Noticias Sanidade Pública
 
 

Dia Mundial de Prevención do Suicidio 2018

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

20180910 imaxe cabeceira

10 de setembro: Día Mundial de Prevención do Suicidio
En Galicia, a morte por suicidio é “un problema de saúde pública de primeira orde” e ha de ser unha “prioridade multisectorial”. Estas son as palabras da Consellería de Sanidade cando o ano pasado deu a coñecer publicamente o Plan de Prevención do Suicidio para Galicia que durante anos lle reclamamos, para que así dera cumprimento ás decisións adoptadas na 66ª Asamblea Mundial da Saúde de 2013 e ás orientacións da OMS. Facémolas nosas.
Levamos un ano de plan. A taxa de mortandade en Galicia por suicidio no ano pasado sitúase en case 12 persoas (11,9) cada 100.000 habitantes. Seguimos a case unha morte diaria por
esta causa. Un ano de Plan que naceu, e así continua, sen compromisos de execución, sen responsables da súa materialización, sen dotacións económicas nin profesionais, sen prazos,
sen concrecións de actuación. Un Plan de papel. Foi un ano sen accións significativas de prevención como para que merezan tal nome, continuándose tan só coas escasas actuacións
que xa se viñan desenvolvendo na actividade ordinaria do SERGAS.
Neste tempo tivemos que denunciar en dúas ocasións as mortes de persoas por esta causa en espazos sanitarios, nos que constatamos que nin nestes lugares se implantaran programas e
protocolos de prevención.
É desesperante a desidia dos responsables da saúde da nosa comunidade. É indignante a utilización política e propagandística que fixeron do que debera ser un plan de protección da
saúde e da vida.
Debemos seguir a esixir o cumprimento das obrigas que a Xunta ten coa prevención. E tamén asumir todas e todos nós o compromiso coa mesma: confrontando o estigma, dando visibilidade a unha causa de morte con efectos tan graves, apoiando a quen se atopa en condición máis vulnerable, construíndo unha sociedade máis xusta e solidaria.
O vindeiro dia 10, en todo o Mundo, realizaranse accións con motivo do Día Mundial de Prevención do Suicidio. Ha de ser un día de sentimento por mortes evitables, denuncia da pasividade dos gobernantes e reivindicación de medios, accións e compromisos.
Nós convocámoste ao acto simbólico das Badaladas pola Prevención do Suicidio que dará comenzo ás 8 da tarde na Praza de Praterías en Santiago.
En Santiago de Compostela a 7 de setembro de 2018
MOVEMENTO GALEGO DA SAÚDE MENTAL

SOS Sanidade Pública chama a mobilización contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

2018-06-11 SOS Sanidade PublicaConvoca concentracións en distintas áreas sanitarias para este mércores día 13 de xuño ás 20:00 horas.

A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciou onte pola tarde, en rolda de prensa, a estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública de Núñez Feijóo e o seu goberno. Unha estratexia que pasa por poñer a sanidade pública galega en mans de empresas privadas multinacionais e para a que a consellaría de Sanidade pretende agora cambiar o modelo de concertación ampliando e consolidando a concertación de servizos asistenciais por un período de catro anos con empresas multinacionais que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario.

Por iso a plataforma chama a mobilizarse este mércores, día 13 de xuño, ás 20:00 horas, baixo o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” en:

- A Mariña: diante do Hospital da Costa

- A Coruña: no Obelisco

- Santiago: Praza do Toural

- Barbanza: Praza do concello de Ribeira

- Pontevedra: na Peregrina

- Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)

O portavoz da plataforma, Manuel Martín, explicou que xunto cos recortes emprendidos polo goberno de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza puxéronse en marcha un conxunto de medidas destinadas a “favorecer a multinacionais e persoas afíns”. Medidas que supuxeron a desviación de cartos públicos que debían ter sido destinados a financiar a sanidade pública e que provocaron “un incremento da corrupción”.

Martín sinalou, a modo de exemplo, a privatización de recursos fundamentais para a xestión como a información, a historia clínica electrónica ou a cita previa, que se concesionou a Indra; a privatización do Laboratorio central de Galiza; a creación da área de corazón, que se adxudicou a MEDTRONIC ou a asignación do Centro Oncolóxico a Asociación española contra o Cancro, na que están Caixa Bank e Acciona, entre outras.

Isto supuxo, segundo o portavoz de SOS, que se trasladaran inxentes cantidades de cartos públicos a estas empresas que, subliñou, manexan datos sensíbeis de doentes que deberan ser confidenciais.

Privatización da investigación

Xunto a isto denunciou a posta en marcha de medidas de apoio a fundacións como a Ramón Domínguez, para xestionar a investigación biomédica, na que están multinacionais farmacéuticas ou do Clúster de Galiza, onde participa a industria alimentaria e empresas como Pescanova.

Sinalou tamén a participación de multinacionais farmacéuticas na Fundación Xenómica ou a xestión de recursos de alta tecnoloxía do novo hospital de Vigo por parte de Galaria (a antiga MEDTEC).

Ademais denunciou que “houbo unha serie de decisións dirixidas a trasladar ao sistema privado, sobre todo, a Investigación, o desenvolvemento e a formación do persoal” e chamou especialmente a atención sobre a derivación de cartos públicos a esas multinacionais farmacéuticas que “fan investigación que se proba no sistema público e que se sae ben logo patentan e venden esas empresas privadas”.

Concertos sanitarios ampliados a catro anos

Toda unha serie de cuestións que supoñen para SOS Sanidade Pública “unha penetración do sistema privado impresionante” que vén agravarse coas últimas medidas postas en marcha: a Reforma da Lei Galega de Saúde, que consolida un modelo que ningunea a Primaria, suprime áreas sanitarias e centraliza a planificación e xestión nos hospitais de referencia e o acordo marco polo que se reforzan os concertos sanitarios coa sanidade privada.

A este respecto Martín lembrou que, até o de agora, o papel dos centros privados tiña un carácter complementario e subsidiario e que con eles se concertaban patoloxías menores como cataratas ou varices co obxectivo de alixeirar as listas de espera.

Porén, denunciou que co novo modelo pásase a concertar con empresas privadas, por un período de catro anos actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas e terapéuticas  e mesmo hemodiálise. Un transvase de actividade asistencial que ascende, no caso da Coruña, a un total de 97,5 millóns de euros, co agravante de que o persoal facultativo público deberá ir a estes centros privados.

Isto supón “a privatización da bata branca, que Feijóo dixo que nunca faría”  e enormes beneficios para o negocio de empresas sanitarias privadas como Quirón, HM Hospitais ou, no caso da Coruña, o Hospital San Rafael.

Unha situación que para SOS Sanidade Pública é inadmisíbel e pola que chamaron á poboación a mobilizarse contra o desmantelamento e privatización, a pasos axigantados, do sistema sanitario público, mais tamén contra a corrupción sanitaria do PP pagada co diñeiro de toda a cidadanía galega.

Ver nova en Avantar.

V Xornada do Movemento Galego da Saúde Mental

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo
 
MGSM
 
En Santiago o 2 de xuño de 2018
Salón de actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (Campus Sur)
Horario:
9.00-Recepción de asistentes.
 
9.30-Presentación e apertura da actividade da Xornada.
Rosa Cerqueiro Landín.
Psicóloga Clínica. USM. EOXI Ferrol.
 
9.45- Mesa 1: Carta de dereitos das persoas usuarias dos servizos de saúde mental.
Coordina: Benito López-de Abajo Rodriguez.
  • Presentación da carta de dereitos: metodoloxía e obxetivos.
Benito López-de Abajo Rodriguez.
Médico Forense. Xefe de Servicio de Clínica do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
  • Os dereitos das persoas usuarias dos servizos de saúde mental.
Miguel Vieito Villar.
Xurista especializado en Dereito Sanitario e investigador en Dereito.
  • Recomendacións e propostas
Fuencisla Ladrón de Cegama.
Fiscal da Fiscalía da Área de Santiago de Compostela.
 
11.15- Descanso.
 
11.45- Mesa 2: Mulleres e Saúde Mental.
Coordina: Delia Guitián Rodríguez.
Psicóloga Clínica. USM Lugo.
  • A saúde (mental) desde a perspectiva de xénero. Cara a un modelo asistencial saudable.
Rosa Cerqueiro Landín.
Psicóloga Clínica. USM. EOXI Ferrol.
  • Diversidade psíquica e dereitos: unha achega crítica feminista.
Paula Tomé.
Activista polos dereitos das persoas con diversidade psíquica. Mestrado en Educación, Xénero, Igualdade.
  • Xénero e saúde mental... Saúde mental e xénero?.
Lola Ferreiro Díaz.
Médica. Feminista.
 
13.15- Descanso.
 
13.30- Asamblea do MGSM.
  • Informe de actividade.
  • Elección da Coordinadora e Portavoz.
_____________________________________________________________________
  • Para participar só debes inscribirte enviando correo a esta dirección: 

mgsaudemental@gmail.com

  • A inscripción é gratuita. O número de inscripcións só se verá limitado pola capacidade de aforo do salón de actos, e darase prioridade por orden de inscripción.
 

O Goberno de Feijoo e a Consellería de Sanidade menospreza ao persoal do SERGAS

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

CIGSAUDElogo

Vimos de remitir ao Conselleiro de Sanidade e á Dirección de Recursos Humanos do Sergas, o seguinte escrito, solicitando que se convoque a Mesa Sectorial de Sanidade á maior brevidade posible para iniciar dunha vez por todas a negociación da recuperación económica do persoal do SERGAS.

 

Jesús Vázquez Almuíña

Conselleiro de sanidade.

Margarita Prado Vaamonde.

Directora de RRHH SERGAS.

No día de hoxe, 16 de maio de 2018, a Consellaría de Educación vén de convocar reunión da súa mesa sectorial para iniciar a negociación da recuperación económica do persoal docente. Cunha proposta de incremento retributivo que situaría a   estas/es profesionais na parte alta das retribucións que perciben o resto de persoal docente dos sistemas educativos das CCAA, estase a falar de situalos no posto nº 6 dos sistemas educativos.

Cabe subliñar  que o persoal docente, na mesa sectorial do ensino da Xunta de Galiza, asinou un acordo retributivo no ano 2006 que se cumpriu na súa integridade.

Fronte isto está a política de persoal que se aplica no SERGAS. O persoal do SERGAS ten suspendidos os seguintes acordos:

  • Acordo retributivo 2008/12. Suspendido no ano 2010 e que sitúa as retribucións do persoal do SERGAS no furgón de cola dos sistemas de saúde das CCAA.
  • Acordo retributivo do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs). Acordo que castiga ao persoal médico e de enfermaría a percibir o 80% da contía retributiva de noites e días festivos.
  • Carreira profesional. A proposta que o SERGAS presentou na mesa sectorial é discriminatoria e restrictiva.

Por todo isto, CIG-SAÚDE esixe a convocatoria inmediata da mesa sectorial do SERGAS para abordar a recuperación dos acordos asinados e suspendidos, e a negociación dunha carreira profesional sen discriminación e cun sistema de encadre que sitúe a cada profesional no grao que lle corresponde.

Non ten ningunha xustificación que o goberno do Sr Feijoo e a Consellaría de Sanidade sigan a discriminar ao persoal do SERGAS, condenándoos a ter as retribucións máis baixas en comparación co resto dos servizos de saúde, e tamén co resto das/os traballadoras/es da Función Pública Galega.

Agardamos recibir a devandita convocatoria á maior brevidade posible.

 

Atentamente.

Compostela, 16 de maio de 2018.

Asdo: Mª Xosé Abuín Álvarez

Secretaria Nacional de CIG-SAÚDE.

Miles de persoas toman Compostela en defensa da sanidade pública

Correo-e Imprimir PDF
Partillar no Chuza!Partillar no TwitterPartillar no FacebookPartillar no TuentiPartillar no MenéamePartillar no Cabozo

 

imaxe 5

imaxe

 

Exixen a retirada do proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde e o desenvolvemento da Lei de 2008

 

mani 4 febreiro

Miles de persoas percorreron as rúas da capital de Galiza para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto de modificación da Lei Galega de Saúde e en demanda de que se desenvolva a existente desde 2008. Na mobilización, convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, exixiuse ademais que se poñan os medios para cumprir os prazos que estipula o Decreto Lei de Garantías das prestacións sanitarias e a apertura dun proceso de negociación para abordar as consecuencias do deterioro do sistema sanitario público galego, polos recortes e privatizacións.

imaxe 6

Persoal sanitario, doentes, plataformas das áreas sanitarias afectadas polo desmantelamento dos hospitais comarcais e miles e miles de usuarios e usuarias da sanidade pública galega desprazáronse este domingo a Compostela para defender o sistema sanitario público e universal.

En nome da plataforma Isabel Risco, que foi a encargada de ler o manifesto, e posteriormente o seu portavoz, Manuel Martín, agradeceron ao persoal sanitario o seu labor por garantir, malia os recortes, unha asistencia sanitaria de calidade.

Ver Galería de fotos en Avantar.

Reproducimos, de seguido, o manifesto.

Ler máis

 
 
 
 
 
 
 
 

rss queremos-galego FUNDmonchoREBOIRAS

1leftarrow-icone-5226-48

 

Confederación Intersindical Galega - Federación de Saúde
Miguel F. Caaveiro, 10 - Santiago de Compostela 
Telf 981 55 28 26 - Fax 981 57 10 82
executiva@cig-saude.info - secretarianacional@cig-saude.info - saudelaboral@cig-saude.info

2uparrow-icone-4301-48 1rightarrow-icone-9847-48

Este sitio utiliza cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia dos e das usuarias. Máis información sobre as cookies, o seu uso, modificación ou eliminación en política de cookies.
Se estás de acordo, preme este botón: Acepto