Inicio
 
 
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Manifestación nacional pola lingua: En galego sen límites!

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

Un ano máis, a Plataforma Queremos Galego, da cal a CIG forma parte, convoca unha grande manifestación nacional en Santiago de Compostela a prol da lingua e contra os ataques e discriminacións que sufre o noso idioma e as persoas que queren vivir a súa vida plenamente en galego. Inda estes días se denunciaba unha grave discriminación por razón de lingua na sanidade, algo que, en pleno 2017 non debería acontecer, pero que si acontece e máis do que pensamos.

Queremos vivir en galego, sen límites. Por iso, convidamos a todo o mundo a participar na manifestación de Queremos Galego, que sairá da Alameda de Santiago mañá mércores 17 ás 12h.

Cartaz QG 17M-731x1024

Exiximos que se garantan os dereitos lingüísticos na Sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

amesa

Nas datas previas ao Día das Letras Galegas, tivemos coñecemento dunha grave discriminación lingüística na sanidade, denunciada pola Mesa pola Normalización Lingüística. Unha persoa tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non dispoñer o centro privado ao que foi derivado desde o SERGAS do documento de consentimento informado en galego. Non é a primeira vez que acontece, por iso, diriximos este escrito ao Xerente do SERGAS e ao Conselleiro de Sanidade, para exixir que se garantan os dereitos lingüísticos das persoas usuarias da sanidade (preme para agrandar)

20170515 escaneado escrito discriminación lingüística

A noticia en Avantar

Atrásase unha proba diagnóstica no Juan Cardona por non facilitarse documentación en galego

CIG-Saúde denuncia a discriminación lingüística que sofren as persoas usuarias na sanidade pública galega

CIG-Saúde vén de dirixirse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e ao Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, para denunciar a discriminación lingüística sufrida por unha persoa usuaria da Sanidade Pública, que tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non serlle facilitado o documento de consentimento informado en lingua galega, tal e como esta persoa requiriu, conforme ao seu dereito.

A CIG-Saúde explica que nesta ocasión, trátase da negación dun dereito a unha persoa derivada desde a Sanidade Pública a un centro concertado de Ferrol, o hospital Juan Cardona, que xa noutra ocasión negara a posibilidade de entregar a documentación en galego, é dicir, “un caso reincidente de negación de dereitos a unha persoa que está accedendo a un servizo prestado pola Administración Sanitaria Pública”. Con todo, asegura que isto non é a primeira vez que sucede, nin este é o único centro onde se ten producido.

Lembra que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua". O artigo 6.1 da mesma lei, estabelece o dereito dos/as cidadáns/ás ao emprego do galego, tanto oralmente como por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública. Así mesmo, e en desenvolvemento destes artigos da LNL, a Consellaría de Sanidade emitiu o 8 de novembro de 2005 as instrucións 11/2005 sobre "Emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do SERGAS".

Por iso insta a que, dunha vez por todas, se tomen medidas para que todos os centros dependentes desta Consellaría, e todos aqueles centros que atenden persoas derivadas da Sanidade Pública dispoñan de toda a documentación na nosa lingua propia, o galego, e garantan a non discriminación de ninguén por razón de lingua.

Exixe ademais que desde o Servizo Galego de Saúde se estabelezan as medidas oportunas para que todo o persoal dispoña das ferramentas necesarias para a garantía dos dereitos lingüísticos, tanto a nivel material como de formación, entendendo que a Administración Sanitaria Galega non pode continuar a consentir casos graves de discriminación como o que aconteceu estes días.

CIG-Saúde denuncia a “opacidade” da convocatoria de promoción “Código Camiño” da ACIS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

20170315 escrito acis

Demanda a paralización do até recibir información sobre o mesmo e comprobar que se cumpriron os requisitos mínimos de selección do “Sector Público”

A CIG-Saúde vén de solicitar acceso á información referida á convocatoria da promoción “Código Camiño: hackaton en saúde para ideas de valor” convocada pola Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS). En concreto demanda a identificación nominal das persoas que formaron parte do grupo de expertos do SERGAS para seleccionar aos candidatos e candidatas; os criterios de selección e unha copia das actas das reunións nas que se tomaron as decisións ao respecto.

A solicitude (premer na imaxe para agrandar) de CIG-Saúde vén motivada polas queixas transmitidas á central sindical sobre a opacidade dos criterios de selección deste proxecto financiado con fondos públicos.

Así explica que nas bases desta convocatoria presentábase como data límite de presentación das propostas o 24 de febreiro e nese momento había 28 solicitudes de participación segundo a propia web da promoción.

A ACIS reservábase o dereito de aprazar ou modificar a duración da promoción por causas de forza maior ou alleas o seu control e así se fixo, aprazando até o 28 de febreiro. Unha decisión que, segundo a CIG-Saúde, foi adoptada “sen mediar causas de forza maior ou alleas o seu control”.

Ademais, ao remate do prazo, o total de solicitudes ascendía a 33, pero “nin na páxina da promoción, nin nas bases aclarábanse os criterios de selección dos participantes”. E non só iso, as/os concorrentes con propostas que foron desbotadas recibiron unha comunicación mediante correo electrónico “sen datar, nin asinar”.

Diante disto, a CIG-Saúde exixe a paralización do proceso até recibir información sobre o mesmo e comprobar que se cumpriron os requisitos mínimos de selección do “Sector Público”.

A CIG chama a mobilizarse, este 10 de Marzo, para derrotar as reformas e recuperar os dereitos

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

A central convoca protestas en todas as comarcas do país para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega

Con mobilizacións en Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense, Vilagarcía, Pontevedra, Compostela e Cee conmemorará a CIG o 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega. Unha data reivindicativa na que a central sindical dá continuidade á campaña posta en marcha xa no mes de decembro e que se desenvolverá baixo o lema “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos”.

Mobilizacións do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

A Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca mobilizacións en todas as comarcas este 10 de marzo para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega.

-Vigo: manifestación dende o cruce da Dobrada ás 20.00 horas.

-Ferrol: ofrenda floral no monumento 10 de Marzo ás 12.00 horas e manifestación dende o local da CIG (Avenida de Esteiro) ás 20.00 horas.

-Lugo: manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla) ás 20.00 horas.

-Ourense: manifestación dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior.

-Vilagarcía: concentración na Praza de Galiza ás 20.00 horas.

-Pontevedra: concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas.

-Santiago: manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

-A Coruña: manifestación dende a fábrica de Brens (Cee) ás 19.30 horas até a Praza do Concello.

Nestes últimos anos, os efectos das reformas laborais dos diferentes gobernos do PSOE, e máis destacadamente do PP, afectaron enormemente ás nosas condicións de vida e de traballo. A pobreza hoxe está relacionada co traballo en precariedade.

Principalmente, a reforma laboral do ano 2012 do PP está causando estragos nos dereitos laborais conquistados en tantos anos de loita. A precariedade hoxe significa as facilidades no despedimento, a contratación temporal, parcial, as ETT... Todo isto permite que as empresas obriguen a traballar máis horas sen pagar e baixen ilegalmente os salarios dos convenios. En definitiva para nós, traballarmos máis e cobrarmos menos. Esta era o obxectivo da reforma laboral do PP.

Hoxe sabemos que o Estado español é o único caso no que a suma dos salarios da clase traballadora descendeu nestes 6 últimos anos preto dun 11%. Contrariamente, no resto da UE os salarios subiron por encima do 9% nos casos de Alemaña e Francia e do 4,45% en Portugal. Os salarios que perdemos, que “nos roubaron” en tan pouco tempo, pasaron a mans dos ricos (o capital), que incrementaron a súa riqueza neste mesmo período en máis do 18%.

A explotación da clase traballadora é máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos as nosas pensións.

Hoxe o PP non ten maioría no Parlamento; por tanto, a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos dependen daqueles que permiten que gobernen. O resultado final dependerá da resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa. Sempre na historia, gañamos os nosos dereitos coa loita.

Así foi tamén en marzo do 72, en que a clase obreira galega nunha situación represiva con centos de persoas detidas e dous traballadores mortos, Amador e Daniel, se enfrontou para gañar un futuro digno, que hoxe volve estar seriamente ameazado.

A noticia en Avantar

8 de marzo, defendemos a igualdade laboral das mulleres, tamén na sanidade

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

mncig2pO vindeiro 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller Traballadora. Neste 8 marzo de 2017, e en contra deses discursos falaces da igualdade xa conseguida, os estudos e datos socioeconómicos, como os recollidos no informe presentado a semana pasada pola Secretaría da Muller da CIG, continúan a demostrar que son as mulleres as que sofren en maior medida situacións de precariedade laboral, que, ademais, se viron agravadas coa crise. Hoxe en día, a consecuencia da crise, atopámonos con que tamén o colectivo masculino está a sufrir estas condicións laborais, feito que se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un triunfo das poucas políticas de igualdade existentes, senón o resultado das nefastas consecuencias das reformas laborais e do resto das políticas postas en marcha para saír da crise. Esta non é a igualdade que queríamos as mulleres, a de igualarnos en precariedade.

Tamén no emprego público observamos graves discriminacións para as mulleres. Desde a CIG-Saúde vimos denunciando algunhas delas, que afectan a traballadoras da Sanidade Pública e que poñen de manifesto que en pleno século XXI, e por máis que se nos queira vender o contrario, a igualdade fica inda moi lonxe, cando nin sequera as Administracións Públicas garanten a igualdade no traballo das mulleres con respecto aos homes.

Algúns dos casos de discriminación de mulleres traballadoras que denunciamos nos últimos tempos desde a CIG-Saúde, foron:

  • Caso dunha bolseira que durante a duración da súa bolsa fixo uso do seu permiso maternal. Non foi substituída, e non puido recuperar as horas do permiso porque a bolsa tiña unha data de finalización. Por este motivo, non cumpriu os obxectivos da bolsa.
  • Aspirantes do pacto de contratacións: ademais dos numerosos casos que vimos denunciando nos que polo feito de estar embarazadas a varias mulleres non se lles ofertaron os contratos que lles correspondían polo seu número de orde na lista, cando se produce unha IT por razón de embarazo non se lles reservan os contratos de longa duración, polo que estas mulleres perden a posibilidade dun contrato estábel polo feito de seren nais, e, xa que logo, polo feito de seren mulleres.
  • Mulleres residentes MIR, EIR, PIR, FIR. A formación en residencia ten un número de horas que hai que cumprir para acadar a titulación correspondente. Cando unha muller residente goza do permiso maternal non cumpre esas horas, polo que se retrasa a data na que se formaliza o seu título porque ten que recuperar as horas que non fixo durante o permiso. Obtén o título máis tarde que o resto das persoas que empezan a residencia con ela, polo feito de ser nai.
  • O SERGAS ocultou a existencia dun novo permiso recollido no Texto refundido do EBEP para as mulleres a partir da 37 semana de embarazo. Cando despois da denuncia pública da CIG, as mulleres afectadas piden ese permiso, o SERGAS non paga a Atención Continuada durante a súa duración, polo que durante o descanso maternal, que sucede inmediatamente despois do permiso, tamén se rebaixa o salario que paga o INSS durante o permiso maternal, ao calcularse en base ao salario do mes anterior ao descanso.

Seguiremos denunciando calquera discriminación que sufra a muller polo feito de selo, tamén na Administración sanitaria. Animamos a todas as mulleres a participar nas mobilizacións previstas e nomeadamente na manifestación convocada pola CIG para o día 8 de marzo para as 10:45 horas con saída do estadio de San Lázaro, e que rematará nunha concentración ás 11h, diante da Secretaría xeral de Igualdade, en Compostela, en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, que representa a meirande parte das discriminacións que sufrimos as mulleres no mundo do traballo, tras padecer durante 8 anos acoso e terrorismo patronal, coa complicidade e inacción da Xunta de Galiza, ao ser Autos de Calo unha empresa concesionaria do servizo público de transporte.

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto