeira: Ás 20:00 h no centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Satisfacción da CIG-Saúde polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, que cifra nunha media do 80%

A nova en Avantar

SOS-Sanidade Pública apoia a convocatoria de folga e chama á poboación a mobilizarse o día 10

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Comunicado publicado na páxina de SOS-Sanidade Pública, apoiando a convocatoria de folga para os días 9 e 10 e chamando á poboación a mobilizarse o día 10.

---.---.---.---.----

A Plataforma SOS Sanidade Pública chama a toda a poboación galega a apoiar a folga dos traballadores e traballadoras da sanidade contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública galega.

A Xunta de Galicia está desmantelando e privatizando os servizos sanitarios públicos, repartindo as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras.

Esta política está poñendo barreiras ao acceso da poboación aos servizos asistenciais obrigando a pagar os medicamentos aos/ás pensionistas, aos/ás pacientes tratados/as nos hospitais por enfermidades graves como o cancro, o mesmo que as próteses, ambulancias ou alimentos especiais. Agora ten previsto que os/as enfermos/as paguen unha parte da asistencia que reciban e que actualmente é gratuita no momento do uso.

Coa coartada de reducir gasto público para pagar bancos e especuladores internacionais a Xunta de Galicia está pechando hospitais, centros de saúde, laboratorios, servizos de ambulancias, reducindo persoal sanitario e precarizando as súas condicións de traballo nos centros sanitarios.

Chegou o momento de articular unha grande alianza entre poboación e traballadores/as da sanidade en defensa dunha sanidade pública de calidade e por recuperar o dereito a unha sanidade pública universal accesible e de calidade.

Se os/as afectados/as, que somos a maioría social e profesional, non reaccionamos de xeito urxente, deica pouco o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversible, xa que a Xunta transformaría os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria.


O día 10 de decembro debemos saír manifestarnos en toda Galicia, xunto cos traballadores e traballadoras da sanidade en folga, pola defensa da sanidade pública

Non ás privatizacións

Non aos copagos

Non aos recortes

Por unhas condicións laborais dignas do persoal da sanidade

Polo acceso universal á sanidade

Pola gratuidade das prestacións

Por unha sanidade pública de calidade

______________________________________________________________________________________________

Mobilizacións convocadas para o día 10 de decembro:

O Barco Hospital Comarcal. 20h.

Ourense Pavillón dos Remedios. 20h.

Burela Hospital da Costa. 20:30h.

Vigo Hospital Xeral. 20h.

Ferrol Praza de España, Fontenla Maristany. 18h.

Lugo Edificio Multiusos Xunta de Galiza. 20h.

Pontevedra Porta Principal Hospital Provincial 20h.

Santiago Praza Roxa 20h.

A Coruña Casa do Mar (Avda do Exército) 20h.

Barbanza Centro de Saúde 20h.

Monforte Praza de España 20h.

O Salnés Porta principal Hospital do Salnés 14h.

Cee Porta Principal Hospital Virxe da Xunqueira. 12h.

Chaman á cidadanía a participar masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Coincidindo coa folga no SERGAS convocada para os días 9 e 10, haberá manifestacións na última xornada, en todas as cidades e numerosas vilas
.
As organizacións convocantes da folga xeral no SERGAS para os días 9 e 10 de decembro fan un chamamento a toda a cidadanía para que se sume ás mobilizacións previstas en todas as cidades e numerosas vilas de Galiza, na xornada do día 10 contra os copagamentos, as privatizacións e para reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.
13-11-26 folga SERGAS

Todas as manifestacións están convocadas ás 20:00 horas, agás en Ferrol, onde será ás 18:00 horas; en Burela, ás 20:30h, e no Salnés e en Cee, que serán unha as 14:00 horas e outra ás 12:00 horas.

Lugares de saída

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Para as organizacións convocantes un dos principais perigos que corre a sanidade pública galega é a súa privatización. Un camiño xa emprendido polo PP tanto en Galiza como polo goberno central e que se vai materializando a través das diferentes medidas adoptadas, como o repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, que está dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas  pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

O deterioro da sanidade pública tamén se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, advirten, fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade. De feito denuncian que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais

No ámbito estritamente laboral denuncian os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, mais tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade  voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Xestión clínica

Xunto a isto alertan tamén do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Por iso fan un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

A CIG-Saúde pide explicacións pola empresa de formación con enderezo social no que parece ser o domicilio do Director do 061

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A empresa imparte a formación do propio 061, mais tamén da FEGAS e a formación continuada nas áreas de xestión
.
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á consellaría de Sanidade para que esta dea as explicacións pertinentes respecto da “Empresa de Simulación Médica Avanzada SL”, que segundo a información que recibiu a central sindical foi creada por unha persoa con vínculo directo co Director da Fundación Pública 061, ten o enderezo social no que parece ser o seu domicilio familiar e imparte a formación, entre outros, do propio 061.
.
Ambulancia do 061A CIG-Saúde, que está a examinar toda a documentación relativa a este asunto, entende que poderían existir incompatibilidades entre o cargo institucional que ostenta o director do 061 e a actividade empresarial. Considera que sería moi grave que se confirmara que esta empresa está efectivamente impartindo toda a formación organizada pola FEGAS, 061 e a formación continuada polas áreas de xestión integrada.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, entende que é a propia conselleira quen ten que dar explicacións respecto deste asunto, toda vez que ela é a Presidenta do Padroado da Fundación Pública 061.

Previsións OPE e Traslados

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Hoxe na reunión da Mesa Sectorial trasladóusenos a seguinte previsión sobre concurso de traslados e OPE:

Categorías sanitarias, convocatoria de traslados no último trimestre de 2013. Posteriormente haberá OPE, coa restricción de prazas da taxa de reposición.

Categorías de xestión e servizos, traslados no 2014, e non para todas as categorías. Posiblemente non haberá OPE.

O luns publicaremos a información completa da Mesa Sectorial.

Recortes salariais no CTG

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Escrito remitido pola CIG-Saúde á Conselleira de Sanidade sobre os recortes salariais que se están a producir no persoal laboral do Centro de Transfusións de Galiza:



 Rocio Mosquera Álvarez.

Conselleira de Sanidade.

As/os traballadoras/es, persoal laboral, do Centro de Transfusión de Galiza están a recibir unha comunicación da dirección desta fundación referente á suspensión do acordo de equiparación salarial 2004-2006. É polo que a dirección desta fundación vai proceder eliminando das súas nóminas as cantidades correspondentes ao devandito acordo.

O 20 de decembro do ano 2005, publicase no DOG a Resolución do 29 de novembro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo de equiparación salarial dos traballadores da Fundación Centro de Transfusión de Galicia con aquelas que rexen para o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde. Acordo asinado polo director do centro, Sr Roberto García-Villaescusa Collazo co comité de empresa, e as/os delegadas/os de persoal. No devandito acordo recóllese:

Manifestan:

A) Que, tras ser sometido a estudo e aprobación pola Dirección de Recursos Humanos do Sergas así como polo Padroado da Fundación Centro de Transfusión de Galicia.

B) Que, tras os trámites anteriores se solicitou informe favorable ás consellerías de Economía e Facenda así como á Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, (artigo 22 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2004).

Emitiuse informe favorable o 12 de maio de 2005. Como pode alegar agora a directora do CTG que o recorte salarial ven motivado por que na Consellaría de Facenda non consta a documentación pertinente relativa ao informe favorable do 12 de maio de 2005? Se non consta a documentación requirida pola Consellaría de Facenda, que a Dirección do CTG lla remita na maior brevidade posible. O que non é de recibo que as/os traballadoras/es teña que pagar as consecuencias da mala xestión desta fundación desde a súa constitución.

Desde CIG-SAÚDE solicitamos da Conselleira de Sanidade que de inmediato lle comunique á dirección do CTG que paralice o recorte salarial que pretende aplicar as/os traballadoras/es. E que inste a dirección do CTG a resolver as posibles irregularidades neste e noutros temas que teña pendente.

Unha vez máis ponse de manifesto a falla de transparencia e a nefasta xestión das fundacións sanitarias, que lonxe de acadar o obxectivo propagandístico co que foron creado, o único que demostraron ao longo do tempo foi a oscurantista xestión.

Desde CIG-SAÚDE queremos lembrarlle que na fundación CTG está pendente de convocar o proceso selectivo anulado por sentenza xudicial por conter este múltiples irregularidades e que foi convocado na mesmas datas do acordo salarial.

Agardamos que se solucione este problema, e que non se trate de imputar, unha vez máis, a mala xestión dos/as directivos ás/aos traballadoras/es.  Que non se agarde por que sexa a vía xudicial a que solvente os problemas da mala xestión. Que dunha vez por todas cada quen asuma as súas responsabilidades.

            Atentamente.

Compostela, 7 de maio de 2013.

Asdo: Mª Xosé Abuín  Álvarez.

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE

Descargar o escrito .

O Consello de Contas confirma o que CIG-Saúde ven denunciando: os servizos de urxencias adoecen de graves deficiencias, entre elas unha grande falla de persoal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O Consello de Contas de Galiza, órgano fiscalizador da xestión económico-financeira do sector público, ven de emitir un informe demoledor que ven dar a razón á CIG-Saúde nas súas denuncias de que os servizos de urxencias presentan graves deficiencias e unha máis que evidente falla de persoal. Este informe é o resultado dunha serie de auditorías realizadas nos servizos de urxencias de dous hospitais comarcais (Valdeorras e Monforte) e tres complexos hospitalarios (CHUAC, CHUS e CHOP), e non deixa lugar a dúbidas: a xestión destes servizos deixa moito que desexar e o SERGAS debería empezar a cambiar certas cousas, a comezar pola política de contratacións.

Os resultados destas auditorías reflíctense en varios informes: un informe xeral sobre os servizos de urxencias do SERGAS e cadanseu informe respectivo aos centros analisados.

consellodecontasPara empezar, o informe xeral indica que "o aumento da demanda asistencial urxente, a saturación dos Servizos de Urxencias Hospitalarios e a inadecuada utilización destes servizos obedecen a diversas causas", entre as que cita "un dispositivo asistencial de primaria escasamente resolutivo que xera a consecuente desconfianza dos usuarios respecto a que no dito nivel poida ser satisfeito con rapidez o seu problema de saúde", algo que CIG-Saúde xa apuntou no seu momento: coa chegada ao goberno da Xunta do PP de Feijoo iniciouse o desmantelamento da Atención Primaria, empezando pola paralización do Plan Mellora de Atención Primaria, eliminando os incrementos en dotación técnica e de persoal que estaban previstos, e avocando á Atención Primaria a un negro futuro, de porta de entrada da Sanidade a dispositivo pouco resolutivo, tal e como hoxe comprobamos e tal e como recolle o informe de Contas.

Outra das deficiencias que recolle o informe, e que veñen dar a razón ás denuncias que reiteradamente ten feito a CIG, é  que "a estrutura física dos cinco SUH fiscalizados presenta deficiencias e disfuncionalidades que repercuten no seu correcto funcionamento, sendo o máis afectado o CHUAC no que a dimensión e distribución do servizo imposibilitan, na práctica, a prestación dunha adecuada atención". O pasado 1 de agosto, sen ir máis lonxe, CIG-Saúde na Coruña emitía unha nota de prensa que viña afondar nas denuncias previas sobre a situación de caos no servizo de urxencias do CHUAC.

Critica tamén o informe que á data de realización das auditorías (2010), só un servizo de urxencias tiña implantada a triaxe, que o propio informe describe como "alicerce básico sobre o que debería xirar a atención en urxencias, como medio de asignar o nivel de prioridade e de fixación dos tempos de resposta máximos en función da mesma". A día de hoxe está implantado o modelo de triaxe Mánchester nalgún outro centro, mais ainda quedan moitos servizos de urxencias que non clasifican pacientes á entrada en urxencias, algo básico para ofrecer unha atención adecuada. É máis, nalgún caso, e tal e como recolle o informe, a clasificación previa faina "persoal non sanitario que desenvolve funcións administrativas na área de admisión de urxencias".

Ademais disto, o informe fai unha análise dos recursos humanos dos servizos de urxencias auditados, e recolle que no 2010 ainda había dous servizos dos estudados que non dispoñían de Plan Funcional, e nos que si o había ou ben a dotación de persoal que estaba implementada no servizo era menor que a que se recollía neles, ou ben existía certa variabilidade e desorganización na distribución do persoal, polo que a cobertura non era axeitada. Para alén desta cuestión, recolle tamén o informe que "a dotación de efectivos para cubrir a infraestrutura organizativa prevista é deficitaria nas distintas institucións, de forma máis acusada no estamento de persoal facultativo dalgúns dos centros, que chega a alcanzar o 39% menos". E engade que esta falla de persoal vense cubrindo con xornada complementaria (horas extras, deixémonos de eufemismos), en moitos casos excesiva, superando mesmo o 50% da xornada ordinaria.

Algo que tamén sabemos e viñamos denunciando desde CIG-Saúde, e que tamén foi recollido polo Consello de Contas nun informe anterior, é que "nas distintas institucións analizadas, vense recorrendo, de forma desproporcionada, á contratación eventual (prevista en situacións de carácter temporal, conxuntural e extraordinario) para a cobertura de necesidades estruturais ou para a substitución de persoal en supostos de ausencia, non adecuándose tal modalidade contractual á natureza da prestación de servizos. No primeiro suposto prolifera esta contratación en detrimento dos procesos selectivos para a cobertura das necesidades con persoal fixo. No segundo, en lugar de formalizarse o correspondente nomeamento de substitución de carácter nominativo tipificado respecto diso, recórrese aleatoriamente á formalización dun contrato por un prazo determinado coa finalidade de cubrir diversas continxencias de varios traballadores".

Sobre os tempos de espera en urxencias, o informe tamén é demoledor: "respecto dos pacientes para os que se acordou o ingreso, a prolongación da súa permanencia en urxencias representa unha das causas fundamentais da saturación do servizo, apreciándose nos complexos hospitalarios en maior grao, con especial incidencia no CHUAC. (...) a asignación de cama para urxencias non está debidamente priorizada nin protocolizada, nin existe unha programación que permita xestionar a presión asistencial urxente coas debidas garantías, o que constitúe unha das causas de saturación da área de urxencias debido ao fluxo de entrada de pacientes e ao estar ocupados os recursos polos enfermos xa atendidos". Como se ve, e tal e como CIG-Saúde ven denunciando, a situación dos servizos de urxencias é caótica, sendo o caso do CHUAC o máis grave dos estudados.

O Consello de Contas, para rematar o informe, emite unha serie de recomendacións a respecto dos aspectos analizados nas auditorías, recomendacións que poden verse no propio texto do informe. Nós, desde CIG-Saúde, tamén temos unha recomendación para o SERGAS: póñanse as pilas e empecen a cambiar de actitude no que a xestión de recursos humanos e organización do traballo respecta. Xa está ben de vendernos medidas coma se foran a panacea, cando todos os indicadores, todas as análises din o mesmo: a súa xestión é nefasta, a asistencia sanitaria de peor calidade a cada pouco, as urxencias un caos, a Atención Primaria está cada vez máis desmantelada, e inda non lles chega, queren acabar completamente co noso Sistema Sanitario. NON VOLO IMOS PERMITIR!!!

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto