Noticias Sanidade Pública
 
 

Mesa Sectorial do 16 de xuño de 2015

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Información da Mesa Sectorial do 16 de xuño de 2015

1. Procesos de selección e provisión.

    • Convocatoria de OPE da oferta de emprego 2014-2015: matrón/a, fisioterapeuta, logopeda, terapeuta ocupacional, TEAP, TER, TEL, Técnico/a superior en hixiene bucodental, Técnico/a superior en radioterapia, TCAE e Técnico/a en farmacia. Publicarase a convocatoria a finais de xuño, dando un prazo amplo de inscrición que incluirá xullo e parte de agosto. Nos temarios, elimínase o tema 3 da parte específica de Técnico/a de farmacia, e modifícase a redacción dos temas 27 e 29 de matrón/a. Aclárase que nos temas de informática entrarán as versións dos programas vixentes na data de publicación das normas de funcionamento dos tribunais. En baremo, faise unha incorporación nas categorías de Técnicos/as superiores no apartado de Outras actividades: Puntuarán os premios de investigación en congresos científicos, 0,20 puntos de ámbito internacional e 0,10 puntos de ámbito nacional ou autonómico. Dende CIG-SAÚDE esiximos que se ofertasen a OPE todas as prazas non ocupadas no concurso de traslados. A Admón dí que non se pode facer porque contravén o Decreto 206/2005 de provisión de prazas.
    • OPE Enfermería e médico/a de familia: Finais de xuño-primeiros de xullo: publicación das listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as. Setembro: publicación das listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as. Decembro 2015: EXAME. Apróbanse as normas de funcionamento dos tribunais. Amplíase a composición a 7 membros titulares e 7 suplentes, sen 3 deles persoal de RRHH de Servizos Centrais.
    • Concurso de traslados persoal de xestión e servizos: Finais de xuño: publicación listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as e provisionais de baremación e destinos. Outubro: publicación listas definitivas de baremación e destinos, abrindo a continuación xa o prazo de toma de posesión.
    • Oferta de emprego de prazas de médico/a do 061. Primeiro ofertaranse esas prazas en concurso de traslados e posteriormente farase a convocatoria de OPE. Dende CIG-SAÚDE entendemos que o 061 é un centro de ámbito autonómico, e que deben moverse dentro dos postos do 061 a través de procesos de mobilidade interna de carácter definitivo, non provisional. A Administración entende que neste caso a mobilidade interna só pode ter carácter provisional.
    • Vindeira reunión de Mesa Sectorial, enviarán un proxecto de modificación do Decreto 206/2005 de provisión de prazas. Pretenden que se publique conxuntamente coa modificación do Decreto 206/2005, as especialidades de enfermería, os itinerarios profesionais e unha reordenación das listas de xestión e servizos.

2. Decreto polo que se integran no Servizo Galego de Saúde determinadas unidades de Galaria. A integración será efectiva o 1 de xullo de 2015, integrándose as áreas de cirurxía cardíaca e cardioloxía intervencionista. Acórdase que os representantes sindicais de Galaria manteñan a súa condición de delegado/a sindical e crédito horario ata as vindeiras eleccións en Galaria en xaneiro de 2016. Dende CIG-SAÚDE non compartimos que se estea a facer unha integración parcial ao non incorporar ao servizo de radioterapia e medicina nuclear, salvo que a única pretensión da Administración sexa manter ao equipo directivo.
3. Reordenación de actividade no período estival. Neste punto non hai negociación, a Administración limítase a comunicar que van pechar camas en función dos índices de ocupación dos últimos anos. Dende CIG-SAÚDE denunciamos a precariedade nas contratacións (temos o índice de contratación máis baixo da historia do Sergas), que se culpabilice do peche de camas ao persoal porque está de vacacións, que se pechen camas de unidades como paliativos, xeriatría ou saúde mental cando a súa ocupación non mellora no verán, que non se faga nada por incrementar as prazas MIR a pesares de ter prazas acreditadas, etc.
4. Itinerarios profesionais. Ademais dos médicos de familia, médicos/as de urxencias hospitalarias, médicos/as asistenciais e médicos/as coordinadores do 061, se incluirán aos médicos/as xerais do CTG sempre e cando cumpran o requisito de titulación. Establecerase un límite do 25% na participación no concurso de traslados para aqueles/as profesionais que cunha idade igual ou superior aos 55 anos e con 15 anos de experiencia se poidan mover a outra categoría como mesmo requisito de titulación.
5. Rogos e preguntas.

  • Grupo de traballo do persoal investigador convocarase para o 23 de xuño.
  • Unidades de radioterapia de Lugo. Dende CIG-SAÚDE esiximos que se dote con persoal estatutario que forme parte do cadro de persoal do HULA, e que se aborde na Comisión Central como se van a cubrir coas listas de contratación.
  • Dende CIG-SAÚDE preguntamos pola OPE do persoal non sanitario. A Administración adíanos ata a aprobación dos orzamentos do 2016.
  • Mesa de negociación do novo pacto de contratacións: 29-30 de xuño.

Información en PDF

A Consellaría non remite os decretos das Axencias ao Consello Consultivo. Que medo ten Rocío Mosquera?

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Vimos de remitir este escrito (preme na imaxe para agrandar) á Conselleira de Sanidade para preguntarlle o motivo polo que os decretos da Axencia de Coñecemento en Saúde e da Axencia de Sangue, Tecidos e Órganos non foron remitidos ao Consello Consultivo como era de esperar na tramitación deste tipo de decretos. Qué teme Rocío Mosquera que lle poida dicir o Consello Consultivo sobre estes decretos? Onde está a transparencia da que tanto alardean no goberno de Núñez Feijóo?

20150519 escrito ditame axencias

A noticia en Avantar:

CIG-Saúde pide a remisión ao Consello Consultivo dos texto dos decretos das Axencias de Coñecemento en Saúde e Tecidos

Foi un compromiso adquirido pola consellaría a finais de xaneiro que aínda non se materializou
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito a Sanidade para exixir que se trasladen ao Consello Consultivo os textos dos decretos da Axencia Galega do Coñecemento en Saúde e a Axencia de Tecidos e Órganos. Lembra que así o anunciara a consellaría ás organizacións sindicais na Mesa Sectorial presidida polo Xerente do SERGAS que tivo lugar a finais do pasado mes de xaneiro  e denuncia que porén, a día de hoxe, non se ten coñecemento algún sobre a tramitación destes decretos.
2013 12 10 Manifestacion Burela_012

Con data 4 de maio de 2015, a CIG-Saúde dirixiuse ao Consello Consultivo de Galiza para que, ao abeiro do disposto no artigo 17 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de Transparencia, Acceso á Información Pública e do Bo Goberno, este organismo dese traslado dos informes do Consello Consultivo da Galiza sobre os devanditos decretos.

En resposta a esta solicitude “con data 8 de maio de 2015 o Consello Consultivo informounos de que os devanditos decretos non tiveron entrada neste organismo consultivo”, explica a secretaria nacional María Xosé Abuín.

Ante isto, a CIG-Saúde solicita que se informe das razóns polas que a día de hoxe os devanditos decretos non foron sometidos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza. A este respecto sinala que as funcións que a Lei asigna ao Consello Consultivo xiran, en esencia, arredor das materias que afectan ao dereito público, de xeito que a súa función ditaminadora sobre pro postas de resolucións o u proxectos de textos normativos xa elaborados se axusten ao ordenamento xurídico.

Subliña ademais que o Consello Consultivo está composto por xuristas de recoñecida competencia, cunha experiencia e desempeño efectivo de máis de 10 anos en dereito público. O ditame deste organismo foi enriquecedor nos decretos de integración do persoal laboral das fundacións no réxime estatutario, e no decreto de Xestión Clínica. "Agardamos que esta consellaría envíe os textos dos decretos ao ditame do Consello Consultivo de Galiza", conclúe María Xosé Abuín.

CIG-Saúde solicitará do SERGAS a elaboración dun protocolo para evitar que asasinatos machistas como o de Ourense se repitan

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogoA Executiva da CIG-Saúde, reunida esta mañá, acordou emitir un comunicado para manifestar, en primeiro lugar, as súas condolencias á familia da muller asasinada e a súa preocupación porque este feito ocorrera precisamente nun centro hospitalario. Xunto a isto, manifesta tamén a súa solidariedade coas compañeiras do hospital de Ourense que tiveron que vivir esta dramática situación.

 

A Secretaría da Muller da CIG-Saúde considera que a xustiza debería ter actuado ante a sospeita de que o ingreso da muller puidera ter sido consecuencia dun caso de violencia machista. Pon ademais en cuestión a decisión de denegar a orde de afastamento solicitada pola Garda Civil e demanda que, en caso de dúbida se actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor, que logo lamentar unha morte.

 

Por iso apela a que a xustiza estea máis alerta e a que, en caso de dúbida actúe a favor da muller entendendo que sempre é mellor afastar a un posíbel agresor que logo lamentar unha morte.

 

Anuncia ademais que proporá ao SERGAS o establecemento dun Protocolo de actuación para que se conte coas ferramentas necesarias que permitan actuar aos centros sanitarios ante casos deste tipo co obxectivo de evitar que nada semellante volva acontecer.

6 de maio, eleccións sindicais: Vota CIG Saúde

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O día 6 de maio, coma cada catro anos, volvémonos someter á vosa avaliación. Nestes anos tivemos erros e acertos, pero sempre intentamos desenvolver o noso traballo con Compromiso, Rigor, Seriedade e Transparencia, dedicando unha parte importante do noso traballo á defensa da Sanidade Pública. Isto fixo que a Administración nos definise como un dos maiores perigos sociais ao que se enfrontan. Non nos puideron calar, e non conseguirán calarnos. O teu apoio é importante para que poidamos continuar con esta loita.

  

Quédanos moito traballo por facer:

Temos que recuperar todo o que nos foi arrebatado inxustamente: retribucións, días libres, complemento de I.T., carreira profesional, paga extra, postos de traballo e dignidade profesional. Temos que poñer o noso traballo como valor en alza.

Temos que conseguir que se anulen os decretos lexislativos deste goberno: lei de garantías, xestión clínica, axencia do coñecemento en saúde e axencia de tecidos e órganos. Temos que exixir unha lexislación pensada nos intereses da Sanidade Pública e non nos intereses das empresas privadas.

Temos que ser quen de volver atrás as privatizacións deste goberno e as realizadas anteriormente. O público é servizo, o privado, beneficio para unhas poucas mans. 

Temos que recuperar unha Sanidade Pública, de calidade e universal.

Outras políticas sanitarias son posibles, recuperar os nosos dereitos e a Sanidade Pública é unha tarefa de todas e todos. Ti e a Sanidade Pública sodes o que importa.

 

 

Tedes toda a información necesaria sobre estas eleccións na nosa 

WEB ESPECIAL ELECCIÓNS SINDICAIS 2015

 

eleccions2015.cig-saude.info

 

 

Coa CIG-SAÚDE e coa túa participación imos mudar esta situación, e para iso o día 6 de maio necesitamos o teu apoio.

Co teu voto a CIG-SAÚDE será máis forte para dicir NON ás políticas de privatización e recortes.   

SI Á NOSA DIGNIDADE COMO TRABALLADORAS,

COMO TRABALLADORES

 

SI Á DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

 

COA CIG-SAÚDE E CONTIGO,

A SANIDADE PÚBLICA TEN FUTURO 

 

banner eleccions2015

 

 

A Agrupación Médica da CIG denuncia o “electoralismo” da medida anunciada por Feijóo para Atención Primaria

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Manifesta o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria
 
A Agrupación Médica da CIG vén de denunciar que o anuncio de Feijóo de pór en marcha o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é “electoralista”. Asegura que se trata dunha medida decidida sen ter en conta as/os profesionais e que en moitos casos será difícil de aplicar polas políticas de recorte do Partido Popular.
15-04-13 concentración Primaria

A Agrupación Médica de CIG-Saúde paticipou na concentración celebrada diante do Centro Concepción Arenal en Santiago este luns 13 de abril, nunha xornada de reivindicación en todo o Estado da figura do médico de familia e da atención primaria.

A Agrupación Médica da CIG manifesta, fronte a isto, o seu apoio ao decálogo reivindicativo proposto polo Foro de Atención Primaria e denuncia a falta de consenso na posta en marcha, por parte do PP, do seguimento en atención primaria das altas hospitalarias.

Considera ademais que, dados os recortes aplicados por Feijoo, será practicamente inviable a súa realización en moitos centros de saúde. Entende porén, que “o seguimento en atención primaria das altas hospitalarias é unha medida lóxica que xa debera executarse hai moito tempo” e lembra ademais que xa estaba contemplada no Plan de Mellora da Atención Primaria, que “foi eliminado ao chegar Feijoo ao goberno”.

Subliña, en todo caso, que son precisos recursos e coordinación para poder desenvolver esta proposta. “Ambas as dúas cuestión inexistentes neste intre”.

Explica que o PP considera que con que no hospital se emita un informe á alta do paciente con ‘instrucións’ de seguimento xa está todo solucionado. “A enfermeira chamará por teléfono ao domicilio do paciente e resolverá, xunto co médico, todos os problemas do paciente pero a realidade de moitos centros de atención primaria impedirá a súa implementación normal e con garantía de calidade”.

Entre as dificultades existentes sinala a falta de persoal, de substitucións do persoal, a precariedade laboral co abuso das medias xornadas e o aumento de funcións realizado nos últimos anos fai difícil a posta en marcha dun programa deste tipo, que se inicia coa posta en marcha dun informe hospitalario e despois xa atención primaria resolverá como poida.

Por iso denuncia que o anuncio de Feijóo, coincidindo precisamente co Día da Atención Primaria é electoralista e considera imprescindible reclamar consenso profesional nas medidas de xestión, dotar os centros de suficientes medios humanos e materiais e de capacidade sanitaria.

O artigo en Avantar

Fuxida do Xerente da EOXI de Vigo

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Diante das noticias aparecidas na prensa sobre o relevo do Xerente da EOXI de Vigo, CIG-Saúde esixe á Conselleira de Sanidade que informe das verdadeiras razóns deste relevo.

Se a causa da marcha do Xerente é a súa incapacidade para facer o traslado ao Novo Hospital cos criterios que lle marca a Consellaría de Sanidade, esiximos que se clarifique cales son eses criterios e como afectan á continuidade da asistencia sanitaria nun momento tan complicado para a Área Sanitaria de Vigo.

cigMario González chegou a Vigo en marzo do 2013 co obxectivo de xestionar a unificación de servizos do CHUVI e o traslado ao Novo Hospital de Vigo, o feito de que marche antes pon de manifesto o seu fracaso. Nin foi quen de unificar os servizos, nin de integrar a parte asistencial de Galaria, nin de cubrir os postos de xefaturas de servizos esenciais para o funcionamento do Novo Hospital.

A súa etapa estivo marcada pola absoluta falta de información sobre o plan funcional do Novo Hospital e a perda de recursos e potencialidades da área sanitaria de Vigo, co obxectivo de favorecer os intereses da empresa concesionaria do Novo Hospital. Cando chegou xa dixo que viña a executar a política que lle marcaran desde a Consellería, en ningún momento apareceu como defensor de máis recursos para a área sanitaria.

A poucos meses do traslado non temos información de que persoas van a mudar de posto de traballo nin de como van quedar situados na reordenación da área sanitaria trala apertura do novo hospital. Nin temos a foto inicial da que partimos nin a final á que temos que chegar, nin sabemos os criterios cos que se efectuará o traslado.

Sobre os rumores da candidata para substituílo, Ana Sánchez, preocúpanos que se trate dunha persoa contratada, a través de Galaria, que co seu traballo está a garantir os beneficios da empresa concesionaria do Novo Hospital, e que ademais ven de ocupar cargos na Sanidade Pública Madrileña, precisamente cando se puxo en marcha a súa privatización.

CIG-Saúde exixe do SERGAS que publique de inmediato a dotación de servizos e o cadro de persoal do novo hospital de Vigo.

Os recortes na carteira básica de servizos xa están aquí: cribado neonatal

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

O Real Decreto Lei 16/2012, ademais de acabar co acceso universal á sanidade, estableceu a separación da asistencia sanitaria en carteira común básica (sen repagamento), carteira común complementaria (con repagamento de parte do custe), carteira común accesoria (con repagamento da totalidade do custe) e carteira complementaria autonómica (na que cada comunidade autónoma decide qué financiar).

A Orde SSI/2065/2014 regula por primeira vez qué ten que cubrir a carteira común básica en 3 aspectos: reprodución humana asistida, cribado oncolóxico (cancro de mama, cancro colorrectal e cancro de cérvix), e cribado endocrino-metabólico neonatal.

edificio sergasNo caso do cribado endocrinometabólico neonatal establece que so se realizará a detección de 7 enfermidades, sendo potestade de cada comunidade autónoma incrementar o número de enfermidades dentro da carteira complementaria autonómica.

Na Galiza o servizo de diagnóstico e tratamento de metabolopatías, que iniciou a súa andadura no 1978, foi sempre pioneiro dentro do estado español. No 2015 foi nomeada unidade de referencia polo Ministerio de Sanidade (unha das 7 que existen no estado).

Neste momento, mediante o cribado neonatal (toma de mostras de sangue e ouriños aos 3 días de vida), todas as nenas e nenos que nacen na nosa comunidade pódense diagnosticar de máis de 40 enfermidades distintas. A Consellaría está en trámites para diminuír estas 40 enfermidades a só 12 (as 7 de obrigado cumprimento e 5 máis), deixando fora máis de 28 enfermidades que se están a cribar no momento actual.

A falta dun estudo que facilite a identificación precoz destas enfermidades (galactosemia, acidurias…), fará que os/as pacientes teñan que presentar síntomas e os/as pediatras sospeitar o diagnóstico, para serlle solicitada a proba correspondente, o que conlevará que estes nenos e nenas sexan diagnosticados cando teñen xa secuelas irreversibles, cunha calidade de vida peor para elas/ eles e as súas familias, e cun peor prognóstico vital.

Unha vez máis a Consellaría é insensible ás necesidades dos e das pacientes e as súas familias, prevalecendo na súa toma de decisión criterios economicistas, que van en contra dos obxectivos irrenunciables dunha sanidade pública de calidade.

NON AO RECORTE NO NÚMERO DE ENFERMIDADES DETECTADAS NO CRIBADO NEONATAL

OS RECORTES MATAN

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto