Inicio
 
 
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A CIG convoca mobilizacións o 10 de marzo baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Seixo cualifica o goberno do PP de “incompetente e considera “insultante” que intente agochar a realidade laboral e social existente en Galiza
 
Con motivo do Día da Clase Obreira Galega, a CIG convoca asembleas e mobilizacións nas 7 cidades e en varias vilas galegas baixo o lema “Reformas Laborais e Lei Mordaza, anulación xa!”. A central sindical denuncia que o obxectivo destas contrarreformas era, e así se evidenciou, precarizar as condicións laborais para favorecer o incremento de beneficios para as empresas e dotarse da lexislación necesaria para reprimir a contestación social a esas medidas antiobreiras e antisociais. Por iso, e atendendo aos resultados das eleccións do 20-D, neste 10 de Marzo, a CIG exixe a súa inmediata derrogación.
16-03-10 cartaz 10 de MarzoO secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explica que coa reforma laboral “o que se fixo foi facilitar o despedimento, provocar unha caída xeneralizada de salarios, incrementar a contratación temporal e a contratación a tempo parcial -que leva aparellada unha escandalosa nivel de fraude- para incrementar o máximo posíbel os beneficios das empresas”. Unha reforma que ademais “xerou un importante debilitamento do movemento obreiro e un reforzamento das posturas da patronal e do capital”.

Denuncia que isto viu acompañado dunha política represiva a través da lei mordaza, que realmente é un instrumento máis da administración, neste caso do PP, “para reprimir calquera tipo de movemento e contestación social ás políticas antiobreiras e antisociais do PP”.

Entende que agora, tras dunhas eleccións xerais nas que ningunha forza política sacou maioría absoluta, “ábrese unha porta que pode facilitar a derrogación” desta lexislación laboral e do recorte de dereitos e liberdades públicas que, a xuízo do secretario xeral, “están, en grande parte, na base do que foi o deterioro das condicións laborais e da política represiva do PP”.

Pobreza laboral

Seixo explica que, xunto con estas reivindicación, a CIG avaliará, nas asembleas e na campaña que arredor do 10 de Marzo se está a desenvolver en toda Galiza, a situación sociolaboral e económica que sofre o noso país e que define como “altamente preocupante”.

Neste sentido, salienta que o desemprego afecta a preto de 250.000 persoas; que o tramo de asalariados que medrou nos últimos anos foi o daqueles que teñen uns ingresos do 50% do SMI e que non chegan aos 2.000 € ao ano e que “non poden ter a consideración de traballadores/as en activo”. Moi á contra, entende que se lles debería dar a consideración de desempregados/as.

De ser así, afirma “estariamos falando de cifras aínda máis  de desemprego”, máis se se lle engade a iso a emigración tan relevante de mozos/as, que se evidencia na perda de poboación activa xustamente entre os de menos de 34 anos, tramos no que se perderon máis de 120.000 persoas.

A CIG manifesta ademais a súa enorme preocupación polo incremento das desigualdades sociais e o deterioro xeralizado da nosa economía. Unha situación que, no seu conxunto “dá nun incremento significativo, do punto de vista económico, do carácter periférico do noso país”.

Neste sentido, Seixo denuncia que o PP en Galiza “non ofrece saída ningunha”, que se limitan a ser “meros espectadores e a intentar enganar á opinión pública tratando de facernos ver que estamos en mellores condicións que antes do inicio da crise para afrontar unha situación de despegue económico do nosos país”.

Considera “insultante”, que traten de ocultar a realidade e cualifica tanto a Feijoo como ao goberno que preside de “incompetentes” á hora de ofrecer saídas a esta. Por iso, conclúe “neste 10 de marzo, unha vez máis, teremos que pór enriba da mesa a necesidade de conquistar cotas de soberanía real non xa por unha cuestión puramente democrática, para poder gobernarnos por nós mesmos”, senón tamén para que o Parlamento galego teña realmente plenas competencias para poder desenvolver o noso país en todos os ámbitos: laboral, económico, social, cultural e demais”.

Asembleas e concentracións

- Ferrol

10:00 h. Asemblea Delegados/as

12:00 h. Ofrenda Floral

20:00 h. Manifestación con saída de Eduardo Pondal, a carón do local sindical

- A Coruña:

10:00 h. Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio Sindical

12:00 h. Concentración diante da Delegación do Goberno.

- Compostela: 

18:00 Asemblea de Delegados/as na Faculdade de Políticas

20:00 h. Manifestación con saída da Praza Roxa

- Lugo

 10:00h. Asemblea de Delegados/as no Salón de Actos da Casa Sindical

  12:00h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno de Lugo (Praza de Armanyá)

 - Viveiro:

10:00h. Asemblea de Delegados/as no local da CIG de Viveiro

12:00h. Concentración diante dos Xulgados de Viveiro.

- Ourense

Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos da Casa Sindical 11:30 h. Concentración diante da Subdelegación do Goberno. 

- Pontevedra:

10:00 h Asemblea de Delegadas/os no Salón de Actos Edificio  Sindical

12:00 h Concentración diante da Delegación do Goberno

- Vigo: 20:00 h. Manifestación con saída desde a Doblada

A CIG convoca mobilizacións en todas as ciudades, con motivo do 8 de Marzo, baixo o lema “Precarias”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Están previstas concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Lugo, Pontevedra e Ourense

A Secretaría da Muller da CIG convoca para este martes, 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, concentracións simultáneas, ás 12:00 horas, en todas as ciudades agás Ourense, onde será ás 11:30 horas, baixo o lema “Precarias” para denunciar o enorme deterioro das condicións laborais das mulleres en Galiza; o incremento das desigualdades e os recortes sociais.
16-03-08 CARTAZ 8 DE MARZO PRECARIAS
 

CONCENTRACIÓNS

A CORUÑA: na Praza de Lugo, na esquina do Zara Home

FERROL: diante da Confederación de Empresari@s, no Cantón

SANTIAGO: diante do Zara na Praza de Galiza

VIGO: diante do Stradivarius na Avenida de Urzaiz

LUGO: diante da Confederación de Empresari@s, en Santo Domingo

PONTEVEDRA: na Praza 8 de marzo

OURENSE: diante do Gadis da Rúa do Concello

A Secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia a feminización da pobreza, que medrou nos últimos anos a consecuencia das reformas laborais, fiscais –que incrementaron as desigualdades- e os recortes sociais.

Por iso chama a saír á rúa e sumarse á xornada de loita convocada pola central sindical, que este ano se mobilizará nas tendas do grupo Inditex, como símbolo da explotación da que son obxecto as mulleres, que son a meirande parte do persoal deste emporio téxtil. “Mulleres, con contratos a tempo parcial, que traballan a un elevado ritmo de traballo, con grande rotación, salarios baixos, ás cales se dificulta a conciliación, mentres a empresa consegue millonarios beneficios a costa da explotación das traballadoras”.

Corral salienta tamén a situación na que se atopan as traballadoras de venda, ás que denuncia que “se lles exixe ter boa presenza e sofren discriminacións por razón de idade, xa que a media de idade é de 28 anos e agochan ás de máis de 40 nos almacéns, ou prexubilan ás de máis de 50”.

A secretaria das Mulleres da CIG engade a isto, a situación das traballadoras dos centros loxísticos, que “teñen que facer horas extra para poder sacar nunha xornada de traballo a cantidade de prendas marcadas polos ritmos de robotización”; e ás que son explotadas por estas mesmas empresas nos países pobres, nas fábricas de confección de roupa.

Margarida Corral fai un chamamento tamén a apoiar as actividades organizadas polas coordinadoras locais da Marcha Mundial das Mulleres, da que a CIG fai parte. Actividades e mobilizacións que se desenvolverán baixo o lema “Construíndo feminismo, destruíndo capitalismo” en:

- Ferrolterra: 19:00 h. Concentración na Praza do Inferniño

- Ourense: 20:00 h. Manifestación-Festa-Acción, con saída da Alameda

- Vigo: 20:00 h. Manifestación con saída da Praza Portugal

A noticia en Avantar

Todas as organizacións sindicais do SERGAS reclaman “máis emprego, de mellor calidade para unha sanidade pública digna”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Convocan concentracións o día 3 nas áreas sanitarias e manifestación o 10 en Santiago
 
CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE anunciaron esta mañá, en rolda de prensa, a convocatoria de concentracións en todas as áreas sanitarias o día 3 de marzo e unha manifestación en Compostela, o día 10 de marzo, con saída ás 11:00 horas de diante da explanada da consellaría de Sanidade, en San Lázaro, para denunciar a OPE que vén de ser convocada, a eliminación de postos de traballo e a precariedade laboral que se está a dar no SERGAS. Unha política laboral que está afectando á prestación deste servizo público básico por mor da falta de persoal.
16-03-01 SERGASSegundo explicaron, un dos potenciais máis importantes da sanidade pública é o seu persoal. Para ter uns servizos públicos de calidade, precísase persoal cualificado e suficiente. Porén, denunciaron que “o goberno do PP, pola contra, está a facer todo o posíbel para reducir este capital humano á mínima expresión, eliminando ano tras ano, postos de traballo na sanidade pública”.

Lembraron que entre os anos 2010 e 2014 a taxa de reposición foi do 10%, ou sexa, que de cada 10 traballadores/as xubilados/as só se cubría unha praza e que no ano 2015, a taxa de reposición foi do 50% das vacantes producidas ese ano.

Sinalaron que neste ano -2016- a taxa de reposición anunciada é do 100% das vacantes do ano anterior o que, matizaron, non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos. A este respecto subliñaron que “esta taxa de reposición non se está a aplicar sobre todas as prazas vacantes, senón sobre as vacantes que previamente teñen autorización para a súa cobertura”.

A isto engadiron a supresión de postos de traballo do Plan Mellora de Atención Primaria e do Plan Galego de Saúde Mental. Por iso cualificaron como absolutamente insuficiente a OPE anunciada pola consellaría, que só contempla a cobertura de 818 prazas.

Neste sentido, María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde, asegurou que desde 2009 xubiláronse no SERGAS 3.000 traballadores e traballadoras e que coas ofertas de emprego público deste período máis a convocatoria deste ano non se chegan a cubrir nin a metade. Así especificou que na OPE de 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, as citadas 818.

Isto daría un total de 1.539 prazas, que non se achegan, nin de lonxe, ás 3.000 que serían precisas para garantir a necesaria calidade na atención das e dos doentes na sanidade pública.

As organizacións sindicais denunciaron ademais que, en todo caso, como esas prazas son estruturais, o que se están é cubrindo con persoal en condicións sumamente precarias, “contratos lixo de un día, días soltos, de luns a venres…, para prazas que sempre se cubriran con interinidades ou contratos pola causa que motivaba a contratación”.

Diante desta situación chamaron a atención sobre o feito de que Galiza está gastando unha importante cantidade de cartos para formar a profesionais que logo acaban emigrando por falta de emprego ou por mor dunhas condicións laborais absolutamente precarias.

Para solventar esta situación, fronte á convocatoria feita pública polo SERGAS, demandaron unha OPE para todas as categorías co 100% das prazas vacantes desde 2009 e a negociación dunha Orde de Vínculos que obrigue ao SERGAS a contratar pola causa que motiva a contratación.

Advertiron de que a supresión de postos de traballo na sanidade pública “é a ferramenta que utiliza o SERGAS para facilitar a privatización”. Denunciaron que se están destinando os cartos públicos para financiar a sanidade privada, pola vía de derivar doentes en listas de  espera ou de obrigar a aqueles/as que xa non queren agardar máis a recorrer ás clínicas privadas.

A este respecto chamaron a atención sobre a proliferación de seguros sanitarios privados, que se benefician precisamente das deficiencias do sistema público e fixeron un chamamento tanto ás galegas e galegos como ao persoal do SERGAS a mobilizarse para exixir da Xunta de Galiza unha sanidade pública de calidade, que pasa, ao seu entender, por contar co persoal suficiente para atender a demanda sanitaria existente.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto