Inicio
 
 
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Concentración contra a discriminación lingüística no SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

xustizaDesde a CIG-Saúde sumámonos á convocatoria feita pola Mesa pola Normalización Lingüística dunha concentración de apoio a unha persoa, paciente do SERGAS, que viu atrasada a súa intervención cirúrxica máis dun ano por solicitar a documentación en galego. A concentración terá lugar este martes día 21, ás 9:30h diante dos Xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, coincidindo coa vista na que se verá a denuncia presentada por este doente ante a grave discriminación lingüística da que foi obxecto.

Discriminación lingüística no SERGAS? Si, desde CIG-Saúde son numerosos os casos detectados e denunciados de discriminación, desprezo, desleixo e absoluta falta de respecto pola nosa lingua. Este non é un caso illado. Este paciente foi adiante, ata o xulgado, coa súa denuncia. Mais sabemos que todos os días se producen casos que non chegan a denunciarse no xulgado porque moitas persoas, nunha situación de problemas de saúde, optan por desistir dos seus dereitos lingüísticos antes de ver agravada a súa doenza ou atrasado o seu tratamento. E iso, en si, xa é unha grave discriminación.

Que a día de hoxe non estea garantida a atención en galego no SERGAS é un grave atentado non só contra a lingua e contra as persoas galegofalantes, é un agravio mesmo contra o dereito á saúde.

Actualmente, xullo de 2015, o programa Ianus segue sen estar en galego na súa totalidade, a documentación que se ofrece desde os distintos programas informáticos de asistencia sanitaria segue a estar maioritariamente en español, sen opción de galego, e calquera profesional do SERGAS que queira facer o seu traballo na nosa lingua só atopa atrancos e pexas que implican unha grande perda de tempo.

Apoiamos e animamos a todo o mundo a participar nesta concentración en apoio a este paciente, o vindeiro martes ás 9:30h, e exiximos da Conselleira de Sanidade que dunha vez por todas poña as medidas necesarias para rematar coa discriminación do galego e das persoas galegofalantes no SERGAS.

Máis información aquí.

CONCENTRACIÓN, martes 21 de xullo, 9:30h, Xulgados de Santiago de Compostela

 

A baixada de IRPF que segue enriquecendo as grandes fortunas

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

cadro baixa irpf

O dixital económico Cinco Días publicou a finais da semana pasada un artigo no que facía unha aproximación de cálculo do que suporá a baixada de IRPF anunciada por Rajoy o pasado xoves. Este cálculo pódese ver neste cadro (fonte orixinal). Se premes na imaxe, agrandarase o cadro.

 

Na infografía pódese ver dun simple vistazo o "grande aumento salarial" que vai supor para a maioría social, para a clase traballadora, a baixada do IRPF anunciada por Rajoy. Como se pode constatar, as rendas máis baixas nin sequera o van notar, posto que non vai repercutir nos seus salarios, mentres que para as rendas altas vai supoñer incrementos de ata 1600 euros mensuais. Este é o aumento de salarios que pretenden vendernos desde o PP, e que non é máis que continuar coa súa folla de ruta de que a clase traballadora siga perdendo poder adquisitivo mentres as grandes fortunas continúan a acumular máis e máis riqueza.

 

Se pensamos que os tramos máis baixos de salarios non van notar a baixada do IRPF, pero si que están afectados por desmantelamento de servizos públicos, subidas de IVE, copagamentos e demais, seremos quen de comprobar que, unha vez máis, quen está a pagar a crise xerada polo propio capital son as traballadoras e traballadores, algo que desde a CIG vimos denunciando desde hai anos.

 

Teñámolo en conta cando chegue o momento de votar.

A CIG chama a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego en repulsa polo novo asesinato machista

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
Terán lugar hoxe luns, día 6 de xullo, ás 20:00 horas en A Coruña, Ferrol, Ourense, Compostela e Vigo
 
Mulleres organizadas en grupos de acción local na Coruña ou en Compostela; na Marcha Mundial das Mulleres de Ferrol, Ourense e Vigo, xunto con diversas mulleres militantes do feminismo galego, convocan concentracións en todo o país en repulsa ao dobre crime machista de Beatriz Rodríguez Mariño e Sergio Rodríguez Fernández, en Arbo. Mobilizacións ás que a CIG chama a participar e que terán lugar ás 20:00 h deste luns 6 de xullo.

A Confederación Intersindical Galega únese ao rexeitamento da violencia machista, exixe responsabilidades a algúns medios de comunicación por invisibilizar e silenciar o terrorismo machista, empregando termos impropios como "crime pasional" e fai un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega para que participe activamente nas mobilizacións convocadas. “Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta”. 

 

LUGARES E HORAS DAS CONCENTRACIÓNS LUNS 6 DE XULLO:

A CORUÑA, Obelisco, ás 20 horas

FERROL, Praza do Concello, ás 20 horas

OURENSE, Subdelegación, ás 20 horas

COMPOSTELA, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño, ás 20 horas

VIGO, no Marco, ás 20 horas

-A noticia en Avantar

“A medida anunciada polo PP de eximir do copago farmacéutico a 100.000 galegos e galegas é absolutamente insuficiente”

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde denuncia que o "repago de medicamentos" está provocando o deterioro da calidade de vida das e dos cidadáns
 
“Os copagos farmacéuticos estabelecidos polo RD 16/2012 están a empeorar a calidade de vida das/os cidadáns por impedir o acceso ás medicacións prescritas polo persoal facultativo”. Así o denuncia a CIG-Saúde que considera que isto quedou probado pola propia administración ao anunciar onte unha medida coa que se eximirá do copago de fármacos a 100.000 galegos/as.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, Mª Xosé Abuín, lembra que desde o ano 2012 vense demandando da consellaría de Sanidade que se fagan públicos os datos sobre as e os doentes galegos que non estaban a retirar das farmacias os medicamentos prescritos. Unha demanda que a consellaría preferiu non atender, como tampouco fixo caso algún das denuncias dos propios facultativos/as que vían como a saúde dunha parte importante da poboación ía empeorando día a día porque as súas condicións económicas lle impedían acceder aos tratamentos.

Fronte a isto, a CIG-Saúde denuncia que porén agora, “por mor do desplome do Partido Popular sacan unha medida absolutamente insuficiente, porque hai máis de 100.000 persoas con rendas baixas, con fillos menores ou dependentes ao seu cargo que seguirán sen poder facer fronte a ese copago farmacéutico”.

Abuín asegura que a situación é de tal gravidade para moitas e moitos doentes que “en non poucos casos acaban recorrendo aos servizos de urxencias coas súas patoloxías agravadas por non poder medicarse e ao final é neses servizos onde reciben a medicación correspondente”.

A isto engade que non só a administración “castiga” á poboación con estes repagos senón que hai innumerábeis fármacos -máis de 400- que foron retirados do financiamento público pero que son indispensábeis para a saúde de moitos doentes que “non van poder acceder a eles”.

Asegura que estes medicamentos experimentaron ademais unha suba que, en non poucos casos, superou mesmo o 100%. Por iso exixe, máis unha vez, a derrogación do decreto 16/2012 e de todas as medidas que supuxeron unha perda de dereitos sanitarios da poboación. “Os repagos non benefician á sanidade, nin diminúen o gasto farmacéutico, porque as multinacionais seguen incrementando exponencialmente os prezos dos medicamentos. Porén, contra isto os gobernos do PP non adoptan ningunha medida porque é moitos máis doado lexislar en contra dos máis desfavorecidos”, conclúe.

A noticia en Avantar

Persoal sanitario e doentes mobilízanse contra o peche de máis de 1.200 camas e o desmantelamento da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
A CIG-Saúde convocou concentracións este mércores nas distintas áreas sanitarias
Traballadores e traballadoras das distintas áreas sanitarias de Galiza mobilizáronse este mércores para denunciar o peche de máis de 1.200 camas durante o verán, o peche de quirófanos e a paralización da actividade, mentres se deriva ás e os doentes á sanidade privada. Nas concentracións, convocadas pola CIG-Saúde, ás que se sumaron tamén usuarios e usuarias, denunciouse ademais a destrución de emprego público e a precarización das condicións laborais que estas políticas de desmantelamento da sanidade pública están a  provocar no sector.

Galería de imaxes

A secretaria nacional da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, que participou na concentración  convocada na área sanitaria de Compostela, puxo en cuestión a decisión de pechar e bloquear camas nos centros hospitalarios durante o período estival. Denunciou  os argumentos  da conselleira de Sanidade, que responsabilizou ao persoal desta medida por mor das súas vacacións, e desmentiu a suposta non dispoñibilidade de profesionais coa que tratou de xustifica o peche de camas.

“Só hai que mirar as listaxes de contratación do SERGAS para ver que temos máis de 7.000 enfermeiros/as, máis de 5000 celadores/as e outros tantos auxiliares de enfermería”, dixo e engadiu “estes traballadores e traballadoras aspirantes a ser contratados polo SERGAS só están traballando nun 22%, nun 15% ou nun 3%”.

En todo caso matizou que a única categoría profesional na que di a  consellaría que hai escaseza é en Anestesistas. Por iso entendeu que faltando só destes profesionais “non ten sentido que pechen Medicina Interna, Neumoloxía, Saúde Mental, Xinecoloxía, porque pechan camas que non ten ningunha relación con isto”.

Desmantelamento da sanidade pública

Por iso considerou que detrás desta medida agóchase  a pretensión de desmantelar a sanidade pública, desprestixiar ás e aos profesionais que nela traballan e intentar derivar doentes á privada.

Neste sentido lembrou a recente publicación da Lei de Garantías, que contempla uns prazos máximos de atención de 60 días para cirurxía e 45 para probas diagnósticas. “O que están a  facer é pór todas as trabas para que eses prazos máximos non se poidan cumprir dentro da sanidade pública” asegurou.

Ao entender de Abuín o obxectivo desta lei e dos recortes é derivar á sanidade privada ás e os doentes, porque contempla que se a sanidade pública non pode garantir os prazos a persoa pode ser atendida na privada. Con todo, considerando isto grave, manifestou a súa especial preo 15-06-10 ConcentracionHospitalCosta5 cupación por crear un sistema sanitario de clases. “A lei tamén contempla a posibilidade de que a/o doente, se dispón de recursos económicos suficientes pode ir á sanidade privada e pagar do seu peto esas probas, que logo o SERGAS xa devolverá os cartos, creando unha situación de indefensión ás persoas que non teñan recursos e agravando o seu sufrimento fronte á enfermidade”.

Abuín lembrou que os recortes durante o verán afectan tamén á atención primaria e subliñou que neste eido hai, desde 2008, un acordo que di que en ausencia de profesionais a administración ofertará unha ampliación de xornada  de catro horas a maiores para atender á poboación. “Isto nunca se fai”, explicou, “o que se fai tamén é pechar as axendas xerando listas de espera tamén aquí”.

Diante desta situación, a CIG-Saúde demanda a convocatoria da Mesa Sectorial para abordar esta cuestión e analizar as necesidades en materia de persoal durante o período estival para garantir unha asistencia sanitaria a pleno rendemento, tendo en conta que o período de vacacións é de 30 días e que o persoal que vai de vacacións correspóndese só co 25% en cada mes entre xuño a setembro.

Abuín lamentou que esta proposta xa se fixo en reiteradas ocasións e que porén a consellaría sempre se negou a falar desta cuestión na mesa sectorial.

A noticia en Avantar

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto