CIG Saúde
Foto Mª Xosé Abuín 2018

María Xosé Abuín

Secretaria Nacional de CIG Saúde

 

 

 

 

 

 

 

 
 

Noticias sobre a CIG Saúde

CIG-Saúde gaña as eleccións sindicais na Fundación Biomédica Galicia Sur

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

Hoxe, mércores 25 de abril de 2018 celébraronse as primeiras eleccións sindicais na Fundación Biomédica Galicia Sur promovidas por CIG-Saúde.

Nestas eleccións están incluidas as áreas de Ourense, Pontevedra e Vigo.

Obtivemos máis do 63% dos votos das traballadoras. Houbo unha alta participación, o que dí moito sobre a necesidade destas eleccións.

Como consecuencia a CIG-Saúde ten 3 das 5 delegadas elixidas.

O pasado 20 de abril, nas eleccións da Fundación de Santiago de compostela a CIG-Saúde tivo 7 de 9 delegadas.

As Fundacións de Investigación Sanitaria dos hospitais xurdiron para axudar a xestionar, organizar e promover a investigación realizada desde o entorno hospitalario. Non teñen o percorrido nin a tradición doutros centros que contribúen á tarefa investigadora, como as universidades, ou que constitúen a esencia mesma do seu ser, como o Consello Superior de Investigacións Científicas.

Porén, debido ao interese e ao traballo de múltiples actores (principalmente as persoas que traballan nelas), crecen de ano en ano e reclaman un papel e unha importancia no ámbito investigador que aínda se lles nega. Entendemos que estas fundacións teñen e deben dar moito máis de si en Galicia, para ofrecer e rendibilizar todo o potencial que atesouran. Non é un camiño que deban percorrer soas, pero é verdade que a súa identidade debe definirse tamén desde dentro mesmo do seu ser.

IMG 20180410 144607 Vigo

A nosa candidatura defende que o capital máis prezado de calquera organización é o humano, e no caso da investigación este valor acrecéntase. É por iso que nos comprometemos a traballar por configurar un marco laboral definido e uniforme, flexible pero seguro, que determine claramente os deberes do seu persoal, pero que tamén permita e promova a súa carreira profesional; un entorno que asegure a dignidade da investigación biomédica en todas as súas facetas, desde as máis experimentais e próximas aos doentes, até as máis innovadoras e transformadoras, pasando polas de xestión e promoción.

Non buscamos unha serie de medidas puntuais que melloren as condicións laborais. Imos máis alá porque buscamos unha estratexia global, elaborada entre todos os axentes implicados, que defina as categorías profesionais, a promoción dentro delas e a conexión co seu entorno hospitalario, universitario e social, a fin de que a investigación sanitaria asegure o longo percorrido que necesita. É por iso que queremos representar a todo o persoal traballador e dialogar con todas as partes, para, entre todos, chegar a un resultado do que todos poidamos sentirnos orgullosos.

 

Manuel González Moreira

Secretario Comarcal de CIG-Saúde Vigo

CIG-Saúde obtivo maioría absoluta nas eleccións sindicais do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Hospital Clinico 002

Logrou sete dos nove delegados/as que integran o comité de empresa

A CIG-Saúde obtivo a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este venres no Instituto de Investigación sanitaria conseguindo 7 delegados/as fronte aos 2 que obtivo a UGT. A central sindical pretende, entre outras cuestións, crear un marco normativo, na forma de convenio laboral específico, que permita “dignificar o traballo que se leva a cabo no día a día nas tres grandes Fundación Sanitarias de Galiza”.

As Fundacións de Investigación Sanitaria dos Hospitais xurdiron para axudar a xestionar, organizar e promover a  investigación realizada desde o entorno hospitalario. Non teñen o percorrido nin a tradición doutros centros que contribúen á tarefa investigadora, como as universidades ou que constitúen a  esencia mesma do seu ser, como o Consello Superior de Investigacións Científicas.

Porén, debido ao interese e ao traballo de múltiples actores –principalmente as persoas que traballan nelas- crecen de ano a ano e reclaman un papel e unha importancia no ámbito investigador que aínda se lles nega.

A CIG entende que estas fundacións deben dar moito máis de si en Galiza, para ofrecer e rendibilizar todo o potencial que atesouran. Defende que o capital máis prezado é o humano, un valor que no caso da investigación se acrecenta. Por iso entende que é imprescindíbel configurar un marco laboral definido e uniforme, flexible, pero seguro, que determine claramente os deberes do seu persoal, mais tamén que permita e promova a súa carreira profesional; un entorno que asegure a dignidade da investigación biomédica en todas as súas facetas, desde as máis experimentais e próximas ás/aos doentes, até as máis innovadoras e transformadoras, pasando polas de xestión e promoción.

Contratación e selección do persoal

Por iso a CIG-Saúde defende o establecemento de categorías profesionais para todos e cada un dos perfís actuais, tanto para o persoal investigador como para o de xestión e que se definan os procedementos de acceso aos distintos postos de traballo, na procura dun sistema de selección e contratación igualitario e transparente.

Estabilización

Xunto a isto aposta por negociar os procedementos adecuados para conseguir a correcta estabilización laboral do persoal das Fundacións e traballará na procura do recoñecemento da antigüidade laboral coa implantación do sistema de trienios ademais de defender a  acreditación da experiencia laboral adquirida nas fundacións, para oposicións/promocións do sistema público de saúde.

Sistema retributivo

Respecto do sistema retributivo a CIG loitará por que se recolla cada especialidade dos distintos postos de traballo e que permita a equiparación salarial co SERGAS; pola creación de táboas salariais acordes cos postos de traballo existentes e por que se negocie unha carreira profesional que recoñeza e retribúa a traxectoria profesional e o compromiso coa organización.

Ademais negociará a correcta regulación de permisos e licencias tomando como referencia as normativas afíns do nos territorio e definirá de maneira máis clara a xornada laboral, o cómputo de horas laborais ou as distintas quendas de traballo.

O VII Congreso da CIG-Saúde reelixe a María Xosé Abuín como secretaria nacional

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

18-04-07 VIICongresoCIG Saude12

 

Tamén se renovou a Executiva e escolléronse os representantes da federación no Consello Confederal.

O VII Congreso da CIG-Saúde celebrado este sábado en Pontevedra reelixiu a María Xosé Abuín como secretaria nacional por 83 votos a favor, 12 en branco e 1 nulo. Durante o proceso, que se celebrou baixo o lema 'Forza e compromiso. Onte, hoxe e sempre!, tamén se renovou a Executiva nacional e escolléronse as persoas que representarán a federación no Consello Confederal.

18-04-07 VIICongresoCIG Saude51

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un hotel pontevedrés acolleu este sábado unha cita na que arredor dun cento de congresistas debateron e acordaron as liñas de traballo a desenvolver pola federación de Saúde durante os vindeiros catro anos, ademais de renovar os seus órganos de dirección. Ao proceso concorreu unha única lista, encabezada por María Xosé Abuín, que resultou reelixida secretaria nacional.

Abuín foi precisamente a encargada de defender o informe de xestión da Executiva saínte, unha vez que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, se dirixiu a todos/as os presentes para agradecerlles que tivesen escollido a cidade para celebrar o encontro e animalos/as a continuar na defensa da sanidade pública e dos dereitos dos traballadores/as. O rexedor tamén aludiu á súa etapa como médico e delegado sindical da CIG.

O documento, que foi aprobado por unanimidade, comeza renovando a vixencia da frase coa que remataba o informe presentado no anterior Congreso: <<Nunca na historia da sanidade, e polo tanto no mundo sindical, asistimos en tan pouco tempo a un cambio tan destrutivo do noso sistema sanitario>>.

En consecuencia, foi necesario centrar a actividade sindical na defensa do sistema sanitario público, intentando paralizar as medidas de agresión e recortes, as discriminacións, os insultos á condición de traballadoras/es públicas/os do persoal da sanidade e os ataques neoliberais <<que só buscan un cambio de modelo que muda os valores da sanidade pública que defendemos polos do mercado>>. 

Nunca na historia da sanidade, e polo tanto no mundo sindical, asistimos en tan pouco tempo a un cambio tan destrutivo do noso sistema sanitario

Nos textos faise fincapé en que os cambios normativos instaurados polo PP, tanto no Estado español coma na Galiza, incrementaron a perda de dereitos laborais e consolidaron a perda do dereito ao acceso universal á sanidade pública. <<Durante estes catro anos o noso traballo sindical centrouse en mobilizacións e denuncias dos cambios normativos, contra a perda de dereitos, contra a privatización da sanidade pública e a rotura da equidade no acceso aos servizos sanitarios; todo isto fixo que, unha vez máis, nos diferenciaramos do resto de sindicatos estatais e corporativos na loita polos intereses xerais das traballadoras/es da sanidade pública galega que o actual Goberno do PP tenta destruír, feito que se viu reflectido nos últimos resultados das eleccións sindicais onde recuperamos a nosa condición de primeira forza sindical na sanidade pública>>.

Ao mesmo tempo, incídese en que foi necesario adaptar o traballo sindical para facer fronte ás novas formulas de xestión e privatización. Entre elas a creación das denominadas axencias, <<ao fronte das cales puxeron a persoas que cren que o sistema público só serve para pagar o seu salario, e as utilizan para a prolongación dos intereses privados; ano tras ano reducen o orzamento destinado ao gasto de persoal e investimentos, e pola contra medra o diñeiro que gastan en privatizacións. Crearon dous novos chiringuitos, chamados axencias, para introducir a xestión privada en algo tan fundamental coma é a investigación biomédica pública; e que sexa a industria farmacéutica quen se leve un maior beneficio da transferencia do coñecemento>>.

 

Tamén se denuncia que ao longo destes catro anos o PP, tanto desde o Goberno central como desde a Xunta, continuou coa súa política de privatización das infraestruturas sanitarias baixo o eufemismo de “colaboración pública privada”, cuxa máxima expresión foi a construción e posta en funcionamento do novo hospital de Vigo, <<no que a propiedade e a xestión das instalacións están en mans da empresa privada, e no que o Sergas estará de aluguer nos próximos 20 anos>>.

Neste modelo, ao xestionar a empresa privada concesionaria todos os servizos non sanitarios é ela quen subcontrata estes servizos con outras empresas, sen que o Sergas poida, nin sequera, opinar sobre as condicións da prestación destes servizos. <<Este modelo foi xustificado polo actual momento de crise económica, pero realmente agocha un cambio no modelo sanitario, dando cabida ao negocio das grandes corporacións>>.

Neste contexto, os recortes aplicados nos dereitos laborais tiveron unha repercusión lesiva nas condicións laborais e persoais do persoal. <<A aplicación deste recortes nos centros de traballo foi combatida con gran esforzo polas/os nosos/as delegadas/os, conseguindo coa súa insistencia unha aplicación menos lesiva destes recortes e unha aplicación máis correcta dos dereitos laborais ao persoal, fose este fixo ou temporal>>.

Con respecto á sanidade privada, incídese en que o traballo sindical da CIG neste sector <<é dabondo dificultoso en todos centros, tendo que loitar constantemente coas empresas, con outras organizacións sindicais e incluso cunha parte do persoal>>. Con todo, a central foi quen de obter uns bos resultados electorais nas comarcas da provincia da Coruña e Vigo, mentres que nas de Pontevedra, Lugo e Ourense foron menos positivos, o que lle permitiu manterse como segunda forza. Neste senso, saliéntase que alí onde a CIG ten maioría nas mesas de negociación dos convenios colectivos lógranse mellores condicións laborais e sociais.

 

18-04-07 VIICongresoCIG Saude34   

Incrementar a defensa da sanidade pública

A continuación deuse lectura ao relatorio de acción sindical, que marca as principais liñas de traballo a desenvolver nos vindeiros catro anos:<<O noso papel de defender, dentro da nosa actividade sindical, a sanidade pública, vai provocar que durante os próximos tempos teñamos que incrementar a defensa desta, con campañas de denuncia para explicar á poboación a consecuencia da aplicación destas normas e, a poder ser, incrementar as mobilizacións>>.

Así mesmo, recóllense os retos de futuro que deberá enfrontar a federación nun contexto no que a sanidade pública terá que enfrontar nos próximos anos importantes cambios derivados do incremento da esperanza de vida da poboación, que supón un importante incremento de pacientes crónicos, pluripatolóxicos e de idade avanzada. <<Entre os anos 2014 e 2029, segundo datos de Eurostat e do INE, Galiza vai perder o 28,8% da poboación menor de 15 anos, e verá incrementada nun 13,7% a poboación de entre 65 e 84 anos, e nun 44,2% a de 85 anos ou máis. Polo tanto, o papel da Atención Primaria tería que ser potenciado, pois só dende este nivel asistencial ten sentido unha resposta racional á cronicidade e a pluripatoloxía>>. Neste senso, a CIG-Saúde aposta por que a Atención Primaria sexa o eixo central do sistema sanitario público.

Finalmente, adiántase que a federación seguirá a cumprir o seu papel de representante das traballadoras/es, <<e non de colega da Administración>> e renóvase o compromiso coas empregadas/os do sector para informalas/os das intencións que ten o Sergas no referente ás súas condicións de traballo. <<A Administración, en conivencia co resto de organizacións sindicais, intenta pecharnos as portas das comisións de negociación, porque pensa que así vai limitar a nosa acción sindical, mais non lembra que a CIG-Saúde sempre medra fronte aos seus ataques>>.

Pola súa banda, no relatorio de organización lémbrase que dende a celebración das eleccións sindicais do ano 2007 <<estamos a sufrir unha campaña artellada polo PP coa que, sen rubor e aproveitando a maioría absoluta, pretende impoñer a reordenación do mapa sanitario; a campaña iniciouse coa creación das áreas de xestión integrada, e vai a ter a súa culminación coa modificación da Lei de Saúde de Galicia, que incluirá o paso definitivo onde se modifica o mapa sanitario de Galiza, pasando das 11 áreas sanitarias actuais a sete, das que dúas pasarían a ser de ámbito provincial>>. Deste xeito, as áreas de xestión integrada coincidirán coas áreas sanitarias.

 

Cara a folga xeral

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tomou a palabra no acto de clausura unha vez rematada a intervención do secretario comarcal da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, para saudar a nova dirección da federación de Saúde en nome da Executiva Confederal. O máximo responsábel da central salientou en primeiro lugar a “intachábel traxectoria da CIG-Saúde na defensa da sanidade pública”, cualificou a federación como “único baluarte en contra das privaticións” e animou a continuar a enfrontar o proceso mediante o que se pretende “darlle barra libre ao capital para que faga negocio coa saúde das persoas”.

Carril incidiu nos ataques que está a padecer tanto o sistema público como privado, con reducións de persoal e de medios, algo que afecta directamente á calidade asistencial. “A defensa da sanidade pública é fundamental para frear o agravamento da situación social que atravesamos”. Neste senso, advertiu que nos atopamos en risco de emerxencia social e que corremos o perigo de que se consolide a precariedade e a pobreza laboral como consecuencia da crise económica e das reformas aplicadas polos Gobernos do PP e do PSOE.

Fronte a isto, fixo fincapé na necesidade de acumular forzas e intensificar a mobilización. “Non podemos acomodarnos, temos que dar pasos cara a adiante como fixemos en 2010 coa convocatoria dunha folga xeral en solitario en defensa do sistema público de pensións ante o ataque perpetrado mediante a reforma pactada entre PP, PSOE, sindicatos estatais e patronal”. Reiterou a necesidade de pular pola derogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións e advertiu sobre “as mentiras e os discursos apocalípticos” que falan da quebra do sistema público de pensións. 

Para nós a unidade sindical constrúese dende abaixo, nos centros de traballo e non nas cúpulas

Neste punto aludiu ao debate iniciado na central sindical sobre a necesidade de abrir un proceso mobilizador que culmine na convocatoria da folga xeral, un dos maiores instrumentos que posúe a clase traballadora para defender os seus dereitos laborais e sociais. “Temos que dar unha resposta ao empobrecemento xeneralizado da maioría da poboación, e esa reposta pasa por levar adiante medidas atrevidas e por intensificar a contestación social”.

Precisamente baixo esta premisa a CIG celebrará asembleas de delegados/as a semana que vén en todas as comarcas do país para debater a respecto desta convocatoria e trasladarlle aos representantes sindicais a necesidade de que leven a todos os centros de traballo a conveniencia de apostar por unha folga xeral.

Ao mesmo tempo fixo un chamamento á unidade sindical, pero circunscribiuno a discutir nas empresas as reivindicacións que se plantexarían coa convocatoria da folga xeral e as alternativas que as centrais achegarían para rematar con esta situación. “Non descartamos facer un chamamento formal ás direccións de CCOO e UGT, pero para nós a unidade sindical constrúese dende abaixo, nos centros de traballo e non nas cúpulas”.

Intervención da secretaria nacional

A encargada de pechar o acto foi a recén reelixida secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que comezou o seu discurso agradecendo a confianza depositada na nova dirección e reiterou o compromiso da federación coa loita sindical “e co traballo ben feito dende a nosa honestidade”. A continuación botou man dunha frase de Castelao para marcar os obxectivos dos vindeiros catro anos: <<O verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidade e as ideas en feitos>>.

Estas ideas que na súa opinión deberan converterse en feitos a través do “heroísmo” do traballo sindical pasan por lograr “unha Galiza na que sexamos donas de nós, na que sexamos capaces de tomar as nosas decisións”. A isto contrapuxo o avance na recentralización da negociación colectiva nas institucións da capital do Estado. “Unha parte importante das decisións das políticas de persoal tómase en Madrid, e con posterioridade nun acto de paripé ratifícanse estes acordos nas mesas de negociación do Sergas e da Función Pública”.

Nesta liña, chamou a combater nos próximas catro anos “non só as medidas que nos impón o Goberno do PP, senón que teremos que seguir a denunciar que estas medidas son froito dos pactos sindicais que se asinan en Madrid, e que o Goberno e as organizacións sindicais pactan que sexan norma básica para todo o Estado”, algo que vulnera o dereito á negociación das mesas sectoriais “e os nosos dereitos como país”.

Denunciou que estas decisións, que destrúen postos de traballo e condenan a moitas persoas á precariedade laboral e á emigración, adóptanse a cambio de prebendas. “Senón non é entendíbel que estas organizacións sindicais asinen taxas de reposición que eliminan emprego e facilitan privatizacións”.

Abuín pechou o seu discurso con outra frase, nesta ocasión de Rosalía de Castro: <<É feliz o que soñando morre e desgraciado o que morre sen soñar>>. “Nós seguiremos a combinar soños con heroísmo; queda moito por facer e ímolo conseguir”, rematou.

Executiva Nacional

Recibiu 87 votos a favor, 8 en branco e 1 nulo e queda integrada polas seguintes persoas:

-Mª Xosé Abuín Álvarez.

-Carmen Aira Díaz.

-Ana Lestón Gallardo.

-Manuel González Moreira.

-Sandra Martínez Yáñez.

-Mª Áurea Rodríguez Blanco (Marián).

-Xoana Zamudio Cutrín.

-Fernando Rivas Pérez.

-Víctor Vila López.

Consello Confederal

Os representantes da federación no Consello Confederal, que recibiron 95 votos a favor e 1 nulo, serán:

-Ana Lestón Gallardo.

-Xosé Manuel Marcote Baña.

 Ver nova en Avantar.

VII Congreso de CIG-SAÚDE

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

20180124 cartaz Congreso definitivo

O próximo sábado día 7 de abril de 2018, CIG-SAÚDE vai celebrar o seu VII congreso na cidade de Pontevedra.

Cada 4 anos a CIG e as súas federacións convocamos os nosos congresos para analizar a nosa acción sindical de pasado e de futuro; para ver os nosos acertos e erros.

O congreso da CIG-SAÚDE ten como un dos seus obxectivos reforzar o noso compromiso coa defensa da sanidade pública, coa defensa dos dereitos das/os traballadoras/os, e co dereito a que todas as persoas reciban unha sanidade pública de calidade independentemente onde vivan.

Tamén analizamos a situación das/os traballadoras/es da sanidade privada. A CIG-SAÚDE defende un modelo de sanidade pública, máis iso non é ningún impedimento para defender que as/os traballadoras/es da sanidade privada teñan unhas condicións laborais dignas, xa que conxuntamente as/os traballadoras/es da sanidade pública e privada formamos parte da clase traballadora cada día máis castigada polas políticas neoliberais.

Sen esquecernos, neste congreso, da defensa da investigación pública e da importancia do valor fundamental deste sector: o persoal investigador e todo o persoal que traballa neste sector, que é tan importante para a nosa saúde, e tan pouco recoñecido.

As políticas de xénero e muller forman parte importante do noso relatorio. A sanidade é un dos sectores máis feminizados onde as políticas de xénero son case invisibles.

Ao inicio do congreso recibiremos un saúdo do Secretario Comarcal de CIG-Saúde de Pontevedra, Xermán Rouco Llanderrozas, e o Alcalde da cidade Miguel Anxo Fernández. E no acto de clausura intervirá o Secretario Xeral da CIG Paulo Carril Vázquez, e o Secretario Comarcal Marcos Conde Farto.

Como nos congresos anteriores, este congreso servirá para conformar unha organización máis forte, máis unida e máis comprometida coas políticas sociais, e co dereito de todas/os a vivir nunha sociedade máis xusta e sen explotación.

A CIG-Saúde valora positivamente os resultados acadados nas eleccións sindicais nas fundacións e empresas públicas de Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A federación sobe de 11 a 16 o número de delegadas e delegados
 
A CIG-Saúde vén de valorar “positivamente” os resultados acadados nas eleccións sindicais celebradas este xoves nas fundacións e empresas públicas dependentes da consellaría de Sanidade. A secretaria nacional, María Xosé Abuín afirma ao respecto que “seguimos sendo un referente para estas traballadoras e traballadores, que consideran á central sindical como a mellor ferramenta para a defensa dos seus dereitos laborais, como así o vimos demostrando ao longo de todos estes anos”.
edificio SERGASAbuín explica que desde o ano 2000 a CIG impulsou o primeiro convenio colectivo para estas traballadoras e traballadores, que permitiu acadar así a súa estatutarización para que este persoal tivese os mesmos dereitos laborais e retributivos que o resto do persoal do SERGAS.

Con todo considera que queda aínda moito traballo por facer “até que se consiga a reversión destas fundacións ao sistema sanitario público, como así se conseguiu na época do bipartito que os hospitais de Cee, Barbanza e Verín reverteran ao Sergas”.

Dos resultados, case definitivos, tírase que a CIG é o sindicato que máis medra, incrementando a súa representación en 5 delegados/as, ao pasar dos 11 que tiña en 2011 a 16 nestas últimas eleccións sindicais.

 TÁBOA DE RESULTADOS

 

CIG

CCOO

UGT

CESM-Ω

SATSE

CSIF

USO

2016

16

17

7

5

 

3

2

2011

11

14

10

2

4

5

2

A noticia en Avantar

Resultados Provisionais Eleccións Sindicais SERGAS: A CIG-Saúde gaña as eleccións obtendo 57 delegad@s

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Considera que os resultados referendan a liña de traballo destes anos e supoñen unha maior carga de responsabilidade na defensa da sanidade pública e do seu persoal
 
20080724 bandeira-patria-e-punhoA CIG-Saúde foi a organización sindical máis votada nas eleccións sindicais celebradas este mércores no SERGAS, nas que obtivo 57 delegados e delegadas. Con estes resultados sitúase como primeira forza na Mesa Sectorial da que quedan fóra sindicatos como SAE que tan só obtivo 17 delegados e delegadas.
A CIG-Saúde considera que estes resultados son froito do traballo desenvolvido nestes catro anos nos que “combatemos os recortes nos dereitos laborais do persoal do SERGAS, as privatizacións da sanidade pública, mobilizámonos co apoio dos traballadores  e traballadoras e impulsamos a mobilización conxunta na defensa dun sistema sanitario público no que se recoñeza o labor das e dos profesionais que nela traballan”, explica a Secretaria Nacional, María Xosé Abuín.

Xunto a isto, a CIG-Saúde lamenta profundamente que o persoal en formación quede fóra do ámbito de representación e negociación da Mesa Sectorial, porque estes colectivos quedan así desprotexidos. “Imos traballar para que nas vindeiras eleccións volvan formar parte da Mesa Sectorial ao igual que forman parte do Foro Marco para o Diálogo Social” (Mesa Sectorial do Ministerio de Sanidade).

María Xosé Abuín sinala tamén que estes resultados son unha “dose maior de responsabilidade” para continuar na liña de traballo que vimos desenvolvendo.

A CIG-Saúde agradece ademais a participación e a confianza que o persoal da sanidade pública depositou neste sindicato porque “sen eles e elas non sería posíbel desenvolver o noso traballo”. Do mesmo xeito subliña o compromiso que as afiliadas e afiliados da CIG-Saúde coa defensa dos intereses do conxunto de traballadores e traballadoras.

resultados galiza 2015b

resultados por area 2015

composición mesa sectorial2

CIG-Saúde gaña as eleccións sindicais no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde ven de acadar 57 delegad@s sindicais nas eleccións celebradas onte no ámbito do SERGAS, resultando primeira forza sindical na Mesa Sectorial do SERGAS.

Queremos agradecer o apoio recibido, que nos dá forza para continuar traballando e loitando por unha Sanidade Pública Galega de calidade e por unhas condicións de traballo dignas para o seu persoal.

CORAZÓN

Grazas. Seguimos traballando,

contigo a Sanidade Pública ten futuro!

Eleccións Sindicais 2015: por unha convocatoria unitaria de traballadores/as

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O PERSOAL EN FORMACIÓN DEBE FORMAR PARTE DAS XUNTAS DE PERSOAL E DA REPRESENTACIÓN UNITARIA DO PERSOAL

As organizacións sindicais CESM-OMEGA, CIG-SAÚDE, CCOO, SATSE e UGT, ante a intención dunha organización sindical de convocar eleccións sindicais para o persoal en formación, pretendendo nesta ocasión separalo do conxunto de traballadoras/es, queremos informar a todo o persoal do SERGAS do porqué da nosa decisión de que o persoal en Formación siga formando parte das Xuntas de Persoal da súa área sanitaria.

  1. A Mesa Sectorial de Sanidade constitúese coa proporcionalidade da representatividade dos resultados obtidos por cada organización sindical.
  2. Esta Mesa Sectorial é o órgano de representación de todas/os os traballadoras/es do SERGAS, e é a única con capacidade para abordar todos os temas de negociación sobre as condicións laborais: xornada, retribucións, procesos selectivos....
  3. Se o persoal en formación deixara de formar parte das xuntas de persoal, e por ende quedase fora da Mesa Sectorial, quedaría nunha situación de desprotección.
  4. O persoal en formación mantén unha relación laboral especial polo seu carácter asistencial e debe estar na representación conxunta co persoal estatutario e defendido no seo da Mesa Sectorial de Sanidade.
  5. Se se convocan eleccións por separado para o persoal en formación o seu único ámbito de negociación sería a xerencia na que prestan servizo. Coa imposibilidade de negociar acordos unitarios e de aplicación a todo o colectivo.
  6. Dende o ano 1987 a promoción de eleccións é única. Pretender trocar agora as regras, incluíndo nos comités de empresa ao persoal en formación, non obedece a crear órganos de representación con capacidade negociadora, senón a utilizar a este persoal como moeda de cambio para negociar futuros acordos sindicais coa Administración a costa do persoal en formación.

Por todo isto, e polo que supón, fraccionar a negociación colectiva dos/das traballadoras/es, as organizacións sindicais que asinamos este documento, solicitamos unha convocatoria única de eleccións sindicais; e que todas as organizacións sindicais respectemos os acordos asinados.

PROMOCIÓN ÚNICA DE ELECCIÓNS.

NON Á FRAGMENTACIÓN DA NEGOCIACIÓN COLECTIVA.

A CIG-Saúde xa é .gal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

puntogal

Desde CIG-Saúde sempre apoiamos a consecución do dominio .gal para o noso país, e hoxe dispoñemos xa do noso enderezo cig-saude.gal

Podedes escribir no voso navegador o www.cig-saude.gal, que vos dirixirá á nosa páxina. Polo momento trátase dun redireccionamento, en breve acometeremos as "obras" necesarias para actualizar o noso enderezo definitivamente.

CIG-Saúde en Facebook e Twitter

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Desde hai unhas semanas a CIG-Saúde está tamén nas redes sociais. Podedes visitarnos, facervos seguidor@s ou informarvos aquí:

Furry-Cushion-Facebook_128Furry-Cushion-Twitter_128

María Xosé Abuín, reelixida Secretaria Nacional no VI Congreso da CIG-Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Abuín e Seixo chaman á fortalecer a organización para acadar unha mellor defensa da sanidade pública e dos dereitos da maioría social
.
O VI Congreso da CIG-Saúde reelixiu este domingo a María Xosé Abuín como Secretaria Nacional, con 70 votos a favor, 24 en branco e dous nulos, sendo a única candidatura presentada. No proceso tamén se elixiu á nova Executiva Federal e as/aos membros que formarán parte do Consello Confederal. O VI Congreso rematou coas intervencións de Abuín e Xesús Seixo, que chamaron a pular polo fortalecemento da base social da nosa organización para combater de xeito efectivo ás políticas neoliberais de recortes e desmantelamento do público.
DSC_0024_5.grande
A nova Executiva da CIG-Saúde.

Galería de imaxes

A candidatura para a nova Executiva Federal (tamén encabezada por María Xosé Abuín) obtivo 76 votos a favor, 18 en branco e dous votos nulos, quedando configurada do seguinte xeito:

-María Xosé Abuín Álvarez

-Carme Aira Díaz

-Manuel González Moreira

-Susana Méndez Rodríguez

-Xoana Zamudio Cutrín

-Víctor Vila López

-Ana Lestón Gallardo

-Mª Áurea Rodríguez Blanco

-Víctor Acuña Mella

Os membros elixidos pola Federación de Saúde para formar parte do Consello Confederal (74 a favor, 21 en branco e un nulo) son:

-Susana Méndez Rodríguez

-Xermán Rouco Llanderrozas

-Xosé Manuel Marcote Baña

Intervención da Secretaria Nacional

A reelixida Secretaria Federal, María Xosé Abuín, foi a encargada de clausurar o VI Congreso, salientando que fica patente que a CIG-Saúde é unha organización viva,”onde as discrepancias construtivas reforzan o noso posicionamento e ideario sindical, facéndonos cada día máis fortes no noso traballo sindical”.

Unha situación, matizou, que permite á Federación afrontar os retos que se presentan tanto na defensa do sistema sanitario público como dos dereitos sociais e laborais que nos pertencen. Por iso, instou a, nos próximos catro anos, “seguir a fortalecer a organización, para facela máis participativa, para fomentar o debate, para que todas e todos nos sintamos militantes do mesmo proxecto”.

A este respecto, Abuín subliñou a importancia de fortalecérmonos como organización para que as traballadoras e os traballadores vexan na CIG un sindicato que non só defende os intereses laborais, senón que, co conxunto da cidadanía, segue a loitar por unha sociedade máis xusta e máis igualitaria, “na que non teñen cabida esas políticas neoliberais que ao único que conducen é a pobreza, á exclusión e a desigualdade”.

Seixo chama a ampliar a base social da CIG

Nesta mesma liña tamén se enmarcou a intervención do Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, no acto de clausura do proceso congresual. Seixo asegurou que no actual contexto, a CIG ten que cumprir un papel fundamental na sociedade: aglutinar forzas non só para que evitar que nos sigan roubando os dereitos conquistados, senón para recuperar algúns dos dereitos que xa nos retiraron a través das contrarreformas sucesivas impostas.

Para isto, resulta fundamental agrandar “a nosa base social, o espazo de incidencia da nosa organización a nivel sindical”, tanto no referido á representación nos centros de traballo como no medre da afiliación. Haberá, xa que logo, sinalou, reforzar o traballo de cara ao próximo período concentrado de eleccións sindicais. “Temos moitas posibilidades de situarnos como primeira forza sindical en Galiza, aínda sendo conscientes de que a CIG vai ser moi agredida por parte do poder”, pois a central nacionalista mantén a súa independencia dende o punto de vista económico e político.

No tocante á afiliación, o Secretario Xeral animou a traballar por incrementar o número de afiliadas e afiliados (a CIG é a primeira central sindical neste aspecto, con arredor de 70.000 afiliados/as), para estar nas mellores condicións no enfrontamento coa patronal. “É fundamental mellorar o nosos métodos de traballo e agrandar a nosa base afiliativa. Esa será a mellor defensa contra os ataques do poder”, aseverou.

Abundando nesta cuestión, Seixo insistiu en que a conxuntura actual non se vai poder  mudar a curto prazo, hai que dar a batalla para ir recuperando dereitos que nos están a roubar. Mais tamén tendo presente que todos os dereitos que hoxe temos non viñeron regalados. “A clase traballadora foinos conquistando tras moitos anos de loita, pasando por momentos realmente moi difíciles, e a través da solidariedade, da organización e da nosa loita conseguimos ir superando e mellorando os nosos dereitos e a calidade de vida. E non ter por que ser distinto nas actuais circunstancias”, animou.

Por esta razón, chamou a non asimilar o discurso do gran capital referido a que non hai alternativas ás políticas de recortes. “Hai outras saídas, pero para iso é necesario gobernar en función dos intereses da maioría social e non dos intereses dunha minoría: a oligarquía financeira, que é para quen goberna nestes momentos o Partido Popular”. Será preciso, entón, mudar tamén a correlación de forzas no ámbito das institucións políticas.

Modificacións estatutarias

Previamente á presentación de candidaturas e votacións, os congresistas e as congresistas debateron votaron as modificacións estatutarias propostas e as emendas presentadas ás mesmas. Os novos estatutos foron aprobados con 77 votos a favor, un en contra e 14 abstencións, sendo rexeitada a proposta de constituír como novo órgano o Secretariado Federal.

Resolucións aprobadas polo VI Congreso

O VI Congreso da CIG-Saúde tamén aprobou resolucións en solidariedade coa loita dos traballadores e traballadoras de Asfedro, contra a privatización da IT, pola defensa da nosa lingua, e polo dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo.

Mencións a compañeiras e compañeiros

Durante a clausura do Congreso fíxose mención especial á compañeira Paca da Coruña, recentemente xubilada, polo traballo realizado durante moitos anos na central sindical. Así mesmo, tamén se salientou a labor dos membros da anterior Executiva que non repiten.

A primeira xornada do Congreso da CIG-Saúde aproba o Informe de Xestión, marcado polas políticas privatizadoras do PP

A nova en Avantar

VI Congreso da CIG-Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

Esta fin de semana, 5 e 6 de abril, celébrase na Coruña - Oleiros  o VI Congreso da CIG-Saúde, no que as 150 persoas delegadas debaterán sobre a situación actual da sanidade galega, nun momento marcado polo desmantelamento da Sanidade Pública propiciado polos gobernos do PP, e tamén se fará un repaso das cuestións que afectan directamente a aquelas persoas que traballan no eido sanitario, con todas as medidas de recorte que veñen afectando, de diversos xeitos, a este persoal.

14-04-05 Cartaz VI Congreso SaúdeO proceso congresual vén marcado polas políticas neoliberais aplicadas nos últimos anos polos gobernos da Xunta e o estado español, que pretenden converter a sanidade pública nun negocio en mans de especuladores. Unhas políticas que levan á privatización do sistema sanitario público, eliminando o carácter universal e a gratuidade do mesmo.

Ao tempo, no eido da sanidade privada, as reformas laborais aprobadas e as modificacións nun dereito fundamental da clase traballadora como a negociación colectiva, teñen incrementado a precarización e a temporalidade laboral, e están a facilitar o bloqueo da negociación colectiva por parte da patronal do sector, levando ao límite a vixencia da aultraactividade dos convenios co claro obxectivo de provocar unha caída das condicións laborais e salariais.

Neste contexto de recortes, o VI Congreso da Federación avaliará a resposta dada nestes catro anos para frear esta desfeita e acordará a acción sindical a seguir contra o desmantelamento da sanidade pública, a destrución de emprego e a perda de dereitos que afecta á maioría social.

Na primeira xornada do Congreso debateranse os Informes de Xestión da Executiva, o Relatorio de Acción Sindical e de Organización. Na xornada do domingo, abordaranse as modificacións estatutarias, presentaranse as candidaturas aos distintos órganos e elixirase a nova Secretaría Federal, a Executiva da Federación e os/as membros que formarán parte do Consello Confederal.

A saúda da inauguración correrá a cargo do Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, mentres que no acto de clausura participará o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo.

Será un VI Congreso do que deberá sair unha organización reforzada para continuar a loita por unha Sanidade Pública e pola recuperación e mellora das recortadas condicións laborais das traballadoras e traballadores da sanidade, así como para manter o traballo colectivo de vérmonos nunha Nación decisora de seu, de aí o lema escollido para esta cita: "FORTES! na defensa da Sanidade Pública e do futuro da Nación"

A nova en Avantar

 

 

CIG-Saúde celebrou, os días 13 e 14 de marzo, o seu V Congreso

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
vcongresofederal_mxMaría Xosé Abuín, re-elixida secretaria nacional da CIG-Saúde no seu V Congreso
A única candidatura presentada para a Secretaria Nacional, de María Xosé Abuín, obtivo o respaldo do V Congreso da CIG-Saúde con 85 votos e 7 votos en branco. Así mesmo, a candidatura encabezada tamén por María Xosé Abuín, e que foi a única presentada consegueu 114 apoios e 9 votos en branco. Na sesión de clausura ademais da re-elixida secretaria nacional da federación, participou o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

A sesión da mañá do domingo 14 de marzo comezou ás 11.30 coa votación dos relatorios de Organización e Implantación, así como os Estatutos, cun resultado de 73 votos a favor, 10 en contra e 9 abstencións.

 

Unha só lista

A continuación presentouse unha só lista para a Executiva Nacional da federación da Saúde da CIG encabezada por María Xosé Abuín, única candidata tamén á Secretaría Xeral, a quen segue nesta candidatura, Xan Ramón Fernández, Susana Méndez, Lois Méndez, Camilo Agulleiro, Xoana Zamudio Manuel González, Vitor Vila e Carme Aira.

 

Resultados do proceso

A candidatura á Secretaria Nacional de María Xosé Abuín obtivo votos 85 votos, 2 nulos e 7 votos en branco. A candidatura para a Executiva Nacional da CIG-Saúde conseguiu 114votos, 3votos nulos e 9 votos en branco.

 

Resolucións

Presentáronse catro resolucións deste encontro, que tiñan que a ver coa vontade privatizadora das políticas do PP contra a sanidade pública galega, asi como pola mobilización e integración nas plataformas na defensa da sanidade existentes ou outras que podan xurdir. Tamén o ataque contra a galega e a posta na defensa da língua propia de Galiza foi protagonista doutra resolución, e tamén o rexeitamento ao peche do hospital da Cruz Vermella en Vigo

 

vcongresofederal

 

Sesión de clausura

Para por remate a estas dúas xornadas do V Congreso Nacional da CIG-Saúde tivo lugar a sesión de Clausura, na que participaron tanto a re-elixida secretaria nacional sa CIG-Saúde, María Xosé Abuín, como o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

A re-elixida secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, agradeceu a confianza depositada e fixo referencia ao grande reto que "toca afontar nesta nova etapa. A partir de hoxe comeza o traballo en todos os ámbitos, tanto na sanidade pública como na privada, para loitar e non sermos pisoteadas polas políticas privatizadoras do PP".

Rematou sinalando que "temos que demostrar que este país continúa a ser distinto a calquera outro porque aquí está e aquí traballa a CIG".

 

Intervención de Xan Cons

María Xosé Abuín solicitou que Xan Cons, anterior secretario nacional da CIG-Saúde, intervirá tamén neste remate congresual para agradecer o "respecto exquisito polo meu silencio e as miñas ausencias", e anunciou que "me poño a disposición de todos vós e da nova Executiva para establecer aquelas vías de participación e colaboración cos organismos".

Cons subliñou que "este V Congreso representa un antes e un despois, e é un orgullo observar e ser partícipe despois dos problemas, a presenza dunha federación forte, cunha Executiva de luxo, á que traslado a miña noraboa".

 

Intervención de Suso Seixo

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, fixo fincapé no importante traballo que se realiza desde esta federación "nun sector complexo, e máis nos tempos que corren, nos que teredes que realizar un grande esforzo para derrotar a vontade do PP de recortar o orzamento dos servizos públicos, e tamén na sanidade, coa sua política de privatización".

 

Sobre a crise económica, salientou que as causas da crise "non se encontran na rixídez do mercado, nin nos altos salarios da clase traballadora, senón que se debe ao reparto desigual da riqueza e ao fomento da economia especulativa. Mesmo estase tentando fomentar a economia especulativa a través dos recursos públicos, como no caso das axudas á banca, que non se trasladaron ao tecido produtivo".

Seixo avogou por unha política fiscal distinta e acabar cos paraisos fiscais, entre outras medidas.

 

vcongresofederal_2

 

 

O secretario xeral da CIG realizou un chamamento a responder a estas agresións, e denunciou a ocultación das mobilizacións do 10 de marzo por parte dos medios de comunicacións, unhas manifestacións das que participaron milleiros de traballadores e traballadoras.

Apostou por traballar para mudar a correlación de forzas actual, crear conciencia social, "organizarnos e mobilizarnos para un cambio de políticas e de modelo. Temos que ter esperanza e traballar porque esa é a nosa función como organización sindical nacionalista e de clase. Asi, entre todos e todas conseguiremos que non se nos impoña o modelo de privatización da sanidade".

V Congreso de CIG Saúde en Ourense

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIG-Saúde celebra, os días 13 e 14 de marzo, o seu V Congreso

 

A Federación de Saúde da CIG celebrará o seu V Congreso durante os días 13 e 14 de marzo, no Hotel Auriense, en Ourense. As/os 143 congresistas que están convocadas/os, debaterán, a partir das 11:15 horas do sábado, as ponencias de Acción Social e Política Sanitaria e de Organización e Estatutos e elixirán á/ao nova/o secretaria/o nacional e á Executiva.

 

María Xosé Abuín, actual secretaria nacional, salienta que entre os temas a debater, a CIG-Saúde definirá as súas posicións a respecto da situación da sanidade pública e privada, da mesa sectorial, a negociación colectiva e sobre as novas fórmulas de xestión integrada de áreas.

 

Para a CIG-Saúde, este V Congreso, debe ser, ante todo, unha reafirmación do compromiso na loita sindical, “no debemos conformarnos con parar as agresións que recibimos, debemos ter un posicionamento máis ambicioso xa que a transformación social é posíbel”.

 

CIG-Saúde aposta por construír unha organización sindical forte, para enfrontar as agresións que o conxunto da sanidade está a sufrir “pola implantación das políticas neoliberais e a receptividade e o fomento dos gobernos a dar entrada ao capital privado no sistema sanitario, convertendo este nun negocio que de futuro só dará beneficios ao mundo empresarial en detrimento da calidade asistencias, da carteleira de servizos que se ofertan á poboación e dos dereitos dos/as traballadores/as”.

 

A federación parte de que con estas políticas sanitarias foméntanse cada día máis as desigualdades sociais, rachando cos principios básicos que contén a Lei Xeral de Sanidade “universalidade, gratuidade e equidade no aceso ao sistema sanitario”.

 

Desde a CIG-Saúde tamén se observa con preocupación que, desde algúns sectores da sociedade, se pretenda responsabilizar dos males do sistema á descentralización. Por iso manifestan, como punto de partida, o seu rexeitamento a “calquera opción que tenda a burocratizar e acartonar a negociación colectiva e o ámbito das relacións laborais a través de pactos estatais”.

 

Estes serán, entre outros, os temas a tratar durante a que xa se prevé como unha intensa fin de semana.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto