Noticias Sanidade Pública
 
 

A CIG-Saúde considera un éxito o incremento de participación na segunda xornada de folga en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Abuín agarda que o SERGAS tome nota do grao de rexeitamento que están a suscitar as súas políticas e que rectifique
.
Na segunda xornada de folga convocada no Sergas incrementouse a participación do persoal sanitario e non sanitario: celadores/as, pinches, administrativas/os, auxiliares de enfermería, enfermeiras/os, técnicas/os, médicas/os... Para a CIG-Saúde isto constata até que punto están concienciadas as traballadoras e traballadores respecto das consecuencias das políticas deseñadas polo PP e impostas pola consellaría de Sanidade, que se traducen en privatizacións, recortes, repagamentos e diminución da calidade, tanto para as e os doentes como para o propio persoal.
13-12-10_Folga Arquitecto Marcide_015

Galería de imaxes das protestas na segunda xornada de folga

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde agarda que o SERGAS tome nota do grao de rexeitamento que están a suscitar as súas políticas e fai un chamamento ao conxunto da poboación para que participe masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da universalidade, gratuidade e calidade da sanidade pública.

Abuín denuncia que o pasado xoves o SERGAS, cando fixo os chamamentos ao persoal das listas de contratacións na área de Vigo, preguntáballe previamente se os días 9 e 10 ía secundar a folga. Se a resposta era afirmativa este persoal non era contratado, saltándose a orde de prelación das listas. “Que a CIG-Saúde saiba, no pacto de contratacións do SERGAS non se inclúe no apartado de suspensións de chamamentos secundar unha folga como causa que xustifique esta decisión”.

Xunto a isto denuncia que, tamén na área sanitaria de Vigo onte realizáronse peonadas ou autocertación no servizo de Oftalmoloxía. “Preguntado o xerente polo comité de folga sobre este asunto, e malia a súa dilatada experiencia de xestión, a súa resposta foi que non sabía que en días de folga non se facía este traballo e quedou en poñerse en contacto cos servizos centrais da consellaría”, explica a secretaria nacional.

Desde a consellaría de Sanidade tamén se incrementou a actividade cirúrxica de enfermos oncolóxicos. A CIG-Saúde congratúlase de que este intento de boicot da folga sirva para axilizar a atención a doentes de máxima prioridade.

A CIG-Saúde reitera o seu chamamento á poboación a participar masivamente nas convocatorias de manifestacións e concentracións previstas en toda Galiza en defensa da sanidade pública.

Lugares e horas

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Ribeira: Ás 20:00 h no centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Satisfacción da CIG-Saúde polo elevado seguimento da folga convocada no SERGAS, que cifra nunha media do 80%

A nova en Avantar

SOS-Sanidade Pública apoia a convocatoria de folga e chama á poboación a mobilizarse o día 10

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Comunicado publicado na páxina de SOS-Sanidade Pública, apoiando a convocatoria de folga para os días 9 e 10 e chamando á poboación a mobilizarse o día 10.

---.---.---.---.----

A Plataforma SOS Sanidade Pública chama a toda a poboación galega a apoiar a folga dos traballadores e traballadoras da sanidade contra os recortes, os copagos e a privatización da sanidade pública galega.

A Xunta de Galicia está desmantelando e privatizando os servizos sanitarios públicos, repartindo as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras.

Esta política está poñendo barreiras ao acceso da poboación aos servizos asistenciais obrigando a pagar os medicamentos aos/ás pensionistas, aos/ás pacientes tratados/as nos hospitais por enfermidades graves como o cancro, o mesmo que as próteses, ambulancias ou alimentos especiais. Agora ten previsto que os/as enfermos/as paguen unha parte da asistencia que reciban e que actualmente é gratuita no momento do uso.

Coa coartada de reducir gasto público para pagar bancos e especuladores internacionais a Xunta de Galicia está pechando hospitais, centros de saúde, laboratorios, servizos de ambulancias, reducindo persoal sanitario e precarizando as súas condicións de traballo nos centros sanitarios.

Chegou o momento de articular unha grande alianza entre poboación e traballadores/as da sanidade en defensa dunha sanidade pública de calidade e por recuperar o dereito a unha sanidade pública universal accesible e de calidade.

Se os/as afectados/as, que somos a maioría social e profesional, non reaccionamos de xeito urxente, deica pouco o desmantelamento e privatización da sanidade pública será irreversible, xa que a Xunta transformaría os centros sanitarios en empresas privadas, recortando o persoal, e obrigándonos a pagar pola asistencia sanitaria.


O día 10 de decembro debemos saír manifestarnos en toda Galicia, xunto cos traballadores e traballadoras da sanidade en folga, pola defensa da sanidade pública

Non ás privatizacións

Non aos copagos

Non aos recortes

Por unhas condicións laborais dignas do persoal da sanidade

Polo acceso universal á sanidade

Pola gratuidade das prestacións

Por unha sanidade pública de calidade

______________________________________________________________________________________________

Mobilizacións convocadas para o día 10 de decembro:

O Barco Hospital Comarcal. 20h.

Ourense Pavillón dos Remedios. 20h.

Burela Hospital da Costa. 20:30h.

Vigo Hospital Xeral. 20h.

Ferrol Praza de España, Fontenla Maristany. 18h.

Lugo Edificio Multiusos Xunta de Galiza. 20h.

Pontevedra Porta Principal Hospital Provincial 20h.

Santiago Praza Roxa 20h.

A Coruña Casa do Mar (Avda do Exército) 20h.

Barbanza Centro de Saúde 20h.

Monforte Praza de España 20h.

O Salnés Porta principal Hospital do Salnés 14h.

Cee Porta Principal Hospital Virxe da Xunqueira. 12h.

Chaman á cidadanía a participar masivamente nas mobilizacións convocadas en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Coincidindo coa folga no SERGAS convocada para os días 9 e 10, haberá manifestacións na última xornada, en todas as cidades e numerosas vilas
.
As organizacións convocantes da folga xeral no SERGAS para os días 9 e 10 de decembro fan un chamamento a toda a cidadanía para que se sume ás mobilizacións previstas en todas as cidades e numerosas vilas de Galiza, na xornada do día 10 contra os copagamentos, as privatizacións e para reclamar unha sanidade pública de calidade, na que se garanta a universalidade e gratuidade das prestacións e unhas condicións laborais dignas.
13-11-26 folga SERGAS

Todas as manifestacións están convocadas ás 20:00 horas, agás en Ferrol, onde será ás 18:00 horas; en Burela, ás 20:30h, e no Salnés e en Cee, que serán unha as 14:00 horas e outra ás 12:00 horas.

Lugares de saída

O Barco: 20:00 h con saída do Hospital comarcal. Conde de Fenosa

Ourense: Ás 20:00 h, con saída do Pavillón dos Remedios

Burela: Ás 20:30 h, con saída do Hospital da Costa

Vigo: Ás 20:00 h con saída do Hospital Xeral

Ferrol: Ás 18:00 h, con saída da Praza de España.

Lugo: Ás 20:00 h, con saída do edificio multiusos da Xunta de Galiza

Pontevedra: Ás 20:00 h, con saída da porta principal do Hospital provincial

Santiago: Ás 20:00 h, con saída da Praza Roxa

A Coruña: Ás 20:00 h, con saída da Casa do Mar

Barbanza: Ás 20:00 h con saída do centro de Saúde

Monforte: Concentración na Praza de España, ás 20:00 h

Salnés: Concentración ás 14:00 h diante da porta principal do Hospital

Cee: Concentración ás 12:00 h diante da porta principal do Hospital.

Para as organizacións convocantes un dos principais perigos que corre a sanidade pública galega é a súa privatización. Un camiño xa emprendido polo PP tanto en Galiza como polo goberno central e que se vai materializando a través das diferentes medidas adoptadas, como o repagamento dos medicamentos prescritos polo persoal facultativo, que está dificultando o acceso da poboación aos mesmos e poñendo en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos ou o incremento do número de camas  pechadas, principalmente no verán, pero cada vez durante máis tempo, paralizando a actividade e incrementando as listaxes de espera.

O deterioro da sanidade pública tamén se vai facendo cada vez máis evidente, por mor da falta de persoal, ao aplicarse unha taxa de reposición do 10% de efectivos que, advirten, fará imposible, en breve, prestar unha atención sanitaria de calidade. De feito denuncian que, con esta medida o que se pretende é favorecer á sanidade privada, e de aí o incremento de concertos, para derivar doentes que non poidan ser atendidos/as no sistema público por falta de persoal.

As organizacións convocantes da folga xeral tamén denunciaron as consecuencias das continuas privatizacións que están a provocar que uns poucos fagan negocio a cargo dos fondos públicos, cando está máis que demostrado que os servizos xestionados directamente polo SERGAS son máis eficientes e eficaces.

Recortes laborais

No ámbito estritamente laboral denuncian os continuos recortes salariais, vía decreto, polos que se lles suprimiu o complemento específico das pagas extra, mais tamén a perda de dereitos laborais, como o complemento retributivo en caso IT, a perda de días de libranza, o incremento de xornada, ou a falta de respecto polos acordos asinados na Mesa Sectorial.

Tamén denunciaron que na Lei de Orzamentos de 2014 se inclúe un texto que indica que só se van convocar OPEs para determinados colectivos, impedindo o dereito de todo o persoal á consolidación de emprego e que a administración está a impedir a mobilidade  voluntaria de traballadores/as, tal e como recolle a lexislación vixente ao non convocaren concursos de traslados para todas as categorías profesionais.

Xestión clínica

Xunto a isto alertan tamén do decreto de xestión clínica, que introduce unha maior flexibilidade e desregulación das condicións laborais e abre as portas, tamén, ás privatizacións.

Por iso fan un chamamento non só ao persoal da sanidade pública a sumarse á folga xeral, senón tamén á poboación en xeral a que participe nas mobilizacións para exixir que o sistema público, que se paga a través dos impostos de todas as galegas e galegos, non se converta nun negocio para a privada.

Información Mesa Sectorial 22 de novembro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 22 DE NOVEMBRO DE 2013

                Nesta reunión abordáronse os seguintes temas.

                1.- Convocatoria de OPE.

                Na información que publicamos o venres xa informabamos da miseria de OPE que a Admón vai ofertar na convocatoria 2013. Como é sabido, estas 165 prazas que agora se convocan corresponden ao 10% do total das prazas vacantes xeradas desde novembro de 2011 até setembro de 2013, en total 1649 prazas vacantes, que non quer dicir que estean todas cubertas nin que se vaian cubrir.

                 Na oferta de emprego do ano 2012, o SERGAS convocou na OPE de FEAS 176 prazas que correspondían ao 10% das vacantes existentes até o ano 2011, un total de 1760.

                Se sumamos o total das prazas vacantes (1760+ 1649= 3.409) o resultado que se produce é que o SERGAS ven de confirmar a denuncia que CIG-SAÚDE facía no ano 2011, cando denunciabamos que no SERGAS durante o período 2011- 2013 se ían producir máis de 3.000 prazas vacantes, que non ían ser cubertas amparándose na taxa de reposición; o que isto significa é unha perda progresiva de postos de traballo no sistema sanitario público.

                Desde CIG-SAÚDE rexeitamos este atropelo ao sistema sanitario público, exiximos a anulación inmediata da taxa de reposición, dado que se a sanidade é un servizo esencial, non se poden seguir eliminando postos de traballo até facer inviábel a prestación de servizo.

               Reprochamos á Admón que non teña desenvolvido o sistema de identificación de prazas, coa opacidade existente non podemos identificar en que centros se produciron as vacantes, en que categorías, e cales son as prazas que se cubriron e o vínculo realizado ao persoal contratado.

                2.- Traslados.

                Entregaronnos a proposta de prazas a ofertar a traslados para as categorías de persoal licenciado sanitario, diplomado sanitario e sanitario de formación profesional .A Admón continúa a dicir que a convocatoria do persoal de Xestión e Servizos será, a poder ser, no 1º trimestre do ano 2014.

               3.- Xestión Clínica e Participación das/os Traballadoras/es.

                De inicio repetimos o debate xeral da xestión clínica. A Admón fixo unha oferta de compromiso de desenvolver na Mesa Sectorial toda aplicación normativa do decreto de X.C.

                Presentaron unha acta de adscrición do persoal ás devanditas áreas, segundo a Admón nela recóllense maioritariamente as nosas achegas, pero están abertos a que sigamos enviado alegacións até pactar un texto definitivo. A Admón repite, insistentemente, que a modificación do Estatuto Marco non está pensada para Galiza, pero desde esta consellaría non poden impedir o que queira facer Madrid ou Valencia.

                 Na nosa intervención repetimos que a modificación do E.M non é inocente. Podemos non dubidar da súa boa intención de que mentres estea este equipo no SERGAS isto non se aplique, pero non podemos esquecer que a Admón pode mudar as persoas dos cargos directivos en calquera momento.

                É verdade que na Galiza non ten por que mudar o decreto de X.C cando se publique o decreto estatal, nin sequera ten que porqué publicarse un decreto estatal. Como recolle o texto de acordo entre  Rajoi e o foro médico, o goberno do Estado non vai publicar normas estatais para recortes xeneralizados, a reforma do artigo do Estatuto Marco e a vixencia da Lei 15/1997, de novas formulas de xestión, permite que cada CCAA desenvolva o modelo que queira, agora ou de futuro.

                OUTROS TEMAS

.-Xornada celadoras/es PACS e Voluntariedade en Primaria. Quedaron en tratar estes temas nunha mesa sectorial que se convocará en breve.

.- Hospital do Barco. Neste centro, en base ao decreto de xestión integrada,  a intención desta Admón é anular os niveis de atención primaria e especializada, deron a orde de que o persoal de admisión de urxencias hospitalarias e o/a celador/a de PACs, atendesen a todo o persoal que entrase pola porta; dá igual que vaian ao PAC ou a urxencias do hospital. Desde CIG-SAÚDE solicitamos o respecto absoluto ao nivel de asistencia, a xestión integrada ao igual que a xestión clínica non pode servir para desregularizar as condicións laborais do persoal. A Admón quedou, coma sempre, en pedir informe ao centro. Temos que defender que non se traspase persoal de primaria a especializada e viceversa.

.- Consulta Telefónica en Atención Primaria. O director de asistencia sanitaria argumentou que esta medida víñase facendo con normalidade e que agora a estaban a darlle cobertura normativa. Informou que esta medida contaba coa aprobacións das/os profesionais, das sociedades científicas e dos colexios profesionais. Desde CIG-SAÚDE reprochamos que non se nos tivese informado ás organizacións sindicais, supoñemos que agora serán os colexios profesionais de médicas/os os que resolverán os posíbeis conflitos laborais; xa que a medida ademais de afectar ao persoal facultativo tamén afecta as/os PSX. Non sabemos cando esta Admón vai a entender que as medidas asistenciais sempre teñen unha repercusión laboral, estamos fartas de dicirlle que temos dereito a sermos informados destes temas.

.- Pacto de selección temporal de FEAS. Incorporarán o pacto de selección de FEAS na modificación do decreto 2006/2005, dita modificación será no próximo ano.  Desde CIG-SÁUDE reprochamos que estean a seleccionar a este persoal cun baremo no que a entrevista ten 30 puntos, a ver que se atreve a portarse mal!

A CIG-Saúde pide explicacións pola empresa de formación con enderezo social no que parece ser o domicilio do Director do 061

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A empresa imparte a formación do propio 061, mais tamén da FEGAS e a formación continuada nas áreas de xestión
.
A CIG-Saúde vén de remitir un escrito á consellaría de Sanidade para que esta dea as explicacións pertinentes respecto da “Empresa de Simulación Médica Avanzada SL”, que segundo a información que recibiu a central sindical foi creada por unha persoa con vínculo directo co Director da Fundación Pública 061, ten o enderezo social no que parece ser o seu domicilio familiar e imparte a formación, entre outros, do propio 061.
.
Ambulancia do 061A CIG-Saúde, que está a examinar toda a documentación relativa a este asunto, entende que poderían existir incompatibilidades entre o cargo institucional que ostenta o director do 061 e a actividade empresarial. Considera que sería moi grave que se confirmara que esta empresa está efectivamente impartindo toda a formación organizada pola FEGAS, 061 e a formación continuada polas áreas de xestión integrada.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, entende que é a propia conselleira quen ten que dar explicacións respecto deste asunto, toda vez que ela é a Presidenta do Padroado da Fundación Pública 061.

Información Mesa Sectorial 9 de outubro

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Nesta reunión abordáronse os seguintes temas.

  • Plan parcial de RRHH.

Neste tema a Admón pretendía centrar o debate exclusivamente na prolongación da vida laboral, apelan á renovación xeneracional para non prolongar máis alá dos 65 anos a vida laboral, iso si, sempre dentro da taxa de reposición. Desde CIG-SAÚDE centramos o debate en todo os artigos do documento (xa enviaramos as alegacións).

a.- Non podemos das por validos os datos que contén o documento pois non existe no SERGAS un sistema de enumeración (identificación unitaria das prazas) que nos permita contrastar os datos. Este sistema de identificación do cadro de persoal esta recollido no artigo 14 do Estatuto Marco e na Lei de Saúde de Galiza.  Con este sistema permitiríanos poder identificar, por exemplo, cantos/as celadores/as hai, cantos/as se xubilan, cantos/as se amortizan e cantos/as se repoñen, tipo de vínculos... Despois do debate a Directora de Recursos Humanos comprometeuse a desenvolver isto, agardamos que o fagan. Este tema tamén o presentamos nas alegacións á Lei do emprego de Galiza, artigo 38. A ver se é verdade que por fin imos ter un sistema de identificación das prazas. Verémolo?

b.-No referente á prolongación da vida laboral propoñemos que só se prolongue a vida laboral ao persoal que non acadase a cotización máxima. A taxa de reposición ten que ser do 100% en todas as categorías. Non poden utilizar o PORRHH como unha ferramenta de chantaxe, non poden desestimar a prolongación da vida laboral ao persoal que teña solicitado a exención de gardas a partires dos 55 anos se non ten o tempo máximo de cotización.

  • Decretos de integración no réxime estatutario. 

1. INTEGRACIÓN DO PERSOAL APD E DO PERSOAL LABORAL E FUNCIONARIO QUE PRESTA SERVIZOS EN INSTITUCIÓNS SANITARIAS.

Como sabedes a Lei 16/2012 recollía obrigatoriamente a integración no réxime estatutario do persoal APD e o persoal laboral e funcionario que presta servizos nas institucións sanitarias. En posteriores instrucións flexibilizaron esta obrigatoriedade e agora volve ser voluntario. Antes do 31 de decembro este persoal terá que manifestar, se quere, a opción de estatutarizarse. Se non o fan agora, o decreto vai establecer un sistema aberto e permanente para que se poidan estatutarizar cando queiran: agora, cando se convoque concurso de traslados, cando haxa traslados a postos da Admón...

O debate produciuse por que a Admón e outras organizacións sindicais defendían que esta situación máis beneficiosa só era de aplicación ao persoal APD. Desde a CIG opuxémonos a isto, se o ámbito de aplicación do artigo 10 e o da disposición adicional decimosexta da Lei 16/2012 é para o persoal APD e para o persoal funcionario e laboral das institucións sanitarias, o SERGAS se aplica unha condición máis beneficiosa non pode limitar o ámbito de aplicación; á carta para todos ou para ninguén. A Admón recoñeceu que tiñamos razón. Enviarán un novo documento.

A estatutarización aberta e permanente non é de aplicación ao persoal das fundacións e empresas públicas. A estatutarización deste persoal réxese polo Decreto 91/2007, do 26 de abril. Este persoal deberá estatutarizarse agora cando publiquen a súa orde de integración.

 Desde CIG-SAÚDE solicitamos o recoñecemento da carreira profesional. Segundo a Admón a carreira está suspendida e retomarase cando toque.

2. INTEGRACIÓN DO PERSOAL DA LEI 17/1989.

O decreto de integración deste persoal publicarase conxuntamente co resto dos decretos, non será nin aberto nin permanente. No texto do Decreto, e nun acordo de Mesa, recóllese que no prazo máximo dun ano convocarase o 3º proceso selectivo para os/as farmacéuticos inspectores de saúde pública; este é o único colectivo que ten pendente de convocar a derradeira OPE segundo a normativa de función publica.

  • XESTIÓN CLÍNICA.

Rexeitamos unha vez máis o sistema de implantación da xestión clínica que está a levar o SERGAS sen ter publicado o decreto, e sen ter pasado por Mesa Sectorial o desenvolvemento do mesmo como se comprometeron. Lamentamos que non estivese presente o Director de Asistencia Sanitaria. Desde CIG-SAÚDE centramos o debate en dous artigos do borrador do decreto galego.

a.- Artigo 7º.- Designación do/a director/a da área de xestión clínica. Solicitamos que se publique a norma que regule a convocatoria destes/as directores/as. Que haxa unha convocatoria regrada como a que recolle o decreto 206 para as/os xefes/as de servizo, con requisito de exclusividade no sistema público. Agardamos que a xestión clínica non sexa a escusa para encher o SERGAS de xefes por libre designación. Asemade débese regular normativamente as competencias deste persoal: dependencias xerárquicas...

b.- Artigo 8º .- Persoal adscrito ás unidades de xestión clínica. Solicitamos que se regule mediante Orde ou Resolución a participación do persoal  estatutario nas unidades de xestión clínica; presente e de futuro, de xestión pública ou de entidades con personalidade xurídica propia. A directora de RRHH repite, constantemente, que na Galiza as unidades de xestión serán públicas. A CIG-SAÚDE parécenos ben a idea de xestión clínica da directora, pero a Admón regúlase por documentos non por compromisos de boas intencións.

 Desde CIG-SAÚDE solicitamos que a norma que se publique de participación do persoal estatutario na xestión clínica debe conter:

                .- O réxime xurídico do persoal será estatutario.

                .- A participación voluntaria do persoal.

                .- A permanencia na praza, centro, unidade, independentemente da participación ou non na unidades de xestión clínica.

                .- A posibilidade de reversión na participación na U.X.C.

                .- Se de futuro a Consellaría de Sanidade modifica o decreto galego e permite que as unidades de  X.C  teña entidade xurídica propia, isto non modificará o réxime estatutario do persoal. A modificación das U.X.C non suporá ningún cambio nos dereitos laborais do persoal estatutario.

                A Admón amosouse receptiva a publicar unha norma de participación nas U.X.C, enviarán documento.

  •  Contrato de privatización de RX, Intervencionismos, Medicina Nuclear e Radioterapia.

 A información deste tema foinos facilitada polo Director de Recursos Económicos, que é quen convocou o concurso. O Sr Torres respondeu con certa agresividade verbal ás alegacións presentadas por CIG-SAÚDE, xa sabemos que as verdades doen, pero os cargos públicos están para dar información.       A información que se nos facilitou confirma que este contrato é unha privatización destes servizos sanitarios. A empresa só vai a achegar solucións técnicas, as solucións económicas ponas o SERGAS, e a empresa recibirá beneficios.

Desde CIG-SAÚDE  manifestámonos en contra desta medida, as alegacións son a que xa fixemos públicas. Ademais disto advertímoslle que esperamos que con este contrato a Admón no estea entrando na porta xiratoria, é dicir, que non pase como en Madrid, que responsables que antes privatizaron servizos agora traballan para as empresa privadas.  

  • Formación continuada nos procesos de mobilidade interna.

Este tema, caducidade da formación nos procesos de mobilidade interna, quedou pendente da reunión anterior. A Admón solicitara que para modificar o anterior pacto debería existir unanimidade das organizacións sindicais, mais houbo disparidade de criterios. CIG-SAÚDE: que este tema se decida nas comisións de centro, xa que hai comarcas que xa convocaron mobilidade interna para algunhas categorías e os cursos caducaban. As comarcas que aínda non iniciaron os procesos de mobilidade que o decidan na comisión de centro. Este tema segue pendente até que as organizacións sindicais enviemos por escrito o noso posicionamento. Tratarase na próxima mesa.

Información Mesa Sectorial 1 de agosto

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

INFORMACIÓN MESA SECTORIAL 1 DE AGOSTO

Mesa Sectorial monográfica sobre a proposta de Decreto de Xestión Clínica.

Antes de iniciar a reunión a directora de RRHH volveu repetir o discurso de agradecemento ás/aos profesionais pola súa actuación o día do accidente. Desde CIG-Saúde solicitamos que modificasen agradecemento por recoñecemento. Agradecemento soa a "que ben se portaron as/os profesionais esa noite", como se o resto do tempo non o fixeramos. Recoñecemento quer dicir que a Admón recoñece que así se traballa todo o ano pero de xeito anónimo, e a necesidade de manter uns servizos públicos e de calidade. Esperamos que isto o teñan en conta nos próximos orzamentos.

            Orde do día:

            * Decreto de Xestión Clínica.

            Esta reunión celebrouse a petición de CIG-SAÚDE, na anterior M.S. a Admón quería dar por pechada a negociación. Fíxéronnos entrega dun novo documento no que se recollen algunhas das nosas alegacións referentes ao articulado que regula a creación das unidades de Xestión Clínica, non se recollen as alegacións referentes á xestión dos RRHH e as referentes aos incentivos económicos. A Admón comprometeuse a que estes temas se desenvolverían en normativas posteriores. Ditas normativas serán materia de negociación na M.S.

             Desde a CIG insistimos nas nosas alegacións que se concretaron en:

            - A CIG-SAÚDE apoia a Xestión Clínica como ferramenta de xestión de mellora da sanidade pública, pero non podemos compartir o modelo deste Decreto. Que o desenvolvemento normativo deste Decreto se negocie con posterioridade na M.S. non é garantía de que academos acordos nos temas de RRHH e sistema retributivos.

            - Á CIG-SAÚDE preocúpanos deste Decreto:

                                        -Que se rompa a igualdade no acceso ao sistema sanitario.

                                        -Que se modifique o sistema retributivo.

                                        -Que só contemplen incentivos económicos baseados nos aforros.

                                        -Que non se recolla como requisito a dedicación exclusiva do/a directora/or da área de xestión clínica.Neste tema comprometéronse a que no desenvolvemento normativo a dedicación exclusiva se poida valorar como mérito. Igual que se recolle no decreto 206.

Comentamos que  a excelencia profesional xa se retribúe mediante a carreira profesional, polo que a Admón debería volver a activala.

Ao final do debate pediron o posicionamento das organizacións sindicais. Desde a CIG-SAÚDE tendo de partida unha posición favorable á “Xestión Clínica” non podemos amosar a nosa conformidade con este Decreto até que coñezamos o desenvolvemento normativo das cuestións que máis nos preocupan e que este Decreto non recolle.

Se a Admón presenta este Decreto como un documento aberto a unha futura negociación, agardamos por esa negociación, na que esperamos se estableza unha verdadeira negociación na que se recollan as nosas alegacións.

Á marxe deste tema a Admón infórmanos de que na próxima semana recibiremos os decretos de estatutarización do persoal de APD, Fundacións, persoal laboral e funcionario... Neste tema manifestamos o seguinte: días atrás publicouse unha información referente a que no acordo asinado polo Ministerio de Sanidade e os sindicatos corporativos se recolle que queda sen efecto o apartdo do R.D 16/2012 sobre a perda da condición de funcionarios deste persoal. Se isto é así, o borrador de Decreto que nos envíen vai ser un paripé. Pero desde a CIG-SAÚDE congratulámonos de que as medidas recollidas nos RD se poidan modificar por pactos e acordos, xa que non se pode impor mediante unha Lei cambios normativos no réxime xurídico das/os profesionais; as condicións laborais negócianse pero non se impoñen. E instamos á Admón a negociar no ámbito da M.S. as das medidas que se recollen nestes RD como son: a universalidade da sanidade, o repago sanitario, o complemento da IT, a perda dos días libres... Se o RD se pode modificar por un acordo sectorial, máis lexitimado estará un ámbito de negociación para modificalo.

Como CIG-SAÚDE denunciamos os cambios de criterio na aplicación dos dereitos das/os traballadoras/es en concreto nas situacións de excedencias. O Estatuto Marco recolle nos seu artigo 64 a excedencia por servizos especiais cando o persoal accede a unha praza de formación sanitaria MIR o EIR. Até agora para a concesión desta excedencia aplicábase o criterio de persoal de cadro,  é dicir, persoal fixo e interino. Agora só as conceden ao persoal fixo en aplicación do artigo 62 do devandito estatuto, xa que nel se recollen as situacións administrativas do persoal fixo. Coma sempre quedaron en miralo.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto